Halkidiki, espello de Corcoesto

O pasado mércores, varias persoas da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños estivemos, xunto con representantes de colectivos doutras comarcas de Galiza (Corno do Monte, de Xinzo; Ribeiras do Miño, de Castrelo do Miño; representantes veciñais de Ramirás e Cartelle), na Conferencia Movementos sociais contra a megaminaría en Europa“, no Parlamento europeo. Esta Conferencia tiña como obxectivo chamar a atención das institucións comunitarias sobre as graves repercusións que a minaría está provocando no noso territorio e noutras partes de Europa, e facer presión para que se cumpra a normativa europea. Permitiunos, ademais, coñecer de primeira man outros casos de proxectos salvaxes en Europa, como é o de Halkidiki (Grecia) e o de Rosía Montana (Romanía).

Intervención de Carmen Varela, da Plataforma de C. e B.

A resolución do Parlamento europeo sobre ouso do cianuro na minaría, que foi aprobada en maio de 2010 pola Eurocámara en maioría, foi rexeitada máis adiante pola Comisión europea. Pero ese rexeitamento debería ter traído consigo a elaboración dunha contraproposta por parte de dita Comisión, que tería que ser levada de novo á Cámara para a súa votación. Normalmente ese proceso non ocupa máis dun ano. No noso caso, como vedes, son 3 os anos que pasaron. Cal é a explicación desta esaxerada demora? Pode ser debida ás presións dos lobbys mineiros, que estean tratando de dilatar o proceso para, mentres, con axuda dos gobernos locais sumidos na corrupción, aprobar os proxectos antes de que o Europarlamento decida nada ao respecto?

Como sexa, é hora de que a Comisión europea “faga os seus deberes” ao respecto do uso do cianuro da minaría, tal e como alí se lle recordou por parte de varias das persoas que interviñeron.

O feito de que a maioría dos proxectos estean situados no sur de Europa, pensamos que non obedece tanto a unha maior riqueza mineral dos nosos subsolos, como á situación económica pola que están atravesando os nosos países e ao xogo de poderes que se establece entre os distintos estados e as multinacionais. Preguntámonos se non estaremos pagando “en especies”, e sen que a maioría da poboación teña constancia, unha parte da débeda contraida no seu día polos bancos aos que estamos rescatando a costa de perder o noso poder adquisitivo e os dereitos adquiridos ao longo de moitos anos de loita. E, agora tamén, o noso territorio.

Escoitar falar á xente de Grecia e Romanía foi como mirarse nun espello. Nun espello-máquina do tempo, que reflectía a que posiblemente será a nosa realidade en poucos meses. A medida que se ían debullando os datos de ambos proxectos (nacionalidade da empresa -seguro que a adiviñades-, hectáreas afectadas, toneladas de cianuro diarias, proximidade a áreas incluídas en Rede Natura, material removido en cada explosión, repercusións medioambientais e de saúde humana, o emprego como escusa, a conivencia coas autoridades, a grave afección ao sector agrogandeiro, a absoluta opacidade, enganos e manipulacións, control da prensa…), mirábamonos entre nós, para ratificar cada un na cara do outro que estaba sentindo o mesmo: esa sensación de estar escoitando falar do noso a quen fala de algo que está moi lonxe no espazo, pero que por forza está moi preto no corazón. A medida que se ían enumerando os argumentos para opoñerse á barbarie, (eses argumentos que coñecemos hai tempo porque son os mesmos nos que nos baseamos), a onda de solidariedade ía medrando dentro do noso peito.

Especialmente emotiva foi a intervención da muller en cuxa casa entraron, e cuxo fillo adolescente foi detido na súa presenza polo grave delito de opoñerse a que destrúan o seu territorio; ou a do home que, ombro con ombro coa súa muller, acudía día si e día tamén ás manifestacións nas que se encontraba fronte ao seu fillo, que é policía.

Alí, o terreo xa está tomado pola multinacional, e para impedir o acceso ao mesmo por parte dos seus lexítimos propietarios non contratan os servizos de axencias privadas de seguridade, senón que utilizan a policía nacional, pagada a base de impostos polas mesmas persoas ás que lles foi roubada a terra.

Ao igual que pola nosa parte falou a doutora en Química Carmen Varela, por parte do grupo grego fixérono o profesor de Xeoloxía Kyriakos Panagiotopoulos, o enxeñeiro químico Nikos Moschoudis, e o químico Athena Panayiotou. Todos eles coincidían na súa denuncia das graves consecuencias que este tipo de proxectos poden ter para o noso futuro.

Desde a Plataforma queremos agradecer a oportunidade que Ana Miranda, eurodiputada de BNG-ALE, nos proporcionou de expoñer as nosas queixas diante dos membros da Comisión europea, así como de compartir loita coa xente de Halkidiki e Rosia Montana. Non sempre as persoas que se adican á política comprenden que unha parte importante do seu traballo é precisamente esa: dar voz á cidadanía nas institucións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.