Mineira estatal ecuatoriana entra a Intag e Pacto con apoio policial.

Vimos de recibir no correo de ContraMINAcción a seguinte información sobre o ocorrido a pasada semana en Ecuador:

Na mañá do pasado xoves, 8 de maio, a empresa estatal mineira de Ecuador (ENAMI-EP), entrou pola forza na zona de Intag, acompañada dun numeroso efectivo policial, coa intención de tomar o control do territorio no que se atopa un xacemento de cobre, para explotalo mediante un convenio coa empresa multinacional Codelco, de Chile.

A maioría da poboación de Intag, situado na Cordilleira de Toisán -provincia de Imbabura- fixo saber o seu rexeitamento a este proxecto desde hai máis dunha década, e continúa en resistencia para defender as súas fontes de auga, bosques, e a agricultura que sostén a súa soberanía alimentaria e constitúe o piar fundamental da súa organización económica.

Fronte esta incursión de forzas de seguridade para apoiar o proxecto mineiro, a estatal mineira publicaba na súa conta de Twitter:
“Unha entrada pacifica e co apoio da comunidade á zona de Llurimagua. Mineria Responsable”

A versión de Polibio Pérez, presidente do Consello de Comunidades da Parroquia de García Moreno en Intag é diferente:

“Esta mañá entraron arredor de 250 policías a Intag; ao momento hai 30 vehículos policiais instalados no centro poboado da comunidade de Junín, ingresaron á forzo xunto co gobernador de Imbabura, a presidenta da Xunta Parroquial de García Moreno e algunha xente de comunidades veciñas, e outra xente descoñecida que posiblemente é xente contratada, porque non a coñecemos. Unha parte da forza policial permanece na comunidade de Junín e outro tanto avanza cara a reserva comunitaria de Junín para instalar carpas nas que pretenden quedar. Arredor das 4 da tarde produciuse un atropelo a varios membros da comunidade, que foron maltratados pola forza pública, foron arrastrados e detidos.”

Entre as persoas detidas atópanse Liana Torres, esposa de Javier Ramiréz (detido a petición da empresa estatal mineira, acusado de sabotaxe e terrorismo); Mery Ramírez; Israel Pérez; Elver Perez; Chela Piedra; Ernesto Ramìrez, que foron liberados pola presión e forza organizativa da comunidade.

intag_entrada_policial

Junin, 8 de maio

Se a entrada “Pacífica” de Enami-EP e Codelco a Intag é con policías e militares, con maltrato ás comunidades, con ordes de captura a líderes e dirixentes, con acusacións de terrorismo e sabotaxe, con peticións de prisión preventiva -que se cumpren ao pe da letra- a persoas que lideraron este proceso exemplar de coidado ambiental e de construción de alternativas para o Bo Vivir, xa podemos imaxinar o que vai significar a ‘minería responsable’ anunciada por Enami-EP e Codelco.

A consigna parece ser controlar a zona noroccidental do Ecuador para que a empresa estatal realice a explotación mineira, mediante nota de prensa os habitantes de Pacto fannos saber que, desde hai dous días os habitantes das comunidades de Ingapi e Urcutambo, están mobilizadas fronte a incursión policial coa que Enami-EP entrou para tratar de socializar poa forza o proxecto mineiro que terá impactos nas Parroquias de Pacto e Gualea, en zonas declaradas como áreas protexidas polo Distrito Metropolitano de Quito para protexer as microconcas dos Ríos Mashpi, Guaycuyacu e Sahuangal.

Desde Ecuador agradecen toda difusión destes feitos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.