Arquivo da categoría: ContraMINAcción

Información sobre e desde a rede ContraMINAcción.

ContraMINAcción vén de axudar a impulsar a rede contra a explotación do litio en Portugal.

ContraMINAcción vén de axudar a impulsar a rede contra a explotación do litio en Portugal

O sábado 11 de maio, ContraMINAcción estivo en Boticas, Portugal, nun Encontro sobre minería de litio no país veciño.

A asociación “Unidos em Defesa de Covas do Barroso” está a solicitar o cancelamento da denominada “Mina do Barroso”, e das demais solicitudes de prospección en zonas circundantes. A súa motivación é preservar o ambiente, o patrimonio, e a saúde e calidade de vida da poboación.

Intervención de Fernando Queiroga, Presidente da Cámara Municipal de Boticas.

Por iso organizaron un Encontro que consistiu nunha xornada de conversacións, un xantar colectivo e unha visita ao sitio do proxecto mineiro. Coa presencia do Presidente da Cámara Municipal de Boticas, Fernando Queiroga, a Junta de Freguesia, a coordinadora do evento Jessica da Cruz (da asociación Unidos em Defesa de Covas do Barroso) e de outras persoas residentes de Covas do Barroso afectadas polo proxecto, como Nelson ou Francisco.

Momento da intervención de Jessica da Cruz, coordinadora da xornada.

Ao longo da intensa xornada tiveron lugar intensos debates e intercambios, nos que participaron mesmo xeólogos afíns aos proxectos mineiros, que se achegaron para interesarse polo contido do evento. Ademais de persoas da zona como Nelson, tamén expuxeron a súa experiencia fronte a minaría invitadas como Maria do Carmo Mendes, que chegou da Serra de Argamela, tamén afectada inminentemente pola minaría.

Pola sua parte, ContraMINAcción levou unha mensaxe de unión e de intercambio de información e solidariedade fronte a ameaza de destrución que a minaría supón para cada vez máis comunidades. Marga Prieto explicou as particularidades da oposición á minaría en Galiza, e deu información sobre os proxectos mineiros na comunidade; Nela Abella expuxo as conclusións acadadas durante o Encontro que se organizou en Febreiro 2019 en Santiago de Compostela xunto a plataformas de todo o estado español e Portugal, e Guadalupe Rodríguez explicou como se conecta ContraMINacción no plano internacional. ContraMINAcción achegou ademais as características da Alianza Europea de Baterías impulsada por Alemania, que explica o fenómeno deste boom mineiro, da man dun colaborador dese país, Klaus Schenk. E tamén compartiu diferentes materiais informativos como un póster sobre impactos da minaría na agricultura, o folleto sobre impactos das actividades extractivas sobre a auga, e o novo libro infantil e xuvenil editado por Coluna San Fins, un dos colectivos da nosa Rede, e titulado “A mina contamina”.

A compañeira Lupe Rodríguez falou das redes internacionais contra o extractivismo

Entre o público, ademais de xente da zona, directamente afectada polo proxecto, estaban numerosas persoas de outras zonas de Portugal, que acudiron para interesarse pola iniciativa, así como representantes de Quercus, o colectivo ecoloxista con máis arraigo en Portugal.

Pero por que “contra” o litio?

A carreira do litio non ten limites. Durante o Encontro en Boticas denunciouse a falta de transparencia e imparcialidade do goberno portugués co respecto á exploración do litio. A súa campaña publicitaria enganosa oculta que a minaría afectará áreas protexidas, áreas clasificadas, e tamén zonas urbanas como a Serra da Argemela, Beira Interior, Montalegre, Serra do Soajo, Barroso, Serra do Alvão, Serra da Gardunha, Serra da Estrela, Reserva Natural da Serra da Malcata, zonas urbanas de Braga e Viseu, etc. Todos estes lugares están a sofrer as consecuencias da especulación económica da industria mineira. A intención e formar unha rede cuxas bases quedaron sentadas tras o encontro da fin de semana.

Durante a visita á zona afectada, despregouse unha faixa contra o extractivismo.

Agradecemos muito sinceramente a rede Contraminacción, que patrocinou o Encontro, e que foi um impulso e o exemplo”, dixo Jessica da Cruz, coordinadora da reunión e a visita ao proxecto mineiro.

Participando e impulsando redes

ContraMINAcción está a traballar constantemente para advertir dos perigos da minaría. Despois de percorrer durante case 7 anos gran parte de Galiza levando información sobre o tema a tódolos recantos do territorio, este ano 2019 tivo un rol importante no avance a unha consolidación da rede ibérica de alerta fronte a minaría.

ContraMINAcción naceu como unha rede para advertir do boom mineiro en Galiza. Co paso dos anos consolídase como un espazo de debate sobre os impactos da minaría en Galiza e axudou a impulsar algúns dos procesos de resistencia contra a minaría mais significativos, como a denuncia da chamada Lei de Depredación, unha denominación que xa se fixo popular, pois é así como a recoñecen incluso os propios políticos que a impulsaron como “Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais”.

Nestes anos, contraMINAcción organizou un total de catro Encontros sobre o tema dos impactos da minería, dous a nivel galego, un sobre o territorio español e tamén no plano internacional, xunto a rede Yes to Life No to Mining, da que forma parte.

ContraMINAcción valora moi positivamente o encontro celebrado en Portugal, que serviu, ademais de para informar sobre os riscos derivados do proxecto concreto de Covas de Barroso e da minaría do litio en xeral, para establecer contactos entre os colectivos portugueses, así como entre eles e os da nosa Rede.

Traballar de xeito coordinado é importante, non só pola proximidade física entre Galiza e Portugal, senón tamén pola coincidencia de materiais que están a ser investigados (en Galiza tamén hai varios permisos de investigación de litio solicitados), así como pola lóxica coa que actúan empresas e poderes políticos, moi similar en ambos sitios.

ContraMINAcción reclama que se deixe traballar á xustiza e que se condene a tódalas persoas responsables

Onte a mediodía os medios de comunicación destacaban unha nova: o Director xeral de Minas deberá declarar como investigado por presunta prevaricación ambiental no contexto das investigacións da Fiscalía iniciadas en 2017 a raíz dunha denuncia presentada pola Asociación Ecoloxista Verdegaia e hoxe seguidas polo Xulgado Penal de Noia.


Contraminacción quere mostrar a súa preocupación pola divulgación da fase actual das pesquisas e demanda que Xulgado e Institucións adopten as medidas necesarias para que non se poña en perigo a investigación penal en curso relativa, entre outros aspectos, aos danos ambientais causados polas minas de San Fins. Uns danos que se levan producindo durante anos até o presente, tanto por acción como por omisión de persoas, en plural, con nomes e apelidos.

Bernardo Tahcoes (Praza Pública)

Bernardo Tahcoes (Praza Pública)

 

A publicación de filtracións só contribúe a que aumente aínda mais o risco de destrución de probas, antes de que se teñan adoptado medidas provisionais que o eviten eficazmente. Adicionalmente, aínda que como entidades ecoloxistas, podemos coincidir plenamente na necesidade de esixir responsabilidades políticas polas políticas de desfeita ambiental ao servizo do lobby mineiro, subsidiándoo e promovendo activamente a obstrución do dereito de acceso á información ambiental da cidadanía, advertimos do risco de frivolización política no momento presente que só favorece aos responsábeis penais dos delitos que se investigan. A petición de responsabilidades políticas é unha mensaxe reducionista, que transmite a idea de que anos de presunta impunidade se poderían explicar pola mera conduta dun político, sen participación dos funcionarios públicos nas respectivas áreas de actividade, omitíndose tamén ou quedando en segundo plano as primarias presuntas responsabilidades ambientais dos administradores das empresas mineiras.

 

A petición de responsabilidades políticas non exime das responsabilidades penais polas condutas desenvolvidas, poidan ou non ser mellor entendidas en casos particulares á luz dunha determinada acción de goberno. Contraminación esixe que, para que casos como o de San Fins non se repitan (un caso que por paradigmático, non é nin moito menos único), se condene a todas as persoas responsables dos presuntos delitos que se investigan.

 

Entrevistas aos colectivos que participaron no IV Encontro de ContraMINAcción

Primeira parte


E esta é a segunda parte recopilatorio das entrevistas realizadas aos moitos colectivos que participaron os días 16 e 17 de febreiro en Santiago de Compostela no IV Encontro de Contraminacción.

Unha vez máis recordarvos que a prensa deulle moi pouca ou nula cobertura, polo que é importante compartir e falar dun problema que se demostra global, que non local.

Todas as aportacións son moi importantes, pero deixádeme facer especial fincapé na entrevista do representante de Asturies quen explica moi ben a diferenza entre a minería do pasado século e os modernos macro-proxectos.

Moitísimas gracias Pilar Aymara polo teu gran labor!!

Gracias a persoas coma ti traspasamos o cerco informativo.

Video Crónica do IV Encontro de ContraMINAcción

Vídeo resumo do IV Encontro da rede ContraMINAcción, que nesta ocasión contou coa presenza de representantes de colectivos de todo o estado español e de Portugal. As persoas que asistiron en representación de plataformas de toda a Península Ibérica contaron como están a enfrontar nos seus respectivos territorios a ameaza, o impacto directo ou as secuelas da actividade mineira

Como se pode ver, o IV Encontro foi un éxito.

Gracias a Xosé Antón Bocixa polo seu traballo!

A importancia das mobilizacións para defender o propio

Lentes Diverxentes está a difundir novos testimonios e reflexións sobre a manifestación do 10 de xuño de 2018 en contra do proxecto mineiro de Touro-O Pino, sobre a importancia das movilizacións para defender o propio.

ContraMINAcción estivo alí, facendo parte da maioría iluminada.

 

OS RISCOS DE CONVIVIR CO RADÓN

A exposición prolongada a altas concentracións deste gas radioactivo aumenta a probabilidade de padecer cancro de pulmón.

España aínda non adaptou a súa lexislación á Directiva Europea 2013/59/ EURATOM, onde se establecen medidas para a prevención e control da exposición da cidadanía fronte ao radón.

No Día Europeo do Radón, as Plataformas Cidadás formadas en diferentes puntos de España que se opoñen á minería a ceo aberto, quixeron lembrar que é o radón, como pode chegar ata o noso organismo, e que efectos produce.

As Plataformas informan de que “o radón é un produto de desintegración do uranio, mineral inestable que se atopa en todos os chans terrestres, pero son as formacións graníticas e pizarrosas situadas ao Oeste da Península Ibérica (Galicia, Zamora, Salamanca, Estremadura, Ávila, Segovia, Madrid) as que presentan un potencial de exhalación de radón significativamente máis elevado que no resto da Península”.

E é que segundo afirma a OMS (Organización Mundial da Saúde) entre o 3 e o 14% do total dos casos de cancro de pulmón diagnosticados, están causados pola exposición prolongada a altas concentraciónsdeste gas radioactivo.

As plataformas cidadás comparten a inquietudee din: “un posible incremento significativo da exposición da cidadanía ao gas radón ante o crecemento masivo dos expedientes mineiros que solicitan explotación de mineraisa ceo aberto”, precisamente nestas zonas xeográficas. Segundo afirman, “o propio chan onde se xera o radón actúa como barreira para impedir que gran parte deste contaminante radioactivo poida escapar libre cara ao exterior e poida penetrar no noso organismo mediante inhalación”.

Unha vez que o radón se libera, pode moverse con facilidade e percorrer longas distancias antes de emitir radiación e transformarse nos seguintes produtos da cadea de desintegración do uranio, que taménse poden transportar facilmente adheridos a partículas de po para seguir emitindo partículas radioactivas”.

Doutra banda, estas plataformas queren denunciar “a pasividade e falta de interese das Administracións Públicas por regular a exposición cidadá a este contaminante tan perigoso para a saúde”.

E é que o pasado 6 de febreiro de 2018, expirou o prazo que a UE impuxo a España para traspoñer a Directiva Europea 2013/59/ EURATOM, onde se establecen medidas para a prevención e control da exposición da cidadáns fronteao radón. Esta normativa fixa un valor de 300 Bq/ m3 como concentración límite en edificios, que é onde se concentra unha maior cantidade de gas radón, aínda que a OMS establece como máximo recomendado 100 Bq/ m3, unha cifra que cuestiona o límite que establece a Directiva Europea.

As Plataformas esixen ao Goberno, “que leve a cabo un exercicio de responsabilidade e elabore unha lexislación respecto diso que, se non impide a exposición da cidadaníaao radón e os seus produtos de desintegración, impoña medidas que a minimice, e leve a cabo os estudos necesarios para avaliar os riscos de que se produzan emisións adicionais, que polas graves repercusións sobre a saúde das persoas, deberían ser escrupulosamente revisados”.

“NO A LA MINA EN LA SIERRA DE YEMAS” (Ávila)

“NO A LA MINA EN EL VALLE DE CORNEJA” (Ávila)

“NO A LA MINA EN LA SIERRA DE ÁVILA” (Ávila)

“COORDINADORA NO A LA MINA DE URANIO EN SALAMANCA” (Salamanca)

“PLATAFORMA VECINAL MINA TOURO” (Galicia)

“ASOCIACIÓN DE AFECTADOS POR METALES PESADOS DE CARTAGENA” (Murcia)

ContraMINAcción, REDE CONTRA A MINARIA DESTRUCTIVA NA GALIZA

Tentativa de lavado de cara do lobby mineiro galego

  • As mineiras buscan rodearse de altos cargos da Xunta, Deputación, Concello de Santiago, Ministerio de Transición Ecoolóxica, así como de SEO Bird Life a poucas semanas de que se inicie o maior concurso de dereitos mineiros da historia galega

  • Desde ContraMINAcción denuncian a presentación dunha imaxe irreal do sector, plagado de desastres ambientais e irresponsabilidade cómplice por parte das administracións

A realidade demostra que a meirande parte das canteiras de Galicia carecen de restauración algunha. Tal e como recolle o Catálogo dás Paisaxes de Galicia existen, a modo de exemplo, unhas 66 explotacións mineiras, canteiras e localizacións de extracción de áridos ou terra, e citan concretamente, «pola súa extensión e a calidade paisaxística dá contorna» as canteiras de O Courel e Casaio, así como as de Porriño e Salceda de Caselas, nas que a ausencia de restauración e o deterioro paisaxístico son lamentables.

Son o que se coñecen no catálogo como ámbitos de especial atención paisaxística, unha figura que identifica «zonas nas que se produciron alteracións ou impactos en relación á paisaxe, é dicir, nas que diversas actuacións xeraron transformacións que deterioraron ou carácter ou a calidade dá paisaxe» e que necesitan de «especiais medidas de intervención e protección».

Desde a mina de Serrabal de Vedra, explotada por Ramsa e vencellada a Ferroglobe e a Villar Mir, ata a canteira abandonada do Monte Neme, os desastres ambientais das minas de San Fins en Lousame ou de Touro, pasando pola lenta agonía das paisaxes afectadas polas louseiras; Galicia destaca en liñas xerais, pola ausencia de restauración das canteiras e a irresponsabilidade empresarial e política no tocante ao cumprimento da normativa en materia de restauración dos espazos degradados.

O certo é que as demandas de información e transparencia dirixidas á Consellería de Economía, Emprego e Industria son cada vez máis numerosas por parte da cidadanía, preocupada polos desleixos cometidos durante anos por este departamento da Xunta de Galicia, e que cristalizaron nunha política de restauración de espazos mineiros degradados inexistente ou inoperativa e ineficaz, á vista dos problemas ambientais e de saúde pública que se están a producir en espazos mineiros abandonados como os das antigas minas de Touro, Santa Comba, Lousame ou no Monte Neme, en Carballo. De feito, hai moitos espazos danados pola drenaxe áceda de mina que se convirte nun grave problema de saúde pública e ambiental, con incidencia noutros sectores económicos como a pesca, o marisqueo ou o sector gandeiro-agrícola.

O Director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, actúa como Vicepresidente do Comité organizador do V Congreso Nacional de Áridos, que organiza a FdA e Arigal, e comparte organización con Julio César Valle Feijóo, asesor de Mineira de Corcoesto, Edgewater, e da FdA (Federación española de áridos), organizadora do Congreso. Valle Feijóo está vencellado aos “dólares en una maleta Samsonite” e as “supostas mordidas” de altos cargos da Xunta no caso do fallido proxecto mineiro de Corcoesto. Tamén foi asesor da Cámara oficial mineira de Galicia ao mesmo tempo que a súa empresa litixiaba coa Xunta no caso Corcoesto. No evento tamén participa a empresa Erimsa, que recentemente anunciou un ERE na empresa de extracción de Frades, co que supostamente chantaxeaba á Xunta para obter máis dereitos mineiros. Erimsa presume de Sala propia co seu nome dentro do Congreso, e incluso recibirá dous premios nas categorías de “boas prácticas medioambientais” e “seguridade e saúde”, que supostamente outorga un xurado independente; e todo iso, a pesar das denuncias da Plataforma veciñal de Mesía, que hai uns días facíase eco do moito dano medioambiental na zona de Mesía, como cambio de augas subterráneos, o famoso enterramento das vacas “locas” en canteiras escavadas a varios metros de fondura, entradas en fincas particulares sen permiso, enganos na preparación do terreo, non executar os plans de recuperación  medioambientais, deixar balsas abertas de varios millóns de litros de auga ao aire aberto, etc. Todo o contrario do que predican”.1

No Congreso tamén participa Votorantim Ciment, cuxa filial Cementos Cosmos que explota o xacemento do Iribio, en Triacastela mantén numerosas batallas xudiciais coa veciñanza; chegando incluso a demandar ao representante da Asociación cultural O Iribio.

Baixo o lema “Comprometidos coa sociedade”, esa sociedade á que lle acostuman deixar os espazos sen restaurar cando rematan as explotacións, como é o alarmante caso dos ríos vermellos de Touro, vítimas da drenaxe áceda de mina; o lobby rodéase do Presidente da Xunta, do presidente da Deputación da Coruña, do alcalde de Santiago, do Adif e incluso dunha organización ambiental Seo Bird Life, para facer un “lavado de cara” sen precedentes, dentro do sector en Galicia e amosar o apoio institucional ás desfeitas ambientais, que están a sementar por Galicia adiante as explotacións mineiras sen restaurar e a irresponsabilidade empresarial e política inherentes á falla de restauración dos espazos degradados.

1 http://mesiaunida.es/nota-de-prensa-resposta-a-chantaxe-de-erimsa/

 

Nota de prensa emitida pola Rede ContraMINAcción (Rede contra a Minería Contaminante en Galicia)

Silleda e A Baña son unánimes: NON á mina de Touro

A PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO – O PINO NON, membro de ContraMINAcción informa:

Logo de recibir o premio pola Defensa e Conservación do Medio Ambiente da Fundación Insua dos Poetas, a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON recibe o apoio unánime dos plenos de Silleda e a A Baña.

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON ven de recibir durante a celebración da X Festa da Palabra no Carballiño o recoñecemento pola Defensa e Conservación do Medio Ambiente que outorga a Fundación Ínsua dos Poetas, nunha edición que homenaxeaba a figura de Víctor Campio.

Isabel García, da plataforma, quixo compartir o premio coas veciñas e veciños de Touro e O Pino pero tamén con “todas aquelas persoas que se ven nunha situación similar coa que nós nos atopamos”. Aproveitou, mentres recollía o galardón, para salientar o traballo e compañeirismo da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e das máis de 140 asociacións e as xa 39 institucións que apoian á plataforma no seu rexeitamento da megamina de cobre a ceo aberto nos municipios coruñeses. No acto estaban presentes Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.

Silleda e A Baña únense á loita por unanimidade

Esta mañá eran dous os concellos que se sumaban á loita contra o polémico proxecto de extracción de cobre. A primeira hora da mañá, o alcalde Manuel Cuíña (PSOE) presentaba no pleno de Silleda a moción que as plataformas Mina Touro – O Pino NON e en Defensa da Ría de Arousa levaron xa polos concellos da ría e da conca do Ulla. Xa preto do medio día, o concelleiro César Ramos (CxG) facía o mesmo no Concello da Baña. En ámbolos dous casos as mocións foron aprobadas de xeito unánime polos concelleiros de todos os grupos municipais.

Son, a día de hoxe, 37 concellos e as Deputacións da Coruña e Pontevedra as institucións que de xeito oficial rexeitan o comprometido proxecto, a unhas semanas de que se cumpra un ano da súa publicación no DOG.

O contido da moción:

1.-Instar ás Consellerías do Mar, Medio Rural, a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Cultura e Ordenación Universitaria e á de Economía, Emprego e Industria a emisión de informes negativos tal e como procede polas las consecuencias negativas descritas e todas as que en alegacións se presentaron polas entidades e particulares, e así se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429, de protección do Camiño de Santiago e da actividade económica estratéxica e fundamental dos concellos de Touro e O Pino baseada na agricultura, a gandeiría, as industrias agroalimentarias e forestal, o turismo, a hostalería e os servizos.

2.- Instar á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados e drenaxe ácida, para como mínimo asegurar que non se siga comprometendo a calidade ambiental dos afluentes do río Ulla e por tanto da rede Natura 2000, que verten dos terreos da anterior mina ó río Ulla e de ahí á Ría de Arousa.

Opositores á mina din que Atalaya ‘non ten licenza social’

“A nosa oposición a mina de Touro consiste en defender un modo de vida, un tipo diferente de industria para Galicia”, di Luis Gallardo.

Luis viaxou a Londres para asistir a xunta anual de accionistas de Atalaya o 27 de xuño. A empresa está listada no mercado alternativo de valores (AIM) do Reino Unido, así como na bolsa de Toronto (TSX).

Luis nunca foi a unha xunta de accionistas de unha empresa mineira, pero este ano e diferente.

As portas da xunta de accionistas de Atalaya Mining en Londres

Atalaya ten plans de abrir unha mina de cobre a ceo aberto en Touro, cerca de Santiago de Compostela. A empresa di que conta co apoio do goberno galego e das comunidades locais.

Pero os opositores á mina négano. Sinalan especialmente os recentes informes sectoriais que resaltan os impactos negativos do proxecto mineiro no auga, a terra, o medio ambiente, a saúde e a economía local, ademais da deficiente avaliación dos riscos.

O 10 de xuño, máis de 50.000 persoas manifestáronse contra o proxecto da mina de touro en Santiago. Políticos de todas as cores uníronse á protesta, tamén algúns alcaldes do PP.

“A xente non vai permitir que o proxecto siga adiante”, di Luis, que fala en representación da Plataforma Mina Touro O Pino NON.

“Vimos á Xunta de Accionistas como parte das nosas actividades para parar a mina. Queremos asegurarnos de que os investidores de Londres entendan que é un proxecto imposible e que Atalaya está a mentir con respecto ao goberno galego, a sociedade e a propia empresa. Estamos aquí para explicar a verdade sobre o proxecto: e defectuoso, tecnicamente malo, prexudicial para o medio ambiente, non é viable, non é benvido e non se aprobará”.

A Plataforma Touro O Pino Non formouse segundo comezou a resistencia ao proxecto dende agosto 2017, co apoio inicial de ContraMINAcción – a rede contra a minaría destrutiva na Galiza.

As súas preocupacións inclúen a contaminación, o ruído e pó das explosións previstas, a contaminación e mingua de auga, e os roubos de terras. O proxecto ten previsto utilizar dez toneladas de explosivos por día; as persoas que viven do turismo en torno ao Camiño de Santiago pregúntanse que sería dos miles de turistas que atrae o camiño cada ano.

Esta parte de Galicia xa é próspera. A economía da área afectada baséase na agricultura e gandería, e tamén a pesca se atopa entre as actividades afectadas.

“Os cursos de auga das vilas circundantes xa están contaminadas pola antiga mina de cobre. Unha nova mina pon en perigo todas as industrias”.

Catrocentos postos de traballo non compensan os 60.000 a máis longo prazo ameazados. Os métodos da minaría do século XXI son incompatíbeis ca industria local.

Os plans de Atalaya son adquirir o 80 por cento do proxecto Touro en fase de permisos, estando o outro 20 por cento en mans da empresa local Explotacións Gallegas. Anque o proxecto localízase parcialmente nunha antiga mina, a intención e expandilo das 700 hectáreas iniciais ata 1.827 hectáreas ocupadas por terras agrícolas e forestais. A empresa pretende operar a mina durante 24 horas o día durante 15 anos.

Ao preguntar a Luis que pode facerse dende o Reino Unido e Europa para solidarizarse cas comunidades afectadas, di que os impactos do proxecto non son só locais, senón tamén rexionais e globais.

“A nosa forza está a crecer, cada día temos máis apoios de cidadáns preocupados e organizacións de dentro e fóra de Galicia. Estamos a conectar con outra xente afectada pola minaría en todo o mundo”.

Calquera persoa interesada pode participar na organización de actividades e difundindo estas cuestións por tódolos medios posibles. Estades invitados a coñecer Galicia, a nosas comunidades, o proxecto e os seus impactos nas nosas vidas, e a solidarizarvos coa nosa loita”.

Luis Gallardo estará na Xunta de Accionistas de Atalaya en Londres o 27 de xuño, representando a Plataforma Mina Touro O Pino Non xunto con Elena Solis, avogada ambiental de Ecoloxistas en Acción.

Máis info no comunicado de prensa conxunto ou sigue @minatouropinono e @mineriagalicia

Membros de organizacións contrarias ás minas de Atalaya Mining en España participan o 27 de xuño por primeira vez na súa Xunta de Accionistas.

Comunicado de prensa conxunto

A empresa listada na bolsa de Londres planifica a reapertura de antigas minas en Galicia e Santander, e omite actuación en rotura inminente de presa en Andalucía.

O 27 de xuño, Luis Gallardo, da plataforma de afectados polo proxecto mineiro de Touro e a avogada ambientalista Elena Solís, asistiran á Xunta de accionistas de Atalaya Mining en Londres. A empresa está listada no Mercado Alternativo de Valores (AIM), así como na Bolsa de Toronto (TSX).

En Galicia, Atalaya planifica a reapertura dunha antiga mina en Touro (1). A empresa afirma contar co apoio do goberno galego e as comunidades locais. Os opositores ao proxecto discrepan, e sinalan que informes recentes do goberno autonómico enfócanse nos impactos negativos do proxecto sobre a auga, a terra, a saúde, a economía local e a falta de avaliación dos riscos. Tamén preocupa que a mina de Touro afecta o patrimonio, pois estaría a menos de 1 km do Camiño de Santiago no seu último tramo do Camino Francés antes da entrada a Santiago.

O 10 de xuño máis de 50.000 persoas manifestáronse contra o proxecto de Touro na capital de Galicia, Santiago de Compostela (2). Políticos de todos os partidos uníronse aá manifestación, incluíndo algúns alcaldes do propio Partido Popular no goberno.

En Andalucía, Atalaya Mining posúe o 100 por cento da mina de cobre Río Tinto (non asociado á mineira Río Tinto), o que inclúe as tres presas de lodos asociadas. Ecologistas en Acción xa avisou do elevado risco de colapso das presas debido aá mala xestión da balsa por parte de Atalaya Mining.

Segundo o propio estudo de Atalaya (3) este mal manexo podería ter como consecuencia vertidos de 66,28 millóns de m3 de refugallos tóxicos, que en forma de onda de ata 5 m de alto afectaraán o Parque Nacional de Doñana e ás cidades próximas de Gibraleón e Huelva.

En Santander, outro dos proxectos propostos por Atalaya consiste na apertura dunha galería de 5 km para explorar zinc na área poboada de Santillana del Mar, Santander. A galería estaría situada sobre Altamira, patrimonio da UNESCO cuxas covas albergan as mundialmente famosas pinturas rupestres.

En cada un destes tres casos xurdiron movementos locais que esixen á compañía non antepoñer os seus beneficios sobre a seguridade e o benestar da poboación local, o medio ambiente e o patrimonio cultural.

Luis Gallardo, membro da Plataforma Mina Touro – O Pino NON, contraria á mina de cobre en Galicia, declara:  “En representación da veciñanza afectada polo proxecto mineiro de cobre esixo a Atalaya que deteña o proxecto e abandone inmediatamente a área. Non permitiremos a invasión, o roubo nin a contaminación das nosas terras, nin cambiaremos as nosas vidas para facerlle sitio a esta destrución e contaminación. O proxecto está cheo de inconsistencias, ninguén o necesita”.

“Vimos a Xunta de Accionistas como parte das nosas actividades para parar a mina. Queremos asegurarnos de que os investidores de Londres entendan que é un proxecto imposible e que Atalaya está a mentir con respecto ao goberno galego, a sociedade e a propia empresa”.

Elena Solís, avogada ambiental e a cargo da área de minas para Ecoloxistas en Acción, explica: “A prioridade das empresas ‘junior’ como Atalaya é maximizar os beneficios a expensas da falta de investimento en minería para garantir que as instalacións sexan seguras. A situación en Riotinto é desesperada. Hai vidas humanas en risco ao atoparse as presas en risco inminente de colapso. Ecologistas en Acción denunciou a falta de acción de Atalaya. Está pendente unha sentenza xudicial que sairá de modo inminente”.

“Estamos desconcertados de que haxa que construír unha galería extremadamente longa na fase de exploración para o proxecto mineiro de zinc preto de Santander, o que pode causar graves problemas de afundimento en zonas poboadas”.

 

Organizacións participantes: Ecologistas en Accion, ContraMINAcción – Rede Contra a Minaría Destructiva na Galiza, Plataforma Touro – O Pino Non, Si á Vida Non á Minaría/ Yes to Life, No to Mining YLNM, The Gaia Foundation e London Mining Network.

 

Notas para editores

(1) Os plans mineiros de Atalaya de adquirir o 80 por cento do proxecto mineiro de cobre Touro en Galicia (a empresa Explotaciones Gallegas SL posúe o outro 20 por cento), atópanse en fase de permisos. A superficie de case 700 hectáreas localízase en parte sobre unha mina de cobre previamente existente, pero durante o proceso Atalaya planifica expandir a área a 1.827 hectáreas que abarcan terras agrícolas e forestais. A empresa pretende operar a mina 24 horas ao día durante un período de 15 anos. O proxecto utilizaría máis de 10 toneladas de explosivos ao día.

(2) A resistencia contra o proxecto mineiro de Atalaya en Touro comezou en agosto de 2017. As comunidades afectadas organizáronse nunha plataforma cidadá chamada Plataforma Mina Touro – O Pino Non. As súas preocupacións inclúen a contaminación, o ruído e o po das explosións, a escaseza de auga e os roubos de terra. Os posibles accidentes poderían ter efectos devastadores sobre as granxas, os pescadores e a industria turística en torno ao Camiño de Santiago. A Plataforma formouse co impulso inicial de ContraMINacción -unha rede galega de organizacións que se opoñen á minería en Galicia.

(3) Atalaya non construíu unha planta de concentración de residuos preto da súa mina de cobre de Riotinto, a pesar de ser unha condición legal establecida polas autoridades ambientais.

 

Opositores a mina de Touro (Foto: ContraMINAcción)

Balsas de lodos de Atalaya en Riotinto (Foto: Ecologistas en Acción)

A nota de prensa existe tamén en español e en inglés.

Enlaces:

https://galicia.economiadigital.es/politica-y-sociedad/manifestacion-multitudinaria-contra-la- mina-de-touro_560543_102.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2018/06/23/duro-varapalo-mina- touro/0003_201806A23C2991.htm

https://nostelevision.gal/o-unanime-berro-contra-a-mina-de-touro-colapsa-compostela/

https://www.ecologistasenaccion.org/?p=82364

https://www.gronze.com/articulos/mina-touro-un-grave-atentado-contra-camino-frances-15649