Arquivo da categoría: Conflitos mineiros

Ligazóns a noticias sobre os diversos conflitos mineiros en Galiza.

Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

O Monte Neme galego

Compartimos esta reflexión da Plataforma Pola Defensa do Monte Neme, colectivo que fai parte de ContraMINAcción.

Dende vai tempo vimos advertindo da promoción (directa ou indirecta) das balsas e a canteira do Monte Neme como lugar turístico por parte de particulares (instagramers ou non), prensa e incluso entidades públicas.

Estes días vemos o Monte Neme moito nos medios, na maioría das ocasións facendo unha denuncia condescendente dos instagramers que se bañan alí, mentres ao mesmo tempo, se loan as belezas das súas augas turquesas e paisaxe exótico ou se cualifica como un paraíso. Bañarse está moi mal, din, pero engadindo na mensaxe “prohibido”, “belas augas”, “exótico” ou cualificativos semellantes e ademais dicindo que todo o mundo devece por achegarse ata alí. Facendo isto acéptase e foméntase o comportamento de ir á canteira.

Hai quen vai máis alá e non de forma inocente o usa para facer chegar a súa mensaxe ou a súa promoción, sexa turística, política, persoal ou audiovisual. E así, agora temos que o Monte Neme é o “Chernobyl galego”.

Por que? Pois porque se acaba de estrear unha serie homónima sobre a catástrofe nuclear do 86. Primeiro fálase do Monte Neme, dando unha imaxe romántica e adornada da canteira, pasando de ser unha canteira de seixo a unha mina de volframio nazi como preámbulo para chegar a radioactividade e rematar nomeando a serie en cuestión para promocionala. E isto só é o comezo, pois parece ser que se está a rodar alí unha serie e din que en pouco tempo o Monte Neme será tendencia. Máis romaría moderna.

O problema é máis ca uns frikis bañándose, é o funcionamento das redes sociais e os medios tradicionais, e é un problema estrutural da sociedade. Porque non somos conscientes e porque se permite. Permítese dende as institucións por acción ou omisión, promocionándoo ou deixando que o problema creza por non tomar as debidas medidas que a lei esixe.

Tamén a propia xente común o permite. Hai xente que todo isto o considera positivo e unha oportunidade, un filón que explotar. Que veña a xente e que falen de nós, dá o mesmo que veñan ver as nosas porqueiras. Soa mal, pero é o que é, e é o que lles estamos a ofrecer. Ademais, é tratar a xente de fóra de parvos. Tal turismo ofrecemos, tal turismo recibimos. Aínda peor, convivimos con eles e coa situación, e pasa a formar parte da nosa imaxe e logo de nós mesmos. Nós mesmos, os de aquí, o tragamos cando somos os primeiros que recibimos estas propostas e aceptamos como boa esta situación, para acabar sendo partícipes nesta farsa convertidos en anfitrións de paisaxes alleas.

Os esforzos por dignificar e promocionar uns concellos de Carballo e Malpica como culturais, artísticos, naturais, costeiros e megalíticos quedaranse no “Chérnobil galego”. Á terra dos mil ríos e mil fontes, non veñen a vernos a nós, a nosa esencia e os nosos paisaxes, os nosos monumentos milenarios e a nosa cultura, non, só veñen ver as pozas dunha canteira, as Maldivas dos probes e fachendosos e o maldito Chernobyl.

Cal é a solución, pois? O problema require unha reflexión máis profunda: que tipo de turismo e entornos queremos para nós mesmos? Queremos un “posTurismo” ou “turismo negro” (“dark tourism”) de paisaxes degradadas alieníxenas devidas en escenarios do glamour?, ou pola contra, queremos ter unha oferta verde e cultural que encaixe coa historia do noso monte e da nosa terra? Queremos un turismo orientado ao foráneo, ou unha oferta para viaxeiros e propia, que nos defina e poidamos vivir e gozar nós mesmos en primeiro termo?

Quen teña a autoridade de decidir e mudar as cousas, polo menos que sexa coherente e aposte por algo abertamente, e que asuma a súa responsabilidade. O primeiro é protexer á xente dos riscos da canteira e arranxar este perigo público coa restauración debida. Ademais debería escoitar, aceptar e incluír as propostas da cidadanía, dende a cal non deberiamos permitir que a restauración e futura actuación sexa un lavado de imaxe das malas praxes mineiras e institucionais.

Para nós, sería unha verdadeira mágoa manter a situación actual e deixar crecer a bola ou apostar directamente por un turismo de paisaxes degradadas e que nos coñeceran desa maneira. Se non tiveramos nada… quizáis, pero tendo un monte cheo de patrimonio e historia, sería unha mágoa desaproveitar a oportunidade. Cando poderíamos ser coñecidos coma o “Stonehenge galego”, ou o “Monte Olimpo galego” ou, se preferides non ir tan lonxe, a “Santa Tegra bergantiñán” ou o “Monte Pindo bergantiñán”.

O Monte Neme é o “Monte Neme galego”, o monte mítico galego. Os apelidos e alcumes temos que aprender a poñelos nós mesmos.

14 de Xullo de 2019

Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

Plaxios e manipulacións infestan o informe de Felipe Macías do que dependen a mina de San Finx e a imputación do Director Xeral de Minas

O Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, imputado por presunta prevaricación ambiental, usou os argumentos de Macías ante a ONU para tentar negar a contaminación

Demandarán á Universidade de Santiago que lle retire a condición de Profesor Emérito e a súa expulsión da Academia de Agricultura de Francia

Compostela, 30 de xuño de 2019. A vintena de colectivos agrupados na rede ContraMINAcción acaban de denunciar o modo en que a concesionaria mineira de San Finx e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas se tentan apoiar nun informe elaborado por un equipo da Universidade de Santiago dirixido por Felipe Macías para omitir a responsabilidade da empresa en relación aos impactos ambientais causados pola mina no pasado e no presente e, ao mesmo tempo, da administración, que os debería ter evitado.

O primeiro dos informes asinados polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez, o fillo deste Felipe Macías García e outros colaboradores está repleto de plaxios de traballos doutros autores, que se manipulan sen pudor, e mesmo parágrafos enteiros copiados sen citación de blogs anónimos de Internet. O informe fabrica sen calquera base un suposto fondo natural de metais para os principais metais contaminantes que verte a mina (cadmio, cobre e cinc) e aínda recorre a fenicios, romanos, ‘picheleiros’ e ao mesmo Almanzor para repartir culpas.

En 2017 a concesionaria do Grupo Sacyr que explota a mina de San Finx decidiu recorrer a Macías para tentar dar resposta ao mar de alegacións a que deu lugar a tentativa da mineira de verter millóns de metros cúbicos de augas contaminadas por metais pesados no río San Fins, situado apenas 6 km augas arriba da ría de Muros e Noia. As alegacións deixaron en evidencia a burla que supuña o método de “tratamento” inicialmente proposto e como as verteduras provocarían un agravamento crítico da situación de contaminación.

Dous informes de réplica encomendados pola Alcaldía do Concello de Muros e a Asociación Verdegaia, e que agora se fan públicos, puxeron en evidencia os extensos plaxios, carencia absoluta de metodoloxía e graves manipulacións de datos no informe entregado á empresa por Felipe Macías. Entre os textos plaxiados encóntrase un blog anónimo de Internet e un traballo presentado polo que foi director da mina nun congreso da Universidade Politécnica de Madrid.

Un primeiro informe de réplica realizado por sete técnicos, incluíndo o Doutor en Xeofísica Steven H. Emerman, que esta mesma semana realizou unha nova inspección da mina San Finx, desmontou a tese dun suposto fondo natural de metais explicando os impactos actuais da minería. Un segundo informe de réplica, realizado polo Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga André Pena, ocupouse de mostrar non só a burla que representan os argumentos “históricos” presentados por Macías, senón o modo en que estes foron abertamente plaxiados de distintas fontes.

Os argumentos achegados por Felipe Macías non só favorecen os intereses privados da concesionaria do Grupo Sacyr, mais tamén se esgrimiron pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, cuxo Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces se encontra imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental precisamente por ter supostamento facilitado a contaminación causada pola mina San Finx desde a súa reapertura en 2009. No mes de xaneiro de 2019, a propia Dirección de Minas remitiu á ONU a tradución ao inglés de partes dun segundo informe asinado por Felipe Macías, na tentativa de defender ante este órgano a inexistencia de contaminación mineira.

A gravidade dos feitos, non só desde o punto de vista da ética científica, senón tamén pola gravidade das implicacións ambientais e penais que suporía aceptar as teses deitadas por Macías, fai que os colectivos de ContraMINAcción demanden á Universidade de Santiago que retire a condición de profesor emérito a Felipe Macías tras a investigación dos feitos, e revise a relación contractual coas restantes persoas responsables do informe, no suposto que teñan algunha: Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García (fillo do profesor Felipe Macías), Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas. Na medida en que Felipe Macías Vázquez tamén asina os informes como membro da Academia Francesa de Agricultura, demandarán igualmente a esta institución a súa expulsión.

Atalaya Mining noqueada en Huelva, tocada en Touro e afundida en Londres

Mentres a conselleira de Medio Ambiente comprométese a recibir aos veciños de Touro e O Pino, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía confirma a anulación da autorización ambiental e da autorización mineira na mina de Riotinto en Huelva

Hoxe amencemos coa noticia da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, estimatoria da demanda de Ecoloxistas en Acción, que anula a resolución de 2015 pola que a Junta de Andalucía autorizaba o reinicio dos traballos e do plan de explotación da mina que Atalaya Mining opera en Riotinto (Huelva). En consecuencia, a multinacional chipriota, que tamén pretende iniciar a explotación de cobre e prata nos municipios coruñeses de Touro e O Pino, xa non conta con autorización ambiental nin con autorización mineira para seguir funcionando en Andalucía.

Trátase, sen dúbida, dun duro pau para Atalaya Mining, cuxas accións na Bolsa de Londres ao peche de hoxe descenderan un 10% o seu prezo.

Esta noticia coincide coa fugaz e sixilosa visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, esta mañá a Touro e O Pino para “manter unha reunión de traballo cos rexedores municipais na que repasaron os proxectos comprometidos pola Consellería”, como recolle a web da Xunta, onde puidemos coñecer que un deses proxectos é o de canalización do rego Portapego ao seu paso pola capital municipal de Touro, cuxos desbordamentos constantes e contaminación son provocados polas actividades levadas a cabo na antiga mina de Touro. A Xunta de Galicia vai investir o 70%, case 60.000 € do erario público, en arranxar os danos ao medio causados pola empresa privada promotora do proxecto mineiro de cobre a ceo aberto, mentres que o concello de Touro pagará o 30% restante.

Membros da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, ao saber que a conselleira estaba en Touro, aproveitaron a ocasión para tentar falar con ela, o que incomodou ao alcalde Ignacio Codesido, quen non quixo aclarar os motivos desta visita oficial. Finalmente, a conselleira escoitou aos veciños, que lle expuxeron a súa preocupación tanto pola situación da antiga mina como polo novo proxecto mineiro, cuxo expediente está actualmente na Consellería de Medio Ambiente, á espera da emisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Así mesmo, lembráronlle a súa ausencia de contestación ás diversas peticións de reunión enviadas desde outubro de 2017, cando aínda era conselleira de Medio Rural. Neste sentido, Vázquez comprometeuse a vir de novo a Touro a ver o estado actual da mina e a reunirse cos veciños de Arinteiro, os máis próximos á explotación, para coñecer de primeira man o que están a vivir. Tamén asegurou que se preocuparía máis polas verteduras e as múltiples denuncias veciñais, así como polo funcionamento da estación de medición móbil dos cheiros da empresa TEN.

No que se refire ao estado do rego Portapego, o alcalde de Touro volveu recoñecer que desde o peche da mina o seu estado é desastroso pero, aínda así, segue sen querer responsabilizar á empresa dos danos causados e opta por empregar o diñeiro das veciñas e veciños e non “molestar” a Cobre San Rafael.

Desde a plataforma esperamos que a conselleira cumpra a palabra dada e non quede simplemente nun mero xesto amable froito do período electoral que actualmente vivimos.

Valo publicitario no Pino contra o proxecto mineiro

O rexeitamento social á mina de Touro non cesa e faise cada vez máis visible. Esta semana apareceu colocado un gran valo publicitario na estrada N-547, á altura do Amenal, no Pino, que reza “NON Á MINA DE TOURO”, nunha rechamante cor amarela. Polo momento, nada de sabe da autoría da iniciativa pero, sen dúbida, desde a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON aplaudimos o orixinal xesto.

A importancia das mobilizacións para defender o propio

Lentes Diverxentes está a difundir novos testimonios e reflexións sobre a manifestación do 10 de xuño de 2018 en contra do proxecto mineiro de Touro-O Pino, sobre a importancia das movilizacións para defender o propio.

ContraMINAcción estivo alí, facendo parte da maioría iluminada.

 

A minería irresponsable do Monte Neme continúa a dar problemas

Augas de Galicia propón sancionar a Leitosa, S.A.U por vertidos non autorizados ao dominio público hidráulico

A empresa, xa disolta no seu día por un xuíz, non se dá por notificada e Augas de Galicia emprázaa por un edito público a través do DOG e do BOE

O DOG de hoxe publica a proposta de resolución ditada no expediente sancionador en materia de verteduras de augas residuais coa clave DH.D15.62226.

Con data do 24 de setembro de 2018 ditouse proposta de resolución no expediente sancionador seguido por Augas de Galicia e iniciado o 14 de maio deste ano, contra Leitosa, S.A.U. (termos municipais de Carballo e Malpica de Bergantiños) pola comisión dunha infracción de carácter leve en materia de verteduras de augas residuais, tipificada no artigo 85.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Leitosa, S.A.U. estaría a ser sancionada polos vertidos que puideran alterar a calidade da auga ou as condicións ambientais ou hidráulicas do medio receptor, efectuados sen contar coa autorización de vertido correspondente.

Intentada a notificación da dita proposta de resolución por correo certificado con aviso de recepción no domicilio que obraba no expediente administrativo, esta resolutou ser infrutuosa, polo que Augas de Galicia notifica a través dun anuncio no DOG e no BOE, por un prazo de quince (15) días, contado a partir do día seguinte ao desta publicación no Boletín Oficial del Estado, para os efectos de que Leitosa compareza ante Augas de Galicia.

Sen embargo, todo parece indicar que Augas de Galicia está a comunicarse con unha empresa que non existe, porque xa fora disolta no seu día por un xuiz que ordeara a disolución de Leitosa, a empresa que recibira 600.000 euros en axudas públicas e que tras declararse a súa insolvencia, non houbera bens para cubrir as débedas cos acreedores.

O xuíz xa ditaminara no seu momento a disolución da concesionaria do Monte Neme. A empresa vencellada á familia Cotino do Partido Popular de Valencia (coñecido pola famosa trama Gúrtel), non tiña bens para afrontar as débedas contraídas cos acreedores.

A data da resolución xudicial do Xulgado do Mercantil de Valencia foi do día 9/07/2015. O auto concluía o concurso por inexistencia de bens, extinguía a sociedade e cerraba a súa folla de inscrición no Rexistro Mercantil.

No ano 2014, unha balsa mineira do Monte Neme fendía e provocaba o vertido de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos mineiros. Aqueles danos foran valorados preto de 1,5 millóns, e dos que ao parecer non se recuperou nada, nen se vai a recuperar ao disolverse xa a empresa concesionaria.

O que debe facer a Xunta de Galicia é asumir a execución subsidiaria da restauración mineira do Monte Neme e deixar de perseguir panaceas e empresas que xa non existen. Agora tócalle á Xunta asumir a súas responsabilidades dunha vez por todas.

https://galicia.economiadigital.es/directivos-y-empresas/el-juez-ordena-disolver-leitosa-la-minera-del-monte-neme-que-recibio-600-000-euros-en-ayudas_366598_102.html#

http://www.infocif.es/empresa/leitosa-sa

 

Fonte: https://valfluvialdolouridocorcoesto.com

A mina de Touro é inviable

Santiago de Compostela, 13 de Novembro 2018

As plataformas Mina Touro – O Pino NON e Pola Defensa da Ría de Arousa reiteran a inviabilidade do proxecto mineiro e denuncian o desleixo da Administración na súa obriga de protexer os elementos patrimoniais gravemente afectados pola explotación de cobre a ceo aberto.

Logo de coñecer o informe no que ICOMOS, órgano asesor da UNESCO en materia de conservación do patrimonio, alerta das graves consecuencias que a reapertura da mina de Touro e O Pino tería para o Camiño de Santiago, así como para outros elementos do patrimonio histórico e cultural dos concellos afectados, as organizacións que se opoñen ó proxecto vense na obriga de facer público novamente o seu descontento e a súa preocupación polas irreversibles consecuencias que o proxecto conlevaría de ser aprobado pola Xunta de Galicia.

Como o organismo asesor recolle no seu informe, o Estado signatario da Convención do Patrimonio Mundial, pola que se inclúe un ben na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, asume voluntariamente o compromiso de protexelo, conservalo, revalorizalo e non adoptar deliberadamente medidas que o poidan danar, directa ou indirectamente. Asimesmo, tamén se adquire o deber de informar ó órgano da ONU cando existan factores que poidan afectar á conservación do valor excepcional dun ben inscrito na Lista de Patrimonio Mundial, como é o caso do Camiño Francés. No que lle compete á Xunta de Galicia, a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia tamén é clara ó establecer un réxime específico de protección dos Camiños de Santiago, e indicando que as obras e actividades no ámbito delimitado destes deben ser compatibles coa conservación e coa protección dos seus valores propios e, como criterio xeral, deben manter as características principais do territorio que conforman, o que supón o mantemento preferente dos núcleos tradicionais e das actividades agropecuarias e forestais. Sen ir máis lonxe, a Guía de Boas Prácticas Para As Actuacións Nos Camiños da Xunta de Galicia recolle que “con carácter xeral, non se permitirán novas canteiras a ceo aberto nin vertedoiros no territorio histórico nin no seu caso na zona de amortecemento”.

Ademáis de usurpar o valor eminentemente agrícola e gandeiro das terras de Touro e O Pino, a explotación mineira tamén suporía unha grave pérda económica pola grave afección ó Camiño Francés, especialmente no concello do Pino, onde o impacto da ruta xacobea na economía local é cada vez maior, tanto nos ingresos que supón o aumento anual de peregrinos que siguen esta vía como polo incremento de afiliacións á Seguridade Social, vinculado directa ou indirectamente ó boom de peregrinacións a Santiago.

Polo tanto, ICOMOS vén de unirse á loita contra a mina e a deixar moi claro que este proxecto non é posible, non é compatible e non é sustentable cos nosos medios de vida nin co noso patrimonio. E faino lembrándolle ás administracións competentes que a destrucción dos bens culturais e do seu entorno considérase expolio e está prohibido pola Constitución e pola normativa sobre patrimonio histórico, estatal e autonómica, que a desenrolan.

Esta mañá a Libraria Couceiro de Santiago de Compostela acollía a rolda de prensa convocada polas plataformas Mina Touro – O Pino NON e Pola Defensa da Ría de Arousa.

A MINA DE TOURO-O PINO AMEAZA O PATRIMONIO MUNDIAL DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago ( FICS), 7 de novembro de 2018

Tal como a FICS fixo público o pasado mes de xuño, o proxecto de mina a ceo aberto nos termos municipais do Pino e Touro é unha grave ameaza ao Camiño de Santiago (Camiño Francés), ante a cal a Xunta de Galicia -administración responsable da protección deste Ben Cultural de valor universal- garda silencio.

Un recente informe técnico do Comité Internacional de Monumentos e Sitios ( ICOMOS), organismo asesor da UNESCO en materia de conservación do Patrimonio Mundial, confirmou as graves ameazas contra o trazado do Camiño Francés e a súa adecuada conservación tras unha minuciosa análise do proxecto mineiro e a documentación achegada pola propia empresa promotora Atalaya Mining-Explotacións Galegas S. L. O texto, ao que a FICS tivo acceso, subliña que o proxecto “supón unha clara violación da normativa de protección” que non só invade a contorna do Camiño Francés senón que supón a destrución material de parte do seu trazado, “ contravindo a lexislación -nacional e internacional- vixente na materia”.

Convén lembrar que para que un Ben Cultural sexa incluído na Lista de Patrimonio Mundial, as administracións responsables da súa custodia deben responsabilizarse dunha estrita preservación do mesmo para que conserve os seus valores de identidade.

No citado informe, ICOMOS afirma que a actuación das administracións contraviene “os compromisos adquiridos polo Estado español ao promover a inscrición do Camiño de Santiago na Lista do Patrimonio Mundial”. En particular, o organismo internacional de custodia do patrimonio cultural sinala que “non se tivo en conta a necesidade de previr ao Comité do Patrimonio Mundial respecto a a actuación que se pretende realizar”, en alusión ao proxecto da mina de cobre de Touro-O Pino.

Tras un detallado estudo do tramo afectado, sinálase unha lista de afeccións negativas que provocaría o proxecto mineiro, que inclúe tanto a deterioración do medio natural inherente ao Camiño de Santiago –que segundo o informe afectaría polo menos a 2,7 millóns de peregrinos durante a duración da actividade extractiva da mina– como a destrución de parte do “itinerario xacobeo protexido” entre Quión e Arca e de parte dos bens culturais asociados ao Camiño.

O resultado desas afeccións, sumadas a outras agresións sufridas pola ruta xacobea nos últimos anos, supón unha “perda continuada dos valores patrimoniais” que pode implicar unha “profunda repercusión pola súa influencia na identidade do propio Camiño”. En canto a esta perda de identidade, o informe de ICOMOS lembra o seguinte: “No caso da perda dos valores excepcionais polos que foi incluído na Lista do Patrimonio Mundial un Ben Cultural, ou que o Estado parte non solvente os perigos comprobados ou potenciais que afecten o Ben, este pode ser excluído da Lista do Patrimonio Mundial pola UNESCO”.

A FICS, como entidade que agrupa a peregrinos e expertos no Camiño de 27 países, desde o primeiro momento preocupouse pola posible afección deste desproporcionado proxecto ao pé mesmo do Camiño Francés.

O informe técnico citado, elaborado polos expertos do organismo de referencia en materia de conservación do Patrimonio Mundial, confirma que estamos ante unha das maiores ameazas á conservación do Camiño de Santiago como ben cultural de valor universal.

Por este motivo a FICS, tras reunirse con empresa promotora e plataforma de afectados e despois de levar a cabo estudos sobre o terreo por parte dos seus propios expertos, obtendo conclusións que agora ven referendadas polo informe de ICOMOS, expresa o seu rotundo rexeitamento a este proxecto, completamente alleo ao contexto xacobeo, que supón unha ameaza aos valores culturais do Camiño, e demanda ás administracións responsables que poñan todos os medios que a Lei pon á súa disposición para impedir o que, con toda probabilidade, podería converterse no maior atentado patrimonial sufrido polo Camiño de Santiago en chan galego.

 

Escoita unhna entrevista na radio, cadena Ser

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo tramita varias peticións sobre a mina de Touro

  • Notable incremento das peticións da cidadanía galega ante o Parlamento Europeo e numerosas adhesións individuais ás xa presentadas, a consecuencia do rexeitamento social ao proxecto extractivo de Touro –O Pino.

  • A Comisión de Peticións está a tramitar a máis recente delas, a petición nº 0386/2018, presentada pola Plataforma veciñal MINA TOURO O PINO NON.

  • O Parlamento europeo tramita outras dúas peticións, a nº 1194/2017 e a nº 0174/2018, presentadas por outras entidades ambientalistas galegas.

A Plataforma veciñal de Touro –O Pino Non, pide que se restaure o emprazamento da antiga mina ao descuberto de Touro que estivo activa entre 1973 e 1986. A necesidade da resturación xustifícase polos seus efectos adversos sobre o medio ambiente, en particular a posible contaminación das augas do río Ulla e a ría de Arousa e tamén da potencial afección do proxecto extractivo a zonas da rede Natura 2000 no Pino.

As outras peticións fan fincapé nas características da empresa promotora, nos impactos do proxecto e na falla de información. Así Cobre San Rafael S. L, creada hai dous anos, isto é, o 13/06/2016, filial da empresa matriz Atalaia Mining, pretende extraer cobre dunha mina situada no municipio de Touro, na Coruña, que ocuparía 689 hectáreas, das cales 492 son hoxe en día masa forestal e terreo agrario.

Entre os problemas específicos que plantexan as peticións están os impactos do proxecto extractivo na base territorial das explotacións agrarias beneficiarias da PAC, a desaparición de ata 20 mananciais de auga e as reservas que abastecen polo menos a un cento de vivendas e explotacións gandeiras. Tamén preocupa moito a afección a outros mananciais próximos ás zonas previstas para depósitos de estériles e sobre todo ao río Ulla, espazo natural de Rede Natura, e que na súa desembocadura, na ría de Arousa, xera miles de postos de traballos no sector marisqueiro e acuícola.

As peticións tamén recollen o malestar e a alarma social xerada pola creación na zona de balsas de estériles con diques de 2.806 e 3.187 metros de lonxitude e alturas de ata 81 metros, que se encapsularían ao final da súa vida útil a escasos metros de poboacións habitadas. No caso de fallar estes diques, o estudo de impacto ambiental recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perdas de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas. A preocupación social esténdese aos dous depósitos de residuos estériles e catro vertedoiros, que ocuparán en total case 300 hectáreas próximas ás vivendas. Ademais o depósito de estériles entre Arinteiro e Vieiro podería converterse, a falta de datos do proxecto, nunha enorme balsa de lodos de ata 50 millóns de metros cúbicos de residuos estériles de mina, con risco para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas en caso de rotura. Neste tipo de balsas existe o risco de rotura dos diques de contención con consecuencias potencialmente moi graves con incalculabeis perdas económicas e a deterioración dos ecosistemas.

Desde que se coñeceu o contido do proxecto de Cobre San Rafael, entre os veciños e veciñas destos concellos e outras organización medioambientais presentaron máis de 1500 alegacións ó proxecto no período de exposición pública que rematou no mes de outubro de 2017. Nestes doce meses de contestación social, máis de 150 asociacións de toda índole, 43 concellos, as diputacións provinciais de A Coruña e Pontevedra, partidos políticos e sindicatos manifestaronse oficialmente en contra dun proxecto devastador. O pasado 25 de febreiro máis de 2500 persoas recorreron as rúas de Touro para pedir o rexeitamento da mina (a poboación do municipio é de 3700 habitantes), e o 10 de xuño deste ano tivo lugar unha masiva manifestación en Santiago de Compostela, donde a Praza do Obradoiro quedou pequena para acoller as máis de 40.000 persoas que acudiron para protestar contra este proxecto. Foi unha manifestación histórica en Galicia, comparable solo coa movilización polo desastre do Prestige. Asimismo, entregáronse ó Presidente da Xunta de Galicia máis de 26.000 sinaturas en papel contra o proxecto e permanece aberta unha campaña na plataforma dixital Change.org na que dende o mes de xuño xa suma casi 70.000 apoios en contra da apertura desta mina.

Tendo en conta as consecuencias que sigue traendo para o medio ambente a antigua mina, comprenderán que o pánico a un novo proxecto sea brutal ante unha situación que non parece acorde á Directiva 2014/52/UE sobre a avaliación das repercusións dos proxectos públicos e privados sobre o medio ambente. Poderíamos estar ante unha vulneración da Directiva 92/43/CEE do Consejo, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturales e da fauna e flora silvestres e da Directiva 79/409/CEE do Consejo, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres. Vemos pois que poderíamos estar ante una clara vulneración do Estado español da Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consejo de 15 de marzo de 2006 sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas.

As tres peticións figuran arestora abertas á adhesión da cidadanía, que desexe presentarlles o seu apoio, a través da web da Comisión de peticións do Parlamento europeo, solo teñen que rexistrarse como usuario e adherirse como forma de apoio.Principio del formulario

http://www.europarl.europa.eu/at-your-service/es/be-heard/petitions

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima todas as pretensións de Mineira de Corcoesto s.l.u e declara ser conforme a Dereito, a denegación do proxecto mineiro de Corcoesto

  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apoia as pretensións da Xunta de Galicia e da asociación ambiental Petón do Lobo

  • A filial da multinacional canadiana, agora panameña, é condenada nas costas do proceso

Nunha sentencia dada a coñecer no día de hoxe, e que é aínda recorrible ante o Tribunal Supremo, o máximo Tribunal galego desestima o recurso contencioso –administrativo interposto por Mineira de Corcoesto, S.L.U. contra as resolucións da Xunta de Galicia do 11 de marzo de 2014, de denegación do proxecto de explotación “Emilita” nº 121”, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad de Masma” nº 1455, que formaban o coñecido grupo minero Corcoesto, situadas nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco da provincia da Coruña.

O alto Tribunal galego confirma a insuficiente acreditación da solvencia económica e técnica do proxecto mineiro de Edgewater. O Tribunal fai especial fincapé na capacidade da Xunta de Galicia para valorar a solvencia das empresas promotoras de proxectos mineiros, e lembra a constitucionalidade da chamada “Cláusula Corcoesto”, relativa á caducidade dos dereitos mineiros introducida no 2014 pola Xunta de Galicia na reforma da Lei de Minas. Así, o propio Tribunal Constitucional xa falara da capacidade que ten a Xunta para denegar dereitos mineiros polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante.

No caso de Corcoesto, a esixibilidade dos requisitos de solvencia era lóxica, posto que a envergadura do proxecto así o esixía. Tal como señala o Tribunal: “no outorgamento dunha concesión mineira a Administración debe garantir a racionalidade da explotación que se pretenda, máxime cando se ache con proxectos de tamaña envergadura como o presente, racionalidade que se tutela mediante a análise rigorosa da solvencia económica e técnica da solicitante, que neste caso non acreditou, debido a que non deu cumprimento ao requirimento que se lle fixo con esa finalidade”.

Por último o Tribunal refírese á falla de rigor do informe pericial presentado pola filial panameña, autoría de Gran Thorn y CRS. En relación a este extenso e exhaustivo informe achegado á causa co fin de acreditar eses requisitos,- do que o perito Don Juan León Cuollaut Sáez de Sicilia é autor, adoece de rigor xa que se se trae a colación datos e conclusións que se especifican nos folios 7 a 11, valorados estes igualmente conforme ás regras da sa crítica, conclúese sen dúbida unha falta de rigor na súa elaboración, á parte dunha serie de contradicións coas declaracións do perito a preguntas escritas que se lle formularon durante a práctica desa proba, se partimos de que as contas dunha empresa son instrumentos que se utilizan en contabilidade para representar os diferentes elementos patrimoniais da mesma, recoller as variacións experimentadas por cada un deses elementos patrimoniais durante un período de tempo e poñer de manifesto o seu valor nunha data determinada”.

O proxecto mineiro de Edgewater en Corcoesto debera servirlle á Xunta de Galicia, e en concreto ao Director Xeral de Enerxía e Minas, para aprender que non se pode confiar nas multinacionais, que alleas aos intereses de Galicia, só venden fume e proxectos extractivos depredadores de recursos, que só se queren aproveitar ao máximo deles e que non lles importa nada as consecuencias dos seus actos.

A asociación Petón do Lobo agradece as súas persoas socias, plataformas, asociacións e á cidadanía en xeral, todo o apoio recibido ao longo da extensa tramitación xudicial deste caso, e anima á Plataforma veciñal de Touro –O Pino a manter e preservar no tempo o espíritu de loita contra outro proxecto depredador e contaminante como é o que lles afecta.

Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Silleda e A Baña son unánimes: NON á mina de Touro

A PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO – O PINO NON, membro de ContraMINAcción informa:

Logo de recibir o premio pola Defensa e Conservación do Medio Ambiente da Fundación Insua dos Poetas, a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON recibe o apoio unánime dos plenos de Silleda e a A Baña.

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON ven de recibir durante a celebración da X Festa da Palabra no Carballiño o recoñecemento pola Defensa e Conservación do Medio Ambiente que outorga a Fundación Ínsua dos Poetas, nunha edición que homenaxeaba a figura de Víctor Campio.

Isabel García, da plataforma, quixo compartir o premio coas veciñas e veciños de Touro e O Pino pero tamén con “todas aquelas persoas que se ven nunha situación similar coa que nós nos atopamos”. Aproveitou, mentres recollía o galardón, para salientar o traballo e compañeirismo da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e das máis de 140 asociacións e as xa 39 institucións que apoian á plataforma no seu rexeitamento da megamina de cobre a ceo aberto nos municipios coruñeses. No acto estaban presentes Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.

Silleda e A Baña únense á loita por unanimidade

Esta mañá eran dous os concellos que se sumaban á loita contra o polémico proxecto de extracción de cobre. A primeira hora da mañá, o alcalde Manuel Cuíña (PSOE) presentaba no pleno de Silleda a moción que as plataformas Mina Touro – O Pino NON e en Defensa da Ría de Arousa levaron xa polos concellos da ría e da conca do Ulla. Xa preto do medio día, o concelleiro César Ramos (CxG) facía o mesmo no Concello da Baña. En ámbolos dous casos as mocións foron aprobadas de xeito unánime polos concelleiros de todos os grupos municipais.

Son, a día de hoxe, 37 concellos e as Deputacións da Coruña e Pontevedra as institucións que de xeito oficial rexeitan o comprometido proxecto, a unhas semanas de que se cumpra un ano da súa publicación no DOG.

O contido da moción:

1.-Instar ás Consellerías do Mar, Medio Rural, a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Cultura e Ordenación Universitaria e á de Economía, Emprego e Industria a emisión de informes negativos tal e como procede polas las consecuencias negativas descritas e todas as que en alegacións se presentaron polas entidades e particulares, e así se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429, de protección do Camiño de Santiago e da actividade económica estratéxica e fundamental dos concellos de Touro e O Pino baseada na agricultura, a gandeiría, as industrias agroalimentarias e forestal, o turismo, a hostalería e os servizos.

2.- Instar á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados e drenaxe ácida, para como mínimo asegurar que non se siga comprometendo a calidade ambiental dos afluentes do río Ulla e por tanto da rede Natura 2000, que verten dos terreos da anterior mina ó río Ulla e de ahí á Ría de Arousa.