Chamamento aos colectivos galegos

Bosquexo de urxencia para unha campaña contra a L.F.I.E. (Casdeiro)

O PP ven de presentar hai uns días ao Parlamento galego a proposición de “Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais”.

Esta proposición de lei, que se tramita (sen causa algunha que o xustifique) pola vía de urxencia, podería ser chamada máis xustamente “Lei de depredación da Galiza”, ou “Lei de indefensión ambiental”, xa que o que fai é poñer o noso territorio en bandexa ás empresas mineiras e eólicas, eliminando garantías ambientais e reducindo prazos nas tramitacións.

É un chover sobre mollado, pois reduce prazos que xa de por si eran claramente insuficientes para termos unha mínima garantía de participación pública; e permite saltar trámites ambientais que xa eran de seu flexibles de máis.

Na práctica vén a reducir as ferramentas de defensa das comunidades afectadas ou os valores naturais fronte ás empresas, deixando ver ás claras de que parte se sitúa a administración en potenciais conflitos de interese.

Con esta lei en marcha, tería sido moito máis difícil a loita contra proxectos como o de Corcoesto.

A Xunta sitúase pois do lado dos intereses do negocio privado, en concreto os dos grandes grupos empresariais, fronte aos da poboación e o medio natural (sempre que estes colidan, o que sucede cada día tal como funcionan as cousas).

Temos pouco tempo para poder mover a única vía que queda neste contexto de maioría absoluta e prazos urxentes, a da presión social, para que cando menos isto sexa coñecido e poida darse algo de debate público.

Desde a Rede Contraminación facemos un chamamento urxente aos movementos sociais para convocalos a unha reunión que nos permita artellar estratexias conxuntas contra este despropósito. O tema é moi grave e necesita dunha resposta rápida e contundente de parte do tecido asociativo galego.
Por favor, tentade asistir á reunión convocada para este tema O venres 22 ás 18:00h no local do Sindicato Labrego, Rúa de Ofelia Nieto, 13-23, baixo, 15705 Santiago de Compostela.

Difundide, por favor!!

Save

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *