O concello de Triacastela anula a licenza municipal outorgada a Cementos Cosmos

Castinheiro_LRO Concello de Triacastela ven de comunicar a varios dos colectivos integrados en ContraMINAcción que interpuxeran recursos de reposición contra a polémica licenza municipal outorgada a Cementos Cosmos en dito concello no pasado día 1 de agosto, a desestimación dos mesmos por estar xa anulada dita licenza.

En dita resolución, o Concello de Triacastela desestima os recursos «pola desaparición sobrevida do obxecto do seu recurso, debido á anulación da licenza pola falta de quorum». Ou sexa, dita administración anula a licenza antes de entrar a valorar os recursos de reposición contra ela, porque o propio Concello recoñece que foi outorgada por ditado da Xunta de Goberno Local contra o seu propio regulamento, nunha sesión da mesma onde só estaban presentes a señora alcaldesa, Olga Iglesias Fontal, e o señor concelleiro Bautista Arias Pombo.

Nun concello onde todo se fai irregularmente -cando non directamente de xeito ilegal- en constantes e preocupantes chapuzas administrativas, danse situacións tan surrealistas como esta, onde se outorga unha polémica licenza con total arbitrariedade e todo tipo de irregularidades na súa tramitación e no seu cumprimento -por exemplo, permitíndose desde o Concello que Cementos Cosmos traballe sen respectar as medidas correctoras que eles mesmos dictan e facendo caso omiso das denuncias por eses feitos-, para logo a alcaldesa pasar meses defendendo nos xornais que a licenza foi outorgada «axustándose estrictamente á legalidade», e finalmente ela mesma anulala por non se axustar a nada, nen sequera ao funcionamento do seu propio goberno municipal.

Tanto o outorgamento como a anulación desta licenza municipal son totalmente irregulares e sospeitosas, polo que desde ContraMINAcción non se baixará a garda un instante e realizaranse todas aquelas accións administrativas e xurídicas que se consideren oportunas. Por agora foi solicitada a correspondente documentación ao Concello de Triacastela para estudar en detalle toda esta trapallada e actuar en consecuencia, ao tempo de vixiar que non se realicen mais actividades estando a licenza anulada.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.