Arquivos da etiqueta: drenaxes ácidas

Pretenden outorgar concesión de explotación mineira sen a preceptiva Avaliación de Impacto Ambiental nos concellos de Avión e Beariz

O proxecto faría parte dun plano moito máis amplo artificiosamente fraccionado para evitar o trámite ambiental.

ContraMINAcción alerta unha vez máis das dificultades e trabas para acceder a información ambiental da Administración de Minas.

Colectivos de ContraMINAcción presentan alegacións ao proxecto.

 

En xuño de 2018, unha empresa creada no mesmo ano en que adquiriu os permisos de investigación Alberta I, solicitou a Minas en Ourense a concesión de explotación deses permisos para unha explotación nas proximidades aos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón nos concellos ourensáns de Avión e Beariz.

Para poder acceder a este expediente mineiro, ContraMINAcción tivo que salvar innumerables trabas administrativas durante varios meses e presentar varios recursos e aclaracións, a pesar de que a lei de acceso á información ambiental sinala que a información ambiental debe pórse a disposición de quen a solicite no prazo dun mes.

O Instituto Geológico y Minero de España (IGME), na Determinación do Alcance do Estudo Ambiental doutra solicitude de explotación anterior que comprendía parcialmente o mesmo permiso de investigación xa alertara sobre os riscos de formación de augas ácidas de minas e subsidencia pola proximidade de núcleos habitados, declarando a necesidade de someter o proxecto ao trámite de Avaliación de Impacto Ambiental.

Así mesmo, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) para ese mesmo proxecto solicitara que o estudo ambiental “avalíe con detalle e rigor a presencia de torio e outros elementos radioactivos asociados aos minerais (tantalita e casiterita) que se pretenden explotar”.

No caso que agora nos ocupa, a Xefatura da Sección de Avaliación Ambiental obvia totalmente o risco de produción de augas ácidas de minas na necesidade de drenaxe e achique dos máis de 5 km de galerías con unha profundidade de ata 300 m baixo terra. Estas augas potencialmente ácidas poderían disolver os metais presentes en grandes concentracións (arsénico, cobre, ferro chumbo e cinc) contaminando as augas. O proxecto só contempla, de xeito falaz, a devolución ou restitución das augas “limpas” ao leito, e non se establecen medidas preventivas que deberían ser obrigatorias.

Imaxe: drenaxes ácidas de mina.

É máis que probable a presencia de elementos radioactivos (como rubidio e cesio) que van extraídos, machacados, depositados en escombreiras, suxeitos a disolución e inxección nos leitos superficiais contaminando acuíferos e poñendo en risco ao medio, e á poboación (particularmente aos traballadores da mina).

A Lei de Avaliación Ambiental determina que os proxectos cuxos minados se atopen a menos de un quilómetro de núcleos urbanos que poidan inducir riscos por subsidencia (ou afundimento dos terreos) deben ser sometidos á Avaliación de Impacto Ambiental. Neste caso, temos vivendas a menos de 300 metros dos minados, pero se obvia o trámite ambiental cunha mera declaración da empresa mineira dicindo que “podería descartarse”.

Por estes motivos ContraMINAcción solicita que se estuden os impactos das drenaxes ácidas e da radiación asociada aos minerais extraídos, e se avalíen os riscos de subsidencia, e se establezan as medidas correctoras que sexan necesarias para evitalos.

A Lei 21/2013, de 9 de decembro, de Avaliación Ambiental define o fraccionamento de proxectos como un mecanismo artificial de división de un proxecto con o obxectivo de evitar a avaliación normal do impacto ambiental no caso de a suma das magnitudes excedan os limiares estabelecidos. Do estudo da memoria presentada pola empresa, se deduce que hai intención de ampliar a explotación ao longo do tempo. É una práctica habitual das mineiras que a Xunta de Galicia ven permitindo ilegalmente. Por iso as organizacións que fan parte de ContraMINAcción e os afectados, advirten nas súas alegacións ao Órgano Ambiental e a Minas da necesidade de someter o proxecto ao completo ao trámite de Avaliación de Impacto Ambiental.

Seminario Técnico “Impacto ambiental das drenaxes ácidas de mina e depósitos de residuos mineiros”

ContraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza, organiza o sábado 29 de xuño o Seminario Técnico “Impacto ambiental das drenaxes ácidas de mina e depósitos de residuos mineiros”, que impartirá o Dr. Steven H. Emerman.

O Dr. Emerman é un recoñecido consultor internacional en hidroloxía e especialista na avaliación da afectación ambiental das explotacións mineiras. É Doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, Máster en Xeofísica pola Universidade de Princeton e Licenciado en Matemáticas pola Universidade Estatal de Ohio. Ten 31 anos de experiencia no ensino universitario de hidroloxía e xeofísica e 66 publicacións científicas na materia. Como consultor independente, ten traballado para empresas mineiras, organismos públicos e organizacións non-gobernamentais. Na Galiza, o Dr. Emerman ten elaborado informes técnicos sobre o impacto ambiental da mina de Touro e da mina “San Finx” (Lousame).

O Seminario procura aprofundar en conceptos relativamente descoñecidos para o público xeral e activista, e sistematicamente ignorados polo sector mineiro e as administracións responsábeis do seu control. Por iso, o seminario está dirixido tanto a activistas ambientais como a técnicas/os das administracións autonómica e local (Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Augas de Galicia, Medio Rural, Calidade Ambiental, etc.), estudantes universitarias, e directoras/es de explotacións mineiras e directivas de empresas mineiras. A inscrición é gratuita para activistas, estudantes e técnicas das administracións, que terán preferencia na inscrición, ata cubrir o limite de 30 prazas.

Para incribirse é preciso enviar un correo electrónico a contacto@contraminaccion.org indicando nome e apelidos e a organización, administración ou empresa da que fai parte. No caso de persoal directivo ou ao servizo de empresas mineiras, indicaranse os prezos de inscrición e método de pagamento.

O Seminario terá lugar na sede nacional do Sindicato Labrego Galego, situado na Rúa Ofelia Nieto 13-23, Santiago de Compostela. O seminario estará dividido en módulos de mañá (11:00 a 14:00) e de tarde (16:00-18:00), durante os que se desenvolverá o seguinte temario, sempre aberto a explorar outras cuestións e dúbidas das persoas asistentes:

  1. Introducción ao impacto ambiental da minaría
  2. Conceptos básicos: drenaxes ácidos de mina e tipoloxía de instalacións de residuos
  3. Propiedades dos relaves mineiros
  4. Técnicas de construción de presas de relaves
  5. Causas de fallas de presas de relaves
  6. Como previr as fallas de presas de relaves?
  7. Propiedades e impacto das drenaxes ácidas de mina
  8. As drenaxes ácidas de mina na minaría subterránea e a ceo aberto
  9. Como previr as drenaxes ácidas de mina?
  10. Casos de estudo: As presas de relaves das minas de San Finx e a presa de relaves proposta para a mina de Touro. A contaminación por drenaxes ácidas de mina nas minas de San Finx e Touro.