O buque insignia de Ecoloxistas en Acción “Deusa Maat” atracou na tarde do sábado, 23 de xuño, no porto de Ribeira para coordinarse coas distintas organizacións que loitan contra a posible instalación dun proxecto mineiro en Touro-O Pino que podería afectar moi gravemente á Ría de Arousa e ao xeito de vida sustentábel de miles de familias que dependen da calidade das augas desta ría para o seu sustento.
As persoas activistas do veleiro Deusa Maat, da asociación ambiental Ecoloxistas en Acción, van coordinarse, ao longo desta semana, con distintas organizacións galegas que loitan contra a minaría contaminante, para abordar estratexias conxuntas de cara a poñer fin a estes perigosos proxectos. O caso da mina de Touro forma parte dun fenómeno maior que se está a dar en diversos puntos de España, como son as balsas de Ríotinto ou a mina de Santander.
Nos vindeiros días, proxectan asistir ao pleno convocado polo Concello do Pino (mércores 27 de xuño), onde a oposición municipal presentará unha moción contra a mina, así como varias preguntas relacionadas coas últimas denuncias realizadas contra a explotación. Neste pleno, a veciñanza pediu tamén unha intervención para solicitar do concello o rexeitamento da mina. Durante a xornada, as persoas que representan a Ecoloxistas en Acción darán unha rolda de prensa e aproveitarán para visitar Touro e as súas veciñas e veciños. Durante o encontro con persoas da Plataforma Mina Touro O Pino Non, compartirán experiencias na loita contra Atalaya Mining onde o compañeiro Isidoro Albarreal, de Ecoloxistas en Acción de Sevilla, e outras destacadas activistas, farán unha exposición da traxectoria e situación da loita pola paralización da mina de Ríotinto, explotada pola mesma compañía mineira.
O xoves, 28 de xuño, Ecoloxistas en Acción invitará aos medios de comunicación a unha visita a bordo e, se as condicións meteorolóxicas o permiten, farán unha saída pola Ría de Arousa. Pola tarde, haberá unha mesa de traballo en Ribeira entre Ecoloxistas en Acción e distintas organizacións galegas de contraMINAcción que traballan contra a minaría contaminante. Aquí, explicarase a situación das diferentes loitas en Ríotinto e Touro-O Pino, e compartiranse experiencias e estratexias.
Durante esta semana, Ecoloxistas en Acción invitará ao público en Ribeira a participar na súa campaña contra a sobrepesca coa actividade “Coma peixe na auga” e outras dinámicas. O obradoiro consiste na recollida de fotos de persoas con carautas de peixes a xeito de recollida de sinaturas para facer unha montaxe final e enviala a Bruxelas como medida de presión social para demandar mellores leis para combater a sobrepesca.