Cementos Cosmos continúa acosando nos tribunais aos opositores á súa mina en Triacastela

Na pasada semana, José Horacio Rio Lago, veciño do Castiñeiro (Triacastela) e membro da ASC O Iribio, ven de recibir notificación dunha nova denuncia por parte de Cementos Cosmos, a terceira que esta empresa lle pon nos últimos dous anos.

Este é un novo episodio na campaña de acoso nos tribunais que Cosmos realiza contra os seus opositores en Triacastela, que inclúe unha demanda por «atentar contra o seu honor» contra o presidente da ASC O Iríbio, Marcos Celeiro, así como diversos burofaxes ameazantes que recibiran nos últimos meses diversos veciños de Vilar, Vila Vella, O Castiñeiro e O Teixo para «preparar o camiño» a denuncias contra eles; así como denuncias na Confederación Hidrográfica Miño-Sil a case un cento de veciños regantes do rio de Teixido por «usurpar» a auga de dito río, que esta empresa considera súa alegando que conta con unha concesión de augas a 20 anos, da cal os veciños non teñen noticia, na que prevalece o uso industrial sobre o uso agrícola, pretendendo deixar sen rego a todos os prados da ribeira do rio de Teixido, pertencentes a seis aldeas. Alén diso, existen outras denuncias que finalmente foran retiradas despois de «negociar» cos denunciados e eles teren acatado «amistosamente» os ditados da empresa.

Todas estas denuncias, con nulos ou ridículos fundamentos, o que pretenden é intimidar e facer desistir da súa loita aos veciños directamente afectados polas actividades mineiras e o acaparamento e usurpación de terras, camiños e augas que Cementos Cosmos realiza. Son denuncias selectivas, contra as persoas que consideran incómodas e vulnerábeis, e provocan serios quebradeiros de cabeza e gastos económicos nos denunciados, aínda que gañen os xuízos. Van acompañadas de peticións económicas desmesuradas e custos xurídicos inchados ao máximo contra as persoas que máis problemas económicos teñen, amais de fortes campañas de desprestixio dos denunciados no seu ámbito local.

jh

A vítima desta última denuncia, José Horacio Rio Lago, é un veciño do Castiñeiro, a aldea máis afectada pola mina a ceo aberto que xa leva destruído case a metade do seu espazo agrícola. Para comprar o silencio ante os abusos, Cementos Cosmos deu emprego ben pago aos veciños do Castiñeiro, entre eles a José Horacio, membro dunha familia que posúe unha explotación gandeira à que xa lle levan destruído boa parte das terras. Como este veciño deixou de calar, foi despedido. E ao deixar de estar suxeito á chantaxe que existía mentres durou a súa relación laboral, pasou a exercer oposición contra os abusos desta empresa, e nese momento comezaron tamén as represalias.

Primeiro acusárono falsamente de ter destruído un tramo do valado perimetral da explotación (que a propia empresa retirou), demanda que gañou, con sentenza ao seu favor, ao se demostrar que tal acusación era falsa. Non obstante, creáronlle todo tipo de prexuízos e foi marcado publicamente como «delincuente», pois tentaron facer ver diante dos outros veciños que o seu posicionamento no conflito de Cosmos se debía a vinganzas por ser despedido.

Na segunda demanda contra el, cuxa vista se celebrou esta semana, acúsano de «usurpar» a propiedade de Cementos Cosmos ao continuar o uso agrícola dunha parcela propiedade da súa familia desde tempos inmemoriais e outra que compraron dúas décadas atrás (estando xa a mina de Cosmos) cuxa propiedade se autoatribúe agora Cosmos dicindo que esas dúas parcelas foran expropiadas, ora sen achegar a documentación que demostre tal cousa. A acusación pídelle que abandone as parcelas e 18.000€. Esta demanda está pendente da sentenza.

Nesta terceira demanda pretenden demolerlle un cabanote-corte onde se resgardan as vacas cachenas da explotación familiar, alegando tamén que o terreo onde está é propiedade Cementos Cosmos e que o demandado o «usurpa», a pesar de que nunca foi expropiado, de que a súa familia ten escrituras, e de que anos atrás a empresa tentou comprarllo á súa familia en dúas ocasións.

Tanto nesta última demanda como na anterior, é agora, mais de 30 anos despois de que Cosmos iniciara as súas actividades mineiras, que dita empresa reclama esas propiedades que desde sempre e de xeito continuado ven utilizando a familia do demandado.

Todas estas accións xurídicas, antes do que os fins que se manifestan nas demandas, o que realmente pretenden é causar problemas aos demandados, facéndolles perder diñeiro e tempo, desprestixiando a súa imaxe pública e intimidando ao resto dos veciños para que vexan o que lles pode pasar se dan a cara contra Cosmos.

Ante esta situación, a ASC O Iríbio, na súa última asemblea xeral celebrada en outubro deste ano, acordou dar soporte xurídico a través da asociación aos socios que sufran este tipo de acoso, e crear un fondo solidario para sufragar os gastos da defensa dos denunciados neste tipo de conflitos. A este fondo será incorporados os donativos a tal efecto que se fagan na conta da ASC O Iríbio (conta ES23 2080 0188 5330 4000 4423), así como o diñeiro sobrante (en caso de que o houber) dos donativos para a defensa xurídica de Marcos Celeiro (conta ES93 2080 0146 7330 0002 4181).

Desde ContraMINAcción manifestamos o noso apoio à veciñanza de Triacastela e ás compañeiras e compañeiros da ASC O Iríbio, así como a nosa repulsa a este tipo de prácticas totalmente mafiosas, e esperamos que os tribunais estean á altura das circunstancias, nun contexto que non é de conflitos entre particulares, senón nun conflito social, e que demostren a imparcialidade e independencia dos poderes económicos e políticos.

NOTA: Dado que varios dos procesos xurídicos están en curso, non se farán mais declaracións aos medios do que aquí se comunica.

2 reflexións sobre “Cementos Cosmos continúa acosando nos tribunais aos opositores á súa mina en Triacastela

Deixa una resposta a Carlos Montero Basadre Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.