Avaliación das xuntanzas mantidas entre ContraMINAcción, CxG e PSdG-PSOE

Na tarde do pasado venres, 22 de novembro, varias persoas da nosa rede levaron adiante a primeira rolda de contactos coas forzas políticas galegasno marco dunha estratexia de diálogo que pretende aclarar cal é o posicionamento de cada un destes partidos respecto do plan de explotación mineira da práctica totalidade do territorio galegoelucubrado por distintas empresas transnacionais de coñecida traxectoria destrutiva noutros países.

A primeira das xuntanzas tivo lugar coa formación Compromiso por Galicia (CxG),acudindo o seu secretario xeral, Xoan Bascuas, e Rocío López Pacio, integrante do Consello Político Nacional de CxG. Logo de revisar o documento proposto por ContraMINAcción, con trece puntos a asumir polas formacións políticas para facer fronte á destrución do territorio galego,CxG manifestou a súa total concordancia coas pautas presentadas e comprometeuse a elaborar un posicionamento público apoiando esta folla de ruta contra o plan de destrución medioambiental e do tecido produtivo galego que empresas como as canadenses Edgewater e Medgold Resources, a norueguesa Erimsa ou a anglosudafricana Picobello Andalucita, entre outras, pretenden aplicar sobre máis de 50.000 hectáreas do noso territorio.

Momento da xuntanza con CxG

Momento da xuntanza con CxG

Máis controvertida resultou posteriormente a reunión cos socialistas Carme Gallego e Abel Losada, vicevoceira da área de Medioambiente e voceiro de Industria do grupo parlamentar do PSdG, respectivamente.Ao igual que o Partido Popular na Xunta de Galiza, o Partido Socialista está a apoiar dende o Goberno do Principado de Asturias plans de extracción que optan polo emprego de substancias altamentecontaminantes nas súas prospeccións, coma é o caso da polémica compañía AsturGold, propiedade do consorcio de inversión ruso-canadense CP Capital.

Consecuentemente, ao respecto das medidas propostas por ContraMINAcción para Galiza, sinalaron con rotundidade o seu rexeitamento aos aspectos recollidos no punto 5, referido á oposición á entrada de novos proxectos de megaminería destrutiva no Paíse á necesidade develar polo cumprimento estrito da normativa medioambiental galega.

Así mesmo, opuxéronse a que sexan retiradas as subvencións públicas e/ou incentivos económicos concedidos aos proxectos mineiros recollido no punto 12 do citado documento-,cuxo indignante reparto está a ser novamente nestes días obxecto de argumentadas críticas a través dos medios de comunicación,denunciando, entre outros preocupantes aspectos, a concesión de ata 153.608,80 € de subvención directa para Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), entidade que malia adicarse a “fomentar o desenvolvemento da minaría, así como representar, defender e promover os intereses dos socios, foi quen de obter a contía máis alta das outorgadas pola Xunta no surrealista epígrafeconcesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o fomento do sector mineiro galego(DOG Nº59 do 25 de marzo de 2013, páx.8861)

Durante a xuntanza co PSdeG-PSOE

Durante a xuntanza co PSdeG-PSOE

.

Porén, Carme Gallego e Abel Losada siadmitiron estar ao tanto dos intereses económicos que agochan este tipo de subvencións, e non se sorprenderon cando as/os representantes de ContraMINAcción argumentaron que a necesidade de prohibir este tipo de financiamento xorde da distorsión que actualmente están a ter os orzamentos públicos neste sentido, tendo sido outorgados inxentes cantidades de cartos baixo epígrafes ambiguos como o de “investigación universitaria” que, en realidade, son dirixidos a desenvolver a primeira parte dos plans extractivos destas empresas, é dicir, a análise prospectiva dos terreos.

Cómpre lembrar queesta primeira fase de exploración é coñecida no argot do negocio como de “risco mineiro”,debido ao tempo e diñeiro que as empresas teñen que gastar nesta etapa, fase que arestora está a ser financiada cos cartos da cidadanía galega, de tal xeito que estas empresas cuxa actividade leva canda si contaminar as nosas augas e destruír o noso territorio, están a empregar cartos públicos para botar a andar os seus proxectos, precisamente nun momento no que a cidadanía galega está asistindo a recortes económicos en servizos básicos como a educación e a sanidade públicas.

Opoñéndose a apoiar o punto número 12 das medidas propostas pola rede cidadá ContraMINAcción, o PSdG rexeita tamén que o criterio de sustentabilidade sexa fundamental á hora de apoiar a investigación de proxectos dirixidos á consecución de minerais. A fin de que esta formación política revise e actualice tanto este posicionamento coma o referido ao financiamento de estratexias de investigación, representantes de Contraminacción déronlle a coñecer datos referidos á obtención de minerais como o ouro a través do que se coñece coma minaría urbana, moi desenvolvida en países europeos nos últimos anos. Segundo os cálculos do Programa Medioambiental de Nacións Unidas (UNEP), 40 teléfonos móbiles conteñen aproximadamente a mesma cantidade de ouro que nunha tonelada de mineral sen peneirar. En resumo, atendendo aos últimos estudos realizados no Estado, nestes momentos habería máis ouro en SOGAMA que o que se podería chegar a extraer furando unha mina en Corcoesto.

Con respecto ao polémico Plan sectorial de Actividades Extractivas de Galicia(PSAEG) elaborado pola COMG, incoherente texto no que se afirma que O sector mineiro é pioneiro na protección do medio ambiente” pero que ao mesmo tempo establece explotacións mineiras en 3 dos 6 parques naturais galegos, o PSdG manifestou estar a favor de dito plan porque “mellor un plan sectorial a que un concelleiro decida el na cafetería que minas se aproban“,asumindo con preocupante naturalidade o grao de corrupción existente a día de hoxe no Estado Español.

Por último, cómpre salientar da información presentada nesta xuntanza a confirmación por parte dos representantes do PSdG de que son plenamente conscientes de que non se está a respectar a normativa europea de publicidade e información cidadá que esixe unha completa difusión pública deste tipo de proxectos polo menos durante seis meses.

Neste senso, é preciso lembrar queen reiteradas ocasións os colectivos integrantes de ContraMINAcción denunciaron a ocultación e vulneración dos dereitos da cidadanía en relación aos proxectos mineiros, ao detectarse a exposición pública parcial da documentación referida aos mesmos, o non recoñecemento da condición xurídica de “persoa interesada” nos expedientes a persoas e colectivos, a non publicación de información sensíbel nos boletíns oficiais ou taboleiros e un lamentábel etcétera, no que podemos destacar o feito de que proxectos de extracción mineira coma o de Corcoesto estiveron a exposición pública unicamente durante trinta días.

No marco desta rolda de consultas sobre o posicionamento dos partidos políticos galegos respecto das megaexplotacións de transnacionais mineiras na Galiza, unha segunda xeira de reunións terá lugar no Local Nacional do Sindicato Labrego Galego (SLG) en Compostela o vindeiro venres 29 de novembro, con representantes da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ás 16.00hrs., e do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ás 18.00hrs.

Nas últimas horas vén de confirmar tamén a súa participación nesta rolda de consultas o Partido Popular (PPdG), á espera nestes momentos de concretar data e hora dunha posíbel xuntanza.

Pincha para ver o documento presentado aos partidos por ContraMINAcción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.