Máis de 26.000 persoas asinaron, a pé de rúa, contra o proxecto mineiro de Touro e O Pino

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa veñen de rexistrar na Xunta de Galicia as máis de 26.000 sinaturas contrarias ao proxecto de megamina de cobre recollidas nas diferentes campañas informativas realizadas a pé de rúa nos últimos meses

O pasado mes de setembro, as veciñas de Touro e O Pino decidían xuntarse ante a falta de concreción e numerosas eivas do proxecto que se presentaba para instalar unha megamina de cobre a ceo aberto nos municipios. En dúas semanas, conseguían presentar en prazo máis de 1.500 alegacións contrarias que esixían o rexeitamento do proxecto á Xunta de Galicia, que ofrecía “garantías” segundo Alfonso Rueda. Francisco Conde apelaba naquel entón a que só se permitiría a reactivación da mina se o proxecto “é viable e ten tódalas garantías ambientais, urbanísticas e económicas”.

140 asociacións, 33 concellos, 2 Deputacións e decenas de milleiros de persoas manifestándose en Santiago de Compostela

Nove meses máis tarde, a plataforma deu a luz a un movemento social masivo e cun berro unánime que artella un traballo que abrangue tódalas vías posibles cunha clara mensaxe: non á mina. Charlas informativas, un documental que percorre Galicia, apoio de máis de 140 asociacións, rexeitamento de 33 concellos ata o momento, dúas deputacións (A Coruña e Pontevedra) e unha multitudinaria manifestación na que ducias de milleiros de persoas percorreron Santiago de Compostela na defensa do medio ambiente e de tecidos económicos como a gandería, o turismo e a pesca que se verían gravemente afectados.

O goberno galego non foi capaz de modificar o seu discurso en nove meses, mentres o clamor social non deixou de medrar

Nove meses nos que a loita contra o proxecto mineiro non se permitiu un día de descanso. Nin tan sequera para deixar de esixir ao goberno autonómico a publicación dos informes sectoriais encargados sobre o proxecto e que foron publicados recentemente dando un duro golpe a Cobre San Rafael. Mentres o Servizo de Montes de Medio Rural recorda que unha explotación mineira non está contemplada na actual cualificación urbanística do terreo, Medio Ambiente advirte da falta de “fiabilidade”, Sanidade alerta de que non hai “avaliación de posibles impactos acumulativos” e o IGME critica que as estimacións económicas sexan “confusas”, a posición do goberno continúa inmutable: a aprobación depende de “que se cumpran todas as garantías urbanísticas, medioambientais e técnicas”, segundo declaraba Francisco Conde o pasado xuño a unha pregunta da deputada Montse Prado, nun momento no que xa debería de coñecer o contido dos informes encargados pola súa consellería. O goberno galego non foi capaz de modificar ou adaptar o seu discurso en nove meses, o que propiciou que o clamor social non deixase de medrar.

Esta mañá, as plataformas Mina Touro – O Pino NON e en Defensa da Ría de Arousa volvían ao rexistro xeral da Xunta de Galicia para darlle entrada de 26.112 sinaturas recollidas nos últimos meses a pé de rúa nos numerosos actos, charlas informativas e proxeccións do documental “A ameaza do cobre” que se organizaron para darlle visibilidade ao movemento e informar á veciñanza sobre a gravidade do proxecto. É a confirmación do éxito dun movemento social transversal que conseguiu mobilizar e concienciar á poboación.

Total incompatibilidade da actividade mineira coa agricultura e gandería” Margarita Prieto (SLG)

As veciñas e veciños de Touro e O Pino volveron estar arroupados esta mañá polo Sindicato Labrego Galego e pola rede Contraminacción. Para Margarida Prieto (SLG) os informes de Medio Rural, especialmente o da Dirección Xeral de Saúde Animal, expresan “a total incompatibilidade da actividade mineira coa das granxas que viven da agricultura e da gandería na zona”. Non está de máis engadir que, segundo o estudo realizado polo propio sindicato, nas parroquias afectadas polo proxecto en Touro e O Pino hai unhas “200 granxas que manteñen 5.000 cabezas de gando e 160 postos de traballo directos e permanentes”; fronte aos “empregos temporais da mina que desenvolverán unha actividade insostible, depredadora e incompatible cos sectores económicos agrogandeiros afincados na zona” en palabras da Coordinadora da loita contra a minería do SLG. Guadalupe Rodríguez (Contraminacción) criticou “que a Xunta de Galicia e Núñez Feijoó non se teñan pronunciado en absoluto sobre a mobilización social masiva que está a ter lugar en Touro nin sobre os informes sectoriais do proxecto”.

As mostras de solidariedade “dannos forzas para seguir defendendo a nosa vida en Loxo” Jesús Ares, veciño de Arinteiro

E ante a atenta mirada da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Contraminacción, Sindicato Labrego Galego e as demais asociacións presentes, as veciñas e os veciños de Arinteiro (Loxo, Touro) que unha vez máis volveron a encabezar a protesta. Un emocionado Jesús Ares agradeceu a onda de solidariedade que están vivindo e que chega dende toda Galicia e España asegurando que “nos dá forzas para seguir defendendo as nosas casas, os nosos traballos e a nosa vida en Loxo”.

Estamos dispostos a utilizar todos os medios e medidas que a lei nos dea parar este nefasto proxecto” Isabel García, plataforma veciñal

Isabel García, da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, pechou o acto de rexistro de sinaturas indicando que se está a solicitar a “resolución negativa inmediata do proxecto á vista dos informes sectoriais xa coñecidos” e asegurou que, de non producirse, “seguiremos desacreditando e comprometendo a viabilidade e legalidade do proxecto, sumando apoios e acudindo aos plenos de novos concellos e ao novo equipo do Goberno español”. Para sentenciar que “estamos dispostos a utilizar todos os medios e medidas que a lei nos dea parar este nefasto proxecto”.

Campaña en CHANGE.ORG

No acto aproveitouse tamén, para dar a coñecer unha nova campaña de recollida de sinaturas contrarias ao proxecto, desta vez de xeito online e a través da plataforma CHANGE.ORG a fin de dar cabida ás “numerosas solicitudes que nos chegaron de xente que por traballo ou disposición, non puideron achegarse a ningunha das mesas informativas pero querían amosar o seu rexeitamento ao proxecto” segundo indicou Isabel García.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.