Unha campaña sobre as presas de residuos de San Finx faise co Premio do Instituto Xeolóxico e Mineiro

–      Pretendía denunciar a situación crítica e de abandono dunhas instalacións de residuos de máis de 80 anos de actividade.

–      A candidatura foi a que maior número de interaccións recibiu nas redes sociais, recibindo apoios de todo o mundo.


25 de abril de 2020.-
Esta madrugada o Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, fallou o “Premio Día Planeta Terra 2020”, outorgando o primeiro premio na categoría de interaccións en redes a unha campaña promovida por varios colectivos galegos para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros da explotación de San Finx, en Lousame.

Todas as participantes no certame debían achegar unha fotografía ou vídeo xunto cunha exposición sobre un dos Lugares de Interese Xeolóxico (LIG) incluídos no rexistro xestionado polo IGME, e entre os que están as minas de San Finx. A candidatura premiada consistía precisamente nunha detallada descrición da maior das presas de residuos mineiros, construída en 1939 pola  mineira británica The San Finx Tin Mines Ltd.

Esta presa de 12 metros de alto e 50 de ancho de coronación erixiuse seguindo un método de decantación de lodos, entón frecuente nas colonias británicas, que implicaba levantar diques cortando vales fluviais (“presas de colas fluviais”) e do que quedan moi poucos exemplos en pé debido aos colapsos ou desmantelamentos. A presa foi de feito protagonista da chamada “Catástrofe de 1960” na que os lodos chegaron ata a ría de Noia e sobre a que se filmou o documentario “San Finx 1960” de Irene Pin.

Tanto esta presa como outra máis pequena constaron nos plans anuais de labores da mina ata que a empresa deixou de os presentar no ano 2000. Na actualidade están en situación de total abandono e a súa falla, segundo un informe de Augas de Galicia de 2017, produciría un importante impacto ambiental.

Tentando fuxir das súas responsabilidades sobre as presas, a Dirección Xeral de Minas encabezada por Ángel Bernardo Tahoces e a concesionaria do Grupo Sacyr pretenderon facer pasar as presas de residuos por instalacións hidroeléctricas, o que derivou no inicio de dilixencias penais por presuntos delitos contra o ambiente, prevaricación ambiental e falsidade documental.

Os colectivos que promoveron a campaña gañadora (ContraMINAcción, Montescola, Verdegaia e Vida e Ría ou Minaría?) esperan que este premio consiga dar visibilidade a esta situación insostible no tempo e contribúa a forzar as administracións a deixar de mirar para o outro lado.

—-

Imaxe premiada: http://www.vidaeria.org/wp-content/uploads/2020/02/presas_san_finx.jpg

Texto premiado: https://twitter.com/ApadrinaUnaRoca/status/1243832038546907136

Documentario “San Finx 1960”: https://youtu.be/zv_z2EEn_V8

Campaña para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros de San Finx

Pídese apoio para compartir en redes sociais a publicación sobre as presas que xa está disponible na páxina oficial do Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME)

O confinamento non impide aos colectivos sociais e ambientais continuar a denunciar as graves situacións ambientais que produce a minaría e que non paran coa actual crise. Aproveitando un concurso en redes sociais lanzado polo Instituto Xeológico e Mineiro (IGME) sobre os “Lugares de Interese Xeolóxico” de todo o Estado, activistas e colectivos veñen de lanzar unha campaña para dar visibilidade á situación de abandono das presas de residuos mineiros de San Finx (Lousame).

A campaña ten como obxectivo que sexa o relato que dá conta da alarmante situación das presas mineiras de San Finx o que se faga cun dos premios do Concurso “Día Planeta Terra 2020” convocado polo propio IGME, en concreto na categoría “Premio á publicación con máis interacións en redes sociais”. Para iso, piden a colaboración de todo o mundo para que, desde as súas contas de Twitter, divulguen a publicación e fagan que as institucións non poidan seguir ollando para outro lado.

A pesar de que Augas de Galicia concluíu nun informe de 2019 “que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”, tanto a Dirección Xeral de Minas da Xunta como a propia concesionaria mineira, do Grupo Sacyr, afirman agora o “irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior”.

Contra toda evidencia, representantes de Sacyr chegaron a afirmar este mes no maior congreso mundial de minaría, o PDAC, celebrado en Toronto (Canadá), que as presas de residuos mineiros que constaban como tales nos plans anuais de labores ata que deixaron de presentarse no ano 2000, eran en realidade embalses hidroeléctricos e que, por tanto, a concesionaria non tiña ningunha responsabilidade sobre os mesmos.

Augas de Galicia xa alertou nun informe que a rotura da presa maior, situada a 7 km da ría de Muros-Noia e o LIC Esteiro do Tambre (Rede Natura 2000), podería producir un importante impacto ambiental, mentres o hidrólogo e experto en presas mineiras Dr. Steven H. Emerman, que visitou as instalacións en 2019, informou sobre a existencia de evidencias de licuefacción interna que tarde ou cedo levarían ao colapso da estrutura de formigón levantada en 1939 pola empresa británica que explotaba o xacemento de estaño e volframio.

A Xunta outorga unha “autorización” de vertidos encuberta á mina de San Finx

  • O permiso outórgase nun procedemento caducado, iniciado fai 4 anos e nunca resolto
  • Sacyr perforou en 2017 unha nova planta por debaixo do nivel de inundación a pesar de carecer de autorización de vertidos
  • Colectivos ambientais anuncian acción legais inmediatas contra Augas de Galicia

Catro anos despois de que a filial de Sacyr que se fixo coas concesións da histórica mina de San Finx se vira obrigada a solicitar permiso para o vertido as augas ácidas de mina, a Xunta outórgalle unha autorización encuberta baixo o eufemismo de “medidas cautelares” que ademais implica amparar a ocupación do cauce natural do río con dúas novas balsas de residuos mineiros construídas ilegalmente en 2011.

As medidas, autorizadas pola Directora de Augas de Galicia e ata fai pouco concelleira do Partido Popular en Santiago, Teresa María Gutiérrez, contemplan a instalación dunha “planta piloto de tratamento”, en teoría para tratar de forma experimental 2.000 litros por hora durante dous meses, pero fontes da empresa xa se gababan a finais de decembro que “la autorización de vertidos está al caer”, en referencia a estas “medidas cautelares”.

En 2017 a mineira perforou unha nova 5ª planta no sector “Buenaventura” da mina, por debaixo do nivel de inundación, debendo realizar bombeos continuos de drenaxes ácidas que foron vertidos ao cauce sen tratamento a pesar de carecer de autorización de vertido e declaración de impacto ambiental. ContraMINAcción teme que, con esta autorización encuberta, se reanude ilegalmente o achique das labores mineiras inundadas.

Ademais, a xuizo de ContraMINAcción, esta autorización non só é ilegal ao darse no marco dun procedemento cuxo prazo de resolución finalizou hai 3 anos e que, por tanto, está caducado, senón que evidencia a conivencia da Xunta coa mineira. “A mineira leva anos vertendo de xeito ilegal sen que se incoara un só procedemento sancionador, a pesar de constatarse que os altos niveis de cadmio, cobre e cinc presentes no río son resultado directo das verteduras da mina”. Por iso, anuncian accións legais inmediatas contra as autoridades e funcionarios de Augas de Galicia.

Denúnciase ademais que se produza esta autorización cando se constatou a continua mala fé da empresa, achegando datos falsos e conxeturas sen base científica, como a suposta existencia dun “fondo natural” de substancias contaminantes que impediría cumprir os limites de contaminantes que impón a lexislación, para o que Tungsten San Finx S.L. se valeu de informes emitidos polo profesor xubilado Felipe Macías, desmentidos por unha revisión rigurosa feita pola Universidade da Coruña. O proxecto de “planta piloto”, que supostamente pretende validar resultados experimentais de laboratorio, forma parte da estratexia de fraude permanente.

Ante iso, as únicas “medidas cautelares” que debería ter imposto a Xunta, desde o primeiro momento no que constatou a existencia de verteduras en 2016, eran as destinadas a impedilas, incluíndo o selado dos transversais de desaugue da mina mediante ‘bulkheads’, e o taponado de chimeneas e pozos de ventilación, permitindo a reinundación das plantas baleiradas ilegalmente desde 2008 e creando condicións anaerobias que minimicen os procesos de xeración de drenaxes ácidas de mina.

Fotografia: Adiante.gal

Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx

  • ContraMINAcción revela os informes sobre as presas de residuos mineiros que a Dirección Xeral de Minas pretendía facer pasar por embalses hidroeléctricos
  • O Director Xeral de Minas utilizou informes con datos falsos do catedrático da USC Felipe Macías para tentar ocultar a contaminación por metais pesados causada pola mina
  • ContraMINAcción demanda aos colexios profesionais de xeólogos, químicos e enxeñeiros de minas a que se retracten en relación ao apoio prestado aos informes de Felipe Macías 

A Xunta leva desde 2017 mentindo aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en particular a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU. Así o evidencian novos informes realizados por Augas de Galicia e que confirman non só o carácter mineiro das presas de residuos máis tamén o problema de contaminación continuada.

Fronte ás queixas que evidenciaban o abandono de dúas presas de residuos mineiros e a contaminación continuada por metais pesados que afecta non só ao río San Fins máis tamén á ría de Muros-Noia e o Esteiro do Tambre, en Rede Natura 2000, o departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, imputado precisamente por ter permitido a posta en marcha da mina San Finx en 2009, bombardeou a estes organismos internacionais con informes repletos de afirmacións falsas que buscaban desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas.

De depósitos de lodos mineiros a “embalses hidroeléctricos”

En 1928 e 1939 as entón concesionarias mineiras construíron sobre o cauce do río San Fins dúas presas de decantación de lodos mineiros, seguindo o método de ‘presas de colas fluviais’ (riverine tailings) habituais nas minas coloniais británicas da primeira metade do século pasado. Adquirida a mina polo Banco Pastor en 1940, as presas de residuos mineiros continuaron sendo utilizadas pola explotación, como evidencian os plans anuais de labores presentados ata o ano 2000, no que se abandona por completo e se deixa de presentar estes documentos preceptivos. A falla dunha das comportas da presa maior, de 13 metros de altura e 50 de lonxitude, causou o que na altura se deu en chamar a “catástrofe de 1960”, feitos sobre os que en 2019 se estreou o documental de investigación “San Finx 1960” de Irene Pin.

Despois de dous anos de investigación nos que se analizou a documentación histórica existente, en febreiro de 2019 Augas de Galicia emitiu un “Informe sobre a titularidade das presas San Finx” que indica que “pódese concluír que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”. Por iso, afirma, a súa seguridade depende dos órganos competentes en materia de minas que, non obstante, levan tentando ocultar a súa existencia desde 2009, ano no que as presas se deixaron fóra dos proxectos de restauración e explotación. Augas de Galicia conclúe que “sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada”.

Ante tales evidencias, destacan as falsidades dos técnicos de minas e do propio Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces. Nun informe de 21/01/2019 remitido á ONU pola Xunta, o enxeñeiro de minas con responsabilidade pola supervisión das minas de San Finx e de Touro, Rafael Recuna, indica que é “irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior” mentres que o seu superior, o Xefe do Servizo Territorial de Enerxía e Minas e Decano en Galicia do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España Juan José Iglesias Suárez, afirma noutro informe da mesma data tamén destinado á ONU que “o único certo é que nos arquivos da Administración Mineira non existe ningún documento no que se autoricen as citadas presas de formigón que se encontran no cauce do río fóra do perímetro da explotación mineira”. Mesmo o Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces dirixiu unha instancia á ONU para indicar que, a pesar de apareceren as presas no “Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia” feito pola propia Xunta en 1999, estas non serían “instalacións da explotación”. Tahoces encomendou tamén informes para enviar ao Comité de Peticións do Parlamento Europeo, entre eles un de 29/03/2019 asinado polo mesmo enxeñeiro Rafael Recuna, no que volta a insistir que “As presas non foron construídas co propósito de formar parte do proceso mineralúrxico” senón que “probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico”. Xusto no periodo comprendido entre os dous informes deste enxeñeiro da Xunta, tornouse pública a imputación do Director Xeral de Minas.

Vestindo a contaminación mineira como “fondo natural de metais”

A Xunta de Galicia ten constancia da contaminación por metais pesados causada polas minas de San Finx polo menos desde 1990, ano no que as analíticas requiridas pola Fiscalía evidenciaron a contaminación que desde a mina baixaba en dirección á ría. En lugar de recoñecer a situación constatada desde 2016 por Augas de Galicia, con niveis de cadmio, cobre e cinc que superan amplamente os limites máximos legais permitidos, o mesmo enxeñeiro Rafael Recuna no seu informe para a ONU nega a “existencia de augas ácidas de mina” e cita un “estudo” realizado para a empresa mineira polo profesor emérito da USC Felipe Macías Vázquez no que se conxectura sen base científica algunha a existencia dun “fondo natural de metais” que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias.

O “estudo” que asina Felipe Macías xunto con varios colaboradores do seu “Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental” pretendía xustificar que a empresa puidese verter augas contaminadas con cadmio con total impunidade de xeito perpetuo. Tamén o Xefe do Servizo de Enerxía e Minas Juan José Iglesias Suárez respaldou no seu informe a conxectura de que a contaminación se dá de “forma natural”, descalificando as entidades ecoloxistas que cuestionaban tal falacia: “Desconozco quien asesora técnicamente a los denunciantes, pero considero grave calificar de falacia las afirmaciones incluidas en el párrafo anteriormente transcrito, que constituyen una valoración cualitativa, no cuantitativa, basada en los fundamentos de la disciplina técnica de la geoquímica de suelos y aguas, como cualquier técnico especialista conoce.”

Non obstante, desconfiando das pretensións da empresa mineira, filial do Grupo Sacyr, apoiadas en todo momento pola Dirección Xeral de Enerxía Minas, Augas de Galicia decidiu encomendar unha asistencia técnica á Universidade da Coruña por medio do grupo de investigación AQUATERRA, que dirixe o Catedrático de Hidroloxía Javier Samper, para avaliar a validade e veracidade das conclusións do estudo de Felipe Macías achegado pola mineira para evitar un tratamento das súas verteduras que eliminase a carga contaminante en condicións. Lonxe de avalar as conxecturas de Macías e Sacyr sobre un “fondo natural de metais”, o informe de 240 páxinas da Universidade da Coruña refuta os métodos e conclusións evidenciando, como xa o fixeran as entidades ecoloxistas, que a contaminación por metais pesados se produce como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira.

O papel de Felipe Macías e os colexios profesionais

Os informes encomendados por Augas de Galicia e agora feitos públicos non só poñen en dúbida a actuación da empresa mineira e do departamento que dirixe o imputado Ángel Bernardo Tahoces, máis sobre todo a credibilidade dos traballos que Felipe Macías ven asinando para favorecer proxectos mineiros como os de San Finx ou Touro, onde chegara a propor, como consta na DIA negativa emitida a pasada semana, a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre como excusa para non restaurar os cauces contaminados.

O 29 de xuño do ano pasado, o Colexio Oficial de Xeólogos, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste (do que en Galicia é Decano o propio Xefe de Minas da Coruña Juan José Iglesias Suárez) e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia emitiron un duro comunicado conxunto que pretendía desprestixiar publicamente o traballo do Doutor Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas. Emerman cuestionara as conxecturas de Felipe Macías evidenciando extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras no seu anterior informe sobre San Finx de abril de 2017, co fin manifesto de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais. En contestación a ese primeiro informe de Macías, o Concello de Muros e Verdegaia encomendaran un informe técnico sobre as verteduras e outro informe histórico.

Fronte ás críticas de Emerman e outros técnicos, confirmadas agora nos informes de Augas de Galicia, os catro colexios profesionais indicaban que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” [Macías] e “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”. Os catro colexios manifestaban daquela o seu “total desacuerdo con las afirmaciones vertidas” indicando que “sus juicios y análisis carecen del rigor necesario ya que no es posible emitirlos sin contar con los datos técnicos mínimos” e calificando os resultados expostos como “un juicio de valor sesgado y parcial, más propio de un postulado ideológico que científico.” ContraMINAcción pregúntase se os mesmos colexios se pronunciarán agora de igual xeito ante as consideracións feitas no informe sobre San Finx liderado polo Catedrático da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña Javier Samper e cando a propia Xunta refrendou na súa DIA negativa ao proxecto mineiro de Touro as alertas expresadas no informe de Emerman.

Antes as críticas a Emerman do pasado ano, ContraMINAcción dirixiuse formalmente ao Presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro, e ao Decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, expresando a súa protesta formal polas manifestacións subscritas e enviándolles os informes íntegros para que os analizasen con rigor. Medio ano despois, sen que houbese resposta algunha e á vista do novo informe da Universidade da Coruña que evidencia a absoluta ausencia de base científica das pretensións defendidas pola Xunta e Felipe Macías, ContraMINAcción pídelle novamente aos catro colexios profesionais que se retracten do contido do seu comunicado conxunto e condenen formalmente a absoluta falta de ética e rigor que evidencian os informes emitidos por Felipe Macías e o seu equipo.

Informes íntegros

Informes dos funcionarios da Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Comunicado da Plataforma Mina Touro-O Pino non en relación á DIA

Facemos público o comunicado emitido pola Plataforma Mina Touro-O Pino non, en relación á DIA e á falta de transparencia da Xunta de Galicia con este tema:

A Plataforma veciñal MINA TOURO – O PINO NON entérase pola Unión Europea da data de publicación oficial da DIA da mina de Touro.

Resultado de imaxes para: mina touro

A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de explotación de cobre a ceo aberto nos concellos coruñeses de Touro e O Pino, promovida por Cobre San Rafael, sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro venres día 7 de febreiro. Así llo comunicaba onte a Presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo á Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON e ás asociacións Cova Crea e Petón do Lobo, as tres iniciadoras de outras tantas peticións a respecto da mina de Touro, baseadas fundamentalmente no dano provocado nas augas subterráneas e superficiais e o risco que conlevaría unha nova explotación nuns terreos aínda sen restaurar.

Coma case sempre, a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON é notificada das resolucións da Xunta de Galicia a través das institucións europeas e non directamente pola propia Administración autonómica. Xa a finais de 2017, logo da publicación do Proxecto Touro, desde o colectivo veciñal solicitáranse formalmente reunións con tódolos representantes públicos con competencias na materia, desde os alcaldes dos concellos afectados ata os representantes galegos no Parlamento Europeo, chegando xa daquela a primeira resposta desde Bruselas coa contestación da entón eurodeputada Lidia Senra, cando nun principio o lóxico sería esperar que respostaran antes os organismos máis cercanos e con competencias máis directas.

Na súa comunicación, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, dá traslado da carta que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lle remiteu con motivo da DIA negativa da mina de Touro, na que lle adianta a data de publicación oficial da mesma.

As tres peticións rexistradas, e debatidas na Comisión de Peticións en novembro de 2019, permanecen actualmente abertas e á espera da visita dunha delegación europea que analice e avalíe in situ os danos ao medio ambiente causados pola explotación mineira pechada hai máis de 30 anos e polas actividades desenvolvidas na actualidade polas empresas ubicadas dentro dos terreos da antiga mina.

Desde a Plataforma Veciñal acóllese con ledicia e optimismo que as autoridades recoñezan finalmente o problema das augas e a contaminación, pero a situación actual na contorna da mina segue a supoñer unha vulneración da Directiva Marco Europea da Auga e da Directiva Europea sobre Xestión de Residuos de Industrias Extractivas, producíndose, máis de 30 anos despois do peche dunha explotación, drenaxes ácidas.

Ademáis, a DIA negativa pon en evidencia cómo a situación pon en risco unha Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000. Por tanto, a plataforma non so solicitará que se manteña aberta a petición, senón que insistirá na necesidade dunha visita de inspección europea a Touro e outras minas galegas onde se evidencia a vulneración sistemática destas directivas.

O carpetazo ao proxecto de Cobre San Rafael non supón, de ningún xeito, baixar a garda ante a situación de desleixo dos últimos anos respecto dos danos provocados pola minería en Touro. A esixencia da restauración dos terreos e a recuperación das augas da contorna da mina seguirá estando vixente ata o seu total cumprimento, para o que a veciñanza e os distintos colectivos medioambientais se manterán permanentemente atentos e vixiantes.

Podes consultar a DIA nesta ligazón.

886 Días berrando “MINA NON”

As organizacións e colectivos que temos loitado contra a apertura do megaproxecto de extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino convocamos aos medios de comunicación a unha rolda de prensa que se celebrou hoxe venres 31 de xaneiro, ás 11 da mañá, en Carril, na C.A.D. Gato Negro, para valorar as últimas novas relacionadas co proxecto promovido por Cobre San Rafael e analizar a situación actual e os pasos a dar.

En primeiro lugar queremos salientar a unidade de todos os sectores afectados, gandeirxs e labregxs, cooperativas agrarias, veciñxs, confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas.

Unidade e mobilización que demostrou que é posible parar un proxecto destas características, a pesar da súa capacidade económica e da influencia política no goberno da Xunta de Galicia, que foi o gran valedor desta iniciativa e que amosou ao longo do procedemento unha interese que ía máis aló do estritamente administrativo, incluso defendendo o proxecto en reunións cos sectores afectados como se eles foran a empresa promotora.

As eivas do proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael quedaron xa ben patentes desde o principio. Calquera cunha mínima capacidade lectora e de comprensión, e sobre todo interés, podía percibir que aquelas promesas de traballo e progreso para os concellos e a comarca traían envolta unha soga coa que esganarnos de levarse a cabo a explotación de cobre a ceo aberto.

A valoración que facemos da decisión administrativa da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa é, ademais da evidente insostibilidade do proxecto, a forte oposición social amosada ao longo de todo este tempo -cáseque dous anos e medio- que cristalizou nunha Praza do Obradoiro chea ata o tope de manifestantes que reclamaban parar os lixiviados contaminantes, a restauración da antiga mina e o rexeitamento do novo proxecto. A proposta de Cobre San Rafael era inviable e insostible, pero foi o clamor popular o que provocou o desenlace.

Declaran negativa a DIA porque non é sostible o proxecto, pero a realidade é que toda a contorna da antiga mina leva máis de 30 anos nunha situación de ABSOLUTA INSOSTIBILIDADE, contaminando os afluentes do río Ulla e zonas ZEC, coa pasividade da Xunta de Galicia, a pesar de recoñecer en documentos públicos que levan 30 anos sen autorización de vertido!!!

Por tanto, para nós é unha decisión acertada, aínda que motivada, ao noso entender, polas recentes actuacións da fiscalía de medio ambiente e polos posibles custes electorais á beira dunhas autonómicas.

Temos a firme decisión de seguir adiante fiscalizando e esixindo a RESTAURACIÓN DA ANTIGA MINA E A SÚA CONTORNA. O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de preto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar e somos conscientes de que poden voltar a presentar o proxecto ao carón da nova lexislación que promove o actual goberno da Xunta, que elimina garantías no procedemento ambiental e acurta prazos, dificultando a participación cidadá.

Por todo isto valoramos que a nosa UNIDADE é fundamental para a saúde das nosas augas en Touro, O Pino, na contorna do río Ulla, na ría de Arousa e para garantir o progreso de miles de familias que viven do mar e do campo.

En Carril, a 31 de xaneiro de 2020

ContraMINAcción celebra a vitoria da veciñanza de Touro na súa loita contra o proxecto de Atalaya Mining.

A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer o rexeitamento do proxecto de Atalaya Mining. Os informes negativos de Patrimonio Natural e Augas de Galicia levaron a emitir unha DIA negativa, pola falta de sustentabilidade ambiental do proxecto.

Entrega das primeiras alegacions contra o proxecto de Touro, en 2017

En ContraMINAcción queremos mostrar hoxe, máis que nunca, a nosa solidariedade coa veciñanza de Touro e O Pino, e os nosos parabéns polo éxito acadado despois dunha loita de máis de dous anos.

Cando, a finais de setembro do ano 2017, dende Contraminacción convocamos unha primeira xuntanza en Loxo, para informar sobre os riscos do proxecto, que nese momento saía a exposición pública, sabiamos da importancia de proporcionar información á xente afectada, pois a información é a base da organización para parar os proxectos.

Activistas de ContraMINAcción, nunha charla informativa de setembro de 2017

Foi un longo camiño para a veciñanza de Touro e O Pino. Un reto duro e de moita incerteza, pois o proxecto mineiro irrompeu nas súas vidas interferindo nelas e na súa concepción do mundo, virándoa do revés. Non podemos menos que felicitar á Plataforma de Touro polo traballo realizado, co que finalmente, despois dun esforzo dilatado e continuo, conseguiron facer ver ás autoridades a incompatibilidade do proxecto coas actividades preexistentes e co seu modo de vida.

É salientable que o motivo da anulación fose de índole ambiental. Iso vén darnos a razón, pois todas as nosas reclamacións baseábanse precisamente na incompatibilidade do proxecto coa protección do medio.

Queda pendente a eliminación da contaminación existente e a restauración ambiental dos impactos da antiga mina, que, como xa vén sendo habitual (a pesar de ser ilegal), segue sen ser restaurada como correspondería. A Xunta debe instar á empresa a repoñer as condicións ambientais do medio tal como se recolle na nosa lexislación.

Desde a nosa Rede seguiremos en alerta, para vixiar este caso e os outros existentes e que veñen de camiño, tanto en Galiza, como co resto da Península Ibérica. Somos conscientes de que as ameazas son moitas, mais unha vitoria como esta axúdanos a coller folgos para seguir na loita.

Esta vitoria fai patente a importancia que pode ter unha rede como ContraMINAcción, especialmente nas etapas iniciais do proxecto, para dar a voz de alarma, informar aos afectados e transmitir os coñecementos acumulados desde o noso nacemento en 2013, con outras loitas das que tamén fomos partícipes, algunhas ganadas xa, como a de Corcoesto; outras en marcha desde aquela, como Triacastela, San Finx, Terra Cha, Santa Comba, Forcarei…

Neste senso, aproveitamos para dar de novo a voz de alarma en relación á Lei ambiental que está actualmente en tramitación, e que xa é coñecida como Lei de Prevaricación Ambiental. Pois entendemos que vai diluír os dereitos á información pública e participación en materia de medio ambiente recollidos en normas nacionais, estatais e comunitarias, así como en tratados internacionais, reducindo ao máximo os controis aos proxectos, non só mineiros, senón de todo tipo.

Parabéns a todas as persoas que contribuíron dun xeito ou outro a retirar a licenza social á Mina Touro-O Pino. O proxecto é ambientalmente insostible, pero a Declaración de Impacto Ambiental negativa vén da man da falta da licenza social. Sigamos unindo as nosas forzas, para loitar contra a depredación do noso territorio.

Hoxe, igual que onte (pero con moita ledicia), berramos a pleno pulmón: MINA NON!

A ONU chama a atención ao Estado español polo abandono das presas mineiras de San Finx

Esta semana o Estado español someteuse en Xenebra á súa terceira volta no Exame Periódico Universal (EPU), un mecanismo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que, desde 2005, examina periódicamente a situación dos dereitos humanos en todos os países do mundo. Entre estes dereitos, inclúense os dereitos ambientais.

Aínda que este ano a revisión do Estado español centrouse na situación en Cataluña, o relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos tamén recolleu os apelos a garantir “o respecto dos dereitos ambientais mediante a supervisión e a restauración adecuadas das instalacións que requiran atención urxente, en particular as presas de estériles mineiros abandonadas”.

O relatorio do Alto Comisionado referiu un informe dunha das entidades con estatuto consultivo especial ante a ONU que ilustrara esta situación co exemplo do caso das presas de residuos mineiros das Minas de San Finx, en Lousame, que están sendo obxecto dunha investigación ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, tamén dependente das Nacións Unidas.

O informe indica que no caso das presas mineiras de San Finx, que agora a Xunta pretende facer pasar por embalses hidroelétricos, “unha falla implicaría impactos ambientais e humanos significativos”, asinalando ademais como as autoridades autonómicas “obstruíron o acceso a información ambiental crítica”.

O relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos (A/HRC/WG.6/35/ESP/3) pode ser descargado da web da ONU en castelán, inglés, francés, ruso, chinés e árabe. A referencia ás presas de residuos mineiros áchase na páxina 3 (parágrafo 18).

ContraMINAcción rexeita a “Lei de prevaricación ambiental”

O goberno de Feijoo vén de anunciar o inicio dos trámites para aprobar a segunda parte da Lei de Depredación de Galicia, que denomina en neolingua, “Lei de avaliación ambiental de Galicia”.

Ao mais puro estilo Tahoces en materia de transparencia, a Xunta liquidou o trámite de consulta pública previa previsto no artigo 133 da lei de procedemento administrativo cun documento de 2 páxinas para explicar os problemas que se pretenden solucionar, a necesidade e obxectivos da norma e as solucións alternativas, a pesar de que esta consulta require que se poña a disposición da cidadanía os documentos necesarios, que serán claros e concisos e reúnan toda a información precisa para que se poida pronunciar sobre a materia.

Algúns dos elementos desta secuela de favores lexislativos a diversos lobbies, en particular ao mineiro, ao que renden pleitesía desde fai mais dunha década as consellerías todas e singularmente as de Medio Ambiente e Industria, pode adiviñarse traducindo a neolíngua usada na nota de prensa do Consello da Xunta:

  • Usar as competencias autonómicas para tratar de limitar e reinterpretar os requirimentos da lexislación europea e estatal en materia de avaliación de impacto ambiental.

  • Facer inefectiva e arbitraria a avaliación dos proxectos: preténdese que sexa o órgano sustantivo quen escolla en cada caso os órganos administrativos e as entidades ecoloxistas que os informen.

  • Acabar de vez con calquera reparo á hora de depredar en Rede Natura: “no canto de comezar un procedemento administrativo dun mínimo de cinco meses de duración, regularíase que sexa un informe da dirección xeral competente o que sinale se hai ou non esa posible afección. De concluirse a inexistencia de afección, non sería necesario tramitar un procedemento de avaliación ambiental.

O obxectivo global non parece outro que legalizar un modus operandi a través do cal a Xunta vén eximindo de trámite ambiental proxectos que en normal cumprimento da lei debían de o seguir. Obxectivo que non se oculta completamente, cando no apartado de posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias se indica que: A alternativa sería manter a actual regulación coa Lei 1/1995“. Isto é: cumprir a lei. Máis do que unha “lei de avaliación ambiental” parece que o que a Xunta pretende é unha “lei de prevaricación ambiental”.

ContraMINAcción denuncia o adoutrinamento do alumnado do CEIP de Arzúa con respecto á mina de Touro-O Pino.

Dende a Rede contra a minaría destrutiva na Galiza, ContraMINAcción, denunciamos a visita realizada por alumnos e alumnas do CEIP de Arzúa ás instalacións da mina de Touro e O Pino para adoutrinalos nas supostas bondades dunhas actividades extractivas que seguen a provocar a contaminación do sistema fluvial do Ulla por metais pesados e proxecta destruír aldeas enteiras e o medio de vida das familias labregas da zona.

CEIP de Arzúa

A visita do alumnado arzuán foi argallada pola ex-coordinadora do Partido Popular en Arzúa, Leyre Aldasoro, tal e como se relata no blogue Xuntas e xuntos medramos, onde dan as grazas “…a Leyre, a armadanzas desta actividade!!!!”.

E é que Aldasoro hoxe traballa como responsable de administración de Cobre San Rafael, filial de Atalaya Minning, a multinacional que pretende reabrir a mina de cobre de Touro – O Pino. E iso sen ter ningún tipo de formación ou experiencia relacionada coa actividade mineira.

Vimos de enviar unha carta ao claustro do colexio de Arzúa, para alertar do carácter publicitario da actividade realizada, así como da parcialidade e mesmo falsidade da información que por parte da empresa se achega ao alumnado.

Texto da carta enviada dende ContraMINAcción ao claustro do CEIP de Arzúa:

Somos o colectivo Contraminacción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza. Dirixímonos a vostedes con motivo da recente excursión que o CEIP Arzúa realizou con algúns dos seus alumnos á mina de Touro, logo de ver unha crónica da mesma no blog xuntasexuntosmedramos.blogspot.com.

Somos conscientes de que, durante a visita ás instalacións da antiga explotación, os encargados da mesma tratarían de amosarlle aos cativos o lado amable da súa actividade e os, según eles, múltiples beneficios da minería “moderna”. Seguramente tentaron convencelos de que o seu labor é moi positivo para a zona e que son a única esperanza para unha comarca en decadencia, como teñen dito que é a nosa. Por eso consideramos que é necesario coñecer a realidade da mina de Touro, a que Cobre San Rafael non lles amosa aos nenos, tanto a pegada que a anterior explotación deixou como o proxecto que actualmente está en tramitación na Xunta de Galicia.

A actividade de extracción de cobre cesou en Touro a finais dos anos oitenta, e desde entonces aínda estamos soportando os pasivos ambientais provocados pola mesma, máis aínda se cabe desde que chegara a actual concesionaria, cos ríos da contorna da mina mortos pola contaminación, os terreos da explotación sen restaurar e cun grave problema de constantes episodios de insoportables cheiros provintes da planta de tratamento de lodos cos que din que restauran os solos, pero que na realidade non son máis que un negocio moi lucrativo baseado no amoremento de residuos de todo tipo, presuntamente non todos dentro da legalidade.

Con todo, a empresa Cobre San Rafael, actual concesionaria, pretende extraer de novo cobre a ceo aberto, sobre un terreo aínda maior que o da vez anterior, a meirande parte do cal constitúe a base territorial de explotacións agrarias dos concellos de Touro e O Pino que, como saberán, supoñen o motor económico da comarca de Arzúa, xunto co Camiño de Santiago, que tamén se vería afectado pola actividade mineira ao seu paso polo concello do Pino, especialmente na etapa que comeza en Arca.

Se á comarca en xeral lle afecta este proxecto, á veciñanza da aldea de Arinteiro, en Loxo (Touro), a vida nas súas casas resultaríalles imposible de chegar a abrir a mina, pois Cobre San Rafael pretende deixar o lugar encaixonado entre unha entulleira de máis de 80 metros de altura, por un lado, e unha balsa de lodos con capacidade total de 69 millóns de toneladas e un muro perimetral de contención de 3 kilómetros de lonxitude e 55 metros de alto polo outro, a menos de 200 metros do núcleo de poboación. O risco de falla dos muros da balsa sería extremo e permanente, podendo chegar a causar unha catástrofe tres veces maior que a ocurrida en Brumadinho (Brasil) en xaneiro deste ano, onde morreron 250 persoas. Ademáis, se a presa de lodos chegase a rachar, en poucas horas todo o vertido contaminante tería chegado á Ría de Arousa, o que suporía un dano irreparable e irreversible para o sector produtivo do mar e para os 150000 habitantes dos 13 concellos que beben do río Ulla.

Por se esto fora pouco, tamén van deixar enterrados baixo as entulleiras e a balsa uns 20 mananciais e 5 depósitos de auga que dan servicio tanto á veciñanza como ás granxas da zona, ademáis de destruir máis de 340 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos vexetais.

Poderiámonos extender moito narrando as múltiples eivas do proxecto e as irresponsabilidades das últimas décadas tanto por parte das empresas situadas no terreos da antiga explotación como dos gobernos locais e autonómico, pero as mencionadas son suficientes para ter unha idea clara da situación que se vive na comarca actualmente, que agora se ve máis manchada aínda se cabe coa labor de enxeñería social que está a levar a cabo Cobre San Rafael con actos deste tipo, así como coa subvención de entidades deportivas ou a financiación de determinados eventos levados a cabo por colectivos da zona. É por eso que desde Contraminacción nos gustaría invitalos a facer unha reflexión profunda sobre as consecuencias que para a comunidade social poderían traer este tipo de actos promovidos pola mineira, sobre todo tendo en conta que se trata dun centro de ensino público e que os menores son un colectivo especialmente vulnerable.

Sen máis, despedímonos agardando que a comunidade escolar, así como as nais e pais dos alumnos e alumnas, entendan e compartan a preocupación polo perigo que suporía para a nosa contorna un proxecto destas características que, de chegar a executarse, deixaría unha herdanza envelenada para eses mesmos nenos que hai uns días visitaron a mina de Touro. Por ese motivo nos gustaría enviarlles un convite a reunirnos con vostedes para poder profundizar sobre todo este asunto, así como tamén lles propoñemos realizar cos cativos algunha das actividades que a Fundación Montescola e o Centro de Saberes para a Sustentabilidade están levando a cabo mediante o programa “A mina contamina”, unha iniciativa de sensibilización social sobre os conflictos e impactos ambientais e socioeconómicos asociados ao extractivismo mineiro. Poden atopar máis información no seguinte enderezo electrónico: https://www.saberes.eu/css/programas-gl/

Reciban un cordial saúdo.”