Plaxios e manipulacións infestan o informe de Felipe Macías do que dependen a mina de San Finx e a imputación do Director Xeral de Minas

O Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, imputado por presunta prevaricación ambiental, usou os argumentos de Macías ante a ONU para tentar negar a contaminación

Demandarán á Universidade de Santiago que lle retire a condición de Profesor Emérito e a súa expulsión da Academia de Agricultura de Francia

Compostela, 30 de xuño de 2019. A vintena de colectivos agrupados na rede ContraMINAcción acaban de denunciar o modo en que a concesionaria mineira de San Finx e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas se tentan apoiar nun informe elaborado por un equipo da Universidade de Santiago dirixido por Felipe Macías para omitir a responsabilidade da empresa en relación aos impactos ambientais causados pola mina no pasado e no presente e, ao mesmo tempo, da administración, que os debería ter evitado.

O primeiro dos informes asinados polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez, o fillo deste Felipe Macías García e outros colaboradores está repleto de plaxios de traballos doutros autores, que se manipulan sen pudor, e mesmo parágrafos enteiros copiados sen citación de blogs anónimos de Internet. O informe fabrica sen calquera base un suposto fondo natural de metais para os principais metais contaminantes que verte a mina (cadmio, cobre e cinc) e aínda recorre a fenicios, romanos, ‘picheleiros’ e ao mesmo Almanzor para repartir culpas.

En 2017 a concesionaria do Grupo Sacyr que explota a mina de San Finx decidiu recorrer a Macías para tentar dar resposta ao mar de alegacións a que deu lugar a tentativa da mineira de verter millóns de metros cúbicos de augas contaminadas por metais pesados no río San Fins, situado apenas 6 km augas arriba da ría de Muros e Noia. As alegacións deixaron en evidencia a burla que supuña o método de “tratamento” inicialmente proposto e como as verteduras provocarían un agravamento crítico da situación de contaminación.

Dous informes de réplica encomendados pola Alcaldía do Concello de Muros e a Asociación Verdegaia, e que agora se fan públicos, puxeron en evidencia os extensos plaxios, carencia absoluta de metodoloxía e graves manipulacións de datos no informe entregado á empresa por Felipe Macías. Entre os textos plaxiados encóntrase un blog anónimo de Internet e un traballo presentado polo que foi director da mina nun congreso da Universidade Politécnica de Madrid.

Un primeiro informe de réplica realizado por sete técnicos, incluíndo o Doutor en Xeofísica Steven H. Emerman, que esta mesma semana realizou unha nova inspección da mina San Finx, desmontou a tese dun suposto fondo natural de metais explicando os impactos actuais da minería. Un segundo informe de réplica, realizado polo Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga André Pena, ocupouse de mostrar non só a burla que representan os argumentos “históricos” presentados por Macías, senón o modo en que estes foron abertamente plaxiados de distintas fontes.

Os argumentos achegados por Felipe Macías non só favorecen os intereses privados da concesionaria do Grupo Sacyr, mais tamén se esgrimiron pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, cuxo Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces se encontra imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental precisamente por ter supostamento facilitado a contaminación causada pola mina San Finx desde a súa reapertura en 2009. No mes de xaneiro de 2019, a propia Dirección de Minas remitiu á ONU a tradución ao inglés de partes dun segundo informe asinado por Felipe Macías, na tentativa de defender ante este órgano a inexistencia de contaminación mineira.

A gravidade dos feitos, non só desde o punto de vista da ética científica, senón tamén pola gravidade das implicacións ambientais e penais que suporía aceptar as teses deitadas por Macías, fai que os colectivos de ContraMINAcción demanden á Universidade de Santiago que retire a condición de profesor emérito a Felipe Macías tras a investigación dos feitos, e revise a relación contractual coas restantes persoas responsables do informe, no suposto que teñan algunha: Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García (fillo do profesor Felipe Macías), Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas. Na medida en que Felipe Macías Vázquez tamén asina os informes como membro da Academia Francesa de Agricultura, demandarán igualmente a esta institución a súa expulsión.

3 reflexións sobre “Plaxios e manipulacións infestan o informe de Felipe Macías do que dependen a mina de San Finx e a imputación do Director Xeral de Minas

  1. Pingback: A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx | ContraMINAcción

  2. Pingback: "A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx" - 21 Noticias

  3. Pingback: A ‘eminencia’ en evidencia: Augas de Galicia desautoriza a Felipe Macías | ContraMINAcción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.