Manifestación contra a Lei de Depredación de Galiza

Esta mañá tivo lugar a manifestación que tiñamos prevista no noso calendario de mobilizacións contra a Lei de Depredación de Galiza.

Non pense ninguén que este é o final do noso traballo respecto a esta lei. É, máis ben, o principio.

Seguiremos organizando actividades ao respecto, entre elas, charlas para dar a coñecer o contido da Lei e as ameazas que para o noso territorio se desprenden dela.

Deixámosvos a continuación o manifesto que en relación á Lei de Depredación foi lido hoxe na Quintana. Leuse tamén outro manifesto relativo aos lumes, pois, como saberedes, na manifestación confluíu a Lei de Depredación co tema dos lumes, que é unha das consecuencias de leis como esta, que desarticulan o rural.

 

A Quintana durante a lectura do manifesto (Imaxe de Galiza Contrainfo)

Contra a Lei de Depredación de Galiza.
(Un manifesto do non ao seu non; do si a outra posíbel Galiza)

Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais.
Un nome de certo complexo para unha intención ben simple.
Depredación de Galiza.
Aprobada mentres aínda fumegaban os nosos montes, pola vía rápida, furtando o debate e impoñendo a súa maioría, como se os votos fosen un cheque en branco ou un arma contra os intereses comúns.
LFIIE. Baixo este barullo de siglas o que hai é un apaño de elites políticas e económicas que queren facer deste lugar un espazo extractivo para o capital globalizado. As grandes empresas mineiras, eléctricas ou forestais a obter máis facilidades para o seu negocio:
maior acceso á terra e menos normas sociais e ambientais.
Liberdade de empresa, eficacia, facilidade para o acceso ao solo, simplificación normativa e tributaria… Estes son os principios da lei. Será que ninguén recordou incluír entre eles a garantía dos dereitos sociais e laborais, o respecto ás comunidades locais ou conservación da nosa natureza? Por iso é lei de depredación.
Unha lei que é un elo máis da versión neoliberal do capitalismo, coma os tratados de libre comercio internacional, para eliminar trabas ao negocio. E que é unha traba? ollade ao voso arredor… esas trabas somos nós, os nosos dereitos e dignidade, a nosa natureza.
Mais aquí estamos. Minoría absoluta resolta a non calar. Que triste maioría a de quen precisa facerse trampas até a si mesmo. Mentir e ocultar coa palabra incluso dende o poder do número. Triste poder o poder que así se mantén.
Nós non lles outorgaremos os números nin os significados e aquí, hoxe, denunciamos esta lei aprobada polo Partido Popular de Galicia.
– Porque é un texto que afecta ámbitos estratéxicos, transformando unha morea de leis anteriores como a da minaría, a de montes, a eólica ou a do solo.
– Porque non sirve para a necesaria defensa dun mundo rural vivo, con capacidade de tomar iniciativas propias e sustentábel, senón que facilita o espolio dos seus recursos naturais sen ningunha contrapartida para as comunidades.
– Porque facilita os procesos de expropiación forzosa e acaparamento de terras en mans das empresas, mediante figuras como a de utilidade pública ou os proxectos de especial interese.
– Porque reduce tanto os prazos para a emisión de informes en materia ambiental, que fai case imposíbel o traballo do persoal técnico encargado de redactalos, e porque vencido o prazo o informe desfavorábel non é tido en conta.
– Porque recorta e mesmo suprime os mínimos procesos de participación pública.
– Porque furta información á poboación sobre iniciativas empresariais que poden ter unha grave afección nas súas vidas, permitindo que as mineiras decidan que documentación consideran reservada.
– Porque reduce o papel dos concellos, a instancia administrativa máis próxima á veciñanza, para velar polo seu propio territorio.
– Porque fai prevalecer o aproveitamento industrial do monte fronte aos tradicionais e comunitarios.
– Porque estende o emprego de meras declaracións responsábeis para a plantación de especies forestais como o eucalipto, mesmo en masas con presenza de árbores autóctonas.
– Porque suprime a necesaria autorización de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros en zonas protexidas, e ameaza ao patrimonio cultural dos nosos montes.
– Porque suprime criterios como o respecto á natureza á hora de outorgar os dereitos de construción dun parque eólico.
– Porque outorga boa parte da capacidade decisiva sobre cuestións ambientais e relacionadas co territorio á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
Cando escriben “Galicia” pensan “negocio”. Cando cidadanía, consellos de administración. Cando pechan unha porta, abren unha fiestra na gran empresa privada.
Porque o cargo de hoxe pode ser o posto de mañá. Porque queren a Galiza coma unha mina, deprédannos.
Mais aquí estamos. Se cadra nós, non tan minoría. Se cadra a maioría non tan absoluta fóra dos seus muros. Non imos entregarlles a palabra, nin a terra. Porque só se compra o que se vende, pero a nosa resistencia é a negación do voso afán. É a vosa pequena derrota diaria. Mentres sigamos aquí, a non traficar o futuro.
Non queremos esta Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais.
Non queremos esta Lei de Depredación de Galiza.
Nin lumes nos montes, nin fume nos despachos.

Terra viva e vida digna para todas!

Compostela, a 22 de outubro de 2017

Save

Save

Save

Save

Save

Save

Save

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.