Arquivos da etiqueta: dereito internacional

ContraMINAcción celebra a sentencia en contra de Edgewater

Advirte que interesados noutros proxectos mineiros non deben subestimar a oposición cidadá aos proxectos mineiros en Galiza, que é o que en definitiva acabou co proxecto mineiro de Corcoesto.

As mobilizacións masivas que catapultaron o fin do proxecto mineiro de ouro de Corcoesto culminaban o 2 de Xuño de 2013 nunha gran mobilización en Santiago de Compostela con presencia de miles de manifestantes. En Outubro de 2013 a Xunta de Galicia daba carpetazo ao proxecto mineiro de Corcoesto, para sorpresa (relativa) dos grupos que se viñan opoñendo ao desenvolvemento do proxecto.

Para Edgewater comezaba unha peregrinación de reclamacións nos tribunais que dura xa 7 anos e que tiña como obxectivo recuperar os 35 millóns de US$ supostamente “invertidos” e recibir compensación pola perda de oportunidade. De ser mellores amigos e socios para levaren a cabo sobre o terreo o mantra publicitario “Galicia é unha mina”, a Xunta e Edgewater pasaron dun día para outro a tirarse os trastos a cabeza e a intercambiar acusacións mutuas. De tales acusacións, a mais grave a foi a posta sobre a mesa polo CEO de Edgewater denunciando ao presidente galego Feijoo, de mandarlle un emisario para pedir unha chea de diñeiro en maleta Samsonite. Sendo sobradamente coñecidas as relacións do presidente galego cos mundos da hampa a ninguén lle estrañaron realmente tales acusacións. O sorprendente é que nunca foron suficientemente esclarecidas.

Na última etapa da arbitraxe ata a data, no Tribunal Arbitral de UNCITRAL (o CNUDMI) celebrouse unha audiencia en París o pasado 14 de abril 2020. Trátase do principal órgano xurídico do sistema das Nacións Unidas no ámbito do dereito mercantil internacional. No mesmo, desestimouse a reclamación da mineira en favor de España, pois as denuncias diríxense contra o Estado español en virtude do dereito internacional. A empresa xa anunciou que o procedemento aínda non termina, pois interporá procedemento de anulación. Etapas previas deste litixio leváronse a cabo nos tribunais galegos, que ditaminaron que o proxecto non contaba co respaldo financeiro e técnico requirido polo proxecto, tras o cal a Xunta declarou caducadas as concesións.

Os 15 meses previos á cancelación do proxecto, a poboación pasou sucesiva e rapidamente por diferentes fases que foron do descoñecemento total, a busca de información, a organización cidadá e a oposición frontal ao proxecto. Non só a terra, tamén os ríos, as rías da singular Costa da Morte e a actividade económica local víanse gravemente ameazados. Polas graves consecuencias que claramente se puido comprobar que tiña a extracción de ouro nun paraxe tan singular, a reacción foi unha mobilización sen precedentes que alcanzou a toda a comunidade e mobilizou a solidariedade de grupos ecoloxistas e cidadáns de a pé. Todos pola mesma causa: Mina Non.

A mensaxe arraigou profundamente na cidadanía e non foi “porque si”. Foi porque a minaría non é nin pode nunca ser sostible.

A “Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños” levou a cabo a identificación e denuncia das ameazas e dos impactos do proxecto mineiro de ouro a ceo aberto, sobre o medio ambiente local, como a deforestación, invasión de propiedades, a contaminación, e sobre todo a herdanza contaminada que quedaría para as futuras xeracións, denunciando a complicidade de determinados poderes locais, especialmente grave no caso do Concello de Cabana e o seu alcalde.

Galicia pechaba o capítulo de Corcoesto con forzas para continuar aplicando as ensinanzas sacadas a raíz deste caso, e decidida a afrontar as irregularidades que xa se vía que rodeaban o resto dos proxectos mineiros ou minas activas na comunidade. Sobre esa base naceu ContraMINacción, Rede contra a Minaría destrutiva na Galiza, que segue a interesarse por proxectos mineiros activos e propostos na comunidade, creando, participando e ampliando redes de traballo que seguen a contribuír nas loitas e movementos sociais e en sucesivos logros dende entón, como a recente denegación do proxecto de Touro.

Os lobbies non descansan

Estas circunstancias particulares son moi importantes para ter en conta en termos xerais nos tempos de crise sanitaria que estamos a vivir, xa que gran industria intenta potenciar os seus proxectos ao máximo e están a falar como dunha “limitación” sobre calquera plan de protección do medio ambiente e do clima que poda limitar as súas actividades e as súas ganancias.

Cabe ter en conta as seguintes consideracións:

-O proceso xudicial en varias instancias comezado por Edgewater responde a unha estratexia coñecida que vai mais alá da minaría. Esta consiste en apostar non só pola exploración e extracción mineira en si mesma, senón por ter sempre gardado na manga o as do litixio xudicial. Para isto existen as Cortes de Arbitraxe (como neste caso UNCITRAL), que son tribunais privados nos que as empresas intentan resolver os seus conflitos cos estados nos que se encontran os seus proxectos, cando estes fallan. Neste caso e nesta instancia, España gañou, pero o proceso aínda non concluíu. No mesmo participan outras empresas expertas nestas lides que tamén lucran a costa do contribuínte. O propios custos da defensa levada a cabo por un gabinete de avogados experto nestas lides  son descoñecidos.

-En Galiza existen moitos máis proxectos mineiros, como o de Touro, tamén recentemente rechazado. ¿Vai significar custos similares ao Estado en termos de litixio e económicos?

-Tamén para as empresas mineiras todas estas idas e voltas teñen un custo económico e de reputación, polo que futuras interesadas neste tipo de emprendementos deberían tomar clara nota de que non, “Galiza NON é unha mina”, e que esta mensaxe será defendida pola poboación agora xa moito mellor informada, preparada e previda.

-A “perda de oportunidade” pola que Edgewater pretende recibir compensación económica é en realidade a súa oportunidade de lucrar ca nosa terra. Pero a nosa terra é o que nos queda para afrontar os tempos difíciles que veñen. Nós, sen ouro podemos estar tranquilamente, pero a terra e a auga necesitámolas para vivir.