22 de Xullo 2014- Día Mundial contra a Megaminería

O Movemento Mesoamericano contra o modelo extractivo mineiro, convoca a tódalas comunidades afectadas polo extractivismo a unha xornada de loita arredor do día 22 de xullo, día mundial contra a megaminaría.

Desde ContraMINAcción queremos facernos eco desta convocatoria, xa secundada por movementos antiminaría de diversos países, como Arxentina, México, Francia ou Perú, e reproducimos a convocatoria que podedes ler no blogue do Movemento Mesoamericano.

“Novamente este ano convócase a xornada internacional de loita contra a megaminaría en defensa da vida e da auga. Diremos alto e forte, coas nosas actividades, as nosas manifestacións, concentracións, festivais, NON á minaría contaminante, NON á utilización de tóxicos que contaminan a auga, o aire e os solos, NON ás mega-minas que xeran cada ano centenares de millóns de toneladas de refugallos tóxicos, cuxo impacto destrutor se mide en séculos; NON á minaría a ceo aberto que destrúen ecosistemas, zonas agrícolas ou bosques, que arrasa coa nosa selva, que derrete os grlaciares, que provoca patoloxías incurables e deixa en herdanza paisaxes luares; NON ás minas subterráneas que fan brotar desde as entranas da terra elementos radioactivos, tóxicos e canceríxenos, e matan a lume lento ou vivo a miles de labregos, transformados en mineiros por obriga; NON á violencia, a miseria e as desigualdades que acompañan a extensión sen fin das “zonas de sacrificio”; NON á cobiza, ao produtivismo a ultranza e ao consumismo desaforado quenos fan crer que non hai alternativa, NON Á MEGAMINARÍA, AO EXTRACTIVISMO E AO SEU MUNDO.

Chamamos a todo o mundo a unirse e realizar todo tipo de manifestacións para chamar a atención das nosas poboacións, tantas veces mal informadas ou desinformadas; para defender tamén a tódalas persoas que desde o ambientalismo arriscan a súa vida por un desexo común e de maneira xenerosa, a tódalas persoas loitadoras, para manifestar a nosa solidariedade coas vítimas da megaminaría, aquí e acolá. Manifestémonos, informemos, organicemos a resistencia.

Esta convocatoria non está baixo bandeira política algunha, e é profunda e esencialmente unha mostra de resistencia pacífica. As mobilizacións son autoxestionadas.

Unamos as nosas loitas! Abracemos as nosas loitas!

ARXENTINA, FRANCIA, MEXICO, PERÚ – e seguimos sumando

*Enviar as adhesións e anuncios de mobilizacións a contact@aldeah.org, para difundilos e publicalos nesta páxina.*

Primeiras mobilizacións (esta lista será actualizada) :

*Francia*

Con motivo do día mundial contra a megaminaría (22 de xullo), o 26 de xullo, en Lussat (Creuse), zona ameazada pola extracción de ouro (permiso de Villeranges), realizarase o festival internacional No Mines Land. Detalles aquí <http://www.aldeah.org/fr/festival-international-contre-l-exploitation-miniere-no-mines-land-le-samedi-26-juillet-2014-lussat>. *México*

Mitin no anxo da Independencia na cidade de México o 22 de xullo ás 12 do mediodía . Rolda de prensa e marcha ata a Suprema Corte de Xustiza para entregar un documento apoiando o amparo da comunidade Mepa’a de Guerrero argumentando a inconstitucionalidade da lei mineira que viola os dereitos humanos e diversos tratados internacionais ratificados por México. Tamén se realizarán accións nos diferentes estados que están facendo fronte á minería.(FAO/Comcausa).

*Guatemala *

Asemblea Departamental dos Pobos de Huehuetenango -ADH-, Guatemala C.A;

*Arxentina*

Patagonia, Chubut, Trelew-Rawson. Espéranse precisións acerca das actividades a realizar.

*Perú*

Espéranse precisións acerca das actividades a realizar.

*Mezoamerica*

Movemento Mesoamericano contra o Modelo extractivo Mineiro -M4″

Máis información : http://www.movimientom4.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.