Declaración Final do IV Encontro de ContraMINAcción

Declaración Final

IV Encontro de ContraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza

xunto con

Asociación de Afectados por Metales Pesados (Cartagena), Coordinadora No a la Mina de Uranio (Salamanca), La Raya sin Minas (Valencia de Alcántara, Cáceres), No a la Mina en el Valle del Corneja (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Ávila (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Yemas (Ávila), No en mi Tierra (Zamora), Oro No (Asturias), Plataforma Ciudadana Sierra de Morón (Sevilla), Plataforma Sierra de Gata Viva (Cáceres), Salvemos la Montaña (Cáceres), Salvemos las Villuercas (Cáceres) e Unidos em Defesa de Covas do Barroso UDCB (Portugal)

sobre

“Impactos da Minería na Península Ibérica”

Representantes de Plataformas Cidadás arriba mencionadas, apartidistas, afectadas por proxectos mineiros pasados, presentes e futuros, reunidas en Santiago de Compostela os días 15, 16 e 17 de Febreiro de 2019, declaramos a nosa vontade de traballar en conxunto para facer visible o boom mineiro, denunciar as consecuencias que nos trae e detelo, en solidariedade mutua e xunta outros grupos de afectadas e afectados pola minería dentro e fóra das nosas fronteiras.

A minería non é vida, senón a destrución da vida existente, do patrimonio natural e cultural, contaminación, é tamén perigo, precariedade, despedimentos, flutuacións, peches e abandono.

En relación ás diferentes fases dos proxectos mineiros na Península Ibérica:

  • Din que restauran e/ou rehabilitan os terreos, mesmo que os melloran, e, por exemplo, na Serra de Cartaxena as balsas de lodos, vertedoiros e terras contaminadas permanecen abandonadas desde hai décadas, a só uns metros das casas e a escola, regadas coas augas de choiva e o po en suspensión, danando a saúde das nenas e nenos e de toda a poboación, mentres o goberno de Murcia, impasible, nega a situación e elude a responsabilidade.

  • Din que as explotacións e as súas instalacións son seguras, e non contaminan, mentres vimos a desgraza -o crime- recente da ruptura dunha balsa de lodos en Brasil que matou a máis de 300 persoas, respiramos con preocupación porque o derrube da mina de Cobre As Cruces en Gerena (Sevilla) coincidise co cambio de quenda dos traballadores; e elevamos a voz con rabia, porque en San Finx, Galiza, as estrataxemas da administración e a empresa mineira omiten a ameaza de presas de decantación con metais pesados que xa verten á ría e ameazan coa ruptura e a catástrofe.

  • Din que crean traballo, pero nas minas abertas, e segundo as estatísticas oficiais, a media de traballadores é inferior a 15 persoas, como na mina de Aguablanca en Monesterio, onde reduciron o persoal de 25 a 9 traballadores. Sen embargo ameazan miles de traballos reais, arruinando a familias que xa desenvolven actividades sustentables na maioría dos casos, como nas Villuercas, na Serra de Gata e en moitos outros lugares de Estremadura.

  • Din que nas zonas rurais non hai alternativas laborais, pero as Plataformas sabemos que desenvolvemos a vida, amodo pero sen pausa, traballando sen prexuízos para outros sectores, sen ameazar as opcións de futuro, como no occidente de Asturias, en Salave, onde a administración e as empresas mineiras do ouro queren impoñer a súa alternativa destrutiva sobre a vida e tradicións das persoas que se dedican á agricultura, gandaría, marisqueo, pesca, ou sobre o turismo, a educación, a saúde. Ou como en Touro, onde ademais das actividades rurais mencionadas, un proxecto mineiro de cobre atópase a un paso da última etapa do Camiño de Santiago, agora ameazado. E nas Villuercas, Cañamero leva 100 anos coa colonia agrícola funcionando e fixando poboación.

  • Din que é sustentable, pero esgotan recursos naturais non renovables, eliminan a terra fértil que permite a alimentación, queiman inxentes cantidades de combustibles fósiles e de enerxía, acaparan grandes cantidades de auga para contaminala con metais pesados e tóxicos químicos, e abandonala posteriormente. Iso entre outras moitas cousas temen en Ávila, na Serra das Xemas e no Val do Corneja.

  • Din que é en nome da Transición Enerxética e da propaganda que promove os coches eléctricos como o alternativa “cero emisión” e amiga do ambiente, pero afróntana con hipocrisía, proxectando minería de litio e outras materias primas en lugares Patrimonio Mundial Agrícola como Covas do Barroso, en Portugal; e en lugares Patrimonio da Humanidade como a cidade de Cáceres, pretendendo monopolizar e esgotar recursos naturais como a auga, o aire, os chans de alta calidade, para producir e consumir máis e máis.

  • Din que son transparentes, que a poboación pode informarse, participar no modelado do seu modelo imposto, pero isto non é participación senón compensación, pois ninguén nos preguntou, ocúltannos e dificultan o acceso á información, desatenden e desprezan o saber adquirido polos grupos afectados, como sucede con respecto ao proxecto de uranio en Salamanca.

  • Din que somos alarmistas pero ocultan e negan consecuencias dos proxectos mineiros, sen ningunha transparencia, abusando da poboación, aproveitándose do descoñecemento, sen informar das auténticas intencións, nin de futuras ampliacións, nin de riscos; e mesmo pretenden introducir material nesgado e falso nas escolas, como no caso de Galiza, onde, con axuda dos medios de masas, lavan unha imaxe que non poden ocultar, a da realidade.

  • Din que é por nós, pero fáltannos ao respecto e pretenden deixarnos sen futuro.

SOMOS 14 PLATAFORMAS AFECTADAS E OPOÑÉMONOS AOS PROXECTOS MINEIROS QUE AMEAZAN AS NOSAS TERRAS

E denunciamos:

  • Que son excesivos os custos sociais e ambientais asociados á minería do século XXI, os atropelos de dereitos e a destrución, a contaminación e o perigo.

  • Que soster o modo de vida de consumo excesivo dunha parte da sociedade non pode acabar, en nome da sustentabilidade, con zonas e culturas que actual e realmente viven de maneira sustentable, así o fixeron ao longo do tempo, e así desexan seguir facéndoo.

  • Que para levar a cabo os seus negocios mineiros, para conseguir os seus fins lucrativos utilizan de maneira sistemática a especulación, a mentira e o engano, a negación das consecuencias, a publicidade falsa e nesgada, a imposición.

  • A situación política e empresarial do sector mineiro declarando a nosa máis absoluta e rotunda oposición ao fomento da minería e ao abandono das explotacións sen restaurar, sen rehabilitar.

E esiximos:

  • Que as empresas mineiras e os seus intereses lucrativos non poden estar por riba das persoas e comunidades locais, dos seus modos de vida, as súas tradicións, as terras que traballan e que lles serven de sustento, a auga limpa que precisan.

  • Que se declaren como estratéxicas nas zonas rurais as actividades agrarias, gandeiras, agroalimentarias, forestal, pesqueira e turística, prioritarias e prevalentes sempre por riba da minería.

  • Que se declare como recurso prioritario a auga, recurso finito e vital para calquera forma de vida, que se debe garantir e dar especial atención á súa salubridade, acceso universal e gratuíto e subministración; tal como está recollido na Carta de Dereitos Humanos, directivas da UE e lexislacións dos Estados membro.

  • Que os partidos políticos deben representarnos e velar polos intereses da sociedade local en primeiro termo, sendo esta quen debe decidir.

  • Cambios na xestión administrativa e nas políticas.

Santiago de Compostela, 15, 16 e 17 de febreiro de 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.