Arquivo da categoría: Conflitos: Corcoesto

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlle a razón a un membro da Plataforma de Corcoesto en relación ao seu dereito de acceso á documentación relacionada coas concesións do proxecto mineiro de Corcoesto.

Durante a loita contra o proxecto de Corcoesto, un dos temas que preocupaba era o da posible caducidade das concesións. Entre os activistas da Plataforma de Corcoesto había a convicción de que as concesións mineiras non estaban vixentes, algo que invalidaría o proxecto. A finais de 2012, un compañeiro da Plataforma solicitou acceso á documentación relativa a ditas concesións, coa intención de comprobar se as nosas sospeitas tiñan base. Ao non serlle facilitada esta documentación, interpuxo unha demanda en relación ao tema.
Por fin, e despois de máis de cinco anos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de fallar a favor do compañeiro que realizou esa solicitude.


Na sentencia, na que se recoñece sen ningún xénero de dúbida o dereito do compañeiro a acceder á documentación solicitada, condénase expresamente á Administración demandada (a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña) a expedir e entregar copias dos documentos relacionados co estado das concesións. Estamos á expectativa de que a Xefatura Territorial cumpra coa súa obriga, e actúe tal e como se lle indica no fallo do Tribunal, entregando as copias da documentación solicitada.
A sentencia recoñece así o que, ao igual que o compañeiro que puxo a demanda, vimos defendendo e reclamando desde hai tempo desde ContraMINAcción: que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados.
É lamentable que esta sentencia chegue con tantos anos de retardo. Esta tardanza na aplicación da xustiza fai que nos vexamos, de feito e paradoxalmente, privados dese mesmo dereito que se nos recoñece na sentenza. Porque…de que nos serve o dereito de acceder a documentos relacionados con un proxecto se se nos concede cinco anos despois da súa solicitude? De que nos tería servido que se nos recoñecese agora o dereito a acceder a esa información, mesmo aínda que as concesións non estivesen vixentes, tal como nos pensamos, se o proxecto de Corcoesto estivese xa en marcha?
O feito de que a posibilidade de acceder á información relativa ao estado das concesións se teña producido tantos anos despois, despois de todo tipo de atrancos por parte da administración, suscítanos algún interrogante. Que levou á administración a ocultar o estado das concesións durante tanto tempo? Cal foi o motivo para que a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña puxese tanto empeño en obstaculizar o noso acceso a esta información concreta?
Acaso as concesións, tal como nós pensábamos, non estaban vixentes, e a Xefatura Territorial era consciente das consecuencias que tería o feito de que esta información transcendese á información pública?
Agardamos que o fallo se cumpra e poidamos coñecer a resposta a estes interrogantes, resposta que temos a certeza que será do interese de moita xente en Galiza. Asemade, esperamos que este precedente legal serva de acicate para que a Administración non volva reter información que debe ser pública, e que en caso de facelo, a fiscalía anticorrupción tome as oportunas medidas para depurar as responsabilidades que puidese haber.

Estrea do documental “Tesouro de Corcoesto”

O vindeiro sábado, día 7 de febreiro, estréase en Carballo o documental “Tesouro de Corcoesto”, sobre o proxecto mineiro de Corcoesto e a loita contra o mesmo.

Cereo non se vende

Trátase dunha longametraxe documental producida de xeito independente, por medio dun micromecenado no que participaron 180 persoas e asociacións.

Podes ver máis na páxina do documental.

 

 

Ligazón

A lei de acompañamento aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé a caducidade dos dereitos mineiros cando se denegue a autorización de explotación.

A publicación o pasado día 30 de decembro no Diario Oficial de Galicia da lei 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, supón un novo e duro golpe para as pretensións da empresa canadense Edgewater e a súa filial, Mineira de Corcoesto, sobre a explotación da mina de ouro no Concello de Cabana de Bergantiños.

O proxecto mineiro de Corcoesto, denegado oficialmente

bandeira
A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia vén de facer pública a resolución de denegación da aprobación do proxecto de explotación para as concesións “Emilita”, “Ciudad de Landró” e “Ciudad del Masma”, coñecidas como Grupo Mineiro de Corcoesto.
Desde ContraMINAcción queremos dar os parabéns (e as grazas) a tódalas persoas e colectivos que durante estes dous anos fixeron súa a loita contra este proxecto mineiro, contribuíndo así a lograr esta enorme vitoria.
Esta resolución mostra algo moi importante para os colectivos que conformamos esta Rede: que a loita solidaria e colectiva dá froitos. A nosa forza conxunta está por riba dos intereses espurios das multinacionais que, contando coa conivencia dos nosos representantes políticos, querían facerse co territorio preservado durante xeracións para a súa destrución a cambio dunhas onzas de ouro.
Conseguiuse, coa loita colectiva, rachar o bloqueo dos medios de desinformación oficiais, e facer visible o despropósito deste plano mineiro.
Conseguiuse, tamén, divulgar a verdadeira índole deste proxecto entre a poboación local e de toda Galiza, e, deste xeito, o posicionamento de cada vez máis xente consciente en contra do mesmo.
Esta vitoria non é un punto e final, senón un punto e seguido. Supón un exemplo para os demais colectivos da Rede, porque leva consigo unha mensaxe: si que se pode.
Coa bandeira da Plataforma de Corcoesto e Bergantiños ondeando con máis forza que nunca, os colectivos de ContraMINAcción berramos forte: A LOITA CONTINÚA!

Pincha aquí para ver a resolución.

Ligazón

Mocións contra a Mina de Corcoesto aprobadas nos concellos de Zas, Carballo e Coristanco.
Se o luns eran os concellos de Carballo e Zas os que aprobaron sendas mocións contra a mina de ouro de Corcoesto e o emprego do cianuro na minaría, este mércores foi o pleno do Concello de Coristanco o que aprobou outra moción contra a mina, presentada por vía de urxencia polo alcalde Popular de Coristanco ante a presión da veciñanza.

O alcalde Pensado Plágaro, noutrora defensor da mina de Corcoesto a pesar de albergar parte da balsa de cianuro e a escombreira mineira, viuse obrigado a debater unha moción pola que se declarou a prevaleza dos usos agrícolas, gandeiros e forestais sobre os mineiros para as parroquias do Concello.

Seguir lendo…

Ligazón

A auga vale máis que o ouro: vitoria ambiental sobre o proxecto de minería de ouro de Corcoesto (artigo saído en Mapping Environmental Justice)

O pasado 15 de outubro, o polémico proxecto de minería de ouro Corcoesto en Cabana de Bergantiños (Galicia – España), foi cancelado. Este proxecto de minería foi o foco dun debate acalorado en Galicia nos últimos 15 meses, coa mobilización de miles de persoas contra el. Aquí ofrecemos un resumo desa loita medioambiental que se saldou con éxito. O proxecto de ouro Corcoesto ía ser situado nunha área de 774 hectáreas, no noroeste de España, preto de 35 km da cidade de A Coruña, na Comunidade Autónoma de Galicia. Este proxecto a ceo aberto estaba pensado para funcionar máis de 13 anos (incluídos tres anos para a construción de infraestrutura e 2 anos para as actividades de restauración), con plans para extraer un total de 1.095 mil onzas de ouro. O investimento total sería 651.824.167 €, e o proxecto crearía 271 empregos directos durante os 8 anos de operacións de extracción.

Seguir lendo

Ligazón

Campaña “Eu digo non á mina de Corcoesto”

A Xunta de Galicia acaba de rexeitar publicamente por segunda vez o proxecto da mina de ouro de Corcoesto, pero novamente, non o anula por razóns ambientais senón por cuestións financeiras.

Nós continuaremos a nosa mobilización ata que se anule o proxecto e a súa declaración de impacto ambiental (DIA), aprobada no seu día pola Xunta. O noso obxectivo persegue que este tipo de minaría a ceo aberto que emprega o cianuro se prohiba, e non só en Galicia.

Esta campaña iniciada por Contramínate quere contrarrestar a da empresa Egdewater, co seu lavado de imaxe recente, na que pretende a licencia social da comarca de Bergantiños. Seguir lendo

Ligazón

Novos apoios da comunidade científica á petición para que a XUNTA prohiba o emprego de cianuro na minería

Esta semana chegamos ós 236 apoios da comunidade científica para a petición de prohibición do emprego do cianuro na minería.

Coa entrega o pasado 8 de outubro ao Presidente da Xunta de Galicia do manifesto pola prohibición do uso do cianuro na minería coa listaxe dos 160 apoios da comunidade científica e universitaria recollidos ata entón a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños deron inicialmente por pechada a campaña.

Non embargante, a difusión posterior da campaña nos medios de comunicación e os reenvíos no seo da comunidade científica e universitaria desencadearon unha segunda vaga de apoios que acadaron xa unha cifra moi relevante: 76 apoios adicionais que veñen de entregarse ao Presidente da Xunta de Galicia. Seguir lendo

ContraMINAcción, satisfeita pola posible anulación do proxecto mineiro de Corcoesto

solidariedade

 

A rede de colectivos ContraMINAcción manifesta a súa satisfacción polas recentes declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto da anulación do proxecto mineiro de Corcoesto.

Desde a rede ContraMINAcción agardamos, cunha certa desconfianza, que esas declaracións do presidente se traduzan o antes posible nunha anulación oficial de todo o proxecto pola mesma vía pola que este foi presentado a exposición pública: o DOG”, declara Nela Abella, do colectivo Verdegaia e da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños. A rede agarda pois a resolución pública no DOG antes de celebrar como unha vitoria definitiva a que de momento só e unha “suposta” anulación.

A posición de ContraMINAcción, rede de colectivos en contra da minaría fronte ao proxecto mineiro e clara: que sexan anulados inmediatamente tódolos documentos presentados por Edgewater; é dicir: o plano de restauración, o estudo de impacto ambiental (EIA), así como a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable da Consellería de Medio Ambiente; e tamén os dereitos mineiros da empresa sobre as concesións relacionadas con ese proxecto. Así mesmo, ao incumprir o proxecto mineiro de Corcoesto a Lei da Política industrial de Galiza, debe ser rexeitada de xeito oficial a solicitude de ser considerado como estratéxico.

En tanto non se anule a DIA, autorización xa concedida, e se deneguen todos os demais trámites de forma oficial, nós continuaremos con tódalas nosas accións sen dar credibilidade a estas declaracións, que por agora só son palabras que leva o vento”, manifesta Marcos Celeiro, da Associaçao Socio-Cultural O Iribio.

ContraMINAcción lamenta que a —de momento suposta— anulación se basee unicamente en criterios financeiros, e deixe de lado todos os impactos ambientais, que denuncian hai tempo tanto colectivos opostos ás minas como o ámbito científico, e dos que dan boa conta os distintos informes elaborados ao respecto.

Houbo demasiadas irregularidades ata o momento, na tramitación deste proxecto, que foron denunciadas desde o primeiro momento polos colectivos implicados na loita contra o mesmo”, declara Aurora Puentes de Santa Comba Viva.

Nesta liña, é inexplicable a demora en satisfacer o dereito ao acceso á información de carácter ambiental por parte da Xunta, xa que repetidos intentos de acceder a informacións recentes sobre o proxecto foron frustrados”, declara Margarida Prieto do Sindicato Labrego Galego.

Eu non baixaría a garda, pois o anuncio de suspensión do proxecto ten toda a pinta de tratarse dunha nova estratexia de despiste por parte da Xunta, ben para tentar acalmar unha vez máis a oposición aos proxectos mineiros ou ben para mellorar as condicións en que pactaron o proxecto, todo en medio dunha falta total de competencia técnica e escurantismo cara á comunidade”, di Guadalupe Rodríguez do colectivo internacional Salva la Selva.

ContraMINAcción seguirá a traballar en defensa do territorio e denunciando en tódalas instancias ao alcance calquera irregularidade de tramitación relacionada con este proxecto e con calquera outro proxecto mineiro que se pretenda sacar adiante, así como contra os graves impactos ambientais derivados das actividades extractivas. Esta rede de colectivos continuará mobilizada permanentemente en loita contra todos os proxectos mineiros actuais e futuros que pretendan destruír o noso país, independentemente do que finalmente aconteza co proxecto mineiro de Corcoesto, pois esta só é unha das moitas ameazas que temos sobre a nosa terra, as nosas vidas e o noso futuro.

Dende ContraMINAcción agardamos que esta información sexa do voso interese, e pedímosvos que lle deades a máxima difusión posible.

Estamos todas e todos no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.

Moitas grazas.

 

Ligazón

A consideración do proxecto de Corcoesto como estratéxico, cada vez máis no aire

Un informe do IGAPE que forma parte do expediente mineiro de Corcoesto que está sendo tramitando pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas como industrial estratéxico, pon en dúbida esta condición, segundo revela a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

O devandito informe sinalaría que o proxecto mineiro de Corcoesto non é estratéxico no sentido definido como tal pola Lei 13/2011 de Política Industrial de Galicia. Segundo o Instituto Galego de Promoción Económica, a pesar de ter un investimento superior aos 50 millóns de euros, o proxecto non chega aos 250 postos de traballo directos e non supón a consolidación dos mesmos no futuro, debido ao carácter finito da explotación, que prevé un ciclo produtivo de 8,5 anos.

Seguir lendo