No mes de febreiro de 2020, soubemos das conclusións dunha DIA negativa que anulaba o proxecto da mina a ceo aberto nos concellos de Touro e O Pino e que concluía:
“A reactivación da actividade mineira prevista vai supoñer unha nova presión sobre os sistemas fluviais e as augas subterráneas, sen que se garanta que non se vaia a producir un novo impacto negativo sobre o ciclo hídrico e sen que conste na formulación actual da avaliación practicada a necesaria conformidade da unidade competente en materia de planificación hidrolóxica do Organismo de Bacía.
Na situación actual, o proxecto non dá resposta completa ás medidas de xestión a adoptar en caso de escenario accidental e, incluso, as medidas de prevención e xestión da continxencia parecen limitarse a xustificar que o suceso non se producirá. Por conseguinte, en caso de materializarse un escenario de risco, non se pode garantir que a actuación proxectada non produza unha grave afección aos valores naturais da zona nin un prexuízo á integridade da Zona de Especial Conservación, en diante ZEC, “Sistema fluvial Ulla-Deza”.
Unhas conclusións breves para tres anos de resposta social, informes técnicos negativos e centos de organizacións sociais e locais que arremeteron con contundencia contra o que era máis que evidente. Unhas conclusións que resumen 3 anos de traballo contra un proxecto sen garantías, que soubemos ver nun mes de exposición pública que nos deron para poder presentar alegacións, e sen embargo a administración dilatou e estirou sen explicación durante 4 anos hasta o día de hoxe.
A pesares das evidencias, tivemos que agardar até hoxe, máis dun ano dende a DIA Negativa, a que a Dirección Xeral de Planificación enerxética e Recursos Naturais, vía nota en prensa, dera a coñecer a súa decisión de comunicar a Resolución negativa do proxecto á mercantil Cobre San Rafael SL.
Unha resolución que aínda descoñecemos en que termos se expresa, pois ningunha das organizacións e persoas que figuramos na causa como interesadas e/ou afectadas fomos informados nin nos foi aínda remitida, polo que agardamos que se nos poida facer chegar o antes posible sen ter que vernos forzadas a reclamala administrativamente.
Como xa é de costume que nos obriguen a reclamar o que por dereito nos pertence, queremos lembrar as declaracións do anterior Director Xeral de Enerxía Minas o señor Ángel Bernardo Tahoces ás persoas da Platafoma contra a mina de Touro, comprometéndose a comunicar a todas as persoas recoñecidas como parte interesada ou afectada a Resolución definitiva no momento en que se producira. O señor Tahoces foi relevado do seu cargo, mais agardemos que a súa sucesora sí poida cumprir con aquela promesa.
Lembremos que de non ser pola resposta social e cidadá este proxecto e tantos outros de similares características – Santa Comba, San Fins, Monte Nema, Serra Suido, Iribio, Terra Chá, Mesía-Frades, …- son susceptíbeis de aprobación sen ningún tipo de supervisión, nin comprobación, con todas as catastróficas, terríbeis, calamitosas repercusións e ausencia de garantías que implican para o medio natural, cultural, como así quedou demostrado no caso do proxecto da mina de Touro.
Lembremos que resulta esencial que as administracións deben permitir que a cidadanía e as organizacións ambientais, sociais, veciñais, … teñan dereito ao acceso á información pública en tempo e forma que lles permita defenderse e defender os seus medios de vida e o medio natural e cultural que habitan, en defensa tamén dos seus recursos económicos para vivir, non solo as multinacionais.
Neste proxecto quedou en evidencia a mercantil promotora e tamén a administración.