Arquivos da etiqueta: corcoesto

ContraMINAcción celebra a sentencia en contra de Edgewater

Advirte que interesados noutros proxectos mineiros non deben subestimar a oposición cidadá aos proxectos mineiros en Galiza, que é o que en definitiva acabou co proxecto mineiro de Corcoesto.

As mobilizacións masivas que catapultaron o fin do proxecto mineiro de ouro de Corcoesto culminaban o 2 de Xuño de 2013 nunha gran mobilización en Santiago de Compostela con presencia de miles de manifestantes. En Outubro de 2013 a Xunta de Galicia daba carpetazo ao proxecto mineiro de Corcoesto, para sorpresa (relativa) dos grupos que se viñan opoñendo ao desenvolvemento do proxecto.

Para Edgewater comezaba unha peregrinación de reclamacións nos tribunais que dura xa 7 anos e que tiña como obxectivo recuperar os 35 millóns de US$ supostamente “invertidos” e recibir compensación pola perda de oportunidade. De ser mellores amigos e socios para levaren a cabo sobre o terreo o mantra publicitario “Galicia é unha mina”, a Xunta e Edgewater pasaron dun día para outro a tirarse os trastos a cabeza e a intercambiar acusacións mutuas. De tales acusacións, a mais grave a foi a posta sobre a mesa polo CEO de Edgewater denunciando ao presidente galego Feijoo, de mandarlle un emisario para pedir unha chea de diñeiro en maleta Samsonite. Sendo sobradamente coñecidas as relacións do presidente galego cos mundos da hampa a ninguén lle estrañaron realmente tales acusacións. O sorprendente é que nunca foron suficientemente esclarecidas.

Na última etapa da arbitraxe ata a data, no Tribunal Arbitral de UNCITRAL (o CNUDMI) celebrouse unha audiencia en París o pasado 14 de abril 2020. Trátase do principal órgano xurídico do sistema das Nacións Unidas no ámbito do dereito mercantil internacional. No mesmo, desestimouse a reclamación da mineira en favor de España, pois as denuncias diríxense contra o Estado español en virtude do dereito internacional. A empresa xa anunciou que o procedemento aínda non termina, pois interporá procedemento de anulación. Etapas previas deste litixio leváronse a cabo nos tribunais galegos, que ditaminaron que o proxecto non contaba co respaldo financeiro e técnico requirido polo proxecto, tras o cal a Xunta declarou caducadas as concesións.

Os 15 meses previos á cancelación do proxecto, a poboación pasou sucesiva e rapidamente por diferentes fases que foron do descoñecemento total, a busca de información, a organización cidadá e a oposición frontal ao proxecto. Non só a terra, tamén os ríos, as rías da singular Costa da Morte e a actividade económica local víanse gravemente ameazados. Polas graves consecuencias que claramente se puido comprobar que tiña a extracción de ouro nun paraxe tan singular, a reacción foi unha mobilización sen precedentes que alcanzou a toda a comunidade e mobilizou a solidariedade de grupos ecoloxistas e cidadáns de a pé. Todos pola mesma causa: Mina Non.

A mensaxe arraigou profundamente na cidadanía e non foi “porque si”. Foi porque a minaría non é nin pode nunca ser sostible.

A “Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños” levou a cabo a identificación e denuncia das ameazas e dos impactos do proxecto mineiro de ouro a ceo aberto, sobre o medio ambiente local, como a deforestación, invasión de propiedades, a contaminación, e sobre todo a herdanza contaminada que quedaría para as futuras xeracións, denunciando a complicidade de determinados poderes locais, especialmente grave no caso do Concello de Cabana e o seu alcalde.

Galicia pechaba o capítulo de Corcoesto con forzas para continuar aplicando as ensinanzas sacadas a raíz deste caso, e decidida a afrontar as irregularidades que xa se vía que rodeaban o resto dos proxectos mineiros ou minas activas na comunidade. Sobre esa base naceu ContraMINacción, Rede contra a Minaría destrutiva na Galiza, que segue a interesarse por proxectos mineiros activos e propostos na comunidade, creando, participando e ampliando redes de traballo que seguen a contribuír nas loitas e movementos sociais e en sucesivos logros dende entón, como a recente denegación do proxecto de Touro.

Os lobbies non descansan

Estas circunstancias particulares son moi importantes para ter en conta en termos xerais nos tempos de crise sanitaria que estamos a vivir, xa que gran industria intenta potenciar os seus proxectos ao máximo e están a falar como dunha “limitación” sobre calquera plan de protección do medio ambiente e do clima que poda limitar as súas actividades e as súas ganancias.

Cabe ter en conta as seguintes consideracións:

-O proceso xudicial en varias instancias comezado por Edgewater responde a unha estratexia coñecida que vai mais alá da minaría. Esta consiste en apostar non só pola exploración e extracción mineira en si mesma, senón por ter sempre gardado na manga o as do litixio xudicial. Para isto existen as Cortes de Arbitraxe (como neste caso UNCITRAL), que son tribunais privados nos que as empresas intentan resolver os seus conflitos cos estados nos que se encontran os seus proxectos, cando estes fallan. Neste caso e nesta instancia, España gañou, pero o proceso aínda non concluíu. No mesmo participan outras empresas expertas nestas lides que tamén lucran a costa do contribuínte. O propios custos da defensa levada a cabo por un gabinete de avogados experto nestas lides  son descoñecidos.

-En Galiza existen moitos máis proxectos mineiros, como o de Touro, tamén recentemente rechazado. ¿Vai significar custos similares ao Estado en termos de litixio e económicos?

-Tamén para as empresas mineiras todas estas idas e voltas teñen un custo económico e de reputación, polo que futuras interesadas neste tipo de emprendementos deberían tomar clara nota de que non, “Galiza NON é unha mina”, e que esta mensaxe será defendida pola poboación agora xa moito mellor informada, preparada e previda.

-A “perda de oportunidade” pola que Edgewater pretende recibir compensación económica é en realidade a súa oportunidade de lucrar ca nosa terra. Pero a nosa terra é o que nos queda para afrontar os tempos difíciles que veñen. Nós, sen ouro podemos estar tranquilamente, pero a terra e a auga necesitámolas para vivir.

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlle a razón a un membro da Plataforma de Corcoesto en relación ao seu dereito de acceso á documentación relacionada coas concesións do proxecto mineiro de Corcoesto.

Durante a loita contra o proxecto de Corcoesto, un dos temas que preocupaba era o da posible caducidade das concesións. Entre os activistas da Plataforma de Corcoesto había a convicción de que as concesións mineiras non estaban vixentes, algo que invalidaría o proxecto. A finais de 2012, un compañeiro da Plataforma solicitou acceso á documentación relativa a ditas concesións, coa intención de comprobar se as nosas sospeitas tiñan base. Ao non serlle facilitada esta documentación, interpuxo unha demanda en relación ao tema.
Por fin, e despois de máis de cinco anos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de fallar a favor do compañeiro que realizou esa solicitude.


Na sentencia, na que se recoñece sen ningún xénero de dúbida o dereito do compañeiro a acceder á documentación solicitada, condénase expresamente á Administración demandada (a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña) a expedir e entregar copias dos documentos relacionados co estado das concesións. Estamos á expectativa de que a Xefatura Territorial cumpra coa súa obriga, e actúe tal e como se lle indica no fallo do Tribunal, entregando as copias da documentación solicitada.
A sentencia recoñece así o que, ao igual que o compañeiro que puxo a demanda, vimos defendendo e reclamando desde hai tempo desde ContraMINAcción: que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados.
É lamentable que esta sentencia chegue con tantos anos de retardo. Esta tardanza na aplicación da xustiza fai que nos vexamos, de feito e paradoxalmente, privados dese mesmo dereito que se nos recoñece na sentenza. Porque…de que nos serve o dereito de acceder a documentos relacionados con un proxecto se se nos concede cinco anos despois da súa solicitude? De que nos tería servido que se nos recoñecese agora o dereito a acceder a esa información, mesmo aínda que as concesións non estivesen vixentes, tal como nos pensamos, se o proxecto de Corcoesto estivese xa en marcha?
O feito de que a posibilidade de acceder á información relativa ao estado das concesións se teña producido tantos anos despois, despois de todo tipo de atrancos por parte da administración, suscítanos algún interrogante. Que levou á administración a ocultar o estado das concesións durante tanto tempo? Cal foi o motivo para que a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña puxese tanto empeño en obstaculizar o noso acceso a esta información concreta?
Acaso as concesións, tal como nós pensábamos, non estaban vixentes, e a Xefatura Territorial era consciente das consecuencias que tería o feito de que esta información transcendese á información pública?
Agardamos que o fallo se cumpra e poidamos coñecer a resposta a estes interrogantes, resposta que temos a certeza que será do interese de moita xente en Galiza. Asemade, esperamos que este precedente legal serva de acicate para que a Administración non volva reter información que debe ser pública, e que en caso de facelo, a fiscalía anticorrupción tome as oportunas medidas para depurar as responsabilidades que puidese haber.

Estrea do documental “Tesouro de Corcoesto”

O vindeiro sábado, día 7 de febreiro, estréase en Carballo o documental “Tesouro de Corcoesto”, sobre o proxecto mineiro de Corcoesto e a loita contra o mesmo.

Cereo non se vende

Trátase dunha longametraxe documental producida de xeito independente, por medio dun micromecenado no que participaron 180 persoas e asociacións.

Podes ver máis na páxina do documental.

 

 

Ligazón

A lei de acompañamento aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé a caducidade dos dereitos mineiros cando se denegue a autorización de explotación.

A publicación o pasado día 30 de decembro no Diario Oficial de Galicia da lei 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, supón un novo e duro golpe para as pretensións da empresa canadense Edgewater e a súa filial, Mineira de Corcoesto, sobre a explotación da mina de ouro no Concello de Cabana de Bergantiños.

O proxecto mineiro de Corcoesto, denegado oficialmente

bandeira
A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia vén de facer pública a resolución de denegación da aprobación do proxecto de explotación para as concesións “Emilita”, “Ciudad de Landró” e “Ciudad del Masma”, coñecidas como Grupo Mineiro de Corcoesto.
Desde ContraMINAcción queremos dar os parabéns (e as grazas) a tódalas persoas e colectivos que durante estes dous anos fixeron súa a loita contra este proxecto mineiro, contribuíndo así a lograr esta enorme vitoria.
Esta resolución mostra algo moi importante para os colectivos que conformamos esta Rede: que a loita solidaria e colectiva dá froitos. A nosa forza conxunta está por riba dos intereses espurios das multinacionais que, contando coa conivencia dos nosos representantes políticos, querían facerse co territorio preservado durante xeracións para a súa destrución a cambio dunhas onzas de ouro.
Conseguiuse, coa loita colectiva, rachar o bloqueo dos medios de desinformación oficiais, e facer visible o despropósito deste plano mineiro.
Conseguiuse, tamén, divulgar a verdadeira índole deste proxecto entre a poboación local e de toda Galiza, e, deste xeito, o posicionamento de cada vez máis xente consciente en contra do mesmo.
Esta vitoria non é un punto e final, senón un punto e seguido. Supón un exemplo para os demais colectivos da Rede, porque leva consigo unha mensaxe: si que se pode.
Coa bandeira da Plataforma de Corcoesto e Bergantiños ondeando con máis forza que nunca, os colectivos de ContraMINAcción berramos forte: A LOITA CONTINÚA!

Pincha aquí para ver a resolución.

ContraMINAcción responde ao Colexio Oficial de Xeólogos

ContraMINAcción rexeita a tosca manipulación á que se presta o Colexio Oficial de Xeólogos a través do seu presidente, Luis Suárez Ordóñez, apoiando o proxecto mineiro de Corcoesto. O contido da declaración non deixa lugar a dúbidas da súa postura totalmente en liña cos intereses empresariais dos promotores do proxecto, sen que sexa doado distinguir onde comeza a posición do Colexio e onde remata a da empresa. Talvez este sexa o motivo polo que se cae nos mesmos argumentos, tantas veces cuestionados por diferentes organizacións, incluída ContraMINAcción.

Unha primeira manipulación vémola no insistente e falso –en termos científicos– intento de ligar a actividade mineira co concepto de sustentabilidade. Falar de minaría sustentable ou de “explotación sustentable” dos recursos mineiros é un claro exemplo do que se define como oxímoro. Non se pode chegar a unha contradición maior que falar de sustentabilidade ao tempo que se explotan recursos non renovábeis e se pon en perigo a saúde e o ambiente. Nestas circunstancias, calquera iniciativa de que as xeracións futuras poidan gozar duns recursos nas mesmas condicións que a nosa é unha imposibilidade manifesta. Até certo punto podería ser obxecto de debate científico qué forma de explotación dos recursos non renovábeis resulta menos lesiva ou nociva ambientalmente, mais que exista unha actividade con posibilidades de permanencia no tempo que garanta aos nosos fillos e fillas, netos ou netas, poder seguir manténdoa cara o futuro só está garantido nos recursos renovábeis –na produción de alimentos, de recursos forestais, pesqueiros, etc.– e sempre que estes sexan utilizados evitando a súa degradación ou a destrución da capacidade de rexeneración. Por tanto, e por definición, o uso dos recursos mineiros é un uso insustentábel, independetemente do tipo de minaría que se practique. Isto percíbese facilmente cando atendemos, por exemplo, aos datos sobre como está a evolucionar o esforzo mineiro a realizar, as toneladas de terra a remover, a lei do mineral que se obtén, etc.

Top-6-Silver-Companies-Production-Processed-Ore-2005-2012B

Produción media por tonelada de mineral das 6 principais minas de prata nos últimos sete anos. Cada vez é necesario manipular máis mineral e entullos para obter a mesma cantidade de metais 

Resulta especialmente molesta a referencia pouco sutil á suposta ignorancia das persoas que se opoñen abertamente ao proxecto mineiro de Corcoesto. Máis molesto se cabe se estas palabras son emitidas por quen representa a un “Ilustre Colexio Oficial” de profesionais titulados na universidade, atribuíndose unha sorte de exclusividade no acceso á información e unha capacidade de raciocinio propio dunha sociedade estamental ou de castas. Mais a ciencia tamén ten demostrado que calquera ser humano, polo feito de selo, está dotado desa capacidade e que cando se nos di que “o descoñecemento de parte da cidadanía sobre a orixe destas materias primas, provoca movementos de oposición baseados na desconfianza, pero que carecen de fundamento científico”, sabemos que estamos diante dunha afirmación que constitúe unha falacia denominada argumento ad hominem, é dicir, unha argumentación que pretende establecer a falsidade dos postulados dos que se opoñen ao proxecto mineiro atribuíndolles un descoñecemento científico suposto sen que se entre a razoar onde residen os erros dos argumentos antimineiros ou, con demostracións científicas verificables, onde se acha a suposta ausencia de fundamento científico. Ao tempo esta falacia sopórtase noutra do tipo argumentum ad verecundiam, é dicir dar por suposto que tais coñecementos científicos e, polo tanto, a razón están do lado do Colexio Oficial de Xeólogos porque teñen a autoridade na materia. Sobra dicir que tais argumentos falaces van en contra de calquera razoamento científico serio. Por iso afirmamos que o que nos sobra é ese coñecemento científico que se nos quere negar, e dese coñecemento científico vén a certeza das razóns para a desconfianza. Por se non for suficiente existen evidencias do modo de traballar das transnacionais mineiras denunciadas en todo o mundo e mesmo polas Nacións Unidas para saber que o que menos se pode facer é confiar nelas, nin deixarse levar polos seus cantos de serea. Sabemos de onde veñen esas materias primas, quen as manexa e a onde van. Tamén sabemos que sempre hai mercenarios –mesmo con titulacións universitarias– dispostos a poñerse diante das batallas promovidas por outros e que, calquera que sexan as armas ou estandartes que enarboren, iso non lles outorga a razón. Por moi colexiados universitarios que sexan por moito que metan a palabra ciencia no medio dos seus argumentos, por moito que insinúen a ignorancia dos demais, a razón, os criterios de verdade ou erro, non se teñen por quen argumenta senón polo contido do argumentado. E nese debate aberto e público estámolos agardando desde hai tempo, cando queiran.

Nas declaracións do sr. Luís Suárez, tamén se afirma que”existen solucións científicas, tecnicamente viables, a todos os problemas que se propoñen na explotación”. É curiosa a forma en como se expresa ou redacta, acaso propóñense problemas na explotación?, mais ben a empresa négaos insistentemente e os demais denunciámolos. Esas “solucións científicas, tecnicamente viables” –a cales se refiren? ás cacarexadas pola empresa?– son, como moito, paliativos, é dicir, mitigan o dano mais non o evitan nin reverten o problema. As solucións para selo, deben remediar os problemas, é dicir, evitalos, previlos ou facelos desaparecer. Até agora nada do presentado evita, prevén ou fai desaparecer os problemas coñecidos e os non recoñecidos.

É magoa que o representante do Colexio Oficial de Xeólogos non coñeza o fenómeno dos pobos mineiros fantasma que se estenden por todo o planeta, e mesmo non distingan os efectos segundo o tipo de minaría, o tempo de explotación do xacemento, os efectos negativos sobre as estruturas sociais e económicas de tantos lugares. Doutro xeito, de coñecelos, con certeza non afirmaría tan alegremente que “as minas son motores económicos das súas comarcas e unha vez restauradas convenientemente poden e deben achegar oportunidades de actividade económica alternativa”. A que alternativas se refire? Enuméreas, por favor. Acaso será o turismo de catástrofes? Aulas ambientais para ver o que non debeu ser? Parque de atraccións de risco (de saúde)? Laboratorio de economía insustentábel?. Se como afirma “os exemplos destes feitos son numerosos”. Díganos onde? cantos? Cales deles serían trasladábeis, como e por que ao caso de Corcoesto?. Desexamos sabelo e velos. E non será, señor Suárez, que hai máis numerosos exemplos do contrario?.

Para rematar, ContraMINAcción congratúlase da afirmación final de que “o noso benestar tamén sae da terra”. Aí falaron, non poderíamos estar máis de acordo. Estamos de acordo na súa literalidade mais non o que pretenden dicir con ela. O noso benestar sae da terra mais non vén da minaría senón dos alimentos que a terra nos fornece, da auga e os ciclos de autodepuración natural, do ar limpo, dos bosques e ecosistemas que manteñen a biodiversidade, etc. Ese é o benestar que queremos preservar, o que, cientificamente falando, pode ser definido como sustentable.

Ligazón

Mocións contra a Mina de Corcoesto aprobadas nos concellos de Zas, Carballo e Coristanco.
Se o luns eran os concellos de Carballo e Zas os que aprobaron sendas mocións contra a mina de ouro de Corcoesto e o emprego do cianuro na minaría, este mércores foi o pleno do Concello de Coristanco o que aprobou outra moción contra a mina, presentada por vía de urxencia polo alcalde Popular de Coristanco ante a presión da veciñanza.

O alcalde Pensado Plágaro, noutrora defensor da mina de Corcoesto a pesar de albergar parte da balsa de cianuro e a escombreira mineira, viuse obrigado a debater unha moción pola que se declarou a prevaleza dos usos agrícolas, gandeiros e forestais sobre os mineiros para as parroquias do Concello.

Seguir lendo…

Ligazón

A auga vale máis que o ouro: vitoria ambiental sobre o proxecto de minería de ouro de Corcoesto (artigo saído en Mapping Environmental Justice)

O pasado 15 de outubro, o polémico proxecto de minería de ouro Corcoesto en Cabana de Bergantiños (Galicia – España), foi cancelado. Este proxecto de minería foi o foco dun debate acalorado en Galicia nos últimos 15 meses, coa mobilización de miles de persoas contra el. Aquí ofrecemos un resumo desa loita medioambiental que se saldou con éxito. O proxecto de ouro Corcoesto ía ser situado nunha área de 774 hectáreas, no noroeste de España, preto de 35 km da cidade de A Coruña, na Comunidade Autónoma de Galicia. Este proxecto a ceo aberto estaba pensado para funcionar máis de 13 anos (incluídos tres anos para a construción de infraestrutura e 2 anos para as actividades de restauración), con plans para extraer un total de 1.095 mil onzas de ouro. O investimento total sería 651.824.167 €, e o proxecto crearía 271 empregos directos durante os 8 anos de operacións de extracción.

Seguir lendo

Ligazón

Campaña “Eu digo non á mina de Corcoesto”

A Xunta de Galicia acaba de rexeitar publicamente por segunda vez o proxecto da mina de ouro de Corcoesto, pero novamente, non o anula por razóns ambientais senón por cuestións financeiras.

Nós continuaremos a nosa mobilización ata que se anule o proxecto e a súa declaración de impacto ambiental (DIA), aprobada no seu día pola Xunta. O noso obxectivo persegue que este tipo de minaría a ceo aberto que emprega o cianuro se prohiba, e non só en Galicia.

Esta campaña iniciada por Contramínate quere contrarrestar a da empresa Egdewater, co seu lavado de imaxe recente, na que pretende a licencia social da comarca de Bergantiños. Seguir lendo

Ligazón

Novos apoios da comunidade científica á petición para que a XUNTA prohiba o emprego de cianuro na minería

Esta semana chegamos ós 236 apoios da comunidade científica para a petición de prohibición do emprego do cianuro na minería.

Coa entrega o pasado 8 de outubro ao Presidente da Xunta de Galicia do manifesto pola prohibición do uso do cianuro na minería coa listaxe dos 160 apoios da comunidade científica e universitaria recollidos ata entón a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños deron inicialmente por pechada a campaña.

Non embargante, a difusión posterior da campaña nos medios de comunicación e os reenvíos no seo da comunidade científica e universitaria desencadearon unha segunda vaga de apoios que acadaron xa unha cifra moi relevante: 76 apoios adicionais que veñen de entregarse ao Presidente da Xunta de Galicia. Seguir lendo