Demandamos aos colexios oficiais de Xeólogos e Químicos que avalíen o informe de Macías e se retracten publicamente.

ContraMINAcción demanda aos colexios oficiais de Xeólogos e Químicos que avalíen o informe de Felipe Macías e se retracten publicamente

–       Lamenta que se descualificaran, sen sequera consultalas, as conclusións do doutor Emmerman acerca do informe (inzado de plaxios) do profesor xubilado Felipe Macías.

–       Remitiuse toda a documentación ás dúas corporacións, solicitando que se pronuncien á vista dos feitos retractándose publicamente

ContraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza, ven de dirixirse formalmente ao Presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro, e ao Decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, expresando a súa protesta formal polas manifestacións subscritas por esas dúas corporacións de dereito público, xunto cos Colexios de Enxeñeiros de Minas do Noroeste e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia.

O pasado 29 de xuño os catro organismos emitiron un comunicado conxunto procurando desprestixiar abertamente ao Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas, indicando que “sus juicios y análisis carecen del rigor necesario ya que no es posible emitirlos sin contar con los datos técnicos mínimos” e calificando os resultados expostos como “un juicio de valor sesgado y parcial, más propio de un postulado ideológico que científico.” Os catro colexios manifestaban o seu “total desacuerdo con las afirmaciones vertidas” en particular, en relación aos comentarios do Dr. Emerman sobre un informe realizado polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez e o seu equipo para a concesionaria da mina San Finx, propiedade do Grupo Sacyr, indicando que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” e a “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”.

Constatando que o pronunciamento dos colexios oficiais se realizou sen ter coñecemento dos informes en cuestión, a rede, integrada por máis de 20 colectivos, remitiu ao colexio de xeólogos e ao colexio de químicos o polémico “Informe sobre alegaciones relativas a la autorización de vertido del proyecto minero de Tungsten San Finx S.L.”, de abril de 2017, suscrito por Felipe Macías Vázquez, Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García, Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas, supostamente adscritos ao Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.

Remitiuse igualmente  aos colexios os dous informes de avaliación sobre este mesmo informe do equipo de Felipe Macías, encomendados en 2017 pola Alcaldía do Concello de Muros e a Asociación Verdegaia, e sobre os que se asentan as conclusións presentadas polo Dr. Emerman na rolda de prensa da semana pasada. Os informes evidencian extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras, co fin manifesto de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais.

ContraMINAcción pide aos Colexios de Xeólogos e Químicos que realicen pola súa parte unha avaliación independente do informe de abril de 2017 dirixido por Felipe Macías, e que atendan igualmente aos argumentos expresados nos informes de avaliación realizados a petición de entidades da Rede, asinados, entre outros, polo propio Dr. Emerman. Demándalles que fagan públicas as conclusións das súas avaliacións e, de verificar os extremos denunciados polo Dr. Emerman, se retracten e pidan de xeito público desculpas ao Dr. Emerman e ás entidades que requiriran os seus servizos.

ContraMINAcción lémbralle aos dous organismos que dando cobertura á actuación de Felipe Macías e a concesionaria mineira non só están desprestixiando os colectivos profesionais que representan, máis tamén vulnerando as súas propias normas deontolóxicas. Así, o Código Deontolóxico do Colexio de Químicos de Galicia indica que os colexiados “deberá(n) esforzarse en buscar a orixe e a verdade dos feitos científicos, dándoos a coñecer, cando sexa necesario, sen exaxeralos, falsealos, nen deformalos”. O mesmo código indica que os colexiados “desaprobarán e non colaborarán en empresas, accións ou traballos que conduzan a resultados contrarios ao interese público ou que poidan supor un risco indebido para a vida, a saúde das persoas, o medio ambiente ou o benestar social”.

Pola súa parte, as normas deontolóxicas do Colexio de Xeólogos tamén recollen a necesidade de “actuar con integridade científica” e atendendo ás “exixencias da sociedade en materia de medio ambiente, evitando a transferencia de produtos indesexables ao medio natural e tendo sempre presente os principios de sustentabilidade e cautela”. Por isto mesmo, desde ContraMINAcción, e á vista dun informe cuxo único obxectivo parece ser fabricar un fondo natural de metais con importantes implicacións ambientais e mesmo penais, solicítase a ambas institucións para que, no caso de algún dos seus colexiados sexan subscritores do informe encabezado por Felipe Macías, procedan a abrir expedientes disciplinarios para deslindar responsabilidades pola súa participación no mesmo, á vista dos correspondentes códigos deontolóxicos.

Nota de presa emitida polo Colegio de Ingenieros de Minas del Noroeste, Colegio de Ingenieros técnicos y grados en Minas y Energía de Galicia, Colegio de Geólogos de España e Colexio Oficial de Químicos de Galicia

5 reflexións sobre “Demandamos aos colexios oficiais de Xeólogos e Químicos que avalíen o informe de Macías e se retracten publicamente.

  1. Pedro Yáñez Puentes

    Onde se poden encontrar, tanto o estudo de Felipe Macias, como o rebate pola vosa parte? Moitas gracias

    Responder
  2. Pingback: A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx | ContraMINAcción

  3. Pingback: A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx - 21 Noticias

  4. Pingback: A ‘eminencia’ en evidencia: Augas de Galicia desautoriza a Felipe Macías | ContraMINAcción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.