Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx

  • ContraMINAcción revela os informes sobre as presas de residuos mineiros que a Dirección Xeral de Minas pretendía facer pasar por embalses hidroeléctricos
  • O Director Xeral de Minas utilizou informes con datos falsos do catedrático da USC Felipe Macías para tentar ocultar a contaminación por metais pesados causada pola mina
  • ContraMINAcción demanda aos colexios profesionais de xeólogos, químicos e enxeñeiros de minas a que se retracten en relación ao apoio prestado aos informes de Felipe Macías 

A Xunta leva desde 2017 mentindo aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en particular a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU. Así o evidencian novos informes realizados por Augas de Galicia e que confirman non só o carácter mineiro das presas de residuos máis tamén o problema de contaminación continuada.

Fronte ás queixas que evidenciaban o abandono de dúas presas de residuos mineiros e a contaminación continuada por metais pesados que afecta non só ao río San Fins máis tamén á ría de Muros-Noia e o Esteiro do Tambre, en Rede Natura 2000, o departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, imputado precisamente por ter permitido a posta en marcha da mina San Finx en 2009, bombardeou a estes organismos internacionais con informes repletos de afirmacións falsas que buscaban desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas.

De depósitos de lodos mineiros a “embalses hidroeléctricos”

En 1928 e 1939 as entón concesionarias mineiras construíron sobre o cauce do río San Fins dúas presas de decantación de lodos mineiros, seguindo o método de ‘presas de colas fluviais’ (riverine tailings) habituais nas minas coloniais británicas da primeira metade do século pasado. Adquirida a mina polo Banco Pastor en 1940, as presas de residuos mineiros continuaron sendo utilizadas pola explotación, como evidencian os plans anuais de labores presentados ata o ano 2000, no que se abandona por completo e se deixa de presentar estes documentos preceptivos. A falla dunha das comportas da presa maior, de 13 metros de altura e 50 de lonxitude, causou o que na altura se deu en chamar a “catástrofe de 1960”, feitos sobre os que en 2019 se estreou o documental de investigación “San Finx 1960” de Irene Pin.

Despois de dous anos de investigación nos que se analizou a documentación histórica existente, en febreiro de 2019 Augas de Galicia emitiu un “Informe sobre a titularidade das presas San Finx” que indica que “pódese concluír que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”. Por iso, afirma, a súa seguridade depende dos órganos competentes en materia de minas que, non obstante, levan tentando ocultar a súa existencia desde 2009, ano no que as presas se deixaron fóra dos proxectos de restauración e explotación. Augas de Galicia conclúe que “sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada”.

Ante tales evidencias, destacan as falsidades dos técnicos de minas e do propio Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces. Nun informe de 21/01/2019 remitido á ONU pola Xunta, o enxeñeiro de minas con responsabilidade pola supervisión das minas de San Finx e de Touro, Rafael Recuna, indica que é “irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior” mentres que o seu superior, o Xefe do Servizo Territorial de Enerxía e Minas e Decano en Galicia do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España Juan José Iglesias Suárez, afirma noutro informe da mesma data tamén destinado á ONU que “o único certo é que nos arquivos da Administración Mineira non existe ningún documento no que se autoricen as citadas presas de formigón que se encontran no cauce do río fóra do perímetro da explotación mineira”. Mesmo o Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces dirixiu unha instancia á ONU para indicar que, a pesar de apareceren as presas no “Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia” feito pola propia Xunta en 1999, estas non serían “instalacións da explotación”. Tahoces encomendou tamén informes para enviar ao Comité de Peticións do Parlamento Europeo, entre eles un de 29/03/2019 asinado polo mesmo enxeñeiro Rafael Recuna, no que volta a insistir que “As presas non foron construídas co propósito de formar parte do proceso mineralúrxico” senón que “probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico”. Xusto no periodo comprendido entre os dous informes deste enxeñeiro da Xunta, tornouse pública a imputación do Director Xeral de Minas.

Vestindo a contaminación mineira como “fondo natural de metais”

A Xunta de Galicia ten constancia da contaminación por metais pesados causada polas minas de San Finx polo menos desde 1990, ano no que as analíticas requiridas pola Fiscalía evidenciaron a contaminación que desde a mina baixaba en dirección á ría. En lugar de recoñecer a situación constatada desde 2016 por Augas de Galicia, con niveis de cadmio, cobre e cinc que superan amplamente os limites máximos legais permitidos, o mesmo enxeñeiro Rafael Recuna no seu informe para a ONU nega a “existencia de augas ácidas de mina” e cita un “estudo” realizado para a empresa mineira polo profesor emérito da USC Felipe Macías Vázquez no que se conxectura sen base científica algunha a existencia dun “fondo natural de metais” que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias.

O “estudo” que asina Felipe Macías xunto con varios colaboradores do seu “Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental” pretendía xustificar que a empresa puidese verter augas contaminadas con cadmio con total impunidade de xeito perpetuo. Tamén o Xefe do Servizo de Enerxía e Minas Juan José Iglesias Suárez respaldou no seu informe a conxectura de que a contaminación se dá de “forma natural”, descalificando as entidades ecoloxistas que cuestionaban tal falacia: “Desconozco quien asesora técnicamente a los denunciantes, pero considero grave calificar de falacia las afirmaciones incluidas en el párrafo anteriormente transcrito, que constituyen una valoración cualitativa, no cuantitativa, basada en los fundamentos de la disciplina técnica de la geoquímica de suelos y aguas, como cualquier técnico especialista conoce.”

Non obstante, desconfiando das pretensións da empresa mineira, filial do Grupo Sacyr, apoiadas en todo momento pola Dirección Xeral de Enerxía Minas, Augas de Galicia decidiu encomendar unha asistencia técnica á Universidade da Coruña por medio do grupo de investigación AQUATERRA, que dirixe o Catedrático de Hidroloxía Javier Samper, para avaliar a validade e veracidade das conclusións do estudo de Felipe Macías achegado pola mineira para evitar un tratamento das súas verteduras que eliminase a carga contaminante en condicións. Lonxe de avalar as conxecturas de Macías e Sacyr sobre un “fondo natural de metais”, o informe de 240 páxinas da Universidade da Coruña refuta os métodos e conclusións evidenciando, como xa o fixeran as entidades ecoloxistas, que a contaminación por metais pesados se produce como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira.

O papel de Felipe Macías e os colexios profesionais

Os informes encomendados por Augas de Galicia e agora feitos públicos non só poñen en dúbida a actuación da empresa mineira e do departamento que dirixe o imputado Ángel Bernardo Tahoces, máis sobre todo a credibilidade dos traballos que Felipe Macías ven asinando para favorecer proxectos mineiros como os de San Finx ou Touro, onde chegara a propor, como consta na DIA negativa emitida a pasada semana, a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre como excusa para non restaurar os cauces contaminados.

O 29 de xuño do ano pasado, o Colexio Oficial de Xeólogos, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste (do que en Galicia é Decano o propio Xefe de Minas da Coruña Juan José Iglesias Suárez) e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia emitiron un duro comunicado conxunto que pretendía desprestixiar publicamente o traballo do Doutor Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas. Emerman cuestionara as conxecturas de Felipe Macías evidenciando extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras no seu anterior informe sobre San Finx de abril de 2017, co fin manifesto de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais. En contestación a ese primeiro informe de Macías, o Concello de Muros e Verdegaia encomendaran un informe técnico sobre as verteduras e outro informe histórico.

Fronte ás críticas de Emerman e outros técnicos, confirmadas agora nos informes de Augas de Galicia, os catro colexios profesionais indicaban que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” [Macías] e “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”. Os catro colexios manifestaban daquela o seu “total desacuerdo con las afirmaciones vertidas” indicando que “sus juicios y análisis carecen del rigor necesario ya que no es posible emitirlos sin contar con los datos técnicos mínimos” e calificando os resultados expostos como “un juicio de valor sesgado y parcial, más propio de un postulado ideológico que científico.” ContraMINAcción pregúntase se os mesmos colexios se pronunciarán agora de igual xeito ante as consideracións feitas no informe sobre San Finx liderado polo Catedrático da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña Javier Samper e cando a propia Xunta refrendou na súa DIA negativa ao proxecto mineiro de Touro as alertas expresadas no informe de Emerman.

Antes as críticas a Emerman do pasado ano, ContraMINAcción dirixiuse formalmente ao Presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro, e ao Decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, expresando a súa protesta formal polas manifestacións subscritas e enviándolles os informes íntegros para que os analizasen con rigor. Medio ano despois, sen que houbese resposta algunha e á vista do novo informe da Universidade da Coruña que evidencia a absoluta ausencia de base científica das pretensións defendidas pola Xunta e Felipe Macías, ContraMINAcción pídelle novamente aos catro colexios profesionais que se retracten do contido do seu comunicado conxunto e condenen formalmente a absoluta falta de ética e rigor que evidencian os informes emitidos por Felipe Macías e o seu equipo.

Informes íntegros

Informes dos funcionarios da Dirección Xeral de Enerxía e Minas

4 reflexións sobre “A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx

  1. Pingback: A Xunta outorga unha “autorización” de vertidos encuberta á mina de San Finx | ContraMINAcción

  2. Pingback: Campaña para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros de San Finx | ContraMINAcción

  3. Pingback: Lanzan campaña para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros de San Finx - 21 Noticias

  4. Pingback: ContraMINAcción presenta unhas directrices internacionais para acabar cos desastres das presas de residuos mineiros | ContraMINAcción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.