MÁIS DUN CENTO DE COLECTIVOS RECORREN E PIDEN A SUSPENSIÓN DAS DÚAS ORDES DA XUNTA QUE REACTIVAN A TRAMITACIÓN DE PROCEDEMENTOS ADMINISTRATIVOS DURANTE O ESTADO DE ALARMA

107 asociacións e colectivos presentan recurso de reposición no que se pide a suspensión cautelar das Ordes do 27 de abril e do 5 de maio polas que a Xunta dá luz verde á continuidade da tramitación administrativa de case 1000 proxectos industriais de grande impacto en pleno estado de alarma.

Tamén solicitan á Delegación do Goberno en Galicia que revise se estas disposicións se axustan a Dereito.

Santiago de Compostela, a 27 de maio de 2020.-Máis dun cento de colectivos presentaron Recurso de Reposición fronte a Orde da Consellaría de Medio Ambiente, do 27 de abril, e fronte a Ordeda Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 5 de maio de 2020 pola que se dá continuidade á tramitación de preto de 1000 expedientes administrativos durante o estado de alarma.

Este recurso foi presentado pologrupo de traballo denominado ALARMA AMBIENTAL GALEGA que nacía hai menos dun mescomo resposta ao acordo do Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 2020 (1) (DOG deste 4 de maio) (2) no que se aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Real Decreto que declarou o Estado de alarma. Posteriormente, a Xunta de Galicia ditou unha nova Orde a través da Consellaría Industria, que se publicou no DOG do 11 de maio, pola que non só se daba luz verde á continuidade da tramitación de centos de expedientes administrativos con forte impacto ambiental, senón que lexitimaba á Xunta para aprobar tales proxectos industriais de grandeimpacto.

Petición de suspensión cautelar das Ordes

As entidades recorrentes piden a suspensión cautelar de ambas Ordes da Xunta por contravir o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo do 2020 (3) , polo que foi declarado o Estado de alarma, que estableceu con carácter xeral a suspensión dos termos e dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Só contempla, como forma excepcional, que se poidan acordar, mediante resolución motivada, a continuación daqueles trámites que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Porén, a Xunta aproveita esa excepcionalidade do Real Decreto para subverter a regra xeral, e atribuírlle tal carácter a preto de mil expedientes que, na súa maioría non son de interese xeral nin son indispensables ou estritamente necesarios para o funcionamento básico dos servizos públicos. Ademais, a Xunta intenta xustificar en abstracto ao alcance do interese xeral de ditas excepcións, cando debería telo feito expediente a expediente ou proxecto a proxecto. Por tanto, estas dúas ordes da Xunta estaríase deixando sen efecto as disposicións previstas no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma relativa á suspensión dos prazos administrativos.

Menoscabo dos dereitos dos administrados

Esta situación resulta especialmente grave, cando aínda nos enfrontamos a unha seria crise sanitaria e a poboación continúa con a estar limitada para o desenvolvemento de moitas das súas actividades de forma normalizada. Tamén están limitados os movementos e posibilidades de organización veciñal para responder a proxectos industriais de tan grande impacto. Por tanto, mentres dure o Estado de alarma os dereitos fundamentais dos administrados sofrente un menoscabo e as persoas e colectivos temos menos posibilidades de exercer o control sobre a acción administrativa en materia de medio ambiente ou para evitar que dela se deriven ilegalidades.

Intervención da Delegación do Goberno

Así mesmo, as entidades recorrentes vimos de instar á Delegación do Goberno en Galiicia para que atenda a ditos recursos de reposición e revise pola súa banda se as ordes das consellarías de Medio Ambiente e de Industria da Xunta de Galiza se axustan ás disposicións do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo do 2020, ou se pola contra as contraveñen.

Apoio social

O conxunto de 107 organizacións cidadás de toda Galicia, convertiuse nun movemento social importante que mostra a preocupación ante unha Xunta que parece que goberna de costas aos intereses dos seus cidadás e que lle está a pedir que rectifique.

Listado de plataformas, asociacións e colectivos que apoian este recurso:

    1. A Rente do Chan-Pladever

    2. AAVV 3 de maio

    3. ADEGA

    4. Agrupaçom de Montanha Águas Limpas (AMAL)

    5. APEOM Outes

    6. Arquitectura Sen Fronteiras Galicia

    7. Asoc. galega Cova Crea

    8. Asoc. Petón do Lobo

    9. Asociación “AzosFeministas”

    10. Asociación a Picouta, Trazo

    11. Asociación Ambiental Senda Nova

    12. Asociación Amigos da Terra

    13. Asociación Corentena Producións

    14. Asociación Cultural A Rula

    15. Asociación Cultural Brisas do Quenllo

    16. Asociación Cultural Festival das Brétemas

    17. Asociación Cultural Lucerna-Cerceda

    18. Asociación Cultural O Naranxo (Lalín)

    19. Asociación Cultural O Quilombo

    20. Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta

    21. Asociación de Custodia do Territorio “Brexa”

    22. Asociación de guías acreditados das illas atlánticas de Galicia AGAIAS

    23. Asociación Ecolóxica Cultural Ridimoas

    24. Asociación Educativa y Cultural Animales del Mundo, AECAM

    25. Asociación Ekohuerta Agropuro

    26. Asociación Hortas do Val de Feáns

    27. Asociación O Ouriol do Anllóns, de Coristanco

    28. Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico

    29. Asociación para a defensa da natureza no Condado ADENCO

    30. Asociación para o coidado da terra Carabel das Cabras

    31. Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)

    32. Asociación pola Defensa do Parque de Rosalía

    33. Asociación Rexeneración Autóctona

    34. Asociación Sociocultural Ecolectivo

    35. Asociación Sustinea

    36. Asociación Verdeval, do Val Miñor

    37. Asociación Victimas de la Justicia

    38. Asociación Xuvenil Comarea

    39. Associaçom cultural A Gentalha do Pichel de Compostela

    40. Axóuxere Editora

    41. BRIGA – Organizaçom juvenil da esquerda independentista galega

    42. Casalonga Limpa de Residuos

    43. Central Unitaria de Traballadoras (CUT)

    44. Centro Social Fuscalho da Guarda

    45. Co-mando Ghichas (Val Miñor)

    46. Colectivo Arroutada

    47. Colectivo Capitán Gosende

    48. Colectivo Ecoloxista do Salnés

    49. Colectivo Portalén de Terra de Montes

    50. Colectivo Terra de Pontedeume

    51. Colectivos en Loita

    52. Comisión de Asociación contra as minas da terra Cha

    53. Comisión de seguemento da minaría e defensa do rural Frades e Mesía

    54. Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

    55. Comité de Defensa de las Rìas Altas

    56. Comunidade de montes de mancomún de Tameiga

    57. Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Tameiga

    58. ContraMINAcción

    59. Corrente Vermella

    60. Ecoloxistas en Acción Galiza

    61. EponaTerra

    62. Federación Ecoloxista Galega

    63. Foro Social de Cangas

    64. Fridays for future A Coruña-Ferrol

    65. Fridaysforfuture Teo

    66. Fundação Montescola

    67. Fundación Galicia Verde (Leboso-Forcarei)

    68. GEAS, Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes

    69. Greenpeace

    70. Grupo de Traballo A Eira do Ceesg (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia)

    71. Instituto de Estudos Miñoráns, IEM

    72. Instituto para la Monitorización Vecinal de Espacios Contaminado I.M.V.E.C.

    73. Interior Galego Vivo

    74. Lugo de cara ao Miño

    75. Lugo sen Mordazas

    76. Modepén Lugo

    77. Modepen Morrazo (Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas)

    78. MPI( Mocidade pola independência)

    79. Nais polo Clima Santiago de Compostela / Madres por el Clima

    80. Plataforma A Auga é Vida

    81. Plataforma Auga Limpa XA!

    82. Plataforma de Afectados pola Destilería de Contimunde (Rois)

    83. Plataforma de afectados polo vertedoiro Santiago de Compostela-Miramontes

    84. Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA)

    85. Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza

    86. Plataforma non máis eólicos Campelo Bustelo

    87. Plataforma pola convivencia ética coa fauna silvestre

    88. Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños

    89. Plataforma pola recuperación do Sar

    90. Plataforma Quijote Outes

    91. Plataformarexeneration.net

    92. Plataforma Veciñal Mina Touro O PinoNon

    93. Plataforma Vida e Ría ou Minaría

    94. Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo

    95. Salvemos a Comarca de Ordes

    96. Salvemos as fragas de Catasós

    97. SalvemosMonteferro

    98. Salvemos OIribio

    99. SGO, Sociedade Galega de Ornitoloxía

    100. Sindicato Labrego Galego

    101. Sinha PACA (Plataforma de Activistas Culturais e Artistas) de Redondela

    102. Sociedade Histórica e Cultural ColunaSanfins

    103. SOSGROBA

    104. Teo poloclima

    105. USDG – Unión Sindical de Docentes de Galicia

    106. Verdegaia

    107. Xente do rural. Ponteceso

  1. AquíareferenciadoConsellodaXunta.Napáxina11,12e13pódeseveroreferenteaestetema:https://www.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1417255&name=DLFE-36813.pdf

  1. Aquí pódese consultar a Orde publicada no DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200504/AnuncioG0532-270420-0003_gl.pdf

3Aquí o Real Decreto:https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2020-3692

ContraMINAcción celebra a sentencia en contra de Edgewater

Advirte que interesados noutros proxectos mineiros non deben subestimar a oposición cidadá aos proxectos mineiros en Galiza, que é o que en definitiva acabou co proxecto mineiro de Corcoesto.

As mobilizacións masivas que catapultaron o fin do proxecto mineiro de ouro de Corcoesto culminaban o 2 de Xuño de 2013 nunha gran mobilización en Santiago de Compostela con presencia de miles de manifestantes. En Outubro de 2013 a Xunta de Galicia daba carpetazo ao proxecto mineiro de Corcoesto, para sorpresa (relativa) dos grupos que se viñan opoñendo ao desenvolvemento do proxecto.

Para Edgewater comezaba unha peregrinación de reclamacións nos tribunais que dura xa 7 anos e que tiña como obxectivo recuperar os 35 millóns de US$ supostamente “invertidos” e recibir compensación pola perda de oportunidade. De ser mellores amigos e socios para levaren a cabo sobre o terreo o mantra publicitario “Galicia é unha mina”, a Xunta e Edgewater pasaron dun día para outro a tirarse os trastos a cabeza e a intercambiar acusacións mutuas. De tales acusacións, a mais grave a foi a posta sobre a mesa polo CEO de Edgewater denunciando ao presidente galego Feijoo, de mandarlle un emisario para pedir unha chea de diñeiro en maleta Samsonite. Sendo sobradamente coñecidas as relacións do presidente galego cos mundos da hampa a ninguén lle estrañaron realmente tales acusacións. O sorprendente é que nunca foron suficientemente esclarecidas.

Na última etapa da arbitraxe ata a data, no Tribunal Arbitral de UNCITRAL (o CNUDMI) celebrouse unha audiencia en París o pasado 14 de abril 2020. Trátase do principal órgano xurídico do sistema das Nacións Unidas no ámbito do dereito mercantil internacional. No mesmo, desestimouse a reclamación da mineira en favor de España, pois as denuncias diríxense contra o Estado español en virtude do dereito internacional. A empresa xa anunciou que o procedemento aínda non termina, pois interporá procedemento de anulación. Etapas previas deste litixio leváronse a cabo nos tribunais galegos, que ditaminaron que o proxecto non contaba co respaldo financeiro e técnico requirido polo proxecto, tras o cal a Xunta declarou caducadas as concesións.

Os 15 meses previos á cancelación do proxecto, a poboación pasou sucesiva e rapidamente por diferentes fases que foron do descoñecemento total, a busca de información, a organización cidadá e a oposición frontal ao proxecto. Non só a terra, tamén os ríos, as rías da singular Costa da Morte e a actividade económica local víanse gravemente ameazados. Polas graves consecuencias que claramente se puido comprobar que tiña a extracción de ouro nun paraxe tan singular, a reacción foi unha mobilización sen precedentes que alcanzou a toda a comunidade e mobilizou a solidariedade de grupos ecoloxistas e cidadáns de a pé. Todos pola mesma causa: Mina Non.

A mensaxe arraigou profundamente na cidadanía e non foi “porque si”. Foi porque a minaría non é nin pode nunca ser sostible.

A “Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños” levou a cabo a identificación e denuncia das ameazas e dos impactos do proxecto mineiro de ouro a ceo aberto, sobre o medio ambiente local, como a deforestación, invasión de propiedades, a contaminación, e sobre todo a herdanza contaminada que quedaría para as futuras xeracións, denunciando a complicidade de determinados poderes locais, especialmente grave no caso do Concello de Cabana e o seu alcalde.

Galicia pechaba o capítulo de Corcoesto con forzas para continuar aplicando as ensinanzas sacadas a raíz deste caso, e decidida a afrontar as irregularidades que xa se vía que rodeaban o resto dos proxectos mineiros ou minas activas na comunidade. Sobre esa base naceu ContraMINacción, Rede contra a Minaría destrutiva na Galiza, que segue a interesarse por proxectos mineiros activos e propostos na comunidade, creando, participando e ampliando redes de traballo que seguen a contribuír nas loitas e movementos sociais e en sucesivos logros dende entón, como a recente denegación do proxecto de Touro.

Os lobbies non descansan

Estas circunstancias particulares son moi importantes para ter en conta en termos xerais nos tempos de crise sanitaria que estamos a vivir, xa que gran industria intenta potenciar os seus proxectos ao máximo e están a falar como dunha “limitación” sobre calquera plan de protección do medio ambiente e do clima que poda limitar as súas actividades e as súas ganancias.

Cabe ter en conta as seguintes consideracións:

-O proceso xudicial en varias instancias comezado por Edgewater responde a unha estratexia coñecida que vai mais alá da minaría. Esta consiste en apostar non só pola exploración e extracción mineira en si mesma, senón por ter sempre gardado na manga o as do litixio xudicial. Para isto existen as Cortes de Arbitraxe (como neste caso UNCITRAL), que son tribunais privados nos que as empresas intentan resolver os seus conflitos cos estados nos que se encontran os seus proxectos, cando estes fallan. Neste caso e nesta instancia, España gañou, pero o proceso aínda non concluíu. No mesmo participan outras empresas expertas nestas lides que tamén lucran a costa do contribuínte. O propios custos da defensa levada a cabo por un gabinete de avogados experto nestas lides  son descoñecidos.

-En Galiza existen moitos máis proxectos mineiros, como o de Touro, tamén recentemente rechazado. ¿Vai significar custos similares ao Estado en termos de litixio e económicos?

-Tamén para as empresas mineiras todas estas idas e voltas teñen un custo económico e de reputación, polo que futuras interesadas neste tipo de emprendementos deberían tomar clara nota de que non, “Galiza NON é unha mina”, e que esta mensaxe será defendida pola poboación agora xa moito mellor informada, preparada e previda.

-A “perda de oportunidade” pola que Edgewater pretende recibir compensación económica é en realidade a súa oportunidade de lucrar ca nosa terra. Pero a nosa terra é o que nos queda para afrontar os tempos difíciles que veñen. Nós, sen ouro podemos estar tranquilamente, pero a terra e a auga necesitámolas para vivir.

Unha campaña sobre as presas de residuos de San Finx faise co Premio do Instituto Xeolóxico e Mineiro

–      Pretendía denunciar a situación crítica e de abandono dunhas instalacións de residuos de máis de 80 anos de actividade.

–      A candidatura foi a que maior número de interaccións recibiu nas redes sociais, recibindo apoios de todo o mundo.


25 de abril de 2020.-
Esta madrugada o Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, fallou o “Premio Día Planeta Terra 2020”, outorgando o primeiro premio na categoría de interaccións en redes a unha campaña promovida por varios colectivos galegos para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros da explotación de San Finx, en Lousame.

Todas as participantes no certame debían achegar unha fotografía ou vídeo xunto cunha exposición sobre un dos Lugares de Interese Xeolóxico (LIG) incluídos no rexistro xestionado polo IGME, e entre os que están as minas de San Finx. A candidatura premiada consistía precisamente nunha detallada descrición da maior das presas de residuos mineiros, construída en 1939 pola  mineira británica The San Finx Tin Mines Ltd.

Esta presa de 12 metros de alto e 50 de ancho de coronación erixiuse seguindo un método de decantación de lodos, entón frecuente nas colonias británicas, que implicaba levantar diques cortando vales fluviais (“presas de colas fluviais”) e do que quedan moi poucos exemplos en pé debido aos colapsos ou desmantelamentos. A presa foi de feito protagonista da chamada “Catástrofe de 1960” na que os lodos chegaron ata a ría de Noia e sobre a que se filmou o documentario “San Finx 1960” de Irene Pin.

Tanto esta presa como outra máis pequena constaron nos plans anuais de labores da mina ata que a empresa deixou de os presentar no ano 2000. Na actualidade están en situación de total abandono e a súa falla, segundo un informe de Augas de Galicia de 2017, produciría un importante impacto ambiental.

Tentando fuxir das súas responsabilidades sobre as presas, a Dirección Xeral de Minas encabezada por Ángel Bernardo Tahoces e a concesionaria do Grupo Sacyr pretenderon facer pasar as presas de residuos por instalacións hidroeléctricas, o que derivou no inicio de dilixencias penais por presuntos delitos contra o ambiente, prevaricación ambiental e falsidade documental.

Os colectivos que promoveron a campaña gañadora (ContraMINAcción, Montescola, Verdegaia e Vida e Ría ou Minaría?) esperan que este premio consiga dar visibilidade a esta situación insostible no tempo e contribúa a forzar as administracións a deixar de mirar para o outro lado.

—-

Imaxe premiada: http://www.vidaeria.org/wp-content/uploads/2020/02/presas_san_finx.jpg

Texto premiado: https://twitter.com/ApadrinaUnaRoca/status/1243832038546907136

Documentario “San Finx 1960”: https://youtu.be/zv_z2EEn_V8

Campaña para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros de San Finx

Pídese apoio para compartir en redes sociais a publicación sobre as presas que xa está disponible na páxina oficial do Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME)

O confinamento non impide aos colectivos sociais e ambientais continuar a denunciar as graves situacións ambientais que produce a minaría e que non paran coa actual crise. Aproveitando un concurso en redes sociais lanzado polo Instituto Xeológico e Mineiro (IGME) sobre os “Lugares de Interese Xeolóxico” de todo o Estado, activistas e colectivos veñen de lanzar unha campaña para dar visibilidade á situación de abandono das presas de residuos mineiros de San Finx (Lousame).

A campaña ten como obxectivo que sexa o relato que dá conta da alarmante situación das presas mineiras de San Finx o que se faga cun dos premios do Concurso “Día Planeta Terra 2020” convocado polo propio IGME, en concreto na categoría “Premio á publicación con máis interacións en redes sociais”. Para iso, piden a colaboración de todo o mundo para que, desde as súas contas de Twitter, divulguen a publicación e fagan que as institucións non poidan seguir ollando para outro lado.

A pesar de que Augas de Galicia concluíu nun informe de 2019 “que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”, tanto a Dirección Xeral de Minas da Xunta como a propia concesionaria mineira, do Grupo Sacyr, afirman agora o “irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior”.

Contra toda evidencia, representantes de Sacyr chegaron a afirmar este mes no maior congreso mundial de minaría, o PDAC, celebrado en Toronto (Canadá), que as presas de residuos mineiros que constaban como tales nos plans anuais de labores ata que deixaron de presentarse no ano 2000, eran en realidade embalses hidroeléctricos e que, por tanto, a concesionaria non tiña ningunha responsabilidade sobre os mesmos.

Augas de Galicia xa alertou nun informe que a rotura da presa maior, situada a 7 km da ría de Muros-Noia e o LIC Esteiro do Tambre (Rede Natura 2000), podería producir un importante impacto ambiental, mentres o hidrólogo e experto en presas mineiras Dr. Steven H. Emerman, que visitou as instalacións en 2019, informou sobre a existencia de evidencias de licuefacción interna que tarde ou cedo levarían ao colapso da estrutura de formigón levantada en 1939 pola empresa británica que explotaba o xacemento de estaño e volframio.

A Xunta outorga unha “autorización” de vertidos encuberta á mina de San Finx

  • O permiso outórgase nun procedemento caducado, iniciado fai 4 anos e nunca resolto
  • Sacyr perforou en 2017 unha nova planta por debaixo do nivel de inundación a pesar de carecer de autorización de vertidos
  • Colectivos ambientais anuncian acción legais inmediatas contra Augas de Galicia

Catro anos despois de que a filial de Sacyr que se fixo coas concesións da histórica mina de San Finx se vira obrigada a solicitar permiso para o vertido as augas ácidas de mina, a Xunta outórgalle unha autorización encuberta baixo o eufemismo de “medidas cautelares” que ademais implica amparar a ocupación do cauce natural do río con dúas novas balsas de residuos mineiros construídas ilegalmente en 2011.

As medidas, autorizadas pola Directora de Augas de Galicia e ata fai pouco concelleira do Partido Popular en Santiago, Teresa María Gutiérrez, contemplan a instalación dunha “planta piloto de tratamento”, en teoría para tratar de forma experimental 2.000 litros por hora durante dous meses, pero fontes da empresa xa se gababan a finais de decembro que “la autorización de vertidos está al caer”, en referencia a estas “medidas cautelares”.

En 2017 a mineira perforou unha nova 5ª planta no sector “Buenaventura” da mina, por debaixo do nivel de inundación, debendo realizar bombeos continuos de drenaxes ácidas que foron vertidos ao cauce sen tratamento a pesar de carecer de autorización de vertido e declaración de impacto ambiental. ContraMINAcción teme que, con esta autorización encuberta, se reanude ilegalmente o achique das labores mineiras inundadas.

Ademais, a xuizo de ContraMINAcción, esta autorización non só é ilegal ao darse no marco dun procedemento cuxo prazo de resolución finalizou hai 3 anos e que, por tanto, está caducado, senón que evidencia a conivencia da Xunta coa mineira. “A mineira leva anos vertendo de xeito ilegal sen que se incoara un só procedemento sancionador, a pesar de constatarse que os altos niveis de cadmio, cobre e cinc presentes no río son resultado directo das verteduras da mina”. Por iso, anuncian accións legais inmediatas contra as autoridades e funcionarios de Augas de Galicia.

Denúnciase ademais que se produza esta autorización cando se constatou a continua mala fé da empresa, achegando datos falsos e conxeturas sen base científica, como a suposta existencia dun “fondo natural” de substancias contaminantes que impediría cumprir os limites de contaminantes que impón a lexislación, para o que Tungsten San Finx S.L. se valeu de informes emitidos polo profesor xubilado Felipe Macías, desmentidos por unha revisión rigurosa feita pola Universidade da Coruña. O proxecto de “planta piloto”, que supostamente pretende validar resultados experimentais de laboratorio, forma parte da estratexia de fraude permanente.

Ante iso, as únicas “medidas cautelares” que debería ter imposto a Xunta, desde o primeiro momento no que constatou a existencia de verteduras en 2016, eran as destinadas a impedilas, incluíndo o selado dos transversais de desaugue da mina mediante ‘bulkheads’, e o taponado de chimeneas e pozos de ventilación, permitindo a reinundación das plantas baleiradas ilegalmente desde 2008 e creando condicións anaerobias que minimicen os procesos de xeración de drenaxes ácidas de mina.

Fotografia: Adiante.gal

Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx

  • ContraMINAcción revela os informes sobre as presas de residuos mineiros que a Dirección Xeral de Minas pretendía facer pasar por embalses hidroeléctricos
  • O Director Xeral de Minas utilizou informes con datos falsos do catedrático da USC Felipe Macías para tentar ocultar a contaminación por metais pesados causada pola mina
  • ContraMINAcción demanda aos colexios profesionais de xeólogos, químicos e enxeñeiros de minas a que se retracten en relación ao apoio prestado aos informes de Felipe Macías 

A Xunta leva desde 2017 mentindo aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en particular a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU. Así o evidencian novos informes realizados por Augas de Galicia e que confirman non só o carácter mineiro das presas de residuos máis tamén o problema de contaminación continuada.

Fronte ás queixas que evidenciaban o abandono de dúas presas de residuos mineiros e a contaminación continuada por metais pesados que afecta non só ao río San Fins máis tamén á ría de Muros-Noia e o Esteiro do Tambre, en Rede Natura 2000, o departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, imputado precisamente por ter permitido a posta en marcha da mina San Finx en 2009, bombardeou a estes organismos internacionais con informes repletos de afirmacións falsas que buscaban desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas.

De depósitos de lodos mineiros a “embalses hidroeléctricos”

En 1928 e 1939 as entón concesionarias mineiras construíron sobre o cauce do río San Fins dúas presas de decantación de lodos mineiros, seguindo o método de ‘presas de colas fluviais’ (riverine tailings) habituais nas minas coloniais británicas da primeira metade do século pasado. Adquirida a mina polo Banco Pastor en 1940, as presas de residuos mineiros continuaron sendo utilizadas pola explotación, como evidencian os plans anuais de labores presentados ata o ano 2000, no que se abandona por completo e se deixa de presentar estes documentos preceptivos. A falla dunha das comportas da presa maior, de 13 metros de altura e 50 de lonxitude, causou o que na altura se deu en chamar a “catástrofe de 1960”, feitos sobre os que en 2019 se estreou o documental de investigación “San Finx 1960” de Irene Pin.

Despois de dous anos de investigación nos que se analizou a documentación histórica existente, en febreiro de 2019 Augas de Galicia emitiu un “Informe sobre a titularidade das presas San Finx” que indica que “pódese concluír que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”. Por iso, afirma, a súa seguridade depende dos órganos competentes en materia de minas que, non obstante, levan tentando ocultar a súa existencia desde 2009, ano no que as presas se deixaron fóra dos proxectos de restauración e explotación. Augas de Galicia conclúe que “sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada”.

Ante tales evidencias, destacan as falsidades dos técnicos de minas e do propio Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces. Nun informe de 21/01/2019 remitido á ONU pola Xunta, o enxeñeiro de minas con responsabilidade pola supervisión das minas de San Finx e de Touro, Rafael Recuna, indica que é “irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior” mentres que o seu superior, o Xefe do Servizo Territorial de Enerxía e Minas e Decano en Galicia do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España Juan José Iglesias Suárez, afirma noutro informe da mesma data tamén destinado á ONU que “o único certo é que nos arquivos da Administración Mineira non existe ningún documento no que se autoricen as citadas presas de formigón que se encontran no cauce do río fóra do perímetro da explotación mineira”. Mesmo o Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces dirixiu unha instancia á ONU para indicar que, a pesar de apareceren as presas no “Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia” feito pola propia Xunta en 1999, estas non serían “instalacións da explotación”. Tahoces encomendou tamén informes para enviar ao Comité de Peticións do Parlamento Europeo, entre eles un de 29/03/2019 asinado polo mesmo enxeñeiro Rafael Recuna, no que volta a insistir que “As presas non foron construídas co propósito de formar parte do proceso mineralúrxico” senón que “probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico”. Xusto no periodo comprendido entre os dous informes deste enxeñeiro da Xunta, tornouse pública a imputación do Director Xeral de Minas.

Vestindo a contaminación mineira como “fondo natural de metais”

A Xunta de Galicia ten constancia da contaminación por metais pesados causada polas minas de San Finx polo menos desde 1990, ano no que as analíticas requiridas pola Fiscalía evidenciaron a contaminación que desde a mina baixaba en dirección á ría. En lugar de recoñecer a situación constatada desde 2016 por Augas de Galicia, con niveis de cadmio, cobre e cinc que superan amplamente os limites máximos legais permitidos, o mesmo enxeñeiro Rafael Recuna no seu informe para a ONU nega a “existencia de augas ácidas de mina” e cita un “estudo” realizado para a empresa mineira polo profesor emérito da USC Felipe Macías Vázquez no que se conxectura sen base científica algunha a existencia dun “fondo natural de metais” que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias.

O “estudo” que asina Felipe Macías xunto con varios colaboradores do seu “Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental” pretendía xustificar que a empresa puidese verter augas contaminadas con cadmio con total impunidade de xeito perpetuo. Tamén o Xefe do Servizo de Enerxía e Minas Juan José Iglesias Suárez respaldou no seu informe a conxectura de que a contaminación se dá de “forma natural”, descalificando as entidades ecoloxistas que cuestionaban tal falacia: “Desconozco quien asesora técnicamente a los denunciantes, pero considero grave calificar de falacia las afirmaciones incluidas en el párrafo anteriormente transcrito, que constituyen una valoración cualitativa, no cuantitativa, basada en los fundamentos de la disciplina técnica de la geoquímica de suelos y aguas, como cualquier técnico especialista conoce.”

Non obstante, desconfiando das pretensións da empresa mineira, filial do Grupo Sacyr, apoiadas en todo momento pola Dirección Xeral de Enerxía Minas, Augas de Galicia decidiu encomendar unha asistencia técnica á Universidade da Coruña por medio do grupo de investigación AQUATERRA, que dirixe o Catedrático de Hidroloxía Javier Samper, para avaliar a validade e veracidade das conclusións do estudo de Felipe Macías achegado pola mineira para evitar un tratamento das súas verteduras que eliminase a carga contaminante en condicións. Lonxe de avalar as conxecturas de Macías e Sacyr sobre un “fondo natural de metais”, o informe de 240 páxinas da Universidade da Coruña refuta os métodos e conclusións evidenciando, como xa o fixeran as entidades ecoloxistas, que a contaminación por metais pesados se produce como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira.

O papel de Felipe Macías e os colexios profesionais

Os informes encomendados por Augas de Galicia e agora feitos públicos non só poñen en dúbida a actuación da empresa mineira e do departamento que dirixe o imputado Ángel Bernardo Tahoces, máis sobre todo a credibilidade dos traballos que Felipe Macías ven asinando para favorecer proxectos mineiros como os de San Finx ou Touro, onde chegara a propor, como consta na DIA negativa emitida a pasada semana, a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre como excusa para non restaurar os cauces contaminados.

O 29 de xuño do ano pasado, o Colexio Oficial de Xeólogos, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste (do que en Galicia é Decano o propio Xefe de Minas da Coruña Juan José Iglesias Suárez) e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia emitiron un duro comunicado conxunto que pretendía desprestixiar publicamente o traballo do Doutor Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas. Emerman cuestionara as conxecturas de Felipe Macías evidenciando extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras no seu anterior informe sobre San Finx de abril de 2017, co fin manifesto de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais. En contestación a ese primeiro informe de Macías, o Concello de Muros e Verdegaia encomendaran un informe técnico sobre as verteduras e outro informe histórico.

Fronte ás críticas de Emerman e outros técnicos, confirmadas agora nos informes de Augas de Galicia, os catro colexios profesionais indicaban que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” [Macías] e “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”. Os catro colexios manifestaban daquela o seu “total desacuerdo con las afirmaciones vertidas” indicando que “sus juicios y análisis carecen del rigor necesario ya que no es posible emitirlos sin contar con los datos técnicos mínimos” e calificando os resultados expostos como “un juicio de valor sesgado y parcial, más propio de un postulado ideológico que científico.” ContraMINAcción pregúntase se os mesmos colexios se pronunciarán agora de igual xeito ante as consideracións feitas no informe sobre San Finx liderado polo Catedrático da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña Javier Samper e cando a propia Xunta refrendou na súa DIA negativa ao proxecto mineiro de Touro as alertas expresadas no informe de Emerman.

Antes as críticas a Emerman do pasado ano, ContraMINAcción dirixiuse formalmente ao Presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro, e ao Decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, expresando a súa protesta formal polas manifestacións subscritas e enviándolles os informes íntegros para que os analizasen con rigor. Medio ano despois, sen que houbese resposta algunha e á vista do novo informe da Universidade da Coruña que evidencia a absoluta ausencia de base científica das pretensións defendidas pola Xunta e Felipe Macías, ContraMINAcción pídelle novamente aos catro colexios profesionais que se retracten do contido do seu comunicado conxunto e condenen formalmente a absoluta falta de ética e rigor que evidencian os informes emitidos por Felipe Macías e o seu equipo.

Informes íntegros

Informes dos funcionarios da Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Comunicado da Plataforma Mina Touro-O Pino non en relación á DIA

Facemos público o comunicado emitido pola Plataforma Mina Touro-O Pino non, en relación á DIA e á falta de transparencia da Xunta de Galicia con este tema:

A Plataforma veciñal MINA TOURO – O PINO NON entérase pola Unión Europea da data de publicación oficial da DIA da mina de Touro.

Resultado de imaxes para: mina touro

A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de explotación de cobre a ceo aberto nos concellos coruñeses de Touro e O Pino, promovida por Cobre San Rafael, sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro venres día 7 de febreiro. Así llo comunicaba onte a Presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo á Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON e ás asociacións Cova Crea e Petón do Lobo, as tres iniciadoras de outras tantas peticións a respecto da mina de Touro, baseadas fundamentalmente no dano provocado nas augas subterráneas e superficiais e o risco que conlevaría unha nova explotación nuns terreos aínda sen restaurar.

Coma case sempre, a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON é notificada das resolucións da Xunta de Galicia a través das institucións europeas e non directamente pola propia Administración autonómica. Xa a finais de 2017, logo da publicación do Proxecto Touro, desde o colectivo veciñal solicitáranse formalmente reunións con tódolos representantes públicos con competencias na materia, desde os alcaldes dos concellos afectados ata os representantes galegos no Parlamento Europeo, chegando xa daquela a primeira resposta desde Bruselas coa contestación da entón eurodeputada Lidia Senra, cando nun principio o lóxico sería esperar que respostaran antes os organismos máis cercanos e con competencias máis directas.

Na súa comunicación, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, dá traslado da carta que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lle remiteu con motivo da DIA negativa da mina de Touro, na que lle adianta a data de publicación oficial da mesma.

As tres peticións rexistradas, e debatidas na Comisión de Peticións en novembro de 2019, permanecen actualmente abertas e á espera da visita dunha delegación europea que analice e avalíe in situ os danos ao medio ambiente causados pola explotación mineira pechada hai máis de 30 anos e polas actividades desenvolvidas na actualidade polas empresas ubicadas dentro dos terreos da antiga mina.

Desde a Plataforma Veciñal acóllese con ledicia e optimismo que as autoridades recoñezan finalmente o problema das augas e a contaminación, pero a situación actual na contorna da mina segue a supoñer unha vulneración da Directiva Marco Europea da Auga e da Directiva Europea sobre Xestión de Residuos de Industrias Extractivas, producíndose, máis de 30 anos despois do peche dunha explotación, drenaxes ácidas.

Ademáis, a DIA negativa pon en evidencia cómo a situación pon en risco unha Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000. Por tanto, a plataforma non so solicitará que se manteña aberta a petición, senón que insistirá na necesidade dunha visita de inspección europea a Touro e outras minas galegas onde se evidencia a vulneración sistemática destas directivas.

O carpetazo ao proxecto de Cobre San Rafael non supón, de ningún xeito, baixar a garda ante a situación de desleixo dos últimos anos respecto dos danos provocados pola minería en Touro. A esixencia da restauración dos terreos e a recuperación das augas da contorna da mina seguirá estando vixente ata o seu total cumprimento, para o que a veciñanza e os distintos colectivos medioambientais se manterán permanentemente atentos e vixiantes.

Podes consultar a DIA nesta ligazón.

886 Días berrando “MINA NON”

As organizacións e colectivos que temos loitado contra a apertura do megaproxecto de extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino convocamos aos medios de comunicación a unha rolda de prensa que se celebrou hoxe venres 31 de xaneiro, ás 11 da mañá, en Carril, na C.A.D. Gato Negro, para valorar as últimas novas relacionadas co proxecto promovido por Cobre San Rafael e analizar a situación actual e os pasos a dar.

En primeiro lugar queremos salientar a unidade de todos os sectores afectados, gandeirxs e labregxs, cooperativas agrarias, veciñxs, confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas.

Unidade e mobilización que demostrou que é posible parar un proxecto destas características, a pesar da súa capacidade económica e da influencia política no goberno da Xunta de Galicia, que foi o gran valedor desta iniciativa e que amosou ao longo do procedemento unha interese que ía máis aló do estritamente administrativo, incluso defendendo o proxecto en reunións cos sectores afectados como se eles foran a empresa promotora.

As eivas do proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael quedaron xa ben patentes desde o principio. Calquera cunha mínima capacidade lectora e de comprensión, e sobre todo interés, podía percibir que aquelas promesas de traballo e progreso para os concellos e a comarca traían envolta unha soga coa que esganarnos de levarse a cabo a explotación de cobre a ceo aberto.

A valoración que facemos da decisión administrativa da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa é, ademais da evidente insostibilidade do proxecto, a forte oposición social amosada ao longo de todo este tempo -cáseque dous anos e medio- que cristalizou nunha Praza do Obradoiro chea ata o tope de manifestantes que reclamaban parar os lixiviados contaminantes, a restauración da antiga mina e o rexeitamento do novo proxecto. A proposta de Cobre San Rafael era inviable e insostible, pero foi o clamor popular o que provocou o desenlace.

Declaran negativa a DIA porque non é sostible o proxecto, pero a realidade é que toda a contorna da antiga mina leva máis de 30 anos nunha situación de ABSOLUTA INSOSTIBILIDADE, contaminando os afluentes do río Ulla e zonas ZEC, coa pasividade da Xunta de Galicia, a pesar de recoñecer en documentos públicos que levan 30 anos sen autorización de vertido!!!

Por tanto, para nós é unha decisión acertada, aínda que motivada, ao noso entender, polas recentes actuacións da fiscalía de medio ambiente e polos posibles custes electorais á beira dunhas autonómicas.

Temos a firme decisión de seguir adiante fiscalizando e esixindo a RESTAURACIÓN DA ANTIGA MINA E A SÚA CONTORNA. O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de preto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar e somos conscientes de que poden voltar a presentar o proxecto ao carón da nova lexislación que promove o actual goberno da Xunta, que elimina garantías no procedemento ambiental e acurta prazos, dificultando a participación cidadá.

Por todo isto valoramos que a nosa UNIDADE é fundamental para a saúde das nosas augas en Touro, O Pino, na contorna do río Ulla, na ría de Arousa e para garantir o progreso de miles de familias que viven do mar e do campo.

En Carril, a 31 de xaneiro de 2020

ContraMINAcción celebra a vitoria da veciñanza de Touro na súa loita contra o proxecto de Atalaya Mining.

A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer o rexeitamento do proxecto de Atalaya Mining. Os informes negativos de Patrimonio Natural e Augas de Galicia levaron a emitir unha DIA negativa, pola falta de sustentabilidade ambiental do proxecto.

Entrega das primeiras alegacions contra o proxecto de Touro, en 2017

En ContraMINAcción queremos mostrar hoxe, máis que nunca, a nosa solidariedade coa veciñanza de Touro e O Pino, e os nosos parabéns polo éxito acadado despois dunha loita de máis de dous anos.

Cando, a finais de setembro do ano 2017, dende Contraminacción convocamos unha primeira xuntanza en Loxo, para informar sobre os riscos do proxecto, que nese momento saía a exposición pública, sabiamos da importancia de proporcionar información á xente afectada, pois a información é a base da organización para parar os proxectos.

Activistas de ContraMINAcción, nunha charla informativa de setembro de 2017

Foi un longo camiño para a veciñanza de Touro e O Pino. Un reto duro e de moita incerteza, pois o proxecto mineiro irrompeu nas súas vidas interferindo nelas e na súa concepción do mundo, virándoa do revés. Non podemos menos que felicitar á Plataforma de Touro polo traballo realizado, co que finalmente, despois dun esforzo dilatado e continuo, conseguiron facer ver ás autoridades a incompatibilidade do proxecto coas actividades preexistentes e co seu modo de vida.

É salientable que o motivo da anulación fose de índole ambiental. Iso vén darnos a razón, pois todas as nosas reclamacións baseábanse precisamente na incompatibilidade do proxecto coa protección do medio.

Queda pendente a eliminación da contaminación existente e a restauración ambiental dos impactos da antiga mina, que, como xa vén sendo habitual (a pesar de ser ilegal), segue sen ser restaurada como correspondería. A Xunta debe instar á empresa a repoñer as condicións ambientais do medio tal como se recolle na nosa lexislación.

Desde a nosa Rede seguiremos en alerta, para vixiar este caso e os outros existentes e que veñen de camiño, tanto en Galiza, como co resto da Península Ibérica. Somos conscientes de que as ameazas son moitas, mais unha vitoria como esta axúdanos a coller folgos para seguir na loita.

Esta vitoria fai patente a importancia que pode ter unha rede como ContraMINAcción, especialmente nas etapas iniciais do proxecto, para dar a voz de alarma, informar aos afectados e transmitir os coñecementos acumulados desde o noso nacemento en 2013, con outras loitas das que tamén fomos partícipes, algunhas ganadas xa, como a de Corcoesto; outras en marcha desde aquela, como Triacastela, San Finx, Terra Cha, Santa Comba, Forcarei…

Neste senso, aproveitamos para dar de novo a voz de alarma en relación á Lei ambiental que está actualmente en tramitación, e que xa é coñecida como Lei de Prevaricación Ambiental. Pois entendemos que vai diluír os dereitos á información pública e participación en materia de medio ambiente recollidos en normas nacionais, estatais e comunitarias, así como en tratados internacionais, reducindo ao máximo os controis aos proxectos, non só mineiros, senón de todo tipo.

Parabéns a todas as persoas que contribuíron dun xeito ou outro a retirar a licenza social á Mina Touro-O Pino. O proxecto é ambientalmente insostible, pero a Declaración de Impacto Ambiental negativa vén da man da falta da licenza social. Sigamos unindo as nosas forzas, para loitar contra a depredación do noso territorio.

Hoxe, igual que onte (pero con moita ledicia), berramos a pleno pulmón: MINA NON!

A ONU chama a atención ao Estado español polo abandono das presas mineiras de San Finx

Esta semana o Estado español someteuse en Xenebra á súa terceira volta no Exame Periódico Universal (EPU), un mecanismo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que, desde 2005, examina periódicamente a situación dos dereitos humanos en todos os países do mundo. Entre estes dereitos, inclúense os dereitos ambientais.

Aínda que este ano a revisión do Estado español centrouse na situación en Cataluña, o relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos tamén recolleu os apelos a garantir “o respecto dos dereitos ambientais mediante a supervisión e a restauración adecuadas das instalacións que requiran atención urxente, en particular as presas de estériles mineiros abandonadas”.

O relatorio do Alto Comisionado referiu un informe dunha das entidades con estatuto consultivo especial ante a ONU que ilustrara esta situación co exemplo do caso das presas de residuos mineiros das Minas de San Finx, en Lousame, que están sendo obxecto dunha investigación ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, tamén dependente das Nacións Unidas.

O informe indica que no caso das presas mineiras de San Finx, que agora a Xunta pretende facer pasar por embalses hidroelétricos, “unha falla implicaría impactos ambientais e humanos significativos”, asinalando ademais como as autoridades autonómicas “obstruíron o acceso a información ambiental crítica”.

O relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos (A/HRC/WG.6/35/ESP/3) pode ser descargado da web da ONU en castelán, inglés, francés, ruso, chinés e árabe. A referencia ás presas de residuos mineiros áchase na páxina 3 (parágrafo 18).