ContraMINAcción coa tractorada de Touro.

Onte estivemos en Touro, apoiando a tractorada-manifestación organizada pola Plataforma Mina Touro-O Pino Non, que fai parte da nosa Rede.

                                                                                Imaxe: Galiza Contrainfo

Non queremos que vaia adiante un proxecto de extracción de cobre que deixaría alí unha bomba de tempo: unha balsa de lodos tóxicos repleta de metais pesados. Non queremos que se poña en risco a economía da zona. Non queremos que se arrisque o futuro da Ría de Arousa.
Queremos que as nosas autoridades, tan espelidas para unhas cousas e tan relaxadas para outras, esixan dunha vez xa a restauración en condicións da anterior explotación. Queremos que a auga dos regatos de Touro volva ser o que é a auga: un líquido incoloro; non vermello e tóxico. Queremos, tamén, que se nos facilite toda a documentación que pedimos acerca das concesións, porque pensamos que o proxecto quere ser, tal como a propia empresa indica na súa páxina, moito maior do que se nos mostra nos documentos levados a exposición pública. E iso sería un fraude.

Por isto, por tantos motivos, estivemos onte e seguiremos estando ao lado da veciñanza de Touro mentres non remate esta loita da única maneira posible: coa retirada do proxecto.
#MinaTouroOPinoNon!

Podes ver máis fotos da manifestación no álbum de Galiza Contrainfo no Flickr.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.