Arquivos do autor: marinela

Obter metais a partir do lixo electrónico é 13 veces máis barato que sacalos dunha mina

 

Recuperar ouro, cobre e outros metais do lixo electrónico non só é máis sustentable, senón que ademais é 13 veces más barato que extraer metais das minas, segundo se desprende das investigacións publicadas pola Sociedade Química Americana na revista Ciencia e Tecnoloxía Medioambiental.

Investigadores da Universidade de Tsinghua en Peking e da Universidade de Macquarie en Australia estudaron datos de 8 empresas de reciclaxe en China e calcularon o custo de extraer metais do lixo electrónico co que se vén chamando minería urbana. Observaron que unha televisión de tubo catódico contén case medio quilo de cobre, e máis de medio quilo de aluminio. Tamén contén arredor de 10 gramos de ouro.

Os gastos das empresas de reciclaxe, que foron compensados con axudas gobernamentais e ingresos das ventas dos materiais e compoñentes que se recuperaron, incluíron recollida de lixo, man de obra, enerxía, material e transporte, ademais de gastos en maquinaría e naves, segundo a Sociedade Química Americana.

Os nosos residuos conteñen gran cantidade de metais que poden ser reaproveitados

“Os investigadores conclúen que con estas compensacións, custa 13 veces máis obter estes metais da minería metálica que da minería urbana”, di a Sociedade Química Americana.

Aínda que o estudo estaba limitado ao cobre e ouro extraídos e procesados de residuos electrónicos de televisores, os investigadores afirman que os seus resultados indican unha tendencia e posibilidade de ser aplicados a unha gama máis ampla de residuos electrónicos e metais.

“Se estes resultados se poden estender a outros metais e países, prometen ter un impacto positivo na eliminación de residuos e nas actividades mineiras a nivel global, xa que a economía circular viría a desprazar a economía de traxectoria lineal”, afirman no estudo.

Extraer metais do lixo electrónico hai tempo que ten sentido para empresas como Dell, tanto a nivel económico como medioambiental. Michael Murphy, vicepresidente de Dell Technologies para Enxeñería de conformidade global de produtos e asuntos medioambientais, declarou a Environmental Leader que os ordenadores son un tipo de produto complexo, pero dos que se poden obter fluxos de valor.

“Unha das claves é a extracción de metais preciosos”, dijo. “Axudamos co deseño para que sexan reciclables e así permitir aos nosos colaboradores obter os materiais de máis valor facilmente, e usalos novamente nos nosos produtos ou outros sectores”.

Este ano, Dell colaborou coa actriz e activista Nikki Reed cunha colección de xoias de edición limitada feita nos Estados Unidos usando ouro recuperado nos programas de reciclaxe de Dell. Desde 2012, a compañía di ter convertido máis de 50 millóns de libras de materiais reciclados en novos produtos.

A nosa economía actual é lineal, é dicir, está baseada no sistema de producir-comprar-tirar, un sistema que ignora os límites reais do noso planeta. A produción de obxectos de consumo non se fai pensando nos nosos recursos e necesidades, senón na busca do beneficio económico a calquera prezo, sen ter en conta para nada os criterios ambientais. Así, a maioría de obxectos son producidos desde a perspectiva da obsolescencia programada, pensando en que duren o menor tempo posible e non sexa posible arranxalos, para que precisemos facer unha nova compra.
Desde ContraMINAcción pensamos que este modelo non serve, e que leva a unha necesidade cada vez maior de destruír o noso solo para obter recursos que en realidade xa están aí, no noso lixo. Cremos que cómpre facer o cambio a unha economía circular, na que se aposte pola durabilidade dos obxectos producidos, e na que se lle dea aos residuos o valor que realmente teñen, pois non son outra cousa que recursos que poden ser aproveitados para un novo ciclo.

A nosa campaña contra a mina de Touro-O Pino faise internacional

Desde ContraMINAcción estendemos a campaña contra a mina de Touro e O Pino a distintas cidades galegas, como Vigo e Ourense. Tamén cruzamos o océano con ela, levándoa a Bos Aires.

Desde a plataforma contraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva de Galiza que agrupa 24 colectivos e plataformas, estamos a desenvolver un intenso traballo dende hai anos para informar á cidadanía do enorme impacto social e medioambiental que ten a minaría destrutiva en diversos puntos da xeografía galega. Nese traballo continuado no tempo enmárcase a nosa actual campaña contra o proxecto San Rafael de extracción de cobre que pretende levar a cabo Atalaya Mining (Riotinto) nos municipios coruñeses de Touro e O Pino.

En ContraMINAcción estamos traballando no tema desde que se puxo a exposición pública o proxecto, divulgando as características do mesmo e os riscos que del se derivan. Agora estamos a organizar actos nos que se proxecta o documental producido por Nós TV e dirixido por Xosé Antón Bocixa “A ameaza do cobre”, e nos que persoas e colectivos afectados comparten a súa testemuña cos e coas asistentes. Desta maneira, ContraMINAcción organizou xa proxeccións e palestras en Lugo e Muimenta (Lugo) e, para a semana que vén, o xoves 24 de maio, fará outro tanto en Ribeira, Vigo e Ourense, co apoio nesta última cidade de Cine Clube Padre Feijóo e Sustinea. A maiores, estanse a preparar proxeccións e palestras en Arzúa, Melide e mesmo en Bos Aires (Arxentina)

Unha das primeiras charlas de ContraMINAcción en Touro, antes da constitución da Plataforma

Con esta campaña, desde a rede contraMINAcción queremos dar continuidade ao noso compromiso de informar á cidadanía e poñer tódolos medios ao noso alcance para deter este proxecto mineiro que ameaza con arrasar unha rica e extensa zona gandeira. Así o fixemos con varias charlas informativas, en setembro de 2017, para dar a coñecer á veciñanza as consecuencias do proxecto mineiro; ou elaborando as alegacións e poñéndoas a disposición dos veciños e veciñas para que puidesen presentalas contra o proxecto mineiro en outubro dese mesmo ano.

O SLG denuncia a Erimsa diante da Fiscalía por actividade mineira presuntamente ilegal en Frades

O SLG denuncia a Erimsa diante da Fiscalía por unha actividade mineira presuntamente ilegal no concello de Frades

Un dos colectivos da nosa rede, o Sindicato Labrego Galego, vén de presentar diante da Fiscalía unha denuncia contra a empresa Erimsa por levar a cabo actividades mineiras no concello de Frades sen que consten as licenzas preceptivas para poder levalas a cabo.

Extracción de cuarzo nunha parcela agrícola por parte de Erimsa (Fonte: Campo Galego)

 

Os feitos denunciados remóntanse ao outono de 2017, cando Erimsa fixo traballos extractivos dende o 27 de outubro na parcela 502, polígono 572, na parroquia fradense de Abellá. Con data 27 de novembro de 2017, o SLG puxo estes feitos en coñecemento do Concello de Frades, solicitando do goberno municipal que, unha vez comprobados os feitos, actuasen en consecuencia. Ese mesmo día, denunciouse todo isto diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). A día de hoxe, o Concello de Frades aínda non contestou, e a APLU manifestou, recentemente, que as actividades denunciadas non precisaban autorización autonómica previa á licenza municipal, desentendéndose da posible infracción.

Diante do silencio do Concello de Frades e do absentismo da APLU -pois é competencia súa intervir en supostos como o denunciado, con independencia do que faga ou deixe de facer o concello- dende o Sindicato Labrego Galego tomaron a decisión de poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía.

Curiosamente, e dándolle a razón ao SLG, tralas denuncias realizadas, segundo o BOP do 26 de xaneiro de 2018, Erimsa solicitaba de Augas de Galicia a autorización de obras nos lugares de Regueiro e Trigueira, parroquia de Galegos (San Martiño, Frades). A maiores, extraído do BOP citado, Erimsa “solicita autorización para realizar cribado de terreo nas parcelas 571 e 572 do poligono 502 do catastro de Frades, no lugar de Regueiro, dentro da zona de policía de Ieitos do río Samo. O cribado consta das fases de escavación de terra vexetal, acopio temporal da terra vexetal escavación e cribado de materiais, carga do material a extraer, recheo do oco da escavación, estendido de terra vexetal e, finalmente, revexetación das parcelas”. O problema é que ese cribado de terreo xa fóra realizado antes de solicitar as licenzas para facelo.

Diante disto, o Sindicato Labrego Galego pediulle á Fiscalía que se requira da APLU a documentación referente a este caso e explicacións sobre o seu absentismo nesta denuncia. Tamén pedimos que se requiran todos os documentos relacionados con este suceso ao Concello de Frades, á Policía Autonómica (que presenciou os feitos denunciados), A Dirección Xeral de Minas e á propia empresa Erimsa.

Plataforma pola sostibilidade do rural galego ou cabalo de Troia contra o rural?

O concepto de sostibilidade

O uso perverso do concepto da sostibilidade ou sustentabilidade ten levado a exemplos que ben merecerían estar nalgunha enciclopedia do disparate. En 1987 se publicou o informe Brundtland que deu a coñecer o concepto de desenvolvemento sostíbel definíndoo como o que atende as necesidades do presente sen comprometer as necesidades das xeracións futuras. Desde aquela, o concepto foi utilizado de forma cada vez máis abusiva nos contextos máis triviais, como a publicidade, até as políticas institucionais, traducidas en plans, informes, etc, presentándose, mesmo, como elemento vertebrador de dispares políticas ambientais. Este uso-abuso, lonxe de ir acompañado de medidas que contribuísen a unha xenuína transformación económica e social, supuxo, máis ben, unha forma de anular o seu significado inicial e o seu potencial crítico. Nesta deturpación conceptual participaron as grandes empresas transnacionais, interesadas en non ver freadas as súas ansias de maximizar beneficios por mor de garantir unha seguridade ambiental e económica a xeracións que non formaban parte dos seus inmediatos consumidores. Da man delas foron organizacións políticas e económicas internacionais, correas de transmisión dos seus intereses nas que están instalados os lobbys de forma permanente. E, como non, os gobernos a diferentes niveis da administración, nos que as portas xiratorias están á orde do día, guiados na súa acción política polos intereses empresariais.

Pouco a pouco, desprovisto de referente real, o concepto de sostibilidade converteuse nun mantra repetido até o fastío a comenencia de cada un. Trinta anos despois atopámonos nunha encrucillada ecolóxica que pon en xaque a supervivencia do planeta: cambio climático, esgotamento acelerado de recursos, perda preocupante da biodiversidade, etc…
Neste contexto aparece a iniciativa promovida por Unións Agrarias, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), a Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga), a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), a Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (VIFOGA), a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), a Cámara Mineira, o Clúster da Pizarra de Galicia, o Clúster do Granito, a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL) e a Confederación Española de Industrias Extractivas de Rocas y Minerales Industriales (COMINROC) que din formar unha Plataforma pola sostibilidade do rural galego. Á marxe dos intereses comúns que poidan mover ou non a cada un destes grupos, chama a atención que destaquen varios aspectos da súa análise nos que coincidirían:
A suposta obstaculización ás actividades produtivas no rural por mor da lexislación ambiental autonómica, ao considerar que son incompatíbeis co manexo do territorio. A pesar de teren, en ocasións, intereses enfrontados estas normas prexudicaríanos a todos eles.
A consideración de que a perda de poboación no rural reduce a xestión do territorio e aumenta a incidencia dos incendios catastróficos.
A consideración de que a actividade económica é compatíbel coa protección ambiental, motivo polo que as políticas ambientais deberían ter en conta os veciños, os propietarios forestais e as actividades económicas do rural.
Pronúncianse en defensa dun desenvolvemento sostíbel no rural, con políticas ambientais que permitan o mantemento de actividades produtivas, para un rural que sirva para vivir e traballar e non só para ir de paseo.

Sostibilidade rural ou máis do mesmo?

Podería parecer un discurso coherente, mais non o é. Parecen promover un desenvolvemento sostíbel e falan de sostibilidade do rural, mais mesturan ideas contraditorias para promover xusto o contrario do que din defender: un desenvolvemento convencional destrutivo dos ecosistemas e a desaparición paulatina do hábitat rural tal e como o coñecemos. Vexámolo con máis detemento.
A primeira e grave confusión está xa no inicio e non procede da cándida ignorancia, a intención de dirixir o discurso nunha dirección determinada é clara, como se deduce dos outros puntos. A sostibilidade, esa idea-forza que, repito, nace co informe Brundtland e o concepto de desenvolvemento sostíbel, refírese fundamentalmente á idea da preservación das condicións ecosistémicas que permitan garantir que xeracións futuras poidan satisfacer as súas propias necesidades dun modo análogo a como se satisfán no presente. Precisamente o que denunciaba o informe era un desenvolvemento baseado no crecemento económico continuado, é dicir, nun incremento continuado da actividade transformadora de recursos e do consumo. Nese desenvolvemento radicaría a causa principal de que a humanidade teña alcanzado unhas proporcións de destrución dos ecosistemas da biosfera que poñen en perigo a súa propia supervivencia. Ese desenvolvemento económico foi capaz de asegurar a cobertura de necesidades para unha parte da poboación mundial -nin sequera para toda- pagando o prezo de xerar un alto grao de desigualdade e hipotecando as xeracións futuras. En fin, é un modelo de desenvolvemento INSOSTÍBEL.
Trataríase, pois, de cambiar o modelo. Debería mudar a base económica da produción e o consumo evitando un crecemento económico continuado destrutor dos ecosistemas e, en consecuencia, da base material da economía. Non hai unha oposición entre protexer os ecosistemas e garantir a reprodución das condicións económicas materiais. A esfera do económico non existe á marxe dos ecosistemas. Os seres humanos somos seres sociais, as relacións sociais permítennos resolver os nosos problemas de produción ou consumo e, en tanto que seres vivos, habitamos ecosistemas, non somos seres etéreos e incorpóreos encapsulados e separados doutros elementos da biosfera. A biosfera, ese espazo do planeta que ten unhas condicións que permiten que haxa algunha forma de vida, é o lugar no que habitamos todos os seres vivos -tamén os humanos- construímos organizacións sociais, obtemos todo o que utilizamos para manter os nosos niveis de vida e establecemos relacións económicas.

Conservalos é a única forma real de garantir a reprodución económica, social e ambiental nesta e futuras xeracións. Certamente, podemos decidir non conservalos, e mesmo iso pode facernos dispor dunha fugaz riqueza material superior á do pasado, no entanto, sen dúbida tamén superior á das xeracións futuras, porque teremos consumido parte do patrimonio común do que deberían gozar tal e como nós o herdamos das pasadas.

A sostibilidade ecosistémica, única garante da sostibilidade socioeconómica

A diferenza do que se fai crer, conservar os ecosistemas non implica deixar de utilizar aquilo do nos fornecen, porén, ten que ser un uso non destrutivo que nos permita manternos dentro dunhas marxes de equilibrio que garantan a súa preservación. Convén lembrar algunhas das funcións que cumpren os ecosistemas, esenciais para garantir a reprodución da economía e dunhas adecuadas condicións de vida e que os promotores desta iniciativa parecen descoñecer ou non queren considerar. Sen pretender sermos exhaustivos, hai que mencionar a función de regulación hídrica que grazas á cobertura do solo permite regular escorrentas e drenar e irrigar de forma natural, que se ve danada frecuentemente en explotacións mineiras tanto metalíferas como non metalíferas, ou a función de dispoñibilidade hídrica pola que podemos dispor de auga para usos consuntivos (bebida, rego, manufactura). Outras teñen que ver coa suxeición e formación do solo (co papel xogado polas raíces da vexetación e a fauna edáfica ou a acumulación de materia orgánica) e serven como prevención fronte á erosión e o mantemento da produtividade natural do solo e das zonas cultivadas, estas funcións vense gravemente alteradas con prácticas forestais agresivas como as vinculadas ao monocultivo crecente de eucaliptos ou con múltiples actividades mineiras. Os ecosistemas tamén realizan funcións que xeran servizos que permiten resolver necesidades humanas de forma directa ou indirecta: as funcións de hábitat (como refuxio ou criadeiro de todo tipo de especies, incluídas as comercializábeis), as funcións de produción (con todo tipo de recursos), as funcións de información (das que dependen o goce estético e paisaxístico, mais tamén certos elementos históricos e culturais ou o coñecemento científico), as funcións de substrato (como lugares onde vivimos, obtemos os nosos alimentos, realizamos as nosas actividades produtivas ou depositamos os nosos residuos). Que todas estas funcións poidan seguir servindo aos nosos intereses depende de como interfiramos nelas.
E aquí cómpre aclarar unha confusión habitual. Cando falamos de ecosistemas e da súa preservación ou de protección medioambiental, non nos estamos a referir a que os seres humanos deban permanecer fóra deses ecosistemas. Na actualidade, e máis nun territorio como o galego, os ecosistemas están maiormente humanizados, son o resultado dunha interacción milenaria da nosa especie co resto das especies que os habitan. Non hai contradición en preservar un e outros á vez, é máis, precisamos preservar os ecosistemas -que tamén son humanos- para garantir a nosa supervivencia.
Velaí unha das razóns polas que hoxe estamos nesta encrucillada ecolóxica, porque o equilibrio que os seres humanos tendemos a respectar desapareceu en favor do modelo de desenvolvemento dominante que rompeu cunha economía baseada no uso preponderante de recursos renovábeis e na xeración de residuos asimilábeis por eses mesmos ecosistemas. Esa ruptura supuxo construír unha economía insostíbel que fai do consumo de materiais non renovábeis e de enerxías non renovábeis os seus fundamentos. Estes materiais e enerxías son responsábeis de moitos dos máis graves problemas ambientais que padecemos. En materiais non renovábeis sostense toda a industria de extracción mineira actual, que nada ten que ver con fórmulas antigas nas a explotación estaba circunscrita fundamentalmente ao uso de recursos locais para usos locais e só eventualmente para usos noutros territorios. Non por casualidade, a maior parte da extracción mineira mundial faise no último século e sobre todo a partir da segunda metade do século XX, etapa na que se extraen máis minerais que nos milleiros de anos anteriores de historia humana. Esa voracidade destrutiva de todo tipo de ecosistemas, desenvolvida por ou ao servizo de grandes transnacionais mineiras, ten o triste mérito de ter destruído ou levado á pobreza a comunidades enteiras por todo o planeta, mudando de forma drástica o hábitat e abandonándoo cando xa non resulta de interese a súa explotación. Unha actividade virada cara unha economía movida por unha causalidade urbana que condena ao mundo rural a perder as condicións que permiten a súa supervivencia non é sostíbel, é, xusto, a súa antítese. A non ser que, nunha especie de paroxismo conceptual, se entenda por sostibilidade facer buratos aquí e acolá mentres se destrúe o territorio, se contamina, se modifican infraestruturas e hábitats e se interfire nas dinámicas endóxenas propias deses territorios. Construír un lago mineiro nun foso, resultado de pouco máis de dúas décadas de explotación mineira, e ciscar plantas e fauna pseudosalvaxe para cubrir entullos non é un exemplo de sostibilidade. É o caso das Encrobas, ese territorio que vive na memoria, do que foron desterrados os habitantes que durante xeracións o mantiveron vivo coas súas peculiaridades ecosistémicas e coas súas tradicións e costumes. Rematada a mina, non é un lugar para a vida humana senón un escenario de cartón pedra, unha mala performance de sostibilidade que busca naturalizar o que previamente se deshumanizou. Os recursos estragados en apenas vinte e cinco anos e convertidos en emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro e calor residual hai que descontárllelos da herdanza das xeracións futuras. Será acaso esa sostibilidade a que promove esta plataforma? Un territorio explotado até a extenuación para beneficio duns poucos e a cada paso menos habitable até que finalmente se converta nun deserto humano?.
Desertización demográfica do rural e sostibilidade
O que desertizou o rural galego non foi un exceso de celo ambiental por parte das diferentes administracións. U-la preocupación ambiental? Nalgunhas normas recentes e, certamente, apoucadas se compararmos co entorno europeo? Caso de haber tal preocupación -para nada excesiva- foi posterior ao fenómeno da desertización do rural que se vén producindo desde hai décadas. Desde a entrada da economía española na agora denominada Unión Europea, no ano 1986, produciuse unha clara redución da poboación galega no rural: 249 concellos, todos eles cun carácter fundamentalmente rural, dos 313 concellos galegos perderon poboación desde ese ano, só gañaron poboación certas vilas e as áreas urbanas e periurbanas da Coruña, Compostela, Lugo, Ourense e o eixo Pontevedra-Vigo. O proceso de desprazamento do rural cara o mundo urbano xa viña de algúns anos antes mais agudizouse nos últimos trinta anos. Entre as causas do mesmo está a aplicación dun modelo de desenvolvemento baseado no impulso de polos industriais e servizos nos núcleos urbanos desatendendo paulatinamente o mundo rural e un modelo de modernización e mecanización das explotación agrogandeiras que, lonxe de crear máis postos de traballo, destruíunos (os novos postos de traballo foron creados sobre todo nas áreas urbanas e non nas rurais). Foi a aplicación dun modelo de desenvolvemento convencional de carácter industrial e extractivista, impulsado por unha lóxica urbana e ao servizo desta, mesmo por lóxicas externas ás necesidades internas da economía galega, a que levou a un abandono progresivo e acelerado da actividade agraria e a un abandono demográfico do rural. Afirmar que o exceso de lexislación ambiental é a causa principal, mesmo secundaria, do abandono do rural é simplemente unha falsidade.Certamente, o abandono do rural impide unha boa xestión do territorio e contribúe á proliferación de incendios. Mais tamén favoreceu a extensión dos cultivos de eucaliptos, impulsados por algúns dos promotores da plataforma e favorecidos pola acción nada candorosa das administracións públicas.

Unha paisaxe de terras abandonas e sen cultivar, onde o monte perdeu a súa funcionalidade ecosistémica para converterse nun reservorio de madeira para a fabricación de pasta de papel, e onde preocupa máis o subsolo para alimentar ás empresas mineiras que a superficie para alimentar á poboación local ou galega. Non é o desvelo pola protección ambiental senón a abulia na procura dun modelo forestal diferente a que explica a incidencia dos incendios. O lume formou parte das prácticas da agricultura tradicional mais non a proliferación de incendios que sufrimos hoxe. Separando a produción forestal das actividades agrogandeiras convertemos a maior parte da superficie territorial galega nun elemento incongruente coa lóxica interna que había no rural.

Quen ten en conta á poboación rural?

Coincidimos coa plataforma en que a actividade económica é compatíbel coa protección ambiental, motivo polo que as políticas ambientais deberían ter en conta a veciñanza, propietarios forestais e ás actividades económicas do rural. Xa incidimos antes nesta compatibilidade, se ben nun senso ben diferente. Curiosamente, ter en conta a veciños, propietarios forestais e actividades económicas do rural na planificación económica e ambiental, sendo imprescindíbel para o seu éxito, non é práctica habitual dalgúns dos promotores da plataforma. Véxase o modus operandi das empresas mineiras nos conflitos de Corcoesto, Terra Chá, A Limia, Triacastela, Lousame, Touro-O Pino. Por máis que se presenten centos de alegacións veciñais, se soliciten debates abertos e exposicións públicas dos proxectos, se considere a prevalencia das actividades agrogandeiras, marisqueira ou pesqueiras preexistentes, por máis que colectivos sociais, veciñais, ecoloxistas, etc, fagan fincapé na necesidade de garantir tal compatibilidade, as empresas mineiras teñen furtado o debate e escatimado a atención a aqueles que lle reclaman esa resposta pública. Esa desatención non é menor por parte de algunha das administracións públicas, como a Xunta de Galicia.
O modelo económico produtivista e extractivista ao que se ten sometido ao mundo rural durante décadas foi deseñado, en grande medida, co apoio, inspiración e, ás veces, ao ditado nas súas liñas directrices por varios dos colectivos promotores da plataforma. Non deixa de ser paradoxal que agora se laien dos efectos da aplicación de dito modelo –como o abandono do rural-. Semella máis cínica a súa postura pretendendo endosárllelos a unha política ambiental que mirou para outro lado mentres lle deixou facer a vontade. Certas directrices, en aplicación de directivas europeas, pretenden ser aplicadas na súa versión máis laxa e claramente insuficiente para salvagardar o pouco que queda susceptíbel de ser protexido. As propostas desta plataforma para debilitar a protección ambiental e relegala a un papel marxinal son a garantía para sentenciar a morte definitivamente o agonizante rural galego.
Non hai unha minaría sostíbel, nin monocultivos forestais sostíbeis, por moito que contorsionemos os conceptos. A sostibilidade real é contraria a este tipo de prácticas. Que un sindicato agrario como Unións Agrarias pida a sostibilidade (real) do rural non é estraño, mesmo é esixíbel que o faga. Que para facelo se unan a algúns colectivos que obstaculizan a sostibilidade (real), é incomprensíbel. De outros colectivos non se pode esperar máis que o que están a facer, defender intereses privados, mesmo en detrimento dos intereses colectivos ou particulares de moita xente do rural. Xa nos tiñan acostumado.
Un rural sostíbel é posíbel, mais non con esta plataforma.

 

Xoán R. Doldán García
Profesor Titular de Economía Aplicada-Universidade de Santiago de Compostela

ContraMINAcción, nas xornadas antimineiras de Irlanda

A pasada fin de semana celebráronse en Belfast (Irlanda) unhas xornadas de encontro de loitas antimineiras, promovidas por Friends of the Earth. Contraminacción estivo presente nelas, pois a compañeira María Schery, da Plataforma de Xinzo, viaxou a Irlanda para participar no encontro.

María Schery, da Limia, xunto ao resto de representantes dos colectivos participantes

Nada máis chegar a Irlanda, María deuse conta de dúas cousas: a primeira, que a xente de Irlanda do Norte é moi acolledora e cariñosa. A segunda, que alí tamén chegou a “moda” da minería tal como pasou antes en Grecia, Rumanía…e en Galiza.

O primeiro grupo en intervir foi Save Our Sperrins. Loitan contra unha mina de ouro que está en Greencastle, Co. Tyrone. Están lanzando unha campaña de alegacións que nos piden que firmemos. Pódense descargar aquí, se algún grupo está interesado en apoialas. Para saber máis sobre este grupo, podedes ir á súa páxina de Facebook, SaveOurSperrins.

Lugar onde iría a balsa de lodos

Despois informou a xente de Cavan Mining Objection Group, que se opón a unha mina situada no parque natural Lough Oughter e os seus lagos. Se queredes visitar o seu Facebook, pinchade aquí.

Estes dous casos lembran moito ao caso de Corcoesto.

Seguindo cos parecidos, en County Down hai unha empresa sen licenza de obras que está esnaquizando a costa. A que se parece??? A Triacastela: Sen licenzas e destruíndo o patrimonio de todos.

Soubemos tamén do caso de Lough Neagh. Alí están sacando area de maneira ilegal, e vendéndolla ao estado norirlandes. Con esta acción están destruíndo o ecosistema do lago.

E hai moitos máis lugares afectados. En todos as mesmas dinámicas, os problemas. Só cambian os nomes dos lugares.

No encontro tamén estiveron presentes Kiran Pereira, da Plataforma Sandstories, que se opón á extracción industrial de area e aos problemas medioambientais que esta ocasiona; e Karina Flores, de Honduras, do movemento social e popular de América e da mesa de negociación.

A solidariedade entre as persoas e os colectivos, e o apoio mutuo é o único que pode parar estas desfeitas.

Dende Contraminacción expresamos todo o noso apoio ás loitas iniciadas contra estes proxectos, e animamos aos distintos colectivos a asinar as alegacións dos grupos antimineiros irlandeses.

Atalaya Mining esfórzase por disfrazar a realidade destrutiva do seu proxecto mineiro en Touro

Promotores da mina de Touro din o contrario do que revela a súa herdanza mineira noutras partes de España e noutros continentes. ContraMINAcción contesta que “a minaría si contamina, si xera vertidos e si afecta profundamente a poboación local”. Non hai, como pretende mostrar o Sr. Lavandeira minería aséptica e con vertidos e contaminación 0/0.

Na entrevista a modo de publirreportaxe co señor Lavandeira, publicada hai días na prensa1, o director de Atalaya Mining en España fai unhas cantas afirmacións e cualifica de falsas e alarmistas as persoas e colectivos que nos posicionamos rotundamente en contra da mina de Touro. Desde ContraMINAcción quixemos analizar algunhas das afirmacións do señor Lavandeira e contrastalas coa realidade de outros proxectos..

O Sr. Lavandeira di: “Vertido cero, cero. Es que no va a pasar, está garantizado.”

ContraMINAcción contesta: O director de Atalaya Mining non aporta ningunha proba para esta garantía, pero podemos tomar como modelo do que podería pasar en Touro a pegada desta empresa en outros lugares. Por exemplo, a mina que Atalaya ten en Huelva:

O Diario de Huelva do día 29 de xaneiro de 2018 infórmanos de que o SEPRONA ten aberta unha investigación

…para aclarar el destino de los 3 hectómetros cúbicos de aguas ácidas que almacenaba la zona de Cerro Colorado y que ya no están contenidos en esa corta minera.”

O mencionado xornal andaluz segue informando que o SEPRONA pide á empresa que explique cal é o procedemento técnico que se usa para completar o ciclo da auga, así como o seu destino. O feito é que a explotación carece de planta depuradora.

Hai que aclarar que a planta de Huelva tamén traballa baixo o suposto principio de “vertido cero”.

A empresa manifesta que as augas son reutilizadas no proceso mineiro, mais o feito é que desapareceron 3.000.000.000 (tres mil millóns) de litros de augas ácidas.

Tal vez a desaparición desas augas teña conexión coa denuncia presentada pola Fiscalía de Medio Ambiente andaluza contra Atalaya hai uns meses. A denuncia (que non só vai dirixida á empresa, senón tamén ao señor Lavandeira) vén motivada por un delito de contaminación atmosférica con grave risco para a saúde das persoas, pola formación de nubes de po en suspensión.

Nela afírmase que os niveis de emisións de partículas superaron os límites permitidos durante os meses de febreiro, marzo, xuño, xullo, setembro e outubro de 2016. Ademais, supéranse os valores medios de cobre, zinc e arsénico en ata dez veces respecto a outras localidades.

As detonacións van máis aló de seren “como un temblor que dura medio segundo y cuya vibración también está regulada por ley.” Parece que o feito de que a lei estableza regulamentacións respecto a emisións de distinto tipo, non disuade a esta empresa de saltar esas regulamentacións de maneira constante e reiterada.

Aspecto das minas de Rio Tinto

O Sr. Lavandeira di “Aquí todo se basa en algo etéreo: «Es que hay un grave peligro, es que van a contaminar…».

Para ContraMINAcción resulta evidente que en Atalaya Mining non tomaron en consideración os distintos documentos presentados contra o proxecto, como o informe da Federación Ecoloxista Galega ou as alegacións da asociación ecoloxista Verdegaia2, ambas integradas na rede ContraMINAcción. Eses documentos non se basean en graves perigos etéreos, senón en evidencias que se recollen na propia documentación presentada a trámite. Entre os documentos presentados atópase un estudo3, que alerta da presenza de materiais potencialmente xeradores de procesos acidificantes, que poden ser a fonte de cantidades considerables drenaxes ácidas de rocha.

No mesmo estudo alértase do risco de concentracións elevadísimas de metais pesados, que poderían afectar con facilidade as augas subterráneas e superficiais.

Non o afirma o que chaman o “lobbie ecoloxista antimineiro”: afírmao un estudo encargado e pagado por Atalaya Mining.

O Sr. Lavandeira “He participado en la puesta en marcha de muchas minas en Europa, en África, y nunca me he tenido que echar atrás.”

Ao contrario do que afirma, a herdanza de Lavandeira en África deixou a súa pegada non só no Congo, senón tamén no internet, e parece máis que dubidosa. Nese continente, concretamente no Congo, o Sr. Lavandeira liderou, segundo a prensa económica española, a apertura dun proxecto de extracción de cobre e cobalto en colaboración coa mineira Glencore1.

Segundo o diario alemán TAZ5, a mina Mutanda, na que Lavandeira traballou entre 2007 e 2014 é un “exemplo de manual do negocio corrupto dos minerais no Congo”. O cobre e o cobalto, imprescindibles para a tecnoloxía, son sen embargo causa de graves conflitos no país africano. Non se atopan na lista de minerais en conflito, porque o negocio con estas materias primas está en mans do estado e non das mafias e as milicias armadas. Pero ao estado dálle igual que “a minería en Mutanda contamine os ríos e as condicións de vida na cidade mineiras de Katanga sexan dramaticamente malas, con traballo infantil, descoidándose os estándares de seguridade e con arbitrariedades das forzas de seguridade”. Tamén se prodiga dito medio sobre a corrupción en torno a estes proxectos mineiros.

Contaminación nas proximidades da mina de Mutanda

A mina Mutanda é ata hoxe altamente controvertida.

Estas afirmacións están rotundamente amparadas por investigacións continuadas e diferentes informes da prestixiosa organización Global Witness6.

Pois ben, estas son as credenciais de Atalaya Mining e dos seus xestores.

Poida que para segundo quen sexan satisfactorias.

A nós prodúcennos arrepíos, e confírmannos na nosa postura en contra do proxecto de Touro.

#MinaTouroOPinoNon

 

1https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/touro/2018/02/27/riesgo-contaminacion-habra-vertidos-mina-touro-cero-garantizado/0003_201802G27P29994.htm
2Documentos de colectivos pertencentes a ContraMINAcción que se citan na nota:· Informe da Federación Ecoloxista Galega: https://app.box.com/s/2lzzswohl568jw7stlvcx2w6ug0g90w2· Alegacións de Verdegaia: https://app.box.com/s/t08lcyg4ld8yw2t09ab5stos6wbeczmo
3“Briefing Note: High-Level Acid Rock Drainage Risk Assessment of the Touro Copper Deposits, Spain”, Dr. Bernd Lottermoser
4http://www.eleconomista.es/andalucia/noticias/5639055/03/14/Emed-ficha-a-exaltos-cargos-del-gigante-minero-Glencore-para-Riotinto.html
5 http://www.taz.de/!5442128/
6https://www.globalwitness.org/en/archive/8132/ ,

ContraMINAcción coa tractorada de Touro.

Onte estivemos en Touro, apoiando a tractorada-manifestación organizada pola Plataforma Mina Touro-O Pino Non, que fai parte da nosa Rede.

                                                                                Imaxe: Galiza Contrainfo

Non queremos que vaia adiante un proxecto de extracción de cobre que deixaría alí unha bomba de tempo: unha balsa de lodos tóxicos repleta de metais pesados. Non queremos que se poña en risco a economía da zona. Non queremos que se arrisque o futuro da Ría de Arousa.
Queremos que as nosas autoridades, tan espelidas para unhas cousas e tan relaxadas para outras, esixan dunha vez xa a restauración en condicións da anterior explotación. Queremos que a auga dos regatos de Touro volva ser o que é a auga: un líquido incoloro; non vermello e tóxico. Queremos, tamén, que se nos facilite toda a documentación que pedimos acerca das concesións, porque pensamos que o proxecto quere ser, tal como a propia empresa indica na súa páxina, moito maior do que se nos mostra nos documentos levados a exposición pública. E iso sería un fraude.

Por isto, por tantos motivos, estivemos onte e seguiremos estando ao lado da veciñanza de Touro mentres non remate esta loita da única maneira posible: coa retirada do proxecto.
#MinaTouroOPinoNon!

Podes ver máis fotos da manifestación no álbum de Galiza Contrainfo no Flickr.

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlle a razón a un membro da Plataforma de Corcoesto en relación ao seu dereito de acceso á documentación relacionada coas concesións do proxecto mineiro de Corcoesto.

Durante a loita contra o proxecto de Corcoesto, un dos temas que preocupaba era o da posible caducidade das concesións. Entre os activistas da Plataforma de Corcoesto había a convicción de que as concesións mineiras non estaban vixentes, algo que invalidaría o proxecto. A finais de 2012, un compañeiro da Plataforma solicitou acceso á documentación relativa a ditas concesións, coa intención de comprobar se as nosas sospeitas tiñan base. Ao non serlle facilitada esta documentación, interpuxo unha demanda en relación ao tema.
Por fin, e despois de máis de cinco anos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de fallar a favor do compañeiro que realizou esa solicitude.


Na sentencia, na que se recoñece sen ningún xénero de dúbida o dereito do compañeiro a acceder á documentación solicitada, condénase expresamente á Administración demandada (a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña) a expedir e entregar copias dos documentos relacionados co estado das concesións. Estamos á expectativa de que a Xefatura Territorial cumpra coa súa obriga, e actúe tal e como se lle indica no fallo do Tribunal, entregando as copias da documentación solicitada.
A sentencia recoñece así o que, ao igual que o compañeiro que puxo a demanda, vimos defendendo e reclamando desde hai tempo desde ContraMINAcción: que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados.
É lamentable que esta sentencia chegue con tantos anos de retardo. Esta tardanza na aplicación da xustiza fai que nos vexamos, de feito e paradoxalmente, privados dese mesmo dereito que se nos recoñece na sentenza. Porque…de que nos serve o dereito de acceder a documentos relacionados con un proxecto se se nos concede cinco anos despois da súa solicitude? De que nos tería servido que se nos recoñecese agora o dereito a acceder a esa información, mesmo aínda que as concesións non estivesen vixentes, tal como nos pensamos, se o proxecto de Corcoesto estivese xa en marcha?
O feito de que a posibilidade de acceder á información relativa ao estado das concesións se teña producido tantos anos despois, despois de todo tipo de atrancos por parte da administración, suscítanos algún interrogante. Que levou á administración a ocultar o estado das concesións durante tanto tempo? Cal foi o motivo para que a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña puxese tanto empeño en obstaculizar o noso acceso a esta información concreta?
Acaso as concesións, tal como nós pensábamos, non estaban vixentes, e a Xefatura Territorial era consciente das consecuencias que tería o feito de que esta información transcendese á información pública?
Agardamos que o fallo se cumpra e poidamos coñecer a resposta a estes interrogantes, resposta que temos a certeza que será do interese de moita xente en Galiza. Asemade, esperamos que este precedente legal serva de acicate para que a Administración non volva reter información que debe ser pública, e que en caso de facelo, a fiscalía anticorrupción tome as oportunas medidas para depurar as responsabilidades que puidese haber.

Manifestación contra a Lei de Depredación de Galiza

Esta mañá tivo lugar a manifestación que tiñamos prevista no noso calendario de mobilizacións contra a Lei de Depredación de Galiza.

Non pense ninguén que este é o final do noso traballo respecto a esta lei. É, máis ben, o principio.

Seguiremos organizando actividades ao respecto, entre elas, charlas para dar a coñecer o contido da Lei e as ameazas que para o noso territorio se desprenden dela.

Deixámosvos a continuación o manifesto que en relación á Lei de Depredación foi lido hoxe na Quintana. Leuse tamén outro manifesto relativo aos lumes, pois, como saberedes, na manifestación confluíu a Lei de Depredación co tema dos lumes, que é unha das consecuencias de leis como esta, que desarticulan o rural.

 

A Quintana durante a lectura do manifesto (Imaxe de Galiza Contrainfo)

Contra a Lei de Depredación de Galiza.
(Un manifesto do non ao seu non; do si a outra posíbel Galiza)

Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais.
Un nome de certo complexo para unha intención ben simple.
Depredación de Galiza.
Aprobada mentres aínda fumegaban os nosos montes, pola vía rápida, furtando o debate e impoñendo a súa maioría, como se os votos fosen un cheque en branco ou un arma contra os intereses comúns.
LFIIE. Baixo este barullo de siglas o que hai é un apaño de elites políticas e económicas que queren facer deste lugar un espazo extractivo para o capital globalizado. As grandes empresas mineiras, eléctricas ou forestais a obter máis facilidades para o seu negocio:
maior acceso á terra e menos normas sociais e ambientais.
Liberdade de empresa, eficacia, facilidade para o acceso ao solo, simplificación normativa e tributaria… Estes son os principios da lei. Será que ninguén recordou incluír entre eles a garantía dos dereitos sociais e laborais, o respecto ás comunidades locais ou conservación da nosa natureza? Por iso é lei de depredación.
Unha lei que é un elo máis da versión neoliberal do capitalismo, coma os tratados de libre comercio internacional, para eliminar trabas ao negocio. E que é unha traba? ollade ao voso arredor… esas trabas somos nós, os nosos dereitos e dignidade, a nosa natureza.
Mais aquí estamos. Minoría absoluta resolta a non calar. Que triste maioría a de quen precisa facerse trampas até a si mesmo. Mentir e ocultar coa palabra incluso dende o poder do número. Triste poder o poder que así se mantén.
Nós non lles outorgaremos os números nin os significados e aquí, hoxe, denunciamos esta lei aprobada polo Partido Popular de Galicia.
– Porque é un texto que afecta ámbitos estratéxicos, transformando unha morea de leis anteriores como a da minaría, a de montes, a eólica ou a do solo.
– Porque non sirve para a necesaria defensa dun mundo rural vivo, con capacidade de tomar iniciativas propias e sustentábel, senón que facilita o espolio dos seus recursos naturais sen ningunha contrapartida para as comunidades.
– Porque facilita os procesos de expropiación forzosa e acaparamento de terras en mans das empresas, mediante figuras como a de utilidade pública ou os proxectos de especial interese.
– Porque reduce tanto os prazos para a emisión de informes en materia ambiental, que fai case imposíbel o traballo do persoal técnico encargado de redactalos, e porque vencido o prazo o informe desfavorábel non é tido en conta.
– Porque recorta e mesmo suprime os mínimos procesos de participación pública.
– Porque furta información á poboación sobre iniciativas empresariais que poden ter unha grave afección nas súas vidas, permitindo que as mineiras decidan que documentación consideran reservada.
– Porque reduce o papel dos concellos, a instancia administrativa máis próxima á veciñanza, para velar polo seu propio territorio.
– Porque fai prevalecer o aproveitamento industrial do monte fronte aos tradicionais e comunitarios.
– Porque estende o emprego de meras declaracións responsábeis para a plantación de especies forestais como o eucalipto, mesmo en masas con presenza de árbores autóctonas.
– Porque suprime a necesaria autorización de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros en zonas protexidas, e ameaza ao patrimonio cultural dos nosos montes.
– Porque suprime criterios como o respecto á natureza á hora de outorgar os dereitos de construción dun parque eólico.
– Porque outorga boa parte da capacidade decisiva sobre cuestións ambientais e relacionadas co territorio á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
Cando escriben “Galicia” pensan “negocio”. Cando cidadanía, consellos de administración. Cando pechan unha porta, abren unha fiestra na gran empresa privada.
Porque o cargo de hoxe pode ser o posto de mañá. Porque queren a Galiza coma unha mina, deprédannos.
Mais aquí estamos. Se cadra nós, non tan minoría. Se cadra a maioría non tan absoluta fóra dos seus muros. Non imos entregarlles a palabra, nin a terra. Porque só se compra o que se vende, pero a nosa resistencia é a negación do voso afán. É a vosa pequena derrota diaria. Mentres sigamos aquí, a non traficar o futuro.
Non queremos esta Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais.
Non queremos esta Lei de Depredación de Galiza.
Nin lumes nos montes, nin fume nos despachos.

Terra viva e vida digna para todas!

Compostela, a 22 de outubro de 2017

Save

Save

Save

Save

Save

Save

Save

Concentración diante do Parlamento

Un numeroso grupo de persoas acudiu o pasado venres á concentración convocada pola da Plataforma contra a Lei de Depredación.

A concentración tivo lugar diante do Parlamento Galego, onde nese momento tiña lugar o debate sobre o estado da Autonomía.

As persoas concentradas manifestaron o seu rexeitamento a unha lei que supón a desregulación absoluta de sectores como o mineiro ou o eólico, convertendo o noso rural nunha especie de pastel a repartir entre os oligopolios.

Recordamos que o noso calendario de mobilizacións continúa o día 22, cunha manifestación que se celebrará en Compostela, saíndo da Alameda.