Arquivos da etiqueta: Comisión de Peticións

As peticións sobre a mina de Touro seguirán abertas no Parlamento Europeo

A xornada da delegación de representantes das asociacións contrarias á mina de Touro comezaba esta mañá coa reunión con Tatjana Zdanoka, vicepresidenta da Comisión de Peticións e con representantes dos distintos grupos políticos con representación na Eurocámara, onde estes escoitaron as reivindicacións do colectivo e mostraron a súa preocupación pola situación actual da minería en Galicia.

Pola tarde tocaba a quenda para a defensa das tres peticións sobre a mina de Touro, presentadas polas asociacións galegas Cova Crea, Petón do Lobo e Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON. Aínda que cada representante dispuxo de 5 minutos para expoñer a súa petición, o debate posterior levou a cabo de forma conxunta, unificando as peticións coma se fose unha, dada a conexión entre as tres.

O primeiro peticionario en intervir foi Luís Gallardo, veciño de Touro, quen solicitaba á Comisión de Peticións “que tome en serio a falta sistemática de cumprimento da lexislación da Unión Europea nas operacións mineiras galegas, e antes de que sexa demasiado tarde”, do mesmo xeito que explicaba que “desde que se presentou un novo proxecto para reabrir a mina en 2017, as autoridades estivéronse burlando de nós, xogando ao gato e ao rato. Retense a información ambiental, ignórase a Convención de Aarhus, restrínxese a participación pública e impóñense multas e sancións ridículas só despois de nosas continuas denuncias pola contaminación. Dinnos que vaiamos aos tribunais. E imos. O fiscal iniciou varias investigacións penais pero o sistema non funciona. Os xuíces e fiscais carecen dos recursos para levar a cabo investigacións penais longas e complexas relacionadas co medio ambiente, en particular cando abordan ducias de casos coñecidos e implicacións sistémicas. A administración é moi consciente disto e esa é a razón principal para manter a información ambiental crucial lonxe do público. […] Eles chámano ‘operación de baixo custo’ e ‘administracións amigas’, nós chamámolo morte, destrución, impunidade, inferno”.

O foco sobre a afección da mina de Touro á calidade das augas poñíao a segunda peticionaria, María del Pilar Sampedro, mariscadora da Ría de Arousa, quen destacou o papel da frota pesqueira na economía galega e como a actividade mineira descontrolada en Galicia mata lentamente “o noso modo de vida, o noso futuro e o dos nosos fillos e fillas. Se a actividade mineira reactívase o ritmo avanzará e as consecuencias non tardarán en producirse: peche de zonas de produción, desemprego e emigración”. Sobre o papel da Administración galega, Pilar tamén lembraba que “desde o Goberno denegóusenos durante máis dun ano o acceso a documentación esencial, imposibilitando a participación pública informada. […] Nosa administración ten claro a quen se debe e a quen serve, e non é nin aos sectores produtivos do mar e do campo nin ao cumprimento das normas da Unión Europea.”

Por último, Iria Méndez, unha moza veciña de Arinteiro, a “zona cero” da mina de Touro, expuxo a situación na que o novo proxecto de extracción de cobre promovido por Cobre San Rafael, deixaría tanto á súa familia como a todos os seus veciños: “Queren resucitar unha mina que implicaría construír a 200 metros da miña casa, si, a 200 metros,… unha balsa de residuos mineiros de 90 metros de alto e 3 quilómetros de lonxitude, con maior capacidade que a que fallou en Brumadinho, en Brasil, matando por centos de persoas. Cando esa presa teña unha falla crítica eu, os meus pais, a miña familia, os meus veciños e amigos, morreremos en segundos. En segundos… Enténdeno?[…] No proxecto nós somos apenas o factor ‘perda de máis de 50 vidas humanas’ baixo o epígrafe que indica que o risco de rotura da presa é ‘extremo’. Morreremos… Pero o certo é que xa nos mataron moito antes, pois para construír esa presa de morte expropiarían antes todas as terras agrarias que serven de base á nosa explotación”.

Os tres relatores coincidían na necesidade de que a Comisión de Peticións manteña abertas as peticións e que, ademais, inicien unha misión de investigación na que poidan ver por si mesmos a situación en Touro, así como noutras zonas mineiras de Galicia como son San Finx, Monte Neme ou Santa Comba.

Unha vez concluído o tempo dos peticionarios, tiña a quenda de palabra Daniel Fernández Gómez, representante da Comisión Europea, quen argumentou que “é responsabilidade dos estados membros prover os medios e recursos para que os cidadáns poidan esixir o cumprimento da normativa” ambiental e de tratamento de residuos extractivos, do mesmo xeito que “non hai indicio de infracción” na tramitación do proxecto presentado por Cobre San Rafael. Estas palabras sorprenderon á Vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, que lle lembrou que a Comisión Europea é a gardiá dos Tratados e que esta e os estados membros teñen o deber de intercambiar información, polo que a Comisión está a ter unha actitude pasiva neste caso. Pola súa banda, a Vicepresidenta pediu enviar unha delegación a Touro para coñecer de primeira man a situación.

Excepto o representante do Grupo do Partido Popular Europeo, Francisco Millán Mon, os demais membros da Comisión de Peticións mantiveron unha postura favorable a que as peticións permanezan abertas á espera de nova información por parte da Xunta de Galicia. Magrete Auken, do Grupo da Verdes/Alianza Libre Europea, apelando ao principio de precaución, solicitou ademais trasladar a petición tamén á Comisión de Pesca e á Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, dado o grave impacto que a minería en Galicia supón para estes sectores produtivos estratéxicos na nosa economía.

Pola súa banda, Millán Mon tachou as tres peticións presentadas de “superfluas, prematuras e infundadas”, mostrando máis preocupación pola imaxe da minería galega que polo dano que a mesma causou e pretende seguir causando na nosa Comunidade Autónoma.

Finalmente, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, concluía coa resolución de proposta da Comisión de manter abertas as peticións e remitindo a decisión sobre a petición de visita a Galicia á reunión de coordinación, quen ten a competencia.

Posteriormente á intervención na comisión parlamentaria, tanto os peticionarios como os demais representantes dos colectivos que se trasladaron ata Bruxelas, comparecían diante dos medios de comunicación con Ana Miranda para facer unha valoración sobre o resultado da xornada no Parlamento Europeo. A representante do Bloque Nacionalista Galego en Europa sinalaba que “agora esta comisión parlamentaria ten que dirixirse á Comisión Europea para que lle pida, á súa vez, ao goberno galego, toda a información, que é o goberno competente, neste caso da minería, pero tamén ao goberno español, para que implemente as tres directivas europeas sinaladas. Imos ter uns meses para que o goberno galego leve a cabo un envío de información rigorosa”.

Mentres isto ocorría en Bruxelas, desde Huelva Atalaia Mining anunciaba os seus novos obxectivos de expansión a Chile e Perú. Significa isto, talvez, que están a pensar en desistir do seu proxecto de Touro? Ou ten que ver, talvez, coa sentenza xudicial firme que anulaba a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Riotinto en Huelva?

Destápanse as falsidades da Xunta sobre “San Finx” no Parlamento Europeo

  • É como se dixesen que Chernobil era un cuberto para afumar chourizos”

  • O ex-ministro Zoido quedou só defendendo a xestión do PP ante as críticas de todos os grupos.

  • En 2020 despregaráse unha misión parlamentaria de investigación para avaliar o problema in situ.

A menos de 24 horas de que o Parlamento Europeo abordase por segunda vez en comisión as denuncias por vulneración de normas europeas en “San Finx” e outras minas galegas, a Xunta decidiu enviar un informe sobre a explotación mineira de Lousame que lle fora requerido polo Parlamento facía máis dun ano. As críticas por esta actitude de desprezo pola institución foron expresadas por todos os grupos, coa excepción do PP representado polo ex-ministro e agora eurodeputado Juan Ignacio Zoido que apoiou incondicionalmente a Xunta.

Pero se xa o envío de última hora colocou en alerta aos distintos grupos políticos, o contido do informe foi tildado como “unha auténtica burla” polo representante da entidade peticionaria, a Asociación Petón do Lobo, integrante de ContraMINAcción, mentres que a vice-presidenta da Comisión de Peticións e eurodeputada socialista Cristina Maestre afirmou que “non hai por onde collé-lo”. E é que no informe a Dirección Xeral de Minas non só di que a avaliación de impacto ambiental establecida como condicionante para a aprobación dos proxectos nunha resolución firme de 2008 non era necesaria, se non que chega a afirmar que as presas de colas mineiras de San Finx non eran tales e que “probablemente foron construidas con propósito hidroeléctrico”.

Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

Precisamente as tentativas do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces de desfacerse das responsabilidades sobre as presas de residuos mineiros tentando cargarlle o problema a Augas de Galicia precipitaron a súa imputación en abril deste ano. Para ContraMINAcción, que en xuño acompañou nunha inspección das presas ao hidrólogo Steven H. Emerman, “o novo informe non é só unha tomadura de pelo ao Parlamento Europeo e á Comisión, máis unha fuxida para adiante á desesperada. O máis grave é que estamos ante unhas infraestructuras en estado de abandono e con signos claros de licuefacción interna que, tarde ou cedo, implicarán unha falla crítica con enorme impacto ambiental augas abaixo e en toda a ría de Muros e Noia”.

As presas que agora a Xunta di seren para uso hidroeléctrico están perfectamente documentadas como presas de residuos mineiros nos plans anuais de labores da explotación dentre 1983 e 2000, ano no que misteriosamente se deixaron de presentar. Tamén constan como tales nun inventario de balsas e escombreiras de residuos mineiros encargado pola Xunta en 1999, despois do desastre ecolóxico de Aznalcóllar. Non obstante, a Xunta fixo desaparecer as presas no proxecto mineiro e plan de restauración que aprobou en 2009 e que ocultou a todos os organismos sectoriais, incluído o ambiental. Na súa réplica a Zoido, o noso compañeiro Joám Evans, en calidade de representante do peticionario, comparou o afirmado pola Xunta con que un Estado dixera ao Parlamento “que Chernobil era un cuberto para afumar chourizos”.

Este negacionismo e a pretensión da Xunta de que unha mina iniciada em 1883 poidese operar em pleno século XXI exactamente igual que fai 100 anos, valeulle as duras críticas das deputadas dos Verdes, EFA, Renew Europe e Socialistas e Demócratas, que pediron abertamente que se establecese unha misión de investigación conformada por representantes de todos os grupos parlamentarios para comprobar a situación sobre o terreno e as denuncias de vulneración sistemática de distintas directivas, incluínda as de calidade das augas, avaliación ambiental, participación pública e control da contaminación por parte das industrias extractivas.

A misión de investigación realizarase con toda probabilidade en 2020 de forma independente aos outros procedementos de investigación en curso sobre a situación en San Finx, incluíndo as próprias dilixencias penais contra os altos responsábeis da Xunta e empresas mineiras e o procedemento aberto na Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus nas Nacións Unidas. Desde ContraMINAcción confiamos en que “a atención e ridículo internacional faga con que a Xunta recapacite e asuma as súas responsabilidade de control e supervisión para que as presas mineiras de San Finx e a contaminación asociaciada á mina deixe de ser unha ameaza para a ría e as persoas”.

Vídeo da intervención de Joám Evans ante a Comisión de Peticións.

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo tramita varias peticións sobre a mina de Touro

  • Notable incremento das peticións da cidadanía galega ante o Parlamento Europeo e numerosas adhesións individuais ás xa presentadas, a consecuencia do rexeitamento social ao proxecto extractivo de Touro –O Pino.

  • A Comisión de Peticións está a tramitar a máis recente delas, a petición nº 0386/2018, presentada pola Plataforma veciñal MINA TOURO O PINO NON.

  • O Parlamento europeo tramita outras dúas peticións, a nº 1194/2017 e a nº 0174/2018, presentadas por outras entidades ambientalistas galegas.

A Plataforma veciñal de Touro –O Pino Non, pide que se restaure o emprazamento da antiga mina ao descuberto de Touro que estivo activa entre 1973 e 1986. A necesidade da resturación xustifícase polos seus efectos adversos sobre o medio ambiente, en particular a posible contaminación das augas do río Ulla e a ría de Arousa e tamén da potencial afección do proxecto extractivo a zonas da rede Natura 2000 no Pino.

As outras peticións fan fincapé nas características da empresa promotora, nos impactos do proxecto e na falla de información. Así Cobre San Rafael S. L, creada hai dous anos, isto é, o 13/06/2016, filial da empresa matriz Atalaia Mining, pretende extraer cobre dunha mina situada no municipio de Touro, na Coruña, que ocuparía 689 hectáreas, das cales 492 son hoxe en día masa forestal e terreo agrario.

Entre os problemas específicos que plantexan as peticións están os impactos do proxecto extractivo na base territorial das explotacións agrarias beneficiarias da PAC, a desaparición de ata 20 mananciais de auga e as reservas que abastecen polo menos a un cento de vivendas e explotacións gandeiras. Tamén preocupa moito a afección a outros mananciais próximos ás zonas previstas para depósitos de estériles e sobre todo ao río Ulla, espazo natural de Rede Natura, e que na súa desembocadura, na ría de Arousa, xera miles de postos de traballos no sector marisqueiro e acuícola.

As peticións tamén recollen o malestar e a alarma social xerada pola creación na zona de balsas de estériles con diques de 2.806 e 3.187 metros de lonxitude e alturas de ata 81 metros, que se encapsularían ao final da súa vida útil a escasos metros de poboacións habitadas. No caso de fallar estes diques, o estudo de impacto ambiental recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perdas de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas. A preocupación social esténdese aos dous depósitos de residuos estériles e catro vertedoiros, que ocuparán en total case 300 hectáreas próximas ás vivendas. Ademais o depósito de estériles entre Arinteiro e Vieiro podería converterse, a falta de datos do proxecto, nunha enorme balsa de lodos de ata 50 millóns de metros cúbicos de residuos estériles de mina, con risco para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas en caso de rotura. Neste tipo de balsas existe o risco de rotura dos diques de contención con consecuencias potencialmente moi graves con incalculabeis perdas económicas e a deterioración dos ecosistemas.

Desde que se coñeceu o contido do proxecto de Cobre San Rafael, entre os veciños e veciñas destos concellos e outras organización medioambientais presentaron máis de 1500 alegacións ó proxecto no período de exposición pública que rematou no mes de outubro de 2017. Nestes doce meses de contestación social, máis de 150 asociacións de toda índole, 43 concellos, as diputacións provinciais de A Coruña e Pontevedra, partidos políticos e sindicatos manifestaronse oficialmente en contra dun proxecto devastador. O pasado 25 de febreiro máis de 2500 persoas recorreron as rúas de Touro para pedir o rexeitamento da mina (a poboación do municipio é de 3700 habitantes), e o 10 de xuño deste ano tivo lugar unha masiva manifestación en Santiago de Compostela, donde a Praza do Obradoiro quedou pequena para acoller as máis de 40.000 persoas que acudiron para protestar contra este proxecto. Foi unha manifestación histórica en Galicia, comparable solo coa movilización polo desastre do Prestige. Asimismo, entregáronse ó Presidente da Xunta de Galicia máis de 26.000 sinaturas en papel contra o proxecto e permanece aberta unha campaña na plataforma dixital Change.org na que dende o mes de xuño xa suma casi 70.000 apoios en contra da apertura desta mina.

Tendo en conta as consecuencias que sigue traendo para o medio ambente a antigua mina, comprenderán que o pánico a un novo proxecto sea brutal ante unha situación que non parece acorde á Directiva 2014/52/UE sobre a avaliación das repercusións dos proxectos públicos e privados sobre o medio ambente. Poderíamos estar ante unha vulneración da Directiva 92/43/CEE do Consejo, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturales e da fauna e flora silvestres e da Directiva 79/409/CEE do Consejo, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres. Vemos pois que poderíamos estar ante una clara vulneración do Estado español da Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consejo de 15 de marzo de 2006 sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas.

As tres peticións figuran arestora abertas á adhesión da cidadanía, que desexe presentarlles o seu apoio, a través da web da Comisión de peticións do Parlamento europeo, solo teñen que rexistrarse como usuario e adherirse como forma de apoio.Principio del formulario

http://www.europarl.europa.eu/at-your-service/es/be-heard/petitions