Nós tamén somos Marcos. Nin nos van calar, nin nos van parar.

¿Silenciando nos xulgados os defensores da terra?

O vindeiro 7 de maio terá lugar no xulgado número 13 de Vigo a vista oral da demanda iniciada por Cementos Cosmos contra o veciño de Triacastela Marcos Celeiro, por suposto atentado contra o honor da empresa. Marcos Celeiro oponse xunto á veciñanza de Triacastela á mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.

O xoves que vén non se xulga a Marcos Celeiro. Xúlgase, sobre todo, o dereito das persoas e das comunidades a se mobilizaren para defender o que é seu: a súa terra, o seu patrimonio natural, o seu futuro. Xúlgase o noso dereito, o de toda a cidadanía, a denunciar en voz alta e publicamente as irregularidades que as empresas cometen no seu afán desmedido de explotación dos recursos e das persoas. Xúlganse, en fin, as máis básicas liberdades democráticas, esas que a nosa administración ten a obriga de garantir. E non de perseguir. Porque o exercicio da liberdade de expresión é un dereito, non un delito.

Nin nos van calar, nin nos van parar

Nin nos van calar, nin nos van parar

Os motivos que Cementos Cosmos, pertencente á multinacional Votorantim, esgrime para a demanda, son o de ter denunciado Marcos nas redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube) as irregularidades cometidas pola empresa. Esas irregularidades veñen sendo recollidas ao longo do tempo por distintos medios de comunicación. Nalgúns casos, a denuncia da irregularidade ía acompañada de vídeos nos que se podía comprobar a veracidade dos feitos denunciados.

Desde ContraMINAcción pensamos que o obxectivo desta demanda de Cosmos contra o noso compañeiro Marcos non é outro que amedrentar ás persoas que se opoñen á súa actividade, ao tempo que criminalizar a loita dos colectivos que denunciamos as súas irregularidades.

Cementos Cosmos ten un longo historial de denuncias desde distintos colectivos, polas súas malas prácticas na explotación. Entre outras cousas, está a poñer en risco o noso patrimonio arqueolóxico coa súa actividade, diante da pasividade da nosa administración. Somos moitos os colectivos que denunciamos a afección que, a causa da actividade da empresa, está a sufrir unha das maiores xoias do noso patrimonio cultural, a Cova de Eirós. Mentres as nosas denuncias caen en saco roto, a demanda inxustificada da empresa contra o noso compañeiro continúa o seu curso.

ContraMINAcción denuncia que desde a empresa e con esta demanda, quere reducirse a loita de distintos colectivos a unha cuestión persoal e anecdótica, a un suposto capricho de Marcos Celeiro en contra da empresa. Así, ao tempo que se criminaliza a nosa loita cidadá e se trata de paralizar a mesma mediante a busca dun castigo exemplarizante e a todas luces inxustificado contra unha das cabezas visibles da mesma, preténdese minimizar a oposición veciñal, tratando de facer ver á opinión pública que só se trata dunha arroutada persoal aquilo que é en realidade unha loita colectiva dunha comunidade polo seu territorio.

En lugar de levar a un xuízo longo e desgastante a un cidadán de a pe como Marcos Celeiro, Cementos Cosmos debería presentar publicamente toda a documentación que aínda non facilitou, comprobar que ten ao día todos os seus permisos, e vixiar que a súa explotación cumpra toda a normativa vixente.

Porque non queremos renunciar aos nosos dereitos civís, porque non queremos que nos rouben a nosa voz a base de demandas dos poderosos, desde ContraMINAcción queremos berrar forte e alto que hoxe e aquí nós tamén somos Marcos Celeiro.

Somos Marcos, e o vindeiro xoves estaremos con el diante do xulgado de Vigo, desde as 9 e media ata as 11, nunha concentración pacífica de apoio ao noso compañeiro, na que vos animamos a participar.

Non nos resignamos a que a lei sexa a lei do máis forte

Nin nos van calar, nin nos van parar.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.