A Rede ContraMINAcción respalda a campaña Vida e Ría

Nunha reunión celebrada o domingo 21 de maio na sede do Sindicato Labrego Galego en Santiago de Compostela, os colectivos de ContraMINAcción, Rede contra a minaría destrutiva na Galiza deron o seu respaldo á campaña Vida e Ría ou Minaría?

Estabeleceron estratexias concretas para axudar a difundir e internacionalizar a cuestión, particularmente coa rede Yes to Life, No to Mining, da que forman parte e que xa realizou unha visita de verificación ás Minas de San Finx o pasado mes de marzo.

Os colectivos integrantes de ContraMINAcción, varios deles xa personados directamente en diversos procedementos relacionados coas Minas de San Finx, comprometéronse a traballar ombreiro con ombreiro xunto coas entidades locais e comarcais da Ría, e a facilitar apoios adicionais, particularmente a nivel técnico (cun equipo de enxeñeiros de minas especializado en impactos ambientais), legal (colocando a disposición da campaña os advogados de varios dos colectivos) e de financiamento (de modo a poder soster as accións da campaña no tempo).

O SLG e a veciñanza de Xanceda presentan máis de 200 alegacións contra a extracción de seixo na parroquia

Comunicado de prensa do SLG

Unha comitiva en representación da veciñanza de Xanceda e o Sindicato Labrego Galego achegáronse hoxe, 17 de abril, até a Casa do Concello de Mesía para presentar as alegacións contra o proxecto Xanceda 7138 co que a empresa Erimsa pretende extraer cuarzo metalúrxico nunha concesión de 781 hectáreas. En total, e tralo acto de hoxe, lévanse rexistradas 217 alegacións; dado que o prazo de presentación remata aínda o vindeiro mércores, as estimacións apuntan a que se presentarán, finalmente, máis de 250 alegacións.

Sigue lendo

Alegacións aos proxectos de ERIMSA en Xanceda

O equipo xurídico do Sindicato Labrego Galego vén de redactar dous modelos de alegación para presentar aos proxectos que a empresa mineira Erimsa pretende levar a cabo en Xanceda (Mesía). Se estás interesad@ en presentar alegacións, ten en conta que o prazo remata o 18 de abril.

Para facilitarche os trámites estaremos este xoves e este venres, 6 e 7 de abril, de 19:00 a 21:00 horas, en Casa Mosquera (Xanceda) para asesorar e recoller as alegacións.

Despois, até o peche de prazo, poderedes pasar pola nosa oficina de Ordes (rúa Alfonso Senra 117; tfno. 981 682 908).

Podes descargar os modelos de alegación en: bit.ly/alegaciónsXANCEDA

 

ContraMINAcción invita a estar alertas ante o avance de diferentes tipos de minería na Galiza

Esta semana poñemos a actividade de extracción de seixo (cuarzo metalúrxico) da galega-norueguesa-china Erimsa baixo a lupa.

A rede contra a minaría destrutiva na Galiza ContraMINAcción advirte que a Xunta e autoridades locais son particularmente reticentes a achegar información completa sobre os proxectos mineiros; unha información que é de interese vital para as comunidades afectadas por estes. Nos últimos anos levamos constatadas numerosas irregularidades nas concesións e tramitacións de expedientes e caducidades, opacidade de municipios favorábeis a mineiras en detrimento dos intereses da veciñanza.

Desde a rede invitamos a tódalas persoas que se consideren afectadas a esixir información e o cumprimento das leis, e sobre todo o respecto dos seus dereitos.

Solidarizámonos coa veciñanza da comarca de Ordes, recomendándolle organizarse para enfrontar dende o punto de vista comunitario a ameaza que este proxecto supón á súa actividade gandeira e agrícola.

¡O seixo é noso!

O Sindicato Labrego, organización parte de ContraMINAcción estivo en Xanceda

A empresa Erimsa avanza coa extracción de seixo en 6.721 hectáreas na comarca de Ordes, sendo os municipios afectados neste primeiro proxecto os de Frades e Mesía. Trátase dunha das principais zonas produtoras de leite de Galiza -200 granxas – 93% das de produción leiteira – con 500 traballadoras e traballadores. A Casa Grande de Xanceda, que produce en ecolóxico, é unha das explotacións afectadas.

A empresa mineira Erimsa fala de crear pola súa parte 8 postos de traballo temporais namentres dure a extracción.

A explotación de seixo consiste na extracción de terra até unha profundidade de 4 metros, e o posterior recheo coa terra sen o seixo. Hai zonas de extracción a carón de núcleos habitados e das instalacións do gando.

Unha descrición máis detallada das concesións mineiras de nome Xanceda, Marís, Andrea e Lamosa, o número de hectáreas e parroquias e granxas afectadas en cada unha delas, e a actividade gandeira e agrícola das parroquias afectadas, pode coñecerse no comunicado do Sindicato Labrego. Margarida Prieto Ledo, membro do SLG lembra que “no caso das ganderías en ecolóxico, perderían as certificación do Craega para as parcelas explotadas por Erimsa”.

O problema principal consiste en que as terras son en realidade prados e leiras de cultivo das granxas, e en ningún caso se trata dunha terra mineira. A empresa presenta a actividade coma inocua, mais tal remoción de grandes cantidades de solo non é precisamente amigable ca natureza nin con este tipo de actividade produtiva. Ten impacto na mesma calidade do solo así como no drenaxe das augas, e os propios microorganismos do solo.

Primeira Asemblea Informativa, á que seguirán outras

Os danos que sofre o terreo con exemplos concretos centrou boa parte da asemblea.

A Primeira Asemblea Informativa cumpriu a función de crear un espazo que permitise á veciñanza expresar as súas preocupacións sobre o tema. Non menos importante era concienciar da situación aos gobernos de Frades e de Mesía, que dependen totalmente da actividade gandeira. A Casa da Cultura de Xanceda encheuse.

Varias persoas dixeron que nas súas fincas fixéranse tomas de mostras sen permiso dos propietarios. Outras comentaron que hai zonas onde xa se sacou o mineral sen ningún tipo de permiso de investigación nin de extracción. A maioría da xente presente pronunciouse claramente en contra da explotación mineira da zona.

Solicitouse unha nova asemblea para as persoas que non puideron estar presentes. Dita asemblea está previsto que se celebre o vindeiro martes, día 4 de abril, ás 22:30 na Casa da Cultura de Xanceda. Nela informarase das tardes e os lugares onde se vai estar para facilitar as persoas afectadas o tema das alegacións que, como resultado da primeira xuntanza, estanse a redactar e presentar.

A coordinadora do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, informou sobre os antecedentes legais da empresa Erimsa na Terra Chá, onde a mineira acumula varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contrarias á súa actividade. Tamén en Oroso ten xa cometido prospeccións ilegais sen licenza, feitos denunciados polo SLG no seu día (2014).

Hai que evitar que se dite sentenza de morte para a comarca, e romper coa tendencia da Xunta de Galicia para co rural galego. E loitar de maneira decidida pola terra.

ContraMINAcción posiciónase en contra destes proxectos mineiros

En tanto en canto afectan a ecoloxía e a agricultura e gandería da que depende a veciñanza, invita:

-A veciñanza que o desexe a unirse a ContraMINAcción, un grupo de cidadáns e cidadás afectados pola minaría en Galiza, que traballamos xunto con organizacións e redes ecoloxistas.

-Os municipios de Frades, Mesía, Oroso e Ordes a posicionarse claramente do lado das granxas afectadas, e actuar con decisión en defensa das actividades económicas das familias.

-A Xunta de Galicia a aportar e publicar de maneira clara, efectiva e urxente toda a información relativa a actividade mineira que se lle requira.

Mais información:

ContraMinAcción e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños manifesta a súa dor polo triste pasamento do amigo Paco Souto

Neste día triste e de tanta dor polo pasamento de Paco Souto, desde ContraMinAcción e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños queremos transmitir as nosas condolencias á súa familia e amizades.

Poderíamos lembrar, como está a facer moita xente, a súa enorme e incuestionábel calidade persoal e poética, pero queremos destacar ademais o seu compromiso social e político, coa xente do común e coa defensa dos valores desa natureza que hoxe o levou consigo.

Na loita contra a minaría destrutiva que ameaza a Galiza desde hai anos, Paco Souto foi o artífice principal, xunto coa Asociación Caldeirón, da publicación do libro Versus Cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto. Anunciábase esta obra dicindo que “este libro de poemas quere ser un chanzo máis na loita para que o proxecto mineiro de Corcoesto non se leve a cabo. Queremos que cada letra se converta nunha pinga de antídoto contra o veleno do cianuro. Que cada verso se converta nun valado que protexa o noso territorio, impedindo o paso de quen ven co ánimo de destruílo”. Os versos de Paco Souto uníronse aos doutras persoas na construción dese valado protector contra quen pretende destruír o noso país. Eses mesmos versos que se lembrarán como un himno nas loitas que han de vir, para converterse en poemas de referencia contra outros proxectos mineiros que nos ameazan.

Hoxe ficamos un pouco orfos, mais agradecidos da man amiga que nos dou desde Bergantiños cando era precisa e que, sen dúbida, nos acompañará sempre.

Manha venres 31 de Marzo despediremos a Paco Souto nun acto civico as 15:45 hs. no Tanatorio de Malpica.


A miña nai dóenlle as cervicais

dóenlle desde sempre

desde que de nena

xogaba co gavillo a coller herba

no prado das Casillas

ou na Telleira

a canda as vacas a pastar beira do Seixedo

Pero sobre todo dóenlle

desde A Coruña

desde as bestas do leite

e o paxe á cabeza con brazados de grelos

con colifror

As malpicás

coas patelas cheíñas de sardiña e xurelo

As de Corme

co encaixe da noite por Camariñas

As de Corcoesto

con fiíños de ouro entre os dentes

e veña camiños para abrir o día

Era Galiza

un país en paxes

na cabeza das mulleres

Paco Souto (do libro Versus Cianuro, Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto)

 

Guardar

Auga, terra, dereitos e alternativas

ContraMINAcción abre co “III Encontro sobre os Impactos da Minaría” novos espazos de debate sobre o modelo extractivo e as súas alternativas, coa presenza da rede global Sí á Vida, Non á Minaría

No centro estivo a preocupación crecente polos proxectos mineiros e polo extractivismo en Galiza, e a busca activa de alternativas.

Encontro estratéxico de coordinadores da Rede Internacional “Sí á Vida non á Minaría” en Santiago de Compostela, e actividades conxuntas coa rede galega contra a minaría destrutiva ContraMINAcción.

Consolídase cara o futuro o intercambio de coñecementos e a solidariedade entre comunidades e organizacións.

Sigue lendo

III Encontros de ContraMINAcción sobre Impactos da Minaría

Será o sábado 4 de marzo en Santiago de Compostela, no Centro Socio-Cultural Vite desde as 10:30 h.

ContraMINAcción contará coa participación destacada de membros de diversas organizacións internacionais que fan parte da rede global Si á Vida Non á Minaría / Ye​​​​s to Live No to Mining (YLNM), xunto con membros de diversas organizacións galegas.

A entrada e libre e gratuita pero o aforo limitado, polo que te pedimos que te inscribas aquí.

Sigue lendo

¿Que hai detrás do lume?

Un incendio intencionado arrasou máis de 9 hectáreas do Monte Veciñal en man Común de Froxán, en Lousame, situado sobre unha concesión mineira.

ContraMINAcción condena este atentado a terra

ContraMINAcción condena este atentado a terra

Co apoio da sociedade, a política da terra queimada terá sempre as de perder fronte á defensa da terra e comunidades fortes, cohesionadas nas súas xustas reivindicacións.

Sigue lendo

ContraMINAcción defende unha herdanza viva da terra e non cuberta de lodos tóxicos

Crónica dun día no IX Congreso do Sindicato Labrego Galego

Invitada polo Sindicato Labrego Galego SLG, ContraMINAcción asistiu ao IX Congreso para acompañar as loitas do sindicato e a elección da nova directiva, da que saíu elixida novamente Isabel Vilalba Seoane e o equipo completo que estará á fronte os próximos catro anos.

Nova Dirección Nacional do SLG web

Defensa da terra
Contra os acaparamentos de terras cada vez máis alarmantes do avance do gran capital se abren varios frontes en defensa da terra ao longo e ancho da xeografía galega. Isto sabémolo en ContraMINAcción, dende onde defendemos a terra fronte a proliferación de proxectos mineiros e extractivos; e tamén o saben no Sindicato Labrego Galego quen defende o uso da terra para a produción agrícola para alimentar as persoas dende a lóxica da soberanía alimentaria.

De feito, o Sindicato Labrego Galego é un dos 22 colectivos que integran a rede ContraMINAcción, formada en 2013 para denunciar os perigos da minaría en Galiza e activa dende entón en todo o territorio.

Durante o congreso celebrado o sábado 12 de marzo, diferentes representantes do SLG recordaron a situación dramática do agro, a consecuencia das políticas que favorecen a grandes empresas do agronegocio e a grandes propietarios terratenentes, ou tamén a minaría. Ao mesmo tempo, propician o abandono do rural co éxodo ás cidades e a outros países, polas perdas continuas de emprego e o peche obrigado de granxas, dez cada día.

A nova secretaria executiva pola creación de emprego e revitalización do rural
Isabel Vilalba explicou como tan só cinco grandes empresas controlan a distribución de alimentos para consumo humano e os pensos animais. Recordou a necesidade de defender as sementes como patrimonio básico. Sinalou as contradicións dos poderes públicos ao falar de cambio climático ao tempo que fomentan o transporte de alimentos dun lado a outro do mundo en detrimento do potencial de producir alimentos a nivel local, como o que ten Galiza, que queda desaproveitado polas malas políticas. “Evitar que a terra caia en mans das multinacionais” e que non temos que acabar producindo materia prima para as grandes multinacionais, senón alimentación sa, sen transxénicos, sen restos de pesticidas, foron mensaxes que quedaron claras das súas intervencións.

Diferentes sectores, un mesmo obxectivo
Pola súa parte, Adolfo Cabarcos explicou como os prezos das carnes están en xeral á baixa -até 2 euros menos na maioría delas- a pesares da existencia da indicación xeográfica protexida da tenreira galega. Incidiu tamén na ocupación salvaxe das terras agrícolas, especialmente pola implementación de monocultivo de eucalipto.

Belén Fervenza destacou a necesidade de que “a xente recupere os espazos dos que nos botaron, como as prazas de abastos, os mercados e as leiras, avogando por canles curtas de comercialización e a relocalización do consumo”, todo isto nun marco de xeración de confianza, empoderamento e soberanía alimentaria a pesares das graves fallas da política. Destacou a importancia de “recuperar colectivamente a capacidade de alimentar as galegas e galegos”.

E Lupe Prado centrou a súa intervención na invitación a facer un esforzo de “dentro para fóra, recuperando as organizacións para a xente e facendo políticas diferentes ás oficiais, asembleas abertas e gañando visibilidade, procurando unidade dos sectores”.

María Ferreiro Santos explicou o traballo das mulleres do SLG contra a violencia machista; en procura da titularidade compartida das granxas, que xeralmente están a nome dos homes, quedando a muller relegada ao papel de “axudante”; e as cotizacións da seguridade social, co obxectivo de igualar as pensións das mulleres as dos homes, que son entre un 33 e un 35% superiores.

Daniel Rodicio invitou a construír solidariedade e sinerxias en positivo, ao explicar que os de arriba “teñen medo a unha sociedade organizada”. Construír alianzas con cada sitio do mundo onde están a sofrer o mesmo ca nos, dende os EEUU ata Fisterra pasando pola Patagonia. Recordou que o futuro non pode ser nin o paro nin a precariedade, e avisou que se non facemos nada, en 50 anos Galiza vai perder un millón de habitantes. Como dato significativo non se cansou de repetir que só un 5% das explotacións agrarias de Galiza teñen un titular menor de 40 anos, un dato que reflicte o drama do envellecemento do rural.

O gran pacto necesario
Isabel Vilalba destacou tamén a importancia de colaboración entre colectivos e coa cidadanía en xeral, reivindicando como unha das claves para evitar que a terra caia en mans das multinacionais.

Por unha terra viva, sen contaminación, ContraMINAcción

De cara ao final do Congreso interveu Nela Abella en representación de ContraMINAcción para relatar os impactos do extractivismo no territorio, destacando a conivencia dos poderes públicos coas mineiras en detrimento da poboación. Exemplificou co caso de Cementos Cosmos, que lle vén facendo a vida imposible aos veciños de Triacastela que se opoñen ás súas actividades, cortándolles camiños de acceso e fontes, e poñendo denuncias arbitrarias. Reivindicou unha herdanza viva da terra, e non cuberta de lodos tóxicos. Recordou que noutras partes do mundo a loita ambiental vai acompañada de morte e represión, e en Galiza imos polo mesmo camiño.

Entre outras cuestións importantes, Miguel Blanco de COAG advertiu dos perigos dos tratados de libre comercio que a Unión Europea negocia a escondidas da cidadanía facilitando políticas antisociais e apostando por unha “agricultura sen agricultores”, recordando neste punto que só hai futuro si hai mulleres e homes traballando no campo.

Todo isto aconteceu no marco da defensa da “Terra, Prezos Dignos e Soberanía Alimentaria”, que foi o título que deu forma a xornada.

ContraMINAcción agradece ao SLG a invitación a unha xornada tan produtiva, colaborativa e solidaria.

———————————————

Ver tamén:

Sobre o IX Congreso
IX Congreso: aposta por un modelo agrario cuxa dimensión a marquen as persoas e non o lucro das grandes empresas

Sobre a nova directiva do SLG
Unha equipa humana renovada coordinará o traballo do Sindicato Labrego Galego os vindeiros catro anos

Sobre a convocatoria do congreso:
O SLG celebra este sábado o seu IX Congreso en Lugo baixo o lema “Terra, prezos dignos e soberanía alimentaria”

 

Sigue a ContraMINAcción nas Redes Sociais:
Facebook: facebook.com/contraminaccion/
Twitter: @mineriagalicia

Páxina web de ContraMINAcción

 

 

Outra mina para parar en Galiza

Fronte ao Axuntamento de Zas

Membros da comunidade prepáranse para entregar as mais de 300 alegacións e 1200 firmas en rechazo do proxecto mineiro Isabela II

Comunicado de Prensa de ContraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza

A pancarta coa lenda “Galiza non é unha Mina: Defende a Terra, Defende a Vida” viuse obrigada a viaxar unha vez máis: onte chegou ata Zas, para acompañar a representantes da federación de nove asociacións veciñais Pico da Meda na presentación de 307 alegacións e 1.187 sinaturas contra os proxectos mineiros do Grupo M-FM 2001 SL.

E alí estivo tamén ContraMINAcción, apoiando a veciñanza e interesándose polas súas preocupacións en torno ao tema: as persoas que moran na zona manifestan por exemplo as grandes dificultades que enfrontan á hora de elaborar as alegacións, pola falta de información completa e as dificultades de acceso aos expedientes, ademais de o breve prazo dispoñíbel. Tras informarse, moitos veciños xa están a organizarse para rexeitar rotundamente a introdución dunha actividade contaminante de estas características.

O proxecto mineiro chamado Isabela II é cinco veces maior que o de Corcoesto, que xa foi cancelado. O novo proxecto afecta aos concellos de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco. As súas consecuencias potenciais negativas para a área afectada son moitas, segundo as análises. En primeiro lugar, unha mina de ouro a ceo aberto implica o uso de cianuro, un veleno moi contaminante e mortal, maquinaria pesada, recursos públicos, camiños e carreteiras, electricidade, e supón a introdución dunha actividade industrial moi agresiva nunha zona agrícola e gandeira -entre 1.500 e 2.000 explotacións de vacún afectadas-, con actividade de caza e pesca, apicultura e outras propias das zonas rurais.

As alegacións presentadas ao proxecto Isabela II refírense entre outras moitas cuestións a falta de planos de situación dos labores; a falta dun estudo xeolóxico e estudos de impacto ambiental; a indeterminación da afectación aos bens arqueolóxicos, paisaxísticos e etnográficos; a inviabilidade de un aproveitamento racional de recursos e o incumprimento de diferentes leis e normas.

Desgraciadamente, o caso non e único. As minas proliferan en toda Galicia. Por este motivo, xurdiu a Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción, que agrupa a 22 colectivos e está permanentemente mobilizada en torno a esta temática.

ContraMINAcción esixe a denegación do permiso ao proxecto Isabela II

En medio dunha gran expectación veciñal, entrega de firmas e alegacións

En medio dunha gran expectación veciñal, entrega de firmas e alegacións

Páxina web de ContraMINAcción: http://www.mineriagalicia.org
Email: contacto@mineriagalicia.org

Redes Sociais:
Facebook: facebook.com/contraminaccion/
Twitter: @mineriagalicia