Polémica semana para a mina de Touro e O Pino que remata coa oposición ao proxecto do pleno de Touro, Cambre e Narón

Pleno en O Pino, intervención na Xunta de Accionistas de Atalaya Mining en Londres, visita do veleiro Diosa Maat de Ecologistas en Acción, ameazas da Patronal de Arzúa, desplome do prezo do cobre na bolsa londinense e as oposicións de Cambre, Narón e Touro.

O pleno do Concello de Touro acollía dende as 13:30 horas do venres 29 de xuño unha nova moción contraria ao proxecto megamineiro de cobre a ceo aberto. A moción, presentada por Xan Louzao (Bloque Nacionalista Galego) apoiábase no “enorme rexeitamento social manifestado e en base aos propios informes sectoriais”. Os acordos que instaba a tomar son os seguintes:

1º Solicitar á Xunta de Galicia a denegación da autorización ambiental do proxecto e o rexeitamento definitivo do mesmo polo enorme rexeitamento social manifestado e en base aos propios informes sectoriais que deixan claro a imposibilidade de compatibilizar esta actividade cos usos forestais e agrarios da zona afectada, poñer de manifesto que non hai garantías de eliminar ou paliar os impactos ambientais que xeraría e non acredita na restauración efectiva dos terreos ao remate da actividade.

2º Demandar á Xunta de Galicia e á empresa propietaria un plan efectivo, contrastado con argumentación científica sólida, que remate dunha vez coa contaminación das augas en todos os regatos e ríos da contorna da anterior mina.

O pleno municipal volvía a estar ateigado de traballadores das empresas sitas nos terreos da vella explotación mineira (aos que se lle abriron as portas ás 11:00 horas, segundo puido saber esta Plataforma Veciñal) e tamén de opositores ao proxecto.

Explotaciones Gallegas continúa enganando aos seus traballadores

Pola Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, Isabel García, centrou a súa intervención nos traballadores. Nun documento entregado por Explotaciones Gallegas aos traballadores e filtrado por esta plataforma, a empresa sinalaba que, de declararse a caducidade da concesión mineira, todos quedarían sen traballo. Nada máis lonxe da realidade: nin Francisco Gómez, nin Explotaciones Gallegas, nin Tratamientos Ecológicos del Noroeste, nin Tecnología y Reciclaje de Materiales, nin o Centro de Valorización Ambiental do Norte viven a día de hoxe de actividades ligadas á extracción do cobre. O rexeitamento do proxecto, e incluso a caducidade da concesión mineira para o cobre, non afectaría aos postos de traballo actuais, ao contrario do que se manifesta na folla distribuída.

O único afectado pola denegación do proxecto sería Francisco Gómez, e non os seus traballadores

Isabel García sinalou que “defendemos o emprego de todos, o voso e o noso. Tamén o dos veciños de Arinteiro” e destacou que “temos que convivir”. Para ela, “o que está intentando esta xente que ven de fóra, porque non son veciños, é que nos enfrontemos”. Esta Plataforma Veciñal xa manifestou esta semana o rotundo malestar contra Explotaciones Gallegas e Francisco Gómez por utilizar as traballadoras e traballadores cuxas actividades nada teñen que ver coa minería de cobre, na loita polo proxecto. O gran afectado pola denegación do proxecto non serían os traballadores, sería Francisco Gómez, que deixaría de recibir os 12,5 millóns de euros que Atalaya Mining chegaría a pagar por facerse coa explotación.

A moción foi rexeitada cos votos en contra do grupo popular municipal ante os berros de “Mina Non” e a indignación de veciñas e veciños. Pola súa banda, o alcalde Ignacio Codesido deu voz a unha enmenda/proposta do Grupo do Partido Popular na que apela á “legalidade máis escrupulosa”:

1º Solicitar da Xunta de Galicia, que unha vez emitidos os informes sectoriais e de poñer en cuestión a viabilidade da explotación mineira por afectar as diversas áreas consideradas como esenciais, ou se poña en risco ou perigo de contaminación o medio ambiente, a calidade das augas, ou calquera outra que afecte ou comprometa a saúde dos veciños de Touro, se proceda a denegación da solicitude presentada.

2º Solicitar dos órganos competentes da Xunta de Galicia e a empresa propietaria unha planificación que poña fin a contaminación das augas nos ríos e regatos que estean afectados pola mesma.

Esta enmenda foi aprobada cos votos de maioría do grupo popular e non foi acollida con entusiasmo polos presentes. Tal e como xa publicou Adega e esta Plataforma Veciñal, os informes coñecidos da Xunta de Galicia poñen en dúbida, precisamente, a calidade das augas, a contaminación, e a saúde pública – ademais de considerar a explotación mineira “incompatible co aproveitamento gandeiro” – cousa que o rexedor e concelleiros parecen descoñecer.

Londres no punto de mira: desplome do cobre e Xunta de Accionistas de Atalaya Mining

Isto coincide nunha semana na que Londres tamén estivo no punto de mira dos opositores á mina. O prezo do cobre non para de caer na Bolsa de Metais de Londres en medio dos temores que xera a guerra comercial entre Estados Unidos e China e o superávit de oferta do metal nos mercados, segundo explica Daniel Meriño, analista de mercados XTB Latam. Neste contexto, Luis Gallardo, membro da plataforma tivo ocasión de espetar na Xunta de Accionistas da multinacional Atalaya Mining que “incluso o Instituto Geológico y Minero de España expresou dúbidas acerca das estimacións económicas” e que “a manifestación de Santiago de Compostela contou coa participación de políticos de tódolos partidos, incluso do que está no goberno”. Para concluír que “o proxecto mineiro de Touro non é realista”.

Cambre, Narón e Ecologistas en Acción novas forzas contra a mina

De volta a Galicia, a cara da moeda marcárona esta semana os concellos de Cambre e Narón que veñen de aprobar por maioría sendas mocións contrarias á mina e tamén os membros do veleiro Diosa Maat – de Ecologistas en Acción – que chegaron á ría de Arousa para apoiar aos colectivos que loitan contra este proxecto. Tal e como aseguraron, estes proxectos conteñen graves perigos para a sociedade, a economía, o patrimonio e o medio ambiente e sentenciaron que “entendemos que los riesgos que puedan afectar al medio ambiente son problemas globales y por tanto la solidaridad y el trabajo común son necesarios”.

Polémica ante as ameazas de AECA

A cruz veu da man da Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) que enviaba ata catro misivas a veciños da comarca ameazando con emprender accións legais en resposta a comentarios realizados na rede social Facebook e na que se criticaba á asociación por aceptar á empresa Cobre San Rafael. O concelleiro socialista do Pino, Óscar Vilar, foi o que denunciou esta situación. A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON condena a lamentable misiva da asociación e agarda que esta rectifique e pida desculpas do mesmo xeito que insiste, tal e como xa fixo por escrito, que AECA inadmita como socio á empresa Cobre San Rafael, en base á información publica do proxecto que pon en dúbida a súa actividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.