O 10 e 11 de decembro de 2014 tiveron lugar en Bruxelas unhas Xornadas sobre ,”As diferentes vías de acaparamento de terra na Galiza”, promovidas pola eurodeputada AGEe, Lidia Senra, no Parlamento Europeo en Bruxelas e que contou ca participación de 5 colectivos integrantes de ContraMINAcción (Associação Socio-Cultural O Iríbio, a Comisión de Asociacións en contra das minas da Terra Chá, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, a Plataforma Veciñal Corno do Monte e SOS Courel).
Un primeiro bloque temático destas xornadas centrábase na problemática da Minería en Galiza e foi aquí onde os colectivos da nosa rede achegaron a información dos proxectos mineiros que ameazan as súas comarcas e as loitas que teñen levado a cabo.
Resaltando todos eles a importancia que ten para poder vencer o artellar redes como a nosa, de apoio e colaboración, para poder visibilizar estas problemáticas, compartir ferramentas que nos poidan reforzar e dotarnos de armas para persistir nestas loitas diante dun inimigo tan forte como son as empresas mineiras.
Nun segundo bloque foron varios os colectivos de moitas zonas de Galiza que nos achegaban tamén a conflitos veciñais contra os intereses especulativos das grandes empresas, entre eles exemplos como a Plataforma Cidadá contra a Autovía de Redondela, ou o colectivo “Salvemos A Fracha”, contra o proxecto A57 -un novo corredor na provincia de Pontevedra-.
Tamén dende a Organización Galega de Montes Veciñas en Man Común e os Comuneiros de Monte Cabral nos alertaba da ameaza que estes Montes están a sufrir tamén pola especulación urbanística e das grandes empresas.
Ademais dos distintos colectivo, interveu tamén Isabel Vilalba, secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, e Antón Sánchez, deputado no parlamento galego. Isabel Vilalba achegounos á dificultade que temos na Galiza as explotacións para acceder a terra, destacando que só temos un 24% de terra agraria, cunha media por explotación da máis baixas de Europa.
Antón Sánchez achegounos a información das distintas modificacións normativas que se están a promover dende o goberno galego nesta lexislatura, tendentes a facilitar a implantación de todo tipo de proxectos en solo rústico, eliminando as poucas proteccións que este tiña.
Pola súa parte, Lidia Senra, organizadora deste encontro, incidiu na importancia que ten que dende as Institucións Europeas se poñan os medios para vixiar os estados que están a permitir todo este tipo de proxectos nos seus territorios, así mesmo agradeceu a nosa participación e valorou moi positivamente o contacto entre os distintos colectivos e problemáticas .