Desde a Rede ContraMINAcción solicitamos a retirada do proxecto mineiro de Corcoesto, así como a nulidade da declaración de impacto ambiental (DIA) ditada no seu día pola Xunta.
Nunha nota de prensa publicada pola Consellería de Industria onte, 9 de xullo, podemos ler que
“De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste. “
Este recoñecemento oficial de que o proxecto de Edgewater incumpre os requisitos ambientais e técnicos, debería supoñer por parte das autoridades a inmediata retirada dunha DIA que, como eles mesmos recoñecen implicitamente, foi ditada de maneira inadecuada.
Se esta empresa quere levar adiante o seu proxecto, o procedemento correcto sería o de elaborar un novo estudo de impacto ambiental completo, con todos os informes pertinentes, e presentalo de novo a exposición pública.
Como é posible que, despois de ditar unha DIA favorable, se estea a falar de presentar “novos informes”? A tramitación do proxecto debe facerse de maneira transparente e atendendo aos protocolos establecidos, non por capítulos, como se se tratase dunha telenovela.
Desde a Rede ContraMINAcción consideramos que esta declaración institucional vén dar a razón ás denuncias feitas polos colectivos contrarios ao proxecto, de falta de rigor dos informes presentados dentro do mesmo.
A consecuencia directa desa evidente falta de rigor, debería ser unha publicación no DOG que recolla a negativa da Administración a aprobar o proxecto. Sería máis serio que sacar unha nota de prensa, que non deixa de ser publicidade institucional.
Do mesmo xeito que non se cumpren os requisitos no caso de Corcoesto, é probable que o mesmo ocorrerá cos futuros proxectos megamineiros de Galiza. Por iso instamos á Xunta a que, ademais de retirar a DIA do proxecto de Corcoesto, anule as autorizacións a realizar estudos nas demais zonas afectadas, en tanto non se garanta un cumprimento rigoroso de tódolos requisitos establecidos pola lexislación.
Desde a Rede ContraMINAcción seguiremos traballando pola erradicación da minaría destrutiva, e pola activación de alternativas, como a minaría de recuperación, que si son sustentables, que non traen destrución para os ecosistemas, e que, de adicar a elas os esforzos necesarios desde a Administración, poderían ser unha fonte de postos de traballo duradeiros e compatibles con outras actividades fundamentais para a nosa economía e a nosa soberanía alimentar: agricultura, gandaría, pesca, marisqueo…
ContraMINAcción solicita a retirada do proxecto mineiro de Corcoesto
Deixa unha resposta