Primeiro Campamento Internacional “Para alén da Europa”, en Halkidiki

Convite para o primeiro Campamento Internacional “Para alén da Europa” en Halkidiki, do 18 ao 25 de agosto.

soshalkidiki

                                           Pincha na imaxe para acceder ao blogue do colectivo grego SOS Halkidiki

No nordeste de Halkidiki, unha longa loita, que tomou a forma dunha revolta da poboación local contra as forzas de represión, mais tamén contra as autoridades locais, trouxo para o primeiro plano a cuestión do desenvolvemento capitalista, así como o poder de resistencia cando é exercida pola propia cidadanía.

A mineira canadense Eldorado Gold, que opera coa complicidade escandalosa do Estado grego e a maior empresa construtora grega, Aktor, decidiu borrar do mapa unha área de bosque virxe centenario, que sustenta as actividades locais, como pecuaria, apicultura e agricultura, de belas praias con baixa intensidade de turismo e de recursos hídricos inesgotábeis.

Como estaba previsto, os seus plans non se limitan a Halkidiki, senón que se estenden ao longo de Macedónia e Trácia, onde foron detectados depósitos de ouro significativos.

O método de procesamento con cianuro, utilizado pola empresa en proxectos mineiros en todo o mundo, non deixa ningunha dubida sobre o que xa está acontecendo na rexión ou o que vai acontecer no futuro.

Este proxecto faraónico, que probablemente causará un desastre ecolóxico de gran escala na Grecia, non podería proseguir sen unha dura represión, desenvolvendo así outra industria pesada, a industria do proceso xudicial. Actualmente, máis de 300 habitantes e simpatizantes solidarios están sendo procesados, e en moitos casos son acusados de delitos penais.

E mentres todo iso se desenvolveu durante os anos dos gobernos do PASOK e Nova Democracia que exhibiran unha actitude implacábel na rexión, un ano atrás había indicios de que algo podería mudar no nivel institucional.

Primeiro coas eleccións municipais en maio de 2014, onde o novo alcalde foi apoiado polo movemento anti-minaría, e máis tarde nas eleccións parlamentarias, en xaneiro de 2015, onde un partido que prometeu parar o proxecto mineiro, Syriza, foi o máis votado.

No entanto, os acontecementos son decepcionantes para aquelas persoas que puxeron todas as súas esperanzas nas institucións.

Dous meses atrás, o alcalde da rexión dimitiu, incapaz de ofrecer unha resposta significativa para o problema. O novo goberno de esquerda limítase a tentar de gañar “tempo político”, visto que non ten intención de opoñerse abertamente ás dúas empresas, Eldorado e AKTOR.

A consecuencia disto, estanse a desenvolver obras de ampliación na área mineira con maior intensidade, transformando o bosque centenario de Skouries nunha paisaxe lunar.

Por outro lado, o movemento anti-mineiro, o maior movemento na Grecia castigada pola crise, está agora nunha encrucillada, coa sobrecarga do peso dos xuízos e dos procedementos penais que xa están en curso e dos que están por vir.

Está, polo tanto, probado sen marxe para dúbidas que as promesas dunha solución definitiva do problema por medio da delegación política non se cumprirán. O tempo perdido á espera dunha solución institucional dá testemuña do feito de que só a loita popular sen mediación pode levar a unha vitoria ao movemento anti-mineiro. A autonomía dos movementos fronte calquera goberno debe ser un principio inviolábel.

Este é o novo ciclo de loita que agora se está abrindo entre os moradores e os comités de loita. Neste momento específico, a rede anticapitalista/antiautoritaria internacional “Beyond Europe” toma a iniciativa de organizar un campamento de solidariedade e loita do 18 ao 25 de agosto, na praia de Ierissos, nunha área que sufriu a maior represión do Estado.

Este é un convite para todas as persoas que desexan estar activas na loita pola Terra e a Liberdade, contra os plans destrutivos do capital. Convidamos a individuos e colectivos a participar dos eventos políticos e culturais planeados, así como a unha manifestación na área restrinxida, que está sendo preparada en colaboración coa poboación local. Convidámosvos a contribuír cun sopro de liberdade a unha loita significativa, o desenvolvemento da que, na fase actual, será o faro de moitas outras loitas na Grecia. Para nós, o sentido da vida está no terreo común internacional de loita pola liberación do pobo da tiranía do capitalismo voraz e da hexemonía do Estado e da clase dominante.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.