Arquivos da etiqueta: América Latina

OCMAL manifesta a súa preocupación pola criminalización da protesta fronte o modelo extractivista

No Día Internacional dos DDHH, OCMAL manifesta a súa preocupación pola criminalización da protesta fronte o modelo extractivista.

OCMALlogowebCon motivo do día Internacional dos Dereitos Humanos, o Observatorio de Conflitos Mineiros de América Latina-OCMAL, manifestou a súa preocupación polo actual escenario de desprotección e criminalización que deben enfrontar as persoas que defenden os dereitos humanos e a natureza fronte o modelo extractivista.

Vemos que de forma sistemática se exercen diversas prácticas de amedrentamento e persecución, como estratexias concertadas para debilitar a resistencia das comunidades: exacerbación da violencia (feridas graves e morte); ameazas e acosos; xudicialización contra líderes ou lideresas de comunidades e activistas na defensa da natureza.

Diante deste escenario, OCMAL pon a disposición pública os materiais que veu traballando nos últimos tempos sobre temas de criminalización, para libre uso e difusión, e que sirvan como ferramentas para a protección e o autocoidado das comunidades:

Mapa de Criminalización por oposición á actividade mineira

Instrucións de uso do Mapa de Conflictos e Mapa de Criminalización de OCMAL

Documentos sobre Dereitos Humanos e Criminalización da Protesta Social

Guía sobre mecanismos gubernamentais e non gubernamentais de protección de Dereitos Humanos para persoas e agrupacións que se enfrontan con proxectos extractivos nas súas terras

Libro “Cuando tiemblan los derechos”

 

Solidariedade para Galiza no seu rexeitamento á megaminaría

Ao coñecer a alarma acendida na comunidade galega polos proxectos mineiros que ameazan o territorio desa comunidade, e a manifestación que se celebrou o domingo 2 de xuño pola plataforma ContraMINAcción de afectados por minería en Galicia, moitas comunidades afectadas pola minería noutras partes do mundo enviaron desde ultramar a súa solidariedade e apoio incondicional.

noalamina

 

Desde Ecuador, Klever Rúa, membro da Comunidade Ecoloxista Quizha-Quizha na cidade de Cuenca, ao sur do Ecuador di “se recibimos a miúdo a solidariedade desde esas terras, non podemos quedar indiferentes agora. Máis aló das identidades, somos irmás e irmáns no soño doutro mundo posible”, e Chela Rúa únese a esta solidariedade co envío de “un abrazo solidario e cheo de forza. Sabemos que a súa loita e aposta pola vida tamén é nosa, porque somos fillas e fillos desta gran Pachamamita (nai terra) e defenderémola onde esteamos”. A comunidade forma parte da Asemblea dos Pobos do Sur en Defensa da Natureza. Saben moi ben de que se fala en Galicia cando se defende a terra en contra da megaminaría. No seu país, os campesiños que defenden a auga e a vida enfrontan procesos xudiciais tras ser inxustamente criminalizados pola empresa mineira e o goberno ecuatoriano.

Tamén desde a provincia de Imbabura, Ecuador, adhírese Defensa e Conservación Ecolóxica de Intag “á loita que lideran en Galicia contra a estupidez e o curtopracismo dos gobernos e empresas mineiras”. É esta unha zona en resistencia á gran minería de cobre desde 1995, na que a firme oposición da poboación da zona á entrada das empresas mineiras mantén aínda afastadas ás transnacionais e así tamén intactos os bosques húmidos de alta biodiversidade.

O Observatorio de Conflitos Mineiros en América Latina OCMAL é incansable na denuncia dos impactos ambientais e sociais da minería de México á Patagonia. Desde OCMAL fálase de esgotamento e contaminación da auga, destrución de ecosistemas, efectos nocivos na saúde das persoas, desprazamentos forzados, destrución de chans, contaminación do aire, cooptación de dirixentes, división de comunidades, militarización das zonas mineiras, criminalización de oposición á minería, delincuencia, drogadicción, alcoholismo, prostitución, o impago de impostos e regalías, debilitamento dos sistemas democráticos, entre outros moitos. OCMAL está composto por corenta organizacións afectadas directamente pola minería e nesta ocasión estenden a súa solidariedade unánime até Galicia ao adherirse ás protestas.

Desde Arxentina, a Asemblea Buenos Aires No a la Mina acompaña a mobilización desde a distancia lembrando que “a auga e a vida non se negocian”. Ao mesmo tempo, desde Jalisco en México a Asociación de Apoio aos Grupos Indíxenas AJAGI A.C. que traballa xunto ao Pobo Huichol na defensa do seu territorio sacro de Wirikuta da invasión das empresas mineiras canadenses, declaran que se unen “á solidariedade coa loita dos irmáns de Galicia en contra da megaminaria que se pretende facer nas súas fermosas terras” e que “xuntos podemos máis, ánimo e moito espírito”.

Outras organizacións como o Observatorio Latinoamericano de Conflitos Ambientais OLCA, CooperAcción, a Organización Cidadá Ambiental de Salamanca OCAS de Choapa en Chile Acción Ecolóxica e expertos con longa traxectoria na resistencia a proxectos mineiros como Ulises García de Perú ou William Sacher de Canadá solidarizáronse da mesma maneira, e suxerido pola súa banda a realización de intercambios de experiencias e estratexias.

Guadalupe Rodríguez, da organización internacional Salva a Selva, declara que “a experiencia de anos de seguimento de procesos de resistencia á minería en todo o mundo fainos chegar á conclusión de que resistir dá froitos. Se queren salvarse da destrución mineira, os pobos de Europa poden ollarse en experiencias previas que se lles están ofrecendo desde ultramar, como as consultas comunitarias, lexislacións innovadoras en protección da natureza, principios como o do bo vivir ou sumak kawsay, ou xuízos internacionais ás empresas transnacionais. E dentro das súas fronteiras deben sen dúbida estudar detidamente a Estratexia de Materias Primas da Unión Europea, política comunitaria que en última instancia é un dos factores determinantes que catapulta esta fame de metais e minerais non enerxéticos”, conclúe.

ContraMINAcción convoca unha grande manifestación o 2 de xuño para frear a minaría salvaxe promovida pola Xunta

Representantes de varias das organizacións que integran o colectivo ContraMINAcción ofreceron unha rolda de prensa hoxe, 16 de maio, para anunciar unha grande manifestación en Compostela para o vindeiro 2 de xuño, que partirá ás 12:00 horas da Alameda. Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas dunhas poucas empresas.

Rolda de prensa de ContraMINAcción - convocatoria manifestación para o 2 de xuño de 2013

O primeiro en falar foi Xoán Doldán, profesor da USC e presidente da Asociación de Economía Ecolóxica de España, que participou como representante de Véspera de Nada. Doldán advertiu que os proxectos que ContraMINAcción denuncia non afectan só a algunhas parroquias e comarcas, senón que supoñen “un desembarco masivo de empresas transnacionais mineiras, co apoio activo do Goberno Galego, para transformar radicalmente o noso territorio e convertelo nunha mina a ceo aberto”. Tamén advertiu o profesor da USC que se está a promover unha “economía da miseria”, xogándose coa situación crítica pola que atravesan moitas familias ao prometer postos de traballo “que non van existir porque a minaría ten avanzado moito na utilización de maquinaria e na redución de man de obra humana. E iso sen falar da destrución de emprego que provocará en moitos sectores económicos asentados e incompatibles coa explotación mineira da terra. Coa economía da miseria se quere dividir ás comunidades e iso deixará unha herdanza terrible cando as empresas marchen, amais dunha perda patrimonial irreparable”.

Cartaz manifestación Galiza non é unha mina. 2 de xuño de 2013. Santiago de CompostelaIñaki Varela, da organización ecoloxista Verdegaia, denunciou que, tanto a Xunta como o Goberno do Estado, introduciron cambios lexislativos nos últimos tempos dirixidos a quitar todo tipo de traba á explotación da terra como fornecedora de recursos para empresas privadas: a Lei do Solo ou a de Costas, o plano acuícola, a construción de parques eólicos, ou as Directrices de Ordenación do Territorio estarían nesta liña. E este tipo de explotación só é posible “matando primeiro ao medio rural e botando á xente que o habita para que a Xunta poida cederllo ás grandes empresas extractivas”.

Na mesma liña abondou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que comparou este modelo “depredador do noso medio rural e do noso futuro” coa explotación colonial que sufriron no pasado América Latina e África. Vilalba denunciou que Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta “é esclarecedor, pois permite a instalación de proxectos extractivos e contaminantes en todo o territorio galego —un total de 520 licencias a maiores das que xa están activas—, e autoriza a explotación mineira en espazos até o de agora protexidos polo seu valor ecolóxico ou agrario. Mesmo se fala de dotar de lexitimidade actividades extractivas que non cumpren sequera a lexislación”. A secretaria xeral do SLG criticou a desinformación e as trabas que teñen as persoas afectadas para alegar contra estes proxectos, e chegou a afirmar que “están secuestrando os nosos dereitos democráticos”.

Finalmente, falaron representantes de colectivos que se opoñen aos proxectos mineiros de extracción de feldespato na Limia e de ouro en Corcoesto. Respecto do primeiro, Iván Olmos, da Plataforma Veciñal Corno do Monte, comparou os dez postos de traballo que ofrece a empresa levantina Minecer fronte aos 350 empregos que destruiría a súa actividade na comarca limiá. “Seica representamos só o 0’08% da poboación galega, pero a nosa actividade económica produce 27 millóns de euros ao ano fronte aos 3 millóns que xeraría a extracción de feldespato ao ano no mellor dos casos”.

Pola Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños falou Roi Veres, que chamou a atención sobre a división e enfrontamento veciñal que está a provocar este proxecto. Veres denunciou as ameazas e mentiras que están a padecer os propietarios das terras afectadas por parte da empresa, que pretende mercar os terreos a prezo de saldo. Lola Torrano, de Contramínate Laxe, afondou sobre o impacto medioambiental que tería este proxecto, que supón unha seria ameaza para os recursos pesqueiros, percebeiros e marisqueiros, do mesmo xeito que para os acuíferos, o medio ambiente e a saúde das persoas que viven no entorno.

Rolda de prensa de ContraMINAcción - convocatoria manifestación para o 2 de xuño de 2013

Finalmente, Isabel Vilaba recordou que se xa son preocupantes e graves as ameazas de Corcoesto e A Limia, cómpre non esquecer que están en trámite licenzas mineiras en todo o territorio galego e en espazos protexidos como A Fonsagrada, Santa Comba, Zas, a Serra do Galiñeiro, Ordes, a Terra Chá, Cartelle, Castrelo de Miño, Compostela ou as Fragas do Eume.

Por todo o devandito, dende ContraMINAcción insistiron en animar a toda a cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do 2 de xuño para facer entrar en razón á Xunta de Galicia e deter o espolio do noso territorio que está a piques de ser perpetrado por unhas poucas empresas, o meirande delas estranxeiras.

ACTUALIZACIÓN 22/05/2013

Publicamos o cartaz definitivo que será utilizado para difundir nas rúas a manifestación. Descárgao a cor ou branco e negro, imprime e cólao nos lugares onde poida velo máis xente. Grazas!
[wpdm_file id=2]
[wpdm_file id=3]

ACTUALIZACIÓN 25/05/2013

GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcciónPublicamos un banner de 250×350 pixels para usarmos nas columnas dos nosos blogs e así espallar na Rede a convocatoria. Para poñelo no teu blog só tes que copiar o seguinte código:

<a href="http://www.mineriagalicia.org/2013/05/16/contraminaccion-convoca-unha-grande-manifestacion-o-2-de-xuno-para-frear-a-minaria-salvaxe-promovida-pola-xunta/" title="Infórmate sobre a convocatoria contra a megaminaría, difunde e acude!"><img src="http://www.mineriagalicia.org/wp-content/uploads/2013/05/banner-manifestacion-20130602-contraMINAccion-Galiza-non-e-unha-mina-250x350.png" alt="GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcción" </a>

Se o largo da túa columna é menor de 250 pixels, terás que especificar un largo mediante o parámetro WIDTH. P.ex.:

<a href="http://www.mineriagalicia.org/2013/05/16/contraminaccion-convoca-unha-grande-manifestacion-o-2-de-xuno-para-frear-a-minaria-salvaxe-promovida-pola-xunta/" title="Infórmate sobre a convocatoria contra a megaminaría, difunde e acude!"><img src="http://www.mineriagalicia.org/wp-content/uploads/2013/05/banner-manifestacion-20130602-contraMINAccion-Galiza-non-e-unha-mina-250x350.png" alt="GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcción" WIDTH="200"></a>