Arquivos da etiqueta: Bocixa

A nosa campaña contra a mina de Touro-O Pino faise internacional

Desde ContraMINAcción estendemos a campaña contra a mina de Touro e O Pino a distintas cidades galegas, como Vigo e Ourense. Tamén cruzamos o océano con ela, levándoa a Bos Aires.

Desde a plataforma contraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva de Galiza que agrupa 24 colectivos e plataformas, estamos a desenvolver un intenso traballo dende hai anos para informar á cidadanía do enorme impacto social e medioambiental que ten a minaría destrutiva en diversos puntos da xeografía galega. Nese traballo continuado no tempo enmárcase a nosa actual campaña contra o proxecto San Rafael de extracción de cobre que pretende levar a cabo Atalaya Mining (Riotinto) nos municipios coruñeses de Touro e O Pino.

En ContraMINAcción estamos traballando no tema desde que se puxo a exposición pública o proxecto, divulgando as características do mesmo e os riscos que del se derivan. Agora estamos a organizar actos nos que se proxecta o documental producido por Nós TV e dirixido por Xosé Antón Bocixa “A ameaza do cobre”, e nos que persoas e colectivos afectados comparten a súa testemuña cos e coas asistentes. Desta maneira, ContraMINAcción organizou xa proxeccións e palestras en Lugo e Muimenta (Lugo) e, para a semana que vén, o xoves 24 de maio, fará outro tanto en Ribeira, Vigo e Ourense, co apoio nesta última cidade de Cine Clube Padre Feijóo e Sustinea. A maiores, estanse a preparar proxeccións e palestras en Arzúa, Melide e mesmo en Bos Aires (Arxentina)

Unha das primeiras charlas de ContraMINAcción en Touro, antes da constitución da Plataforma

Con esta campaña, desde a rede contraMINAcción queremos dar continuidade ao noso compromiso de informar á cidadanía e poñer tódolos medios ao noso alcance para deter este proxecto mineiro que ameaza con arrasar unha rica e extensa zona gandeira. Así o fixemos con varias charlas informativas, en setembro de 2017, para dar a coñecer á veciñanza as consecuencias do proxecto mineiro; ou elaborando as alegacións e poñéndoas a disposición dos veciños e veciñas para que puidesen presentalas contra o proxecto mineiro en outubro dese mesmo ano.