A Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción desenvolveu durante a xornada deste sábado, 16 de febreiro, a parte principal da programación do seu IV Encontro. Nesta ocasión, como xa temos informado, acudiron representantes de organizacións e plataformas de toda a Península Ibérica que están a enfrontar nos seus respectivos territorios a ameaza, o impacto directo ou as secuelas da actividade mineira. Precisamente, esta pluralidade de voces serviu para tirar varios denominadores comúns que se están a dar nesta loita.
En primeiro lugar, estamos a vivir a nivel global un auténtico boom da minaría, coa multiplicación exponencial de solicitudes de prospección e extracción. Só en España, hai unhas 3.600 explotacións mineiras en activo, das cales 360 están na Galiza. O incremento imparable do consumo a nivel mundial está levando a maiores demandas de recursos mineiros e ao esgotamento dos xacementos tradicionais. De feito, as empresas mineiras explotan xacementos cada vez máis dispersos e que precisan de métodos de extracción moito máis agresivos pola súa dificultade de obtención. E ás veces nin eso: fanse con concesións só para especular con elas e facer negocio revendéndoas tras obter plusvalías ou demandando a gobernos para obter compensacións económicas millonarias.
Diante desta ameaza global que acapara grandes áreas territoriais onde a minaría entra en colisión con outras actividades económicas esenciais, como as agrogandeiras, ou coa propia vida e saúde das persoas, chegamos á conclusión de que a clase política está a suspender na súa función de defender os intereses xerais da cidadanía. Diversas testemuñas explicaron que, con independencia do partido político que goberne, sexa de esquerdas ou de dereitas, os gobernos e as administracións de calquera rango case sempre se poñen da banda dos intereses das empresas mineiras.
Así as cousas, son os colectivos e plataformas sociais quen están a defender en solitario os intereses das comunidades ameazadas ou afectadas pola minaría. E fano loitando tamén contra as propias administracións, que entorpecen o seu labor con todo tipo de atrancos burocráticos, ocultan información, modifican as normativas e leis para favorecer os intereses mineiros e, decotío, miran cara a outro lado cando estas vulneran a legalidade.
De aí a importancia deste IV Encontro de ContraMINAcción, pois agardamos que esta primeira toma de contacto entre colectivos contra a minaría de Galiza, España e Portugal poida servir para establecer lazos de colaboración que mellore a nosa capacidade para plantarlle cara a unha actividade industrial absolutamente insostible, que arrasa os territorios que explota deixándoos inservibles para calquera outra actividade e que, invariablemente, nunca se fai responsable do dano causado nin restaura a destrución que deixa ao seu paso.
Os colectivos invitados ao IV Encontro son:
Asociación de afectados por metales pesados (Cartagena), Coordinadora No a la Mina de Uranio (Salamanca), La Raya sin Minas (Valencia de Alcántara, Cáceres), No a la Mina en el Valle del Corneja (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Ávila (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Yemas (Ávila), No en mi Tierra (Zamora), Oro No (Asturias), Plataforma Ciudadana Sierra de Morón (Sevilla), Plataforma Sierra de Gata Viva (Cáceres), Salvemos la Montaña (Cáceres), Salvemos las Villuercas (Cáceres) e Unidos em Defesa de Covas do Barroso UDCB (Portugal).