Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

O Monte Neme galego

Compartimos esta reflexión da Plataforma Pola Defensa do Monte Neme, colectivo que fai parte de ContraMINAcción.

Dende vai tempo vimos advertindo da promoción (directa ou indirecta) das balsas e a canteira do Monte Neme como lugar turístico por parte de particulares (instagramers ou non), prensa e incluso entidades públicas.

Estes días vemos o Monte Neme moito nos medios, na maioría das ocasións facendo unha denuncia condescendente dos instagramers que se bañan alí, mentres ao mesmo tempo, se loan as belezas das súas augas turquesas e paisaxe exótico ou se cualifica como un paraíso. Bañarse está moi mal, din, pero engadindo na mensaxe “prohibido”, “belas augas”, “exótico” ou cualificativos semellantes e ademais dicindo que todo o mundo devece por achegarse ata alí. Facendo isto acéptase e foméntase o comportamento de ir á canteira.

Hai quen vai máis alá e non de forma inocente o usa para facer chegar a súa mensaxe ou a súa promoción, sexa turística, política, persoal ou audiovisual. E así, agora temos que o Monte Neme é o “Chernobyl galego”.

Por que? Pois porque se acaba de estrear unha serie homónima sobre a catástrofe nuclear do 86. Primeiro fálase do Monte Neme, dando unha imaxe romántica e adornada da canteira, pasando de ser unha canteira de seixo a unha mina de volframio nazi como preámbulo para chegar a radioactividade e rematar nomeando a serie en cuestión para promocionala. E isto só é o comezo, pois parece ser que se está a rodar alí unha serie e din que en pouco tempo o Monte Neme será tendencia. Máis romaría moderna.

O problema é máis ca uns frikis bañándose, é o funcionamento das redes sociais e os medios tradicionais, e é un problema estrutural da sociedade. Porque non somos conscientes e porque se permite. Permítese dende as institucións por acción ou omisión, promocionándoo ou deixando que o problema creza por non tomar as debidas medidas que a lei esixe.

Tamén a propia xente común o permite. Hai xente que todo isto o considera positivo e unha oportunidade, un filón que explotar. Que veña a xente e que falen de nós, dá o mesmo que veñan ver as nosas porqueiras. Soa mal, pero é o que é, e é o que lles estamos a ofrecer. Ademais, é tratar a xente de fóra de parvos. Tal turismo ofrecemos, tal turismo recibimos. Aínda peor, convivimos con eles e coa situación, e pasa a formar parte da nosa imaxe e logo de nós mesmos. Nós mesmos, os de aquí, o tragamos cando somos os primeiros que recibimos estas propostas e aceptamos como boa esta situación, para acabar sendo partícipes nesta farsa convertidos en anfitrións de paisaxes alleas.

Os esforzos por dignificar e promocionar uns concellos de Carballo e Malpica como culturais, artísticos, naturais, costeiros e megalíticos quedaranse no “Chérnobil galego”. Á terra dos mil ríos e mil fontes, non veñen a vernos a nós, a nosa esencia e os nosos paisaxes, os nosos monumentos milenarios e a nosa cultura, non, só veñen ver as pozas dunha canteira, as Maldivas dos probes e fachendosos e o maldito Chernobyl.

Cal é a solución, pois? O problema require unha reflexión máis profunda: que tipo de turismo e entornos queremos para nós mesmos? Queremos un “posTurismo” ou “turismo negro” (“dark tourism”) de paisaxes degradadas alieníxenas devidas en escenarios do glamour?, ou pola contra, queremos ter unha oferta verde e cultural que encaixe coa historia do noso monte e da nosa terra? Queremos un turismo orientado ao foráneo, ou unha oferta para viaxeiros e propia, que nos defina e poidamos vivir e gozar nós mesmos en primeiro termo?

Quen teña a autoridade de decidir e mudar as cousas, polo menos que sexa coherente e aposte por algo abertamente, e que asuma a súa responsabilidade. O primeiro é protexer á xente dos riscos da canteira e arranxar este perigo público coa restauración debida. Ademais debería escoitar, aceptar e incluír as propostas da cidadanía, dende a cal non deberiamos permitir que a restauración e futura actuación sexa un lavado de imaxe das malas praxes mineiras e institucionais.

Para nós, sería unha verdadeira mágoa manter a situación actual e deixar crecer a bola ou apostar directamente por un turismo de paisaxes degradadas e que nos coñeceran desa maneira. Se non tiveramos nada… quizáis, pero tendo un monte cheo de patrimonio e historia, sería unha mágoa desaproveitar a oportunidade. Cando poderíamos ser coñecidos coma o “Stonehenge galego”, ou o “Monte Olimpo galego” ou, se preferides non ir tan lonxe, a “Santa Tegra bergantiñán” ou o “Monte Pindo bergantiñán”.

O Monte Neme é o “Monte Neme galego”, o monte mítico galego. Os apelidos e alcumes temos que aprender a poñelos nós mesmos.

14 de Xullo de 2019

Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.