O goberno do PP na Xunta de Galicia pretende acurtar nun terzo os prazos de tramitación dos grandes proxectos industriais, prazos que xa quedaran minguados pola Lei da Depredación de Galicia
Aspiran a solapar informes sectoriais dos proxectos, o que dificultará aínda máis a participación e o acceso á información ambiental
A posta en marcha deste proxecto tratarán de financiala cos cartos destinados a paliar os efectos da pandemia
O goberno galego do Partido popular que lidera Alberto Núñez Feijóo, pretende implantar nun prazo inmediato unha “importante” reforma administrativa orientada a axilizar a autorización de grandes proxectos empresariais. Quérese reducir burocracia e contraer as etapas administrativas que toda iniciativa industrial debe superar antes obter o visto e prace para así comprimir a tramitación e mellorar a competitividade. O obxectivo é acurtar ata un terzo a duración de todo o proceso beneficiando ás grandes corporacións empresarias eólicas e mineiras, e prexudicando á participación pública.
Esta noticia sorprende e alerta especialmente á cidadanía e as entidades ambientais nestes tempos de pandemia. O estado dos nosos ecosistemas, cunha biodiversidade moi danada fai que esteamos máis expostos á mesma e á posibilidade de que situacións parecidas volvan suceder. A existencia de máis dun millón de especies está ameazada pola acción do home, e con cada perda dunha especie diminúe o efecto de dilución ou amortiguamiento da propagación de infeccións dunha especie animal ao home.
Porén o goberno do PP na Xunta de Galicia está a implantar unhas políticas económicas agresivas co ambiente, que facilitarán proxectos empresariais depredadores de recursos acurtando os tempos precisos para valorar debidamente os impactos ambientais derivados dos mesmos.
Galicia en rebaixas e a prezos de saldo. A letalidade das políticas depredadoras do Partido popular de Galicia
A cidadanía galega aínda non asumiu os efectos da chamada “Lei de Depredación de Galicia” que modificou normas tan importantes como a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico, a Lei 3/2008 de minería ou a Lei 7/2012 de Montes. Esta lexislación xa reduciu ás corporacións e grandes empresas os requisitos para declarar os seus proxectos como industriais estratéxicos. Deste xeito benefícianse da ausencia do control urbanístico, e dun uso prioritario do chan fronte a calquera outro uso. Tamén poden recibir adxudicacións directas de chan e maiores subvencións por parte do goberno. Isto ademais é agravado por unha opacidade absoluta en torno á tramitación administrativa.
As probas evidentes atópanse en casos como o parque eólico do Iribio, paralizado polo TSXG e que Fergo Vento coa complicidade do goberno galego pretendía implantar no Courel, en plena Rede Natura. Outro exemplo, as minas de níquel de Castriz en Santa Comba, promovidas por unha estrutura espuria de empresas que con autorización implícita da Xunta de Galicia, pretendía eludir todo tipo de controis ambientais, ao igual que a súa homóloga mina de Varilongo, reactivada tras máis de 30 anos de paralización irregular sen avaliación de impacto ambiental.
Outro caso semellante, o proxecto eólico das Salgueiras, en Corme, que pretenden implantar á beira da Rede Natura e sen unha previa avaliación das repercusións sobre a Rede Natura 2000, infrinxindo o Plan de Ordenación do Litoral (POL) e toda a normativa da Paisaxe.
Demandas ao Executivo galego de Alberto Núñez Feijóo
Desde ContraMINAcción, as entidades ambientais e ecoloxistas de Galicia demandamos ao goberno galego que presidente Alberto Núñez Feijóo:
1.- un pouco de “sentidiño” común en tempos de coronavirus e máis garantías ambientais, para protexer os recursos naturais de Galicia, –incluíndo as Paisaxes– afectados gravemente polo descontrol da planificación eólica, a minería irresponsable e a eucaliptización.
2.- a utilización dos fondos europeos destinados á recuperación dos efectos provocados pola pandemia na sanidade, na recuperación e educación ambiental, e no ensino, e non para depredar o territorio e deteriorar o medio.
3.- o impulso dun novo Plan Sectorial eólico para Galicia que integre as políticas derivadas das directrices das Paisaxes de Galicia, da protección dos espazos naturais integrados na Rede Natura, no Plan de Ordenación do Litoral (POL), o patrimonio cultural e arqueolóxico e garanta a participación da cidadanía no seu proceso de elaboración.
4.- a paralización inmediata de políticas “facilitadoras” da implantación de empresas, que non teñen outro efecto que a venda de Galicia a prezos de saldo ás grandes industrias e corporacións, que non deixan retorno social algún para as comunidades locais que sofren ou soportan os efectos da depredación dos seus recursos.
5.- O fomento dos bosques e da biodiversidade destes, freando sen demora a expansión incontrolada das plantacións de eucaliptos, os monocultivos forestais e finiquitando unhas políticas de caza letais para os ecosistemas, que fomentan o descontrol cinexético ao permitir a importación de especies de países do leste europeo para aumentar a sobrepoboación, ante a ausencia de especies propias autóctonas.
Un atentado a nuestro medio ambiente y carta libre para multinacionales.
Acortando los trámites ganan los de afuera y poco ten que decidir el que vive ahí!
Non a este despilfarro.
¿ Modificase a Lei de Ordeación Mineira de Galicia? Xa o teñen feito outras veces
Pingback: Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2020 - Ingeniería Sin Fronteras