Arquivos da etiqueta: Corno do Monte

ContraMINAcción convoca unha grande manifestación o 2 de xuño para frear a minaría salvaxe promovida pola Xunta

Representantes de varias das organizacións que integran o colectivo ContraMINAcción ofreceron unha rolda de prensa hoxe, 16 de maio, para anunciar unha grande manifestación en Compostela para o vindeiro 2 de xuño, que partirá ás 12:00 horas da Alameda. Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas dunhas poucas empresas.

Rolda de prensa de ContraMINAcción - convocatoria manifestación para o 2 de xuño de 2013

O primeiro en falar foi Xoán Doldán, profesor da USC e presidente da Asociación de Economía Ecolóxica de España, que participou como representante de Véspera de Nada. Doldán advertiu que os proxectos que ContraMINAcción denuncia non afectan só a algunhas parroquias e comarcas, senón que supoñen “un desembarco masivo de empresas transnacionais mineiras, co apoio activo do Goberno Galego, para transformar radicalmente o noso territorio e convertelo nunha mina a ceo aberto”. Tamén advertiu o profesor da USC que se está a promover unha “economía da miseria”, xogándose coa situación crítica pola que atravesan moitas familias ao prometer postos de traballo “que non van existir porque a minaría ten avanzado moito na utilización de maquinaria e na redución de man de obra humana. E iso sen falar da destrución de emprego que provocará en moitos sectores económicos asentados e incompatibles coa explotación mineira da terra. Coa economía da miseria se quere dividir ás comunidades e iso deixará unha herdanza terrible cando as empresas marchen, amais dunha perda patrimonial irreparable”.

Cartaz manifestación Galiza non é unha mina. 2 de xuño de 2013. Santiago de CompostelaIñaki Varela, da organización ecoloxista Verdegaia, denunciou que, tanto a Xunta como o Goberno do Estado, introduciron cambios lexislativos nos últimos tempos dirixidos a quitar todo tipo de traba á explotación da terra como fornecedora de recursos para empresas privadas: a Lei do Solo ou a de Costas, o plano acuícola, a construción de parques eólicos, ou as Directrices de Ordenación do Territorio estarían nesta liña. E este tipo de explotación só é posible “matando primeiro ao medio rural e botando á xente que o habita para que a Xunta poida cederllo ás grandes empresas extractivas”.

Na mesma liña abondou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que comparou este modelo “depredador do noso medio rural e do noso futuro” coa explotación colonial que sufriron no pasado América Latina e África. Vilalba denunciou que Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta “é esclarecedor, pois permite a instalación de proxectos extractivos e contaminantes en todo o territorio galego —un total de 520 licencias a maiores das que xa están activas—, e autoriza a explotación mineira en espazos até o de agora protexidos polo seu valor ecolóxico ou agrario. Mesmo se fala de dotar de lexitimidade actividades extractivas que non cumpren sequera a lexislación”. A secretaria xeral do SLG criticou a desinformación e as trabas que teñen as persoas afectadas para alegar contra estes proxectos, e chegou a afirmar que “están secuestrando os nosos dereitos democráticos”.

Finalmente, falaron representantes de colectivos que se opoñen aos proxectos mineiros de extracción de feldespato na Limia e de ouro en Corcoesto. Respecto do primeiro, Iván Olmos, da Plataforma Veciñal Corno do Monte, comparou os dez postos de traballo que ofrece a empresa levantina Minecer fronte aos 350 empregos que destruiría a súa actividade na comarca limiá. “Seica representamos só o 0’08% da poboación galega, pero a nosa actividade económica produce 27 millóns de euros ao ano fronte aos 3 millóns que xeraría a extracción de feldespato ao ano no mellor dos casos”.

Pola Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños falou Roi Veres, que chamou a atención sobre a división e enfrontamento veciñal que está a provocar este proxecto. Veres denunciou as ameazas e mentiras que están a padecer os propietarios das terras afectadas por parte da empresa, que pretende mercar os terreos a prezo de saldo. Lola Torrano, de Contramínate Laxe, afondou sobre o impacto medioambiental que tería este proxecto, que supón unha seria ameaza para os recursos pesqueiros, percebeiros e marisqueiros, do mesmo xeito que para os acuíferos, o medio ambiente e a saúde das persoas que viven no entorno.

Rolda de prensa de ContraMINAcción - convocatoria manifestación para o 2 de xuño de 2013

Finalmente, Isabel Vilaba recordou que se xa son preocupantes e graves as ameazas de Corcoesto e A Limia, cómpre non esquecer que están en trámite licenzas mineiras en todo o territorio galego e en espazos protexidos como A Fonsagrada, Santa Comba, Zas, a Serra do Galiñeiro, Ordes, a Terra Chá, Cartelle, Castrelo de Miño, Compostela ou as Fragas do Eume.

Por todo o devandito, dende ContraMINAcción insistiron en animar a toda a cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do 2 de xuño para facer entrar en razón á Xunta de Galicia e deter o espolio do noso territorio que está a piques de ser perpetrado por unhas poucas empresas, o meirande delas estranxeiras.

ACTUALIZACIÓN 22/05/2013

Publicamos o cartaz definitivo que será utilizado para difundir nas rúas a manifestación. Descárgao a cor ou branco e negro, imprime e cólao nos lugares onde poida velo máis xente. Grazas!

ACTUALIZACIÓN 25/05/2013

GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcciónPublicamos un banner de 250×350 pixels para usarmos nas columnas dos nosos blogs e así espallar na Rede a convocatoria. Para poñelo no teu blog só tes que copiar o seguinte código:

<a href="http://www.mineriagalicia.org/2013/05/16/contraminaccion-convoca-unha-grande-manifestacion-o-2-de-xuno-para-frear-a-minaria-salvaxe-promovida-pola-xunta/" title="Infórmate sobre a convocatoria contra a megaminaría, difunde e acude!"><img src="http://www.mineriagalicia.org/wp-content/uploads/2013/05/banner-manifestacion-20130602-contraMINAccion-Galiza-non-e-unha-mina-250x350.png" alt="GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcción" </a>

Se o largo da túa columna é menor de 250 pixels, terás que especificar un largo mediante o parámetro WIDTH. P.ex.:

<a href="http://www.mineriagalicia.org/2013/05/16/contraminaccion-convoca-unha-grande-manifestacion-o-2-de-xuno-para-frear-a-minaria-salvaxe-promovida-pola-xunta/" title="Infórmate sobre a convocatoria contra a megaminaría, difunde e acude!"><img src="http://www.mineriagalicia.org/wp-content/uploads/2013/05/banner-manifestacion-20130602-contraMINAccion-Galiza-non-e-unha-mina-250x350.png" alt="GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcción" WIDTH="200"></a>

ContraMINAcción apoia a manifestación en Xinzo convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte contra a mina de feldespato

ContraMINAcción apoiará a manifestación en Xinzo de mañá, sábado 27 de abril, convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte en contra do proxecto mineiro Faramontaos 5089.1, da empresa Minecer SL, para a extracción a ceo aberto de feldespato. Dende ContraMINAcción queremos expresar o noso total respaldo ás reivindicacións da veciñanza ameazada das parroquias de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos. Opoñémonos á explotación destrutora de centos de hectáreas afectadas, explotación que faría imposible o traballo agrícola das terras afectadas -que se atopan entre as máis fértiles de Galiza e constitúen o principal motor socioeconómico da zona-, contaminaría as augas e o aire, secaría os pozos e hipotecaría para sempre o medio e xeito de vida dos e das habitantes destas parroquias.

Por todo o devandito, dende ContraMINAcción animamos á cidadanía galega, en xeral, e á da comarca da Limia, en particular, para que exprese o seu rexeitamento a este proxecto mineiro apoiando a manifestación de mañá en Xinzo.