O SLG e a veciñanza de Xanceda presentan máis de 200 alegacións contra a extracción de seixo na parroquia

Comunicado de prensa do SLG

Unha comitiva en representación da veciñanza de Xanceda e o Sindicato Labrego Galego achegáronse hoxe, 17 de abril, até a Casa do Concello de Mesía para presentar as alegacións contra o proxecto Xanceda 7138 co que a empresa Erimsa pretende extraer cuarzo metalúrxico nunha concesión de 781 hectáreas. En total, e tralo acto de hoxe, lévanse rexistradas 217 alegacións; dado que o prazo de presentación remata aínda o vindeiro mércores, as estimacións apuntan a que se presentarán, finalmente, máis de 250 alegacións.

Ademais da veciñanza afectada, no acto de hoxe estiveron presentes a coordinadora do SLG na comarca de Ordes, María Vieites; e a coordinadora da loita contra a minaría destrutiva no SLG, Margarida Prieto Ledo. Tamén houbo presenza da plataforma contraMINAcción, á que tamén pertence o SLG, con Guadalupe Rodríguez (Salva la Selva), Xoán Doldán (Véspera de Nada) ou Carlos Montero (Comisión contra as Minas na Terra Chá).

Entre os principais motivos para rexeitar a actividade de Erimsa na zona (podes consultar o modelo de alegacións en bit.ly/alegaciónsXANCEDA) están que os terreos nos que se pretenden levar a cabo as escavacións pertencen, no meirande, ás concentracións parcelarias de Xanceda e Papucín, estando afectadas directamente un total de 26 granxas cuxa principal actividade é a produción de leite e que sosteñen 90 postos de traballo.

Outro feito denunciado nas alegacións é a fragmentación de proxectos de Erimsa na comarca de Ordes para non provocar alarma social, xa que ao Xanceda 7138 habería que sumar outros tres veciños en fase de investigación: Marís, Andrea 7137 e Lamosa. Se sumamos todos, estariamos a falar de 6.721 hectáreas, máis de 200 granxas e 500 postos de traballo directos afectados. Cómpre lembrar que a actividade de Erimsa entra en colisión coa declaración da comarca de Ordes, incluídos os concellos de Frades e Mesía, como de “especial interese agrario” no Diario Oficial de Galicia do 7 de novembro de 2007:

Declárase de especial interese agrario o solo rústico de protección agropecuaria situado dentro do ámbito territorial dos concellos seguintes:

-Comarca de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo…”.

As alegacións tamén fan mención ao impacto negativo que tería a actividade mineira sobre os acuíferos da zona, que se traduciría “nun incremento do arrastre do solo por erosión, nunha diminución ou impedimento para a recarga dos acuíferos (fontes, pozos traídas veciñais de auga, etc) e nun incremento do perigo de inundacións. Tamén hai un impacto sobre a calidade das augas, que supón un arrastre de partículas do solo, fertilizantes,nutrientes, herbicidas etc producindo a contaminación das augas”.

Quizais, un dos impactos máis notables sobre a actividade agropecuaria da zona sería o “deterioro irreversible da estrutura e da estabilidade dos agregados do solo”, o que “impide o desenvolvemento das raíces, polo que teñen menor capacidade de extraer os nutrientes así como a auga do solo. Por outra banda, atrásase a data de cultivo debido a que tarda máis en secar o terreo debido á pobre drenaxe e capacidade de infiltración da auga da choiva. Esta excesiva humidade do solo produce condicións anaeróbicas que orixinan a asfixia das sementes e prexudica ás raíces das plantas, o que implica un maior gasto en fertilizantes para compensar a perda de produtividade e un maior gasto en gasoil nos labores agrícolas pola compactación do solo”.

As alegacións conclúen que, coa actividade extractiva de Erimsa, eliminaríase “a funcionalidade actual e potencial dos solos e destruiría o medio de vida de meirande parte de poboadores/as do territorio, xerando desemprego e alentando o éxodo rural”.

Guardar

Guardar

Guardar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *