Plataformas anti-minería únense contra a especulación no Día Mundial contra a Minaría

España: unha gran mina a ceo aberto

  • 13 Movementos Sociais en 5 comunidades autónomas están a coordinarse e reivindican o NON Á EXTRACCIÓN ESPECULATIVA e CONTAMINANTE no Día Internacional Contra a Minería a Ceo Aberto.

  • Estas plataformas alertan o 22 de xullo contra a proliferación promovida desde a Unión Europea destas empresas extractoras/especuladoras no Mundo Rural de toda España. 

Rede ContraMINAccion en Galiza

Neste 22 de xullo, Día Mundial Contra a Minería a Ceo Aberto, as plataformas veciñais Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino Non, Plataforma Vida e Ría ou minaría de Lousame, as plataformas da Rede ContraMINAcción de Galicia, a Coordinadora No a la Mina de Uranio de Salamanca, Plataforma No en mi Tierra de Zamora, a Plataforma No a la Mina en la Sierra de Yemas, No a la Mina en el Valle del Corneja, Plataforma No a la Mina en la Sierra de Ávila, a Plataforma Salvemos la Montaña de Cáceres, a Plataforma de La Raya Sin Minas de Valencia de Alcántara, Plataforma Tamuja de Plasenzuela tamén de Cáceres, Plataforma Oro No de Tapia de Casariego en Asturias, e a Plataforma de Afectados por Metales Pesados de El Llano del Beal en Cartaxena, queremos denunciar o grave perigo que sofre o noso país ante os máis de 2.000 expedientes mineiros solicitados, que pretenden, de norte a sur e de leste a oeste, deixar ao seu paso unha España abatida, furada, erma, contaminada, inhabitable.

Somos moitos os que levamos un tempo loitando en contra da especulación dunhas multinacionais mineiras, que decidiron, amparadas pola Lei de Minas de 1973, recuperar antigas explotacións abandonadas ou iniciar novos mega-proxectos. Auténticos lobos con pel de cordeiro, en moitos casos amparados baixo o paraugas dunhas administracións que non velan polo interese dos seus cidadáns.

Hoxe Galicia, Castela e León, Extremadura, Asturias e Murcia berramos unidos en contra do escurantismo co que se moven. Pedimos un cambio de Lei de Minas, anquilosada no tempo, que expropia ao propietario un terreo que é seu. Levantamos a voz para rebater as mentiras que tentan facer crer á poboación.

Non, vostedes non buscan o beneficio do lugar onde se asentan. Prometen unha minería limpa, respectuosa co medio ambiente, que contribuiría á biodiversidade da zona de explotación… Difícil de crer cando non contan coa licenza urbanística correspondente en Salamanca, e xa tallaron 40 hectáreas de aciñeiras centenarias. En Cáceres pretenden “tragarse” literalmente a montaña que rodea a cidade, e que está a tan só 2 km do casco antigo da mesma. E na zona de Valencia de Alcántara os proxectos arrasarían varios pobos, contaminando os acuíferos e impedindo as actividades económicas actuais: agricultura e gandería.

Plataforma Stop Uranio en Salamanca

Hai mellor maneira de demostrar a súa torpeza ante a súa pobre defensa ambiental, que os vertedoiros de residuos estériles de minería, xeradores de drenaxe aceda e as balsas de lodos tóxicos a menos de 200 metros de zonas habitadas, e cunha gran actividade económica como en Galicia? Ou unha planta de concentrados de uranio e un depósito de residuos radioactivos, que afectaría a Portugal por aire e auga contaminando o Río Douro? As súas promesas de restauración brillan pola súa falta de concreción.

O patrimonio tamén se ve ameazado en lugares emblemáticos como o Camiño de Santiago ou pobos abulenses declarados patrimonio histórico artístico.

E todo iso sen esquecer as falacias que transmiten sobre xeración de emprego. Por que non falan dos postos que van destruír en sectores como o agro-gandeiro, turismo rural, turismo relacionado coa saúde, agroalimentario, forestal,…? Cantos postos reais darían a unha poboación local que non está especializada na minería? Un número escaso, sendo moi optimistas, e temporais. E das repercusións na saúde pública, fatais para a poboación?

As súas grandes campañas de márketing patrocinando equipos de fútbol, pagando páxinas enteiras en medios de comunicación e todo aquilo susceptible de venderse non nos impresiona. Sabemos que son bos provocando conflitos sociais, dividindo ás familias nas poboacións nas que se asentan, partindo á sociedade, pero estamos dispostos a plantarlles cara porque temos o exemplo doutras plataformas que o fixeron e gañáronlles. “Tierras raras”, “No a la Mina en la Serra de Ávila”, “Corcoesto” e “Plataforma Oro Non” son un bo exemplo diso.

Queremos lembrar que a minería a ceo aberto non é só unha maneira económica de extraer mineral para as empresas extractivas, senón tamén unha forma moi barata de contaminar aire e auga, esnaquizar paisaxes, despoblar zonas rurais. E unha vez terminada a extracción, só queda unha paraxe abatida, xa que é escaso o número de proxectos restaurados, como se ve en El Llano del Beal de Cartaxena, e tiveron 20 anos para iso.

Gustaríanos non ter que volver conmemorar este día, porque o uso e a extracción de metais e minerais para a industria e o consumo xa non se fixesen por encima da natureza, nin ignorando os dereitos e integridade das persoas.

Plataforma contra a Mina de Touro O Pino en Galiza

Forman parte desta iniciativa:
Coordinación de La Raya sin Minas, Valencia de Alcántara, CÁCERES
Plataforma No a la mina en la Sierra de ÁVILA
Plataforma No a la mina en la Sierra de Yemas, ÁVILA
Plataforma No a la mina en el Valle del Corneja, ÁVILA
Coordinadora No a la Mina de Uranio de SALAMANCA
Plataforma Salvemos La Montaña de CÁCERES
 Plataforma No en mi Tierra de ZAMORA
 Plataforma Tamuja de Plasenzuela, CÁCERES
 Plataforma Vecinal Mina Touro o Pino Non de GALICIA
 Plataforma Vida e Ría ou Minaria de Lousame
 Red ContraMINAaccion de Galicia
 Movimiento de Afectados por los metales pesados de Cartagena, MURCIA
 Plataforma Oro No de Tapia de Casariego ASTURIAS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.