A Xunta insinúa que unha das presas de residuos mineiros de San Finx era para moer millo

  • A Dirección Xeral de Minas pretendería así evitar que sexa a concesionaria mineira, do Grupo Sacyr, quen asuma a restauración da zona contaminada.
  • O informe emítese no momento en que están imputados varios funcionarios e autoridades por mentir sobre as presas de residuos mineiros.
  • A rotura da presa, a 5 km da ría de Noia, podería producir un importante impacto ambiental, segundo informou Augas de Galicia.

A rede ContraMINAcción considera “esperpéntico e demostrativo da corrupción rampante na Xunta” que nun xiro inesperado, que a Dirección Xeral de minas insinúe agora que unha das presas de residuos mineiros das minas de San Finx (en Lousame), a maior delas e que pecha un val fluvial cun dique de contención de lodos de 50 metros de cumprimento e 14 metros de altura, fose para mover un pequeño muíño negral no que moía millo a veciñanza.

Así o indica nun informe informe asinado pola enxeñeira técnica de minas Olga Barreira Sevillano, funcionaria do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, que fora xa imputado precisamente por deixar estas presas mineiras fóra do proxecto de restauración que aprobou en 2009 sen trámite ambiental algún. Sen embargo, as presas figuran como instalacións de residuos mineiros tanto nos plans anuais de labores presentados pola mina ata o ano 2000 como no “Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia”, encomendado pola Xunta en 1999 trás o desastre de Aznalcóllar.

O informe no que se vincula a presa maior de residuos e o pequeno muíño de millo foi encargado por “orde verbal” do Xefe Territorial da Consellería de Industria na Coruña, Isidoro Martínez Arca, co propósito de remitilo a Augas de Galicia, que xa determinara o ano pasado que se trataba de presas de residuos mineiros e pretendía obrigar á empresa ao seu desmantelamento e restauración da zona.

Segundo os colectivos integrantes de ContraMINAcción, trátase dunha tentativa desesperada de evitar tanto a responsabilidade da concesionaria mineira, unha filial de Valoriza Minería (Grupo Sacyr), como unha escapada cara adiante por parte dos propios funcionarios e autoridades agora imputados por mentir reiteradamente en documentos públicos relativos ás presas mineiras. Os colectivos indican que é sobradamente coñecido que o maior dos depósitos mineiros fora construído pola mina en 1939 e que protagonizou o chamado “Desastre de 1960” trás a rotura das súas comportas (como recolle o documental “San Finx 1960”).

Nun informe de 2017, Augas de Galicia afirmaba que no caso dunha eventual rotura desta presa de maiores dimensións “o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental” mentres que nunha visita de inspección realizada en 2019 polo hidrólogo especialista en presas mineiras Steven H. Emerman concluiuse que a mesma presa presentaba signos evidentes de licuefacción interna o que levaría más cedo ou máis tarde á súa falla crítica, co impacto que iso causaría sobre a ría de Muros e Noia e o LIC Esteiro do Tambre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.