O Sindicato Labrego Galego vén de acadar o compromiso da Deputación de Lugo para que tamén se implique na defensa da Reserva da Biosfera Terras do Miño e se opoña á explotación mineira que a canadense Goldquest Ibérica S.L. quere levar a cabo en 12.000 hectáreas de terras repartidas nos termos municipais da Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá, e á que lle foi concedido o permiso de exploración Lago II 6056. Este apoio da Deputación veu despois de que o SLG presentase un escrito diante do Órgano de Xestión de Terras do Miño onte, 31 de xullo, na súa xuntanza anual en Lugo.
Ademais, a representante do SLG no Órgano de Participación da Reserva, Margarida Prieto Ledo, tamén pediu igual compromiso para aqueles concellos integrados en Terras do Miño que están afectados polos proxectos de extracción de cuarzo da empresa norueguesa Erimsa: Castro, Cospeito, A Pastoriza, Vilalba e Abadín. Se ben a Consellaría de Industria denegou o permiso de explotación, o futuro Plan de Actividades Extractivas que pretende aprobar a Xunta volvería sentar as bases legais para que Erimsa siga adiante cos seus proxectos. Dende este punto de vista, a Deputación de Lugo tamén encargará informes sobre o Plan de Actividades Extractivas da Xunta, xa que a súa aprobación suporía botar por terra a protección da que gozan espazos protexidos como as reservas da biosfera Terras de Miño ou Ancares Lucenses.
Estes compromisos da Deputación de Lugo para implicarse na defensa dos concellos afectados por proxectos mineiros en Terras do Miño prodúcense dous días despois de que actuase do mesmo xeito coa Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, cuxo Órgano de Xestión se reuniu o pasado luns, 29 de xullo, e onde o Sindicato Labrego presentou unha instancia ao respecto que foi aprobada por unanimidade.