Tres grandes éxitos contra proxectos mineiros en Romanía, Grecia e Sudáfrica

Celebramos coa nosa rede Si á Vida Non á Minería/ Yes to Life Non To Mining YLNM tres grandes éxitos en Romanía, Grecia e Sudáfrica e compartímolos para que sirvan de inspiración para todxs e de ánimo para seguir traballando na tarefa común en defensa da vida, pola nosa saúde, polo xeito no que queremos vivir e pola integridade dos nosos territorios.

En Certej, Romanía

Mining Watch Romania celebra a decisión do Ministerio de Auga e Bosques (MAP) de deter inmediatamente a talla de 56 hectáreas de bosques do Fondo de Bosques romanés.

Sobre estes bosques houbo un longo procedemento nos tribunais. Detrás da intención de deforestar unha área equivalente a 113 campos de fútbol atópase Deva Gold, que pretende abrir a mina de ouro en Certej. O proxecto requiriría o uso do cianuro. Para levar adiante o proxecto mineiro de ouro pretenden tallar un total de 165 hectáreas de bosques, algúns dos cales están protexidos pola Rede Natura 2000 europea.

A mina de ouro de Certej, tamén coñecida como Deva Gold S.A., é un joint venture entre a empresa canadense Elodorado Gold (80%) e a empresa estatal romanesa Minvest Deva (20%). Eldorado Gold é unha empresa mineira low cost (en bolsa, TSX:ELD & NYSE:EGO), que pretende abrir en Romanía a primeira mina de ouro a ceo aberto facendo uso de cianuro. O proxecto estivo inzado de escándalos, problemas de operación, contratempos e oposición nacional e internacional debido ao uso de grandes cantidades de cianuro e á destrución de zonas rurais e bosques entre os que se atopan bosques protexidos. De modo similar ao proxecto de Rosia Montana que se logrou deter, a poboación romanesa asocia o proxecto de Certej á corrupción política de alto nivel.

A decisión ministerial chega como resultado de 4.500 opinións, comentarios e suxestións enviadas pola cidadanía romanesa como parte dun proceso de consulta pública. A participación demostrou que a talla das 56 hectáreas de bosques sería ilegal. Este éxito é importantísimo para as organizacións sociais e os membros da comunidade que participaron na consulta pública.

O bosque ameazado sería a única localización posible para as presas de colas, segundo varios estudos de factibilidade. Con todo, para construír as presas, Deva Gold non conta con dereito de uso sobre a terra nin permisos para tallar os bosques. Para obter o permiso, Deva Gold omitiu ou deixou de notificar os litixios existentes ás autoridades. “Non é a primeira ilegalidade cometida pola mineira. En 2014, Deva Gold comezou a abrirse paso para acceder ao lugar do proxecto sen contar cos permisos de construción”, explica Roxana Pancea, de Mining Watch Romania.

A suspensión da talla é un duro golpe para a empresa mineira e unha enorme vitoria popular. É un impulso ás nosas actividades estratéxicas de denuncia e resistencia”, engade Pancea.

En Halkidiki, Grecia

Un xulgado absolveu a 21 persoas dos falsos cargos por suposta invasión das instalacións dunha mineira, a cuxo proxecto oponse a poboación por motivos ambientais.
O xulgado de Tesalónica determinou que non había probas suficientes para condenar as persoas acusadas, todas as cales negaron ter levado a cabo actos ilícitos. Estaban acusadas de asaltar as instalacións da mineira de ouro, atacar os gardas de seguridade e prender lume á maquinaria e oficinas. Os cargos incluían intento de asasinato, posesión de explosivos, ofensa armada e pertenza a banda armada.
O proxecto mineiro da mineira canadense Eldorado Gold dividiu os habitantes de Halkidiki. Mentres que para un sector de poboación primaba a preocupación pola destrución do medio ambiente e os bosques prístinos, os prexuízos ao turismo e a outras fontes locais de ingresos como a agricultura, a gandaría e a pesca; outro sector acolle con beneplácito os postos de traballo que a mina de ouro e cobre traería, mostrándose a favor dos supostos empregos que a mina de ouro podería traer. A división das comunidades facendo promesas a unha parte da poboación é unha das estratexias coñecidas das mineiras para gañar aceptación dos seus proxectos.


A decisión do tribunal o pasado venres 30 de novembro foi recibida con aplausos no xulgado, repleto de opositores á mina, das aldeas de Halkidiki de Ierissos e Megali Panagia.
O avogado defensor, Giorgos Kyritsis, mostrouse satisfeito coa condena. “Demostrouse claramente que os cargos eran falsos”, declarou a The Associated Press.
Eldorado Gold adquiriu a concesión de Skouries en 2012, e iniciou a construción un ano máis tarde con vistas a explotar unha mina ao descuberto e subterránea. Pero a falta de permisos e licenzas, e a oposición cidadá, levaron a suspender o desenvolvemento da mina. Desde 2017 Eldorado Gold ten o proxecto parado.

En Xolobeni, Sudáfrica

Amadiba Crise Comittee informa que a Corte Suprema confirmou que os proxectos mineiros deben obter o consentimento pleno e previo das comunidades antes de comezar.

Xolobeni é unha comunidade na provincia Cabo Oriental de Sudáfrica. Hai case 10 anos, unha empresa mineira australiana comezou a explorar areas minerais ricas en titanio na área, e iniciou un proceso de participación pública para obter licenza social das comunidades. Pero como a verdade é que a mina desprazaría centos de persoas das terras das que dependen, as comunidades resistíronse. Argumentan que prefiren un desenvolvemento baseado na agricultura e o turismo e non na minería. As comunidades organizáronse como Comité de Crise Amadiba (Amadiba Crise Committee ACC).

ACC levou a empresa mineira e o Departamento de Recursos Minerais do goberno á corte suprema para demandar o Dereito a Dicir Non. Nunha recente sentenza, esta Corte confirmou que calquera proxecto mineiro deben obter o consentimento pleno antes de levarse a cabo no terreo.

A necesidade de levar o goberno aos tribunais para probar xudicialmente que se debe consultar ás comunidades con respecto a proxectos a levar a cabo nas súas terras, enraízase na historia de apartheid e o dereito consuetudinario. En moitas áreas rurais, a posesión da terra non é individual, senón comunitaria, a miúdo baixo o liderado dun xefe. Historicamente, as empresas mineiras simplemente limitábanse a buscar o consentimento do xefe -con frecuencia por medio de subornos ou prebendas- e utilizaron o consentimento obtido deste xeito para proceder a poñer en marcha os seus proxectos.

Este xuízo confirma que é a comunidade, e non individualmente os xefes da mesma, quen debe outorgar o consentimento pleno e informado.

O “Dereito a Dicir NON” baséase na necesidade do Consentimento Previo, Libre e Informado, un paso importante cara ao dereito ao desenvolvemento autodeterminado, segundo os coordinadores da campaña. A campaña difundiuse en redes sociais como #Right2SayNO

Todas estas son importantes vitorias dun traballo máis amplo e todas elas requiren continuar a vixilancia sobre o actuar das empresas mineiras e a connivencia política con accións ilegais e non consentidas polas poboacións afectadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.