ContraMinAcción e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños manifesta a súa dor polo triste pasamento do amigo Paco Souto

Neste día triste e de tanta dor polo pasamento de Paco Souto, desde ContraMinAcción e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños queremos transmitir as nosas condolencias á súa familia e amizades.

Poderíamos lembrar, como está a facer moita xente, a súa enorme e incuestionábel calidade persoal e poética, pero queremos destacar ademais o seu compromiso social e político, coa xente do común e coa defensa dos valores desa natureza que hoxe o levou consigo.

Na loita contra a minaría destrutiva que ameaza a Galiza desde hai anos, Paco Souto foi o artífice principal, xunto coa Asociación Caldeirón, da publicación do libro Versus Cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto. Anunciábase esta obra dicindo que “este libro de poemas quere ser un chanzo máis na loita para que o proxecto mineiro de Corcoesto non se leve a cabo. Queremos que cada letra se converta nunha pinga de antídoto contra o veleno do cianuro. Que cada verso se converta nun valado que protexa o noso territorio, impedindo o paso de quen ven co ánimo de destruílo”. Os versos de Paco Souto uníronse aos doutras persoas na construción dese valado protector contra quen pretende destruír o noso país. Eses mesmos versos que se lembrarán como un himno nas loitas que han de vir, para converterse en poemas de referencia contra outros proxectos mineiros que nos ameazan.

Hoxe ficamos un pouco orfos, mais agradecidos da man amiga que nos dou desde Bergantiños cando era precisa e que, sen dúbida, nos acompañará sempre.

Manha venres 31 de Marzo despediremos a Paco Souto nun acto civico as 15:45 hs. no Tanatorio de Malpica.


A miña nai dóenlle as cervicais

dóenlle desde sempre

desde que de nena

xogaba co gavillo a coller herba

no prado das Casillas

ou na Telleira

a canda as vacas a pastar beira do Seixedo

Pero sobre todo dóenlle

desde A Coruña

desde as bestas do leite

e o paxe á cabeza con brazados de grelos

con colifror

As malpicás

coas patelas cheíñas de sardiña e xurelo

As de Corme

co encaixe da noite por Camariñas

As de Corcoesto

con fiíños de ouro entre os dentes

e veña camiños para abrir o día

Era Galiza

un país en paxes

na cabeza das mulleres

Paco Souto (do libro Versus Cianuro, Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto)

 

Guardar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.