Arquivos da etiqueta: age

Encontros da nosa Rede con PP, BNG e AGE

A plataforma contraMINAcción continuou antonte, 29 de novembro, a súa rolda de contactos cos partidos políticos de maior representación na Galiza co obxectivo de trasladarlles unha táboa reivindicativa (achégase xunto a este comunicado) con 13 medidas para poñer a salvo o noso territorio da depredación destrutora e lucrativa da minaría salvaxe. Tras facelo a semana pasada co PsdG e CxG, desta vez as xuntanzas foron co Partido Popular (PP), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Nesta ocasión, representaron a ContraMINAcción Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo (Sindicato Labrego Galego), Paco García Trigo (Plataforma en defensa de Corcoesto), Marcos Celeiro (O Iribio), María Díaz (Plataforma Veciñal Corno do Monte) e Xoán Doldán (Véspera de Nada).

A primeira das xuntanzas tivo lugar no Parlamento de Galicia cos deputados do PP, Miguel Tellado e Aurelio Núñez, que escoitaron as propostas de ContraMINAcción e se comprometeron a trasladarllas ao seu grupo parlamentario e aos responsables no goberno da Xunta en áreas como Medio Ambiente ou Industria. En concreto, compartimos cos deputados populares a nosa fonda preocupación diante de accións políticas da Xunta encamiñadas a eliminar os obstáculos legais que existen para impedir que as empresas mineiras saqueen o noso territorio ao seu antollo: o borrador do Plan Sectorial de Actividades Extractivas ou a modificación que se quere levar a cabo da Lei do Solo apuntan nesa dirección, deixando indefensos o solo de especial protección agropecuaria, os espazos de interese natural ou os recursos hídricos, diante de actividades destrutoras e especulativas a curto prazo como a minaría.

A primeira das xuntanzas do venres foi co PP

A primeira das xuntanzas do venres foi co PP

Outro dos impactos denunciados ten que ver coa inexistencia de leis que obriguen ás empresas mineiras a reparar toda a desfeita que deixan tras súa. Tristemente, na Galiza xa temos sufrido en demasiadas ocasións actividades mineiras que, ao rematar, deixan grandes áreas erosionadas nas que desapareceu o solo; fontes, mananciais e ríos extinguidos; perda de postos de traballo e desaparición de actividades económicas ligadas ao territorio agredido; ou balsas de lodos tóxicos e contaminación permanente da terra e da auga. Trátase de danos irreparables ou cuxa rexeneración esixe un altísimo custe que sempre acaba pagando a cidadanía. Precisamente, os 13 puntos da táboa reivindicativa de ContraMINAcción abordan todas as problemáticas devanditas.

No encontro co Bloque Nacionalista Galego (BNG) -representado por Xavier Vence, Ana Pontón e Saleta Chao- analizouse a proposta que presentaron no Parlamento de Galicia, esta mesma semana, para prohibir o uso de cianuro en explotacións mineiras, e que foi rexeitada pola maioría do PP.

Pola súa banda, representaron a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE): Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez García e Manuel Santos. Con eles, coincidimos na preocupación pola perda de superficie agraria útil que está a sufrir Galiza por mor do acaparamento de terras a mans de empresas que operan a curto prazo e que, como as mineiras, non teñen nada que ver nin co medio rural, nin coa produción de alimentos, deixando o territorio que explotan desfeito e inservible para calquera outro uso. Neste senso, analizáronse datos como o feito de que Galiza estea a gastar cada ano máis de 900 millóns de euros en importar alimentos, mentres o meirande das súas explotacións agrogandeiras teñen serios problemas para acceder a máis base territorial para poder producir.

Encontro cos representantes de AGE

Momento do encontro cos representantes de AGE

Tanto BNG como AGE, do mesmo xeito que a semana pasada CxG, comprometéronse a defender a táboa reivindicativa presentada por ContraMINAcción e a difundila entre a cidadanía. Trátase de xuntar os esforzos dos colectivos sociais e dos partidos políticos de cara a que a xente estea informada e saiba até onde pode chegar o impacto da minaría salvaxe e como pode afectar e causar danos irreversibles ao seu medio de vida e ao lugar onde habita.

Dende ContraMINAcción agardamos que esta información sexa do voso interese, e pedímosvos que lle deades a máxima difusión posible nos medios de comunicación cos que traballades.

Estamos todos e todas no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.