Premio da Universidade da ONU para un espectáculo de monicreques sobre os impactos da minaria

A xurado do Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas voltou a escoller este ano un proxecto do Centro de Saberes para a Sustentabilidade para outorgar un dos seus galardóns de “Proxecto Insignia Extraordinario” (Outstanding Flagship Project) na 9ª edición dos seus Premios RCE para proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel.

Se o ano pasado a instititución galega recibía este galardón, que recoñece as mellores iniciativas pedagóxicas a nivel mundial no ámbito da sustentabilidade, polo libro infantil “A mina contamina”, o documentario “San Finx 1960” e dúas unidades didácticas asociadas que explicaban os impactos da minaría de xeito comprensíbel para todos os públicos, este ano a Universidade da ONU decidiu distinguir un espectáculo de monicreques basado no proxecto anterior.

O Centro de Saberes para a Sustentabilidade deciciu producir e tornar público o vídeo do espectáculo a raíz da situación causada pola COVID, que imposibilitou a xira dos monicreques polo país que estaba a ser preparada. Deste modo, ofrécese de xeito gratuito xunto co libro infantil, unidades didácticas e documentario para que familias, centros e colectivos de todo tipo poidan utilizalos para entender mellor as consecuencias ambientais e sociais da minaría, en particular a contaminación por metais pesados.

Este ano, a iniciativa galega foi un dos 9 proxectos de todo o mundo que alcanzaron a máxima categoría de “Proxecto Insignia Extraordinario”, reservado para as propostas máis innovadoras e mellor fundamentadas desde o punto de vista pedagóxico e científico. “A mina cotamina” xa despertou interese noutros lugares do mundo, con iniciativas e solicitudes para traducir os materiais para o inglés, castellano e serbo-bosnio-croata.

Participaron na elaboración deste proxecto do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, a Fundação Montescola, a produtora cultural Axóuxere, o grupo Barahúnda e a Asociación Bubela de Abuín, contando ademais coa colaboración do Concello de Rianxo, a Rede ContraMINAcción, a Guerilla Foundation e a Plataforma PLADEMAR.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.