Verdegaia solicita a anulación da DIA do Proxecto de Corcoesto

Na solicitude do permiso de investigación de novos terreos adxacentes ao proxecto inicialmente presentado, a mineira canadense declara a intención de tratar todo o mineral nas instalacións de Corcoesto.

A empresa mineira canadense Edgewater vén de solicitar a Industria, Enerxía e Minas a admisión do permiso de investigación de ouro Julia 2, que afecta a unha superficie adicional de 630 hectáreas nos concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, e adxacente á explotación pendente de aprobación preto de Corcoesto. Dita solicitude estivo en exposición pública ata hoxe.

Julia 2 023comp

No plano xeral de investigación a empresa indica:

Nestes momentos é moi importante para EDGEWATER– RIO NARCEA GOLD MINES S.L., a ampliación de recursos mineiros cerca do xacemento Corcoesto, para ser transportados e tratados na planta metalúrxica de Corcoesto, maximizando desta forma a rendibilidade da planta de tratamento de Corcoesto.”

É dicir, a empresa canadense ten a intención de utilizar a planta de Corcoesto para o tratamento de mineral, e consecuente vertido de residuos, alleos á explotación inicialmente prevista en Corcoesto.

Na súa páxina web, a empresa fala de concesións adxacentes á explotación de Corcoesto que abranguen unha superficie de máis de 15.000 hectáreas. Pretende esta empresa tratar todo o mineral en Corcoesto sen facer un Estudo de Impacto Ambiental para todo o volume de actividade? O que queda patente no plano de exploración, é que cando menos, pretenden utilizalo para o mineral que se obteña na concesión Julia 2.

Tendo isto en conta, o estudo de impacto ambiental recentemente aprobado é nulo. A Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos é clara ao respecto:

A avaliación de impacto ambiental comprenderá a totalidade do proxecto e non só as avaliacións de impacto ambiental parciais de cada fase ou parte do proxecto.”

Non pode ser doutro xeito, xa que ao atomizar un mesmo proxecto en distintas fases, tal e como parece evidente que se están facendo neste caso, estanse a infravalorar os impactos incrementais e sinérxicos do conxunto desas fases.

Nas súas alegacións, Verdegaia pregúntase se a balsa de residuos é viable para o tratamento de todos os que nela se pretenden incorporar; se as escombreiras teñen capacidade para acoller tódolos residuos procedentes das distintas explotacións; se os parámetros relativos a vertidos derivados do tratamento en Corcoesto da rocha procedente de Julia 2, ademais dos xa previstos no propio proxecto de Corcoesto van ser asumibles; cal é o alcance real do consumo de auga; e en definitiva, se calquera outro impacto debido ao tratamento na planta de Corcoesto de mineral alleo ao inicialmente previsto no proxecto da mesma vai ser aceptable.

Por todo isto, pídese ao Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas que, á vista da nova información revelada pola mineira, anule a declaración de impacto ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto, e que se depuren as responsabilidades administrativas e/ou penais pola posible ocultación de información por parte da empresa mineira ao realizar o estudo de impacto ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.