A Xunta tenta encubrir as irregularidades na mina de litio de Beariz denegando o permiso

Aínda que a denegación do permiso ao proxecto Alberta I xustifícase por un informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, pode ser unha manobra para eludir a acción da xustiza

A Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción quere expresar a súa satisfacción diante da negativa da Xunta de Galicia a aprobar a concesión para explotar o proxecto mineiro Alberta I, permiso solicitado pola empresa Recursos Minerales de Galicia SA. Trátase dunha boa nova, xa que, polo de agora, evitarase a destrución dunha grande área de territorio, principalmente nos municipios de Beariz, Avión e Forcarei, que abrangue 12 quilómetros de longo e unhas 1.680 hectáreas de superficie (60 cuadrículas mineiras).

Dicimos “polo de agora” porque é moi posible que a empresa recorra esta decisión presentando unha nova solicitude sen incorrer de maneira tan descarada e evidente en tantas irregularidades e defectos no proceso administrativo que denunciamos os colectivos que formamos parte de ContraMINAcción. Baste con lembrar que un proxecto mineiro de tal envergadura, que ía causar danos irreversibles nunha parte considerable do territorio dos concellos afectados, carecía dun informe esencial para a súa aprobación como a avaliación de impacto ambiental. E isto co consentimento de altos cargos das consellarías de Medio Ambiente e de Economía, Emprego e Industria, que poderían ter incorrido en presuntos delitos de prevaricación.

Por iso, dende ContraMINAcción acollemos con cautela esta nova, xa que a denegación do permiso podería deberse, máis que a un informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a unha retirada temporal e estratéxica dos organismos públicos implicados para evitar a acción da xustiza. Tal e como fixemos até agora, dende ContraMINAcción ficaremos vixiantes para fiscalizar calquera nova decisión que a Xunta de Galicia poida tomar respecto deste proxecto, sobre todo agora que conta co amparo de ferramentas como a Lei de Depredación de Galicia para facilitar a súa aprobación.

Parabéns á Plataforma SOS Suido Seixo e a toda a veciñanza!

1 reflexión sobre “A Xunta tenta encubrir as irregularidades na mina de litio de Beariz denegando o permiso

  1. jose manuel fernandez vazquez

    A empresa recorre,pode facelo? ¿Ten CONTRAMINACCION datos, non cotilleos de que Existen consentimentos ou acordos tácitos de altos cargos das Consellerías de Medio Ambiente e Economía, Emprego e Industria que poideran ter incorrido en presuntos delitos de PREVARICACION que ao meu entender consiste en dictar Resolucións inxustas a sabendas. Se vostedes teñen indicios de verdade, e esto non é un “postureo” de ver quen é mais ecoloxista.DEIXEN DE ALARMAR E PRESENTEN DUNHA PUÑETEIRA VEZ ESES INDICIOS DIANTE DA XUSTIZA, DA VALEDORA DO POBO, DEL DEFENSOR DEL PUEBLO. e NON ENREDEN NON DESINFORMEN. E se alguen se aburre que saque os pelos dunha perna e os poña na outra
    SINTO TER CHEGADO A ESTA CONCLUSION PERO NON SOPORTO AOS ECOPIJOS. Se non vos desborda o traballo poderiades, aconsello, comentar se ides presentar as alegacións ao proxecto de drenaxe temporal das augas dos rios Pucheiras, Felisa á balsa de Vieiro da Mina de Touro Releo o texto e pido disculpas por se alguén se poidera sentir ofendido

    Responder

Deixa una resposta a jose manuel fernandez vazquez Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.