Arquivos da etiqueta: acaparamento

ContraMINAcción defende unha herdanza viva da terra e non cuberta de lodos tóxicos

Crónica dun día no IX Congreso do Sindicato Labrego Galego

Invitada polo Sindicato Labrego Galego SLG, ContraMINAcción asistiu ao IX Congreso para acompañar as loitas do sindicato e a elección da nova directiva, da que saíu elixida novamente Isabel Vilalba Seoane e o equipo completo que estará á fronte os próximos catro anos.

Nova Dirección Nacional do SLG web

Defensa da terra
Contra os acaparamentos de terras cada vez máis alarmantes do avance do gran capital se abren varios frontes en defensa da terra ao longo e ancho da xeografía galega. Isto sabémolo en ContraMINAcción, dende onde defendemos a terra fronte a proliferación de proxectos mineiros e extractivos; e tamén o saben no Sindicato Labrego Galego quen defende o uso da terra para a produción agrícola para alimentar as persoas dende a lóxica da soberanía alimentaria.

De feito, o Sindicato Labrego Galego é un dos 22 colectivos que integran a rede ContraMINAcción, formada en 2013 para denunciar os perigos da minaría en Galiza e activa dende entón en todo o territorio.

Durante o congreso celebrado o sábado 12 de marzo, diferentes representantes do SLG recordaron a situación dramática do agro, a consecuencia das políticas que favorecen a grandes empresas do agronegocio e a grandes propietarios terratenentes, ou tamén a minaría. Ao mesmo tempo, propician o abandono do rural co éxodo ás cidades e a outros países, polas perdas continuas de emprego e o peche obrigado de granxas, dez cada día.

A nova secretaria executiva pola creación de emprego e revitalización do rural
Isabel Vilalba explicou como tan só cinco grandes empresas controlan a distribución de alimentos para consumo humano e os pensos animais. Recordou a necesidade de defender as sementes como patrimonio básico. Sinalou as contradicións dos poderes públicos ao falar de cambio climático ao tempo que fomentan o transporte de alimentos dun lado a outro do mundo en detrimento do potencial de producir alimentos a nivel local, como o que ten Galiza, que queda desaproveitado polas malas políticas. “Evitar que a terra caia en mans das multinacionais” e que non temos que acabar producindo materia prima para as grandes multinacionais, senón alimentación sa, sen transxénicos, sen restos de pesticidas, foron mensaxes que quedaron claras das súas intervencións.

Diferentes sectores, un mesmo obxectivo
Pola súa parte, Adolfo Cabarcos explicou como os prezos das carnes están en xeral á baixa -até 2 euros menos na maioría delas- a pesares da existencia da indicación xeográfica protexida da tenreira galega. Incidiu tamén na ocupación salvaxe das terras agrícolas, especialmente pola implementación de monocultivo de eucalipto.

Belén Fervenza destacou a necesidade de que “a xente recupere os espazos dos que nos botaron, como as prazas de abastos, os mercados e as leiras, avogando por canles curtas de comercialización e a relocalización do consumo”, todo isto nun marco de xeración de confianza, empoderamento e soberanía alimentaria a pesares das graves fallas da política. Destacou a importancia de “recuperar colectivamente a capacidade de alimentar as galegas e galegos”.

E Lupe Prado centrou a súa intervención na invitación a facer un esforzo de “dentro para fóra, recuperando as organizacións para a xente e facendo políticas diferentes ás oficiais, asembleas abertas e gañando visibilidade, procurando unidade dos sectores”.

María Ferreiro Santos explicou o traballo das mulleres do SLG contra a violencia machista; en procura da titularidade compartida das granxas, que xeralmente están a nome dos homes, quedando a muller relegada ao papel de “axudante”; e as cotizacións da seguridade social, co obxectivo de igualar as pensións das mulleres as dos homes, que son entre un 33 e un 35% superiores.

Daniel Rodicio invitou a construír solidariedade e sinerxias en positivo, ao explicar que os de arriba “teñen medo a unha sociedade organizada”. Construír alianzas con cada sitio do mundo onde están a sofrer o mesmo ca nos, dende os EEUU ata Fisterra pasando pola Patagonia. Recordou que o futuro non pode ser nin o paro nin a precariedade, e avisou que se non facemos nada, en 50 anos Galiza vai perder un millón de habitantes. Como dato significativo non se cansou de repetir que só un 5% das explotacións agrarias de Galiza teñen un titular menor de 40 anos, un dato que reflicte o drama do envellecemento do rural.

O gran pacto necesario
Isabel Vilalba destacou tamén a importancia de colaboración entre colectivos e coa cidadanía en xeral, reivindicando como unha das claves para evitar que a terra caia en mans das multinacionais.

Por unha terra viva, sen contaminación, ContraMINAcción

De cara ao final do Congreso interveu Nela Abella en representación de ContraMINAcción para relatar os impactos do extractivismo no territorio, destacando a conivencia dos poderes públicos coas mineiras en detrimento da poboación. Exemplificou co caso de Cementos Cosmos, que lle vén facendo a vida imposible aos veciños de Triacastela que se opoñen ás súas actividades, cortándolles camiños de acceso e fontes, e poñendo denuncias arbitrarias. Reivindicou unha herdanza viva da terra, e non cuberta de lodos tóxicos. Recordou que noutras partes do mundo a loita ambiental vai acompañada de morte e represión, e en Galiza imos polo mesmo camiño.

Entre outras cuestións importantes, Miguel Blanco de COAG advertiu dos perigos dos tratados de libre comercio que a Unión Europea negocia a escondidas da cidadanía facilitando políticas antisociais e apostando por unha “agricultura sen agricultores”, recordando neste punto que só hai futuro si hai mulleres e homes traballando no campo.

Todo isto aconteceu no marco da defensa da “Terra, Prezos Dignos e Soberanía Alimentaria”, que foi o título que deu forma a xornada.

ContraMINAcción agradece ao SLG a invitación a unha xornada tan produtiva, colaborativa e solidaria.

———————————————

Ver tamén:

Sobre o IX Congreso
IX Congreso: aposta por un modelo agrario cuxa dimensión a marquen as persoas e non o lucro das grandes empresas

Sobre a nova directiva do SLG
Unha equipa humana renovada coordinará o traballo do Sindicato Labrego Galego os vindeiros catro anos

Sobre a convocatoria do congreso:
O SLG celebra este sábado o seu IX Congreso en Lugo baixo o lema “Terra, prezos dignos e soberanía alimentaria”

 

Sigue a ContraMINAcción nas Redes Sociais:
Facebook: facebook.com/contraminaccion/
Twitter: @mineriagalicia

Páxina web de ContraMINAcción