Nace “ContraMINAcción. Rede Contra a Minaría Destrutiva en Galiza”

Cos obxectivos de identificar e difundir os problemas da minaría en Galiza e facilitar os medios para a loita contra a minaría destrutiva.

É a reacción ao aumento das concesións mineiras con proxectos irracionais en localizacións con altos valores ambientais.

Un grupo de persoas e organizacións sensibles cos problemas e ameazas que están a supoñer o aumento das concesións mineiras —máis do 50% da superficie do país—, con proxectos irracionais en localizacións con altos valores ambientais —LIC Anllóns, Fragas do Eume, Serra do Galiñeiro, etc.— decidiron a creación de ContraMINAcción, rede contra a minaría destrutiva en Galiza.

Tres son os obxectivos principais de ContraMINAcción:

  • A identificación dos problemas establecendo un marco do que pasa en Galiza, analizando o que acontece en cada lugar ou proxecto mineiro, poñendo en valor o que se perde con el, e estudando tamén o que está a acontecer en outras partes do planeta.
  • Compartir estratexias e medios para loitar contra a minaría destrutiva con aquelas persoas e colectivos que se vexan ameazados, coordinármonos mediante o traballo en rede, tirando de cada loita información útil para as demais, facendo accesible información contrastada e fiable a todas elas, e facendo dispoñible na rede apoio xurídico e técnico.
  • Difusión na sociedade dos problemas que está a xerar a minaría, facendo visibles a especulación e ocupación do territorio, sendo unha voz fronte a todos os conflitos por igual, e levando a cabo accións informativas en tódalas comarcas.

Polo momento fan parte da rede, ademais de varias persoas que participan de xeito individual, os seguintes colectivos:

A rede está aberta a tódalas agrupacións que queiran participar, agás aos partidos políticos. As persoas que poidan aportar algo a título individual tamén son benvidas á rede.

Como propostas de acción máis inmediatas, imos organizar xornadas informativas en Vigo e en Ourense para explicar os impactos da minaría, nas que participarán activistas das plataformas de afectados, xuristas, economistas, e persoal técnico. Tamén imos ter encontros nas zonas afectadas para difundir os valores naturais, sociais, económicos do lugar, e da importancia de conservar o que hai neses lugares.

Finalmente, queremos que toda a acción conflúa nunha grande manifestación nacional en Compostela o día 2 de xuño para celebrar o día do ambiente dicindo NON a este modelo de minería neocolonial e destrutiva. Animamos a tódolos colectivos sociais e ecoloxistas do noso país a apoiar esta manifestación, para dar unha resposta visible e contundente á agresión que se está perpetrando contra Galiza.

1 reflexión sobre “Nace “ContraMINAcción. Rede Contra a Minaría Destrutiva en Galiza”

  1. maria

    hola, son Maria, presidente da plataforma corno do monte. nos xa falamos da manifestacion do 2/6, e necesito datos para informar a miña xente e organizar a excursion a Santiago, por eso os rogo que me mandedes canto antes, hora, lugar e todos os datos posibles.
    gracias

    Responder

Deixa una resposta a maria Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.